Neste 2016 as cuartas Miradas Etnográficas do ciclo Cine de Outono botan
unha ollada cara algunhas poboacións que foron anegadas para construír
encoros e como se enfrontan a esta situación as xentes que viven neses
lugares de Galicia, de Rusia e da China.
As proxeccións serán de balde ás 20.30 h. no Museo Etnolóxico o venres
7, sábado 8, venres 14 e sábado 15 de outubro, coa colaboración do
Cineclube Padre Feijoo de Ourense e a
Federación de Cineclubes de Galicia.
Nas proxeccións dos filmes galegos:
"Asolagados" e
"Os días afogados"
contaremos coa presenza da equipa de rodaxe dos filmes, cos que
manteremos un coloquio para coñecer os pormenores da rodaxe e a súa
experiencia con esta realidade, que tanto mudou as vidas das persoas que
habitaron estes pobos anegados polos encoros de Belesar e do Lindoso.
Venres 7 de outubro, 20.30 h.
ASOLAGADOS
(Galicia, 2013). 60'
Director: David Vázquez
Documental sobre a xente e os seus pobos (Abideira, Porto, Castro
Candaz, Santa Marta, Pincelo, Ponte fortes, A Samugueira, San Paio,
Mourulle, Portomeñe, A Ermida, Ribó…), anegados polo encoro de Belesar
en
1963. Imaxes e sons
da Ribeira Sacra e do río Miño; dos restos das casas, das adegas, das
árbores… e especialmente, dos dez testemuños que viviron nestes lugares
antes da construción do salto e que se viron obrigados a deixalo todo.
Xa que log
o este documental fai unha posta
en valor das tradicións, costumes e labores que se facían na ribeira
por medio das narracións que fan os nosos protagonistas de cómo era a
vida antes e cómo é agora a carón do río.
Premios:
Primeiro premio Olhares e Enquadramentos do Festival RIOSde Vila Real (Portugal).
Sábado 8 de outubro, 20.30 h.
NATUREZA MORTA "Sanxia haoren"
(China, 2006). 108'
Director: Jia Zhang Ke
Tras a construción da presa das Tres Gargantas (China) a aldea de
Fengjie foi anegada e os seus habitantes realoxados nunha nova localización. O mineiro
Han Sanming regresa a
Fengjie, logo de 16 anos de ausencia, na procura da súa muller. Tamén a enfermeira
Shen Hong está na procura do seu home na aldea.
Premios:
León de Ouro á mellor película no Festival de Venecia de 2006.
Venres 14 de outubro, 20.30 h.
OS DÍAS AFOGADOS
(Galicia, 2015). 86'
Directores: César Souto e Luis Avilés
En 1992, a construción
do encoro do Lindoso (Portugal) anegou para sempre as aldeas ourensás de Aceredo
e Buscalque (Ourense, Galicia). Os seus habitantes nada puideron facer
para salvar as súas terras nin os seus fogares. Sabendo que todo estaba a
piques de perderse, varios veciños colleron as súas cámaras domésticas e
comezaron a gravar. As súas imaxes, recollidas desde mediados dos anos
60, constitúen un valioso documento histórico e etnográfico, filtrado
pola subxectividade e as vivencias familiares. Son, ao mesmo tempo, un
acto de fe nas posibilidades do cinema doméstico para dar conta do
tempo histórico que nos toca vivir. Máis aló do íntimo, revélanse como
un retrato dos mecanismos cos que actúa o poder. A tensión entre o
existencial e o político, e entre o tempo pasado e a realidade presente,
condicionan unha historia que se proxecta en múltiples sentidos máis
aló de si mesma.
Premios:
Premio do Público e mención especial do xurado no Festival de cine doucumental de Cádiz ALCANCES 2016. Premio UPTOFEST á Distribución.
Sábado 15 de outubro, 20.30 h.
ADEUS A MATIORA "Proshchaine"
(Unión Soviética, 126'). 1983
Director: Elem Klimov
Matiora é unha illa situada na parte central de Rusia, no medio dun gran
río, que será anegada para facilitar a construción dun encoro. Esta é a
historia dos seus habitantes, que teñen que despedirse do seu fogar,
mais non é só a historia dunha pequena aldea senón que o director
presenta e reflexiona sobre un problema de dimensións históricas: o
conflito entre a sociedade moderna e a sociedade tradicional.
O filme está baseado na novela de Valentin Rasputin "O adeus a Matiora" (1976).