De agosto a outubro de 2020 pódese visitar no Museo Etnolóxico a exposición "Antropoloxía visual dunha sociedade confinada" composta por 27 fotografías de profesionais da fotografía, fotoxornalistas a maioría, que durante os momentos do confinamento foron os ollos de toda a poboación, dous vídeos e tres textos reflexivos.
Podemos ver fotografías de: Agostiño Iglesias,
Brais Lorenzo, Miguel Muñíz, Miguel Riopa, Mónica Vila Ferreirós, Óscar
Corral, Óscar Pinal, Rosiña Rojo e Santi M. Amil e os vídeos realizados
por Ainhoa Viñuela e Blanca Selas e reflexionar cos textos de César Llana, Sandra Martínez e Xerardo Pereiro.
|
Inauguración da exposición cos fotógraf@s participantes |
O confinamento ao que se viu
sometida a sociedade española durante o estado de alarma, declarado
como consecuencia da COVID-19 (acrónimo de Coronavirus
Disease enfermidade
2019)
causado polo SARS-CoV-2, ten suposto unha situación inédita para a
cidadanía.
Varios meses de confinamento
constitúen un feito coa relevancia suficiente para ser obxecto de
atención por parte das institucións museais, e non só, vinculadas
á antropoloxía. E así ten sido, suscitando o interese dende
asociacións de antropoloxía, caso de AGANTRO, ata de museos caso do
Museo do Pobo Galego ou do Museo Etnolóxico. E o mesmo ten
acontecido noutras partes do Estado.
A Antropoloxía, a diferenza
da Historia, non sabe o que vai acontecer despois dos feitos que
estuda. Non é posible ir mais aló das hipóteses no que se refire
ás consecuencias que as medidas de prevención sanitaria van a
desencadear nos hábitos e costumes da nosa sociedade. Polo que aquí
do que se trata é de reflexionar do que temos vivido e do que
estamos a vivir o que lle din a «nova normalidade».
(do texto de César Llana. Director do Museo Etnolóxico).
|
Sala do Museo onde se pode ver a exposición |
|
Cando
lembremos a pandemia da Covid-19 probablemente unha das imaxes que
primeiro se nos virá a mente será a dun mundo baleiro, hibernado,
unha instantánea pos-apocalíptica e surrealista máis acorde co
xénero da ciencia ficción que coa realidade frenética da sociedade
na que nos criamos.
E,
sen embargo, o mundo aquedou. E nesa calma aparente un desacougo
trepou e calou nos nosos fogares ante un inimigo invisible que foi
capaz de derribar os nosos modos de vida, que foi capaz de derrotar a
cotiandade, deixándonos un pouco espidos e inconexos.
...
Porque
un só foi o confinamento pero as olladas do mesmo serían imposibles
de contar, inda que nesta exhibición preténdese amosar parte desas
olladas. As fotos escollidas permiten reflexionar sobre un mesmo
momento desde moitas perspectivas, tantas como persoas somos, pero
tamén recoñecéndonos nalgunhas delas máis ca noutras.
(do texto de Sandra Martínez. Graduada en Xeografía e Historia)
|
Sala do Museo onde se pode ver a exposición
|
Pero ademais de interpretar e
reflexionar, as imaxes representan e captan situacións límites e
situacións de adaptación humana aos novos tempos e ás mudanzas
causadas pola pandemia do virus COV-SARS-2. O ser humano é un ser
adaptativo e as imaxes mostran tamén a tensión entre unha certa
orden e desorden social, o biopoder e a transgresión frente a algo
imposto....
A relación coa natureza e os
animais tamén está presente neste exposición, nalgunhas imaxes os
animais parecen preguntarse “onde están os humanos?”. Os vellos
rituais (bodas e enterros) represéntanse agora austeros e con
limitación de convidados, transformando a cultura da vida e da
morte. Por outro lado a exposición mostra algunhas recuperacións da
tradición como a vida na varanda e a nova reconfiguración do espazo
público e do privado.
Nun tempo pandémico de
grande incerteza, de medos paralizantes e paralizadores, de riscos,
de irresponsabilidades, de transición e de crise social, cultural e
política como a que vivemos, estas imaxes son instrumentos
reflexivos moi importantes para afrontar mellor os novos tempos.
(do texto de Xerardo Pereiro. Profesor titular de Antropoloxía Sociocultural, Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, UTAD).