Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo

lunes, 30 de abril de 2012

LAGARES RUPESTRES. Pegadas da historia vitivinícola en Galicia




                                     
Inauguración: 2 de maio ás 19 horas no Museo Etnolóxico
Datas: desde o 2 de maio ata o 2 de xuño
Esta exposición consta de dúas partes, unha primeira dedicada ao funcionamento e morfología dos lagares (a través de paneis) e unha segunda que fai un percorrido polos lagares de Galicia coa descrición e uso.

Invitación inauguración

jueves, 19 de abril de 2012

DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO. Bookcrossing da Biblioteca do Museo Etnolóxico

                   
 O vindeiro luns 23 de abril celébrase o DIA INTERNACIONAL DO LIBRO, con motivo desta conmemoración un amplo grupo de 71 Bibliotecas de Museos de toda España teñen preparada unha liberación conxunta e masiva de libros (actuación coñecida internacionalmente como bookcrossing).
A biblioteca do Museo Etnolóxico, a través da iniciativa da súa bibliotecaria –Rosa Lamas-, únese a este particular evento e participa activamente con unha liberación de libros que terá lugar o venres 20 de abril; nesa data serán liberados 20 libros, a meirande parte catálogos editados polo museo, pero tamén libros doados por particulares para esta ocasión especial.
Na páxina de bookcrossing póden verse a hora e o lugar onde serán liberados ao público estes libros (nas localidades de Ribadavia, O Carballiño, Ourense, Pontevedra, Vigo e incluso Porto).
Así mesmo, a partires do 20 de abril o Etnolóxico continuará con esta interesante acción e as salas do museo converteranse en zonas tanto de liberación como de caza de libros.
Polo tanto, desde este venres a biblioteca do museo realiza a súa particular contribución a esta celebración, á que animamos a participar a todos os lectores e usuarios de bibliotecas.

jueves, 8 de marzo de 2012

AUSENCIAS E SILENCIOS. EXPOSICIÓN ON LINE NA QUE PARTICIPA O MUSEO ETNOLÓXICO.


Con motivo do Día Internacional da Muller, a Rede Dixital de Coleccións de Museos de España, Cer.es, presenta o catálogo temático Ausencias e Silencios, formando parte da iniciativa Patrimonio en Femenino, creada no ano 2011 co obxectivo de dar visibilidade ao papel das mulleres en diferentes culturas, civilizacións e períodos históricos.
A través de Ausencias e Silencios, se indaga naqueles ámbitos nos que a actividade feminina estivo ausente ou foi silenciada.
Nesta exposición on line móstranse 65 bens culturais achegados por 26 museos que forman parte da Rede Dixital de Coleccións de Museos de España, e sobre ela elaborouse un catálogo articulado entorno a cinco áreas temáticas: autoridade e poder; educación e ciencia; creación e espectáculo; traballo e labor; e dereitos e igualdade.
O Museo Etnolóxico participa en Ausencias e Silencios con tres fotografías dos seus fondos, unha delas na área de Ciencia e educación, outra na área de Creación e espectáculo e unha máis en Traballo e labor.


Para ter máis información das fotografías do Etnolóxico na exposición entre nas seccións e faga click enriba das fotos
CATÁLOGO COMPLETO DA EXPOSICIÓN
SECCIÓN CIENCIA E EDUCACIÓN
SECCIÓN CREACIÓN E ESPECTÁCULO
SECCIÓN TRABALLO E LABOR

miércoles, 28 de diciembre de 2011

O MUSEO GALEGO DO VIÑO NA WEB DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA

Adega da Reitoral de Sto. André de  Camporredondo (sede do Museo Galego do viño)

          O Consello da Cultura Galega publica hoxe, dentro do portal culturagalega.org un informe sobre a situación actual do proxecto do Museo Galego do Viño e o esforzo de dinamización que se está levando a cabo para conseguir que saia adiante e non quede no olvido.

Para ler a noticia faga click no enlace
Dinamizar un museo baleiro

martes, 27 de diciembre de 2011

NOVA PRENDA DA COLECCIÓN DE TÉXTIL EN EXPOSICIÓN: REFAIXO


      
Refaixo
ca.1900
Desde hoxe,  formando parte da exposición permanente do museo e en lugar dun traxe de nena de finais do século XIX, está exposto nas salas unha prenda da colección de téxtil da que damos a información básica.
          O refaixo ou zagal é unha prenda interior feminina, de abrigo, que se coloca por debaixo da saia ou da vasquiña pero que tamén pode asomar parcialmente ao exterior.
 Nesta prenda do museo, a parte superior cínguese ao corpo mediante unha tea de tafetán de algodón branco con raias azuis, e átase por atrás con fitas. A parte inferior está feita con pano de la abatanada, en cores vermella e laranxa, co bordo de abaixo adornado cunha franxa delimitada por dúas liñas horizontais entre as que vai un debuxo en zigzag, realizado todo con fita de tapiceiro.
Este refaixo parece ser o resultado da reutilización de varias teas xa que a parte superior de algodón é bastante mais recente que a de la; aínda así, podería datarse arredor de principios do século XX.
É moi probable que dun uso cotiá acabase pasando a ser utilizado en actividades teatrais ou festivas.

Bibliografía básica:
     -         Rodríguez Cruz, J. (2004) “Trazos sobre a vestimenta tradicional do surleste de Ourense”, Ourense,
              Deputación Provincial.
-         Mariño Ferro, X. R. y González Reboredo, X. M. (2010) Dicionario de etnografía e antropoloxía de Galiza, Vigo, Nigratrea.
-         Liceras Ferreres, Mª. V. y Vicente Cones, Mª. V. (1994) Fondos de Indumentaria en el Museo Nacional de Cerámica (Catálogo), Madrid, Ministerio de Cultura.



jueves, 1 de diciembre de 2011

SONS CARA Á LIBERDADE. Exposición temporal do Museo Etnolóxico


O MUSEO NO CÁRCERE 2011
                                                 SONS CARA Á LIBERDADE. 

Inauguración: venres 2 de decembro ás 11,00 h.

A exposición SONS CARA Á LIBERDADE  que se inaugura/presenta este venres 2 de decembro é o resultado dun obradoiro organizado polo Museo Etnolóxico e realizado no Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar na primeira metade deste ano, actividade á que asistiron regularmente 15 internos en varias sesións semanais.

Para este obradoiro e posterior exposición partiuse da seguinte reflexión:
       As particularidades de cada pobo reflíctense na súa música (Joseph D’Ortigue) e os nosos recordos están cheos de sons e de musicalidade por medio de cancións de berce, xogos, melodías musicais e os sons máis variados da natureza, por outra banda todos nós acumulamos percepcións acústicas cotiás aínda que non sempre sexamos capaces de escoitar. 
A relixiosidade, os traballos, os xogos, o noso quefacer cotiá... conteñen unha manchea de elementos musicais e sons que permanecen na nosa memoria e que nos relacionan cunha paisaxe sonora (soundscape) determinada polo medio no que nos desenvolvemos, pola hora do día ou pola nosa posición particular (Soledad Cabrelles Segredo). Do mesmo xeito a audición dunha peza melódica determinada pode predispoñernos a situacións emocionais moi diversas.

       Sobre estes presupostos dúas especialistas (Pilar Iglesias e Fátima Braña) realizaron unha actividade cos internos na que se pretendía afondar na música desde as súas perspectivas persoais, analizando conceptos como “música”, “ruido”, “paisaxes sonoras”, “música culta”, etc., coa pretensión de aproximarse á música en Galicia como transmisora de cultura, de coñecementos, de sensibilidade e de goce persoal. 
A máis de estudiar todos estes aspectos, celebráronse no Centro Penitenciario varios concertos didácticos a cargo de Antón Castro, o Cuarteto Quiroga e Ton Risco.
Folleto da exposición


lunes, 10 de octubre de 2011

OS FONDOS DO MUSEO ETNOLÓXICO NO CATÁLOGO COLECTIVO CERES

 
 

           A principios do 2011 o Ministerio de Cultura puxo en funcionamento a Red Digital de Colecciones de Museos de España, da que forman parte museos de distintas especialidades, de diversos ámbitos temáticos, xeográficos e de diferentes titularidades. O obxectivo desta rede é facer accesibles na web os contidos dixitais das coleccións dos museos e converterse así nun amplo espazo de difusión e coñecemento destas.
CER.ES (Colecciones en Red) é un catálogo colectivo en liña, que reúne información e imaxes de bens culturais da maior parte dos museos que actualmente forman esta rede e que permite realizar múltiples buscas segundo diferentes criterios.
En CER.ES están publicados máis de 133.000 bens culturais e máis de 183.000 imaxes co obxectivo posto na progresiva incorporación de novos contidos e novos museos.
O Museo Etnolóxico-Ribadavia participa neste amplo catálogo con 594 fichas documentais e imaxes dos seus fondos tentando facer accesible e visible boa parte do patrimonio cultural que custodiamos.

Para ver os fondos do museo na web:

       1. vaia ao enlace de CER.ES
       2. no recadro Búsqueda general  escriba:  etnológico ribadavia
       3. faga click no recadro Buscar

Enlace CER.ES

miércoles, 5 de octubre de 2011

ESPAÑA É CULTURA ( Portal web España es cultura)

                                              

O pasado mes de xuño o Ministerio de Cultura presentou o portal "España es cultura", ferramenta de difusión global co máis destacado do patrimonio cultural español e da nosa longa historia de creación cultural, no que participaron todo tipo de institucións culturais: museos, arquivos, bibliotecas, etc.
Este portal está visible e accesible na web e as visitas/buscas poden realizarse a través de tres vías que canalizan o interese concreto de cada visitante: a xeográfica (Comunidades Autónomas e localidades), a temporal (estilos artísticos) e a temática.
Inclúe ademais unha completa axenda cos principais eventos e actividades culturais e múltiples enlaces con información ao día sobre a cultura do noso país.

Enlace co portal España es cultura
O Museo Etnolóxico - Ribadavia no portal España es cultura

martes, 2 de agosto de 2011

VISITAS A REITORAL DE SANTO ANDRÉ DE CAMPORREDONDO (SEDE DO FUTURO MUSEO GALEGO DO VIÑO)


           O Museo Etnolóxico, dentro do seu programa de actividades, programou para estes meses de agosto e setembro varias visitas á Reitoral de Santo André de Camporredondo (a escasos 5 km. de Ribadavia), edificio que será a sede do futuro Museo Galego do Viño baixo a dependencia do Etnolóxico.
A través de varios paneis mostranse: o plano xeral do edificio coa súa contorna, un mapa de situación, unha foto aérea da zona e os contidos previstos para o Museo con unha referencia ao edificio e ao proxecto.  
Así mesmo faráse un percorrido polo edificio no que se verán os lagares e adega cova situados na planta baixa e os participantes na actividade poderán contemplar as magníficas vistas ao val do Avia cos viñedos que o rodean.
A antiga casa Reitoral ubicada é unha construción de finais do século XVIII, de dúas plantas e erixida con cadeirado de granito. Na Idade Media fora priorado-granxa do Mosteiro de San Martín Pinario (Santiago de Compostela) e en consecuencia foi a súa adega para o abastecemento de viño.

Agosto: días 5,12,19, 26 ás 12,00 h.
Setembro: días 10,18, 25 ás 12,00 h.


Inscrición: no Museo Etnolóxico e na Oficina de Turismo (Concello de Ribadavia)
Gratuita
Prazas limitadas a capacidade do autobús
Saída: Rúa do Progreso (fronte ao Castelo dos Sarmiento), Ribadavia

lunes, 4 de julio de 2011

FOTORAPA10. Exposición temporal do Museo Etnolóxico

                                              Foto: Tono Arias
Do 5 de xullo ao 13 de novembro
Organizada polo Museo Etnolóxico en colaboración co Concello da Estrada.
A exposición consta de 86 fotografías (branco/negro e cor)
Ademais das fotografías se expoñen: un ferro de marcar cabalos, crinas e unhas tesoiras para rapar.
Audiovisuais: proxección permanente da película Fotorapa10 de Jorge Cosmén (rodada en branco e negro con cámara DSLR). 1º Premio no Sanferfilm 2011

          As fotografías que forman esta exposición pertencen ao III Concurso Internacional de Fotografía "Rapa das Bestas de Sabucedo" 2010.Este concurso anual ten como obxectivos a difusión da festa e a creación dun arquivo fotográfico que preserve a memoria desta tradición centenaria.
As imaxes expostas reflicten fielmente os momentos e os detalles máis destacados desta festa, instantes que marcan unha actividade chea de plasticidade, na que o encontro e o desafío incruento entre o home e o animal nos trasladan a un tempo indefinido da historia humana.
Así mesmo, a particular sensibilidade de cada un dos fotógrafos representados neste conxunto de fotos fai que nelas quede constancia da beleza da natureza, do carácter indómito dos animais e do papel do home como creador de cultura e tradición, logrando así unha serie de instantáneas de gran calidade estética e de notable valor testemuñal.