A exposición San Cipriano o mago. De oracións, ciprianillos e tesouros chega ao Museo Etnolóxico. Esta mostra supón unha achega á figura de San Cipriano de Antioquía o santo máxico cristián por excelencia, patrón e protector dos practicantes das artes máxicas e contra os maleficios.
A selección de pezas de diferente natureza buscan amosar a súa ambivalencia na realidade e no imaxinario popular, pola súa fama de Santo vinculado con prácticas relixiosas en toda Europa, África e parte de oriente dende antigo, senlleiramente mediante a “Oración de San Cipriano”, eficaz contra feitizos e o mal de ollo; e por outra banda con prácticas máxicas relacionadas co libro de maxia coñecido como “Libro de San Cipriano” ou ciprianillo na península ibérica, vinculado en Galiza e Portugal á busca de tesouros ocultos, contextualizando esta obra no mundo dos libros de maxia e prácticas máxicas europeas.
A exposición compónse dun total de máis de 150 obxectos, unha pequena mostra dos libros e obxectos recompilados polo antropólogo Félix Castro Vicente durante os últimos vinte anos sobre a figura e culto de San Cipriano o Mago, que foi tan popular en Galiza para protexer de meigallos e mal de ollo e tamén para a busca de tesouros escondidos.
50 obxectos relixiosos relacionados con San Cipriano (oracións de San
Cipriano, gravados, pregos de cordel, libros de vidas de santos, iconos,
amuletos, rolos máxicos etíopes) procedentes de numerosos países,
España, Portugal, Italia, Francia, Rusia, Grecia, Armenia, Etiopía,
etc.
20 libros de maxia (grimorios) europeos (escandinavos, alemáns,
italianos, franceses), moitos deles do s. XIX, algúns vinculados
directamente a San Cipriano e outros textos que influenciaron no contido
dos nosos ciprianillos.
40 libros de san Cipriano do s. XIX ata mediados do s. XX, incluíndo as
edicións primeiras e máis buscadas edicións coñecidas, tanto
portuguesas, españolas, mexicanas, brasileiras, arxentinas, italianas,
etc.
18 obxectos relacionados coa busca de tesouros (varas de san Cipriano para localizar tesouros ocultos, reprodución dun circo máxico de desencanto de tesouros, reproducións de gacetas e listas de tesouros, etc.)
25 obxectos máxicos relacionados co culto a San Cipriano en todo o mundo, tanto obxectos esotéricos como cartas de cartomancia, amuletos e aneis; de Santería (aceites, velas, etc.) como de bruxería tradicional de Galicia (incluíndo a alla das bruxas).
No hay comentarios:
Publicar un comentario