Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo
Mostrando entradas con la etiqueta FOTOGRAFÍA. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta FOTOGRAFÍA. Mostrar todas las entradas

miércoles, 20 de mayo de 2020

A Banca Nogueira. Ribadavia

A historia da Banca Nogueira xurde en 1895 cando Ramón Gómez Álvarez, natural do concello da Cañiza, decide abrir un establecemento de tecidos en Ribadavia. Á actividade comercial de tecidos foi engadindo a corresponsalía de banca, cos servizos correspondentes a esta actividade e, paulatinamente foi adquirindo á habilitación de clases pasivas do Estado, a habilitación do maxisterio e a administración de loterías. 

                        O comercio de tecido. Foto Serafín Rodríguez. ca. 1900
   Fondo Fotográfico Museo Etnolóxico nº inventario   20100_14 

A ausencia doutras axencias de banca na zona, e dada a súa relación con grandes bancos que operaban en América, levou á fundación da Banca Nogueira, empregando un dos apelidos familiares, como xa tiña feito co nome do comercio. Deste modo comezou a atender as operacións dos emigrantes en América, oriúndos do Ribeiro. 

             O comercio de tecido e a Banca Nogueira. Foto Tirso Sánchez. 1935
Fondo Fotográfico Museo Etnolóxico nº inventario 202001000006 

A Banca Nogueira comezará ocupando parte do baixo do mesmo edificio da rúa Progreso de Ribadavia na que está o establecemento de tecidos. Para o obxectivo de servir de ponte entre España e América, tratando de fomentar o retorno dos capitais procedentes da emigración, contou co apoio de bancos españois e americanos en Buenos Aires, New York, Río de Janeiro, Montevideo e Caracas, o que posibilitou rapidamente un nivel de negocio considerable. 
Trala Segunda Guerra Mundial, en torno a 1947, traslada a sede ao edificio que levantará na mesma rúa esquina a Salgado Moscoso. A nova sede será unha das construcións emblemáticas de Ribadavia.

                                A Banca Nogueira na nova sede. Ca. 1950
              Fondo Fotográfico Museo Etnolóxico nº inventario 200810000529
                             

Despois do falecemento do fundador no ano 1952, serán o seu fillo Ramón Gómez Pérez Neu e o seu xenro Joaquín Robla Díaz quen o substitúan. 
Nos anos sesenta a Banca Nogueira comeza a súa expansión pola provincia, abrindo sucursais en Ourense, Celanova, Avión e A Rúa. Precisamente esta rede a nivel provincial foi un dos atractivos para a súa adquisición en 1971 polo Banco Central. Posteriormente pasará a formar parte do Banco Central-Hispano para finalmente terse integrado no Banco Santander.

                 A Banca Nogueira. Lib. Imp. Pap. El Ribadaviense. Ed. Alarde. ca.1965
              Fondo Fotográfico Museo Etnolóxico nº inventario 201504000069
         

*No catálogo de Museos de España CERES, pódese encontrar as fichas de catalogación de fotografías e doutras pezas mais que forman parte do fondo documental do Museo.

Para saber máis:
García López, Alfonso (2003): La Actividad Bancaria en Galicia. Desde el Catastro del Marqués de la Ensenada a la Ley Cambó. Valladolid: Ed. Lex Nova, S.A.

miércoles, 29 de abril de 2020

29 DE ABRIL, FESTA DE SAN PEDRO MÁRTIR, TRADICIÓN CASE ESQUECIDA?

A chegada da primavera acompáñase de ritos que celebran a volta da vida tralo inverno. Unha festa desta época é san Pedro Mártir, tamén chamado san Pedro de Verona, lugar do seu nacemento.

Posto de venda de rescritos. Foto Rizo. 1950-1960

Ao santo acódese en busca de protección para as colleitas, os animais e contra as tormentas. Para isto, lévase auga, herbas, estampas, medallas, rosarios, etc. para tras ser bendicidas colocalas na casa, na corte ou na carteira.
Estampas, medallas, rosarios, herbas, etc que se podían mercar nos postos instalados ese día. En concreto, en Ribadavia tiñan especial demanda os rescritos, fórmulas escritas «en latín» nun papel que debía ser levado ao santo para que o bendicira e que tiña as mesmas funcións que os outros obxectos mencionados.

Posto de venda de rescritos. Foto Conde. 1950-1960

A maneira en que Pedro de Verona morreu, dunha machetada na cabeza, fai que se lle atribúan poderes para curar enfermidades mentais, o mal de ollo, os feitizos e para expulsar aos diabos das persoas. Razón pola que as xentes acudían á súa misa e a pasar por debaixo da imaxe do santo, para se liberar dos males que padecían. 

O cambio das costumes fixo que hoxe esta festa pase desapercibida, sen os festexos que coñeceu a mediados do século pasado e non só en Ribadavia, pois festexábase tamén en Santiago de Compostela, A Coruña, Ortigueira ou Tui. No caso de Ribadavia, dende o ano 1964 a Feira do Viño concentra toda a expectación nos días do paso de abril a maio.

festas de san Pedro Mártir en Ribadavia, 1948.


Procesión de san Pedro Mártir en Ribadavia. 2011

SABÍAS QUE...?
Que Carino Pietro da Balsamo, o asasino de san Pedro Mártir, arrepentido ingresou na Orde Dominica e chegou a ser beatificado?
Que os Dominicos viron en san Pedro Mártir un santo capaz de facer a competencia ao culto que estaba a recibir daquela san Francisco de Asís?

domingo, 19 de abril de 2020

Sabías que?


Fototipia Thomas. Edición de Maximino Rodríguez


En 1892 Pilar Gayoso de los Cobos, filla de Jacobo Gayoso de los Cobos, Conde de Ribadavia, vendeu todas as súas posesións herdadas do seu pai a José Neyra Gasset.

A familia Neyra Gasset será a propietaria do castelo e do pazo da Praza Maior durante case medio século; no ano 1939 o Concello adquire os dous edificios co proxecto de construír casas baratas no solar do Castelo. Anos despois, en 1943, pénsase en construír un estadio no solar do Castelo e aproveitar as súas pedras para facer as bancadas.


Ediciones Alarde. Oviedo


Afortunadamente, no ano 1949 decrétase a protección dos Castelos, o que unido á declaración no ano 1947 da vila de Ribadavia como Conxunto Monumental Artístico, evitarán a operación.




Que a cheminea de estilo barroco e que se eleva no segundo andar da fortaleza é francesa, vai cuberta por un frontón triangular franqueada por dous pináculos, baixo os mesmos sitúanse dúas gárgolas. A súa tipoloxía era moi habitual na arquitectura civil do noroeste ourensán como sucede no Pazo da Torre (San Salvador de Vide) ou na Casa de A Quinza (San Paio de Ventosela).

*No catálogo de Museos de España CERES, pódense encontrar fichas de catalogación doutras fotografías do castelo e doutras que forman parte do fondo documental do Museo.



lunes, 13 de abril de 2020

Cantinas escolares

A comezos do século XX en España implántanse novas tentativas pedagóxicas e lexislativas no mundo da ensinanza. Concienciar e incentivar aos pais da necesidade de educar e enviar aos seus fillos e fillas á escola, evitando así o absentismo e o elevado analfabetismo, sería un dos pasos para contribuír á modernización e europeización da educación española.
Nacen entón, asociados a ensinanza e cun carácter netamente benéfico, os primeiros programas de alimentación infantil coas chamadas Cantinas Escolares, destinadas a proporcionar alimento e sanidade tanto a nenos e nenas orfas como aquelas e aqueles cuxas nais, por ocuparse do fogar ou pola precariedade económica, non podían atender.
A Xunta de Protección á Infancia era a encargada de instalar o comedor en boas condicións hixiénicas e de comodidade ademais de proporcionar a cada neno e nena o material necesario para o subministro alimentario e un prato quente. Había unha encargada para a limpeza e o reparto da comida diaria, e os profesores e profesoras gratuitamente encargábanse de vixiar e educar durante as comidas.

Fondo Fotográfico. Museo Etnolóxico

A fotografía ilustrativa que data do ano 1934, mostra a Cantina Escolar de Ribadavia, dirixida por Antonia Ortiz Currais (1886-1985), nese mesmo ano promove a organización da Semana Pedagóxica de Ribadavia, con anterioridade Antonia Ortiz dirixira a Cantina Escolar de Ourense.
No Álbum de Mulleres do Consello da Cultura Galega AQUÍ  hai información detallada sobre a vida de Antonia Ortíz Currais, primeira muller inspectora de Educación en Galicia e acceder á galería de imaxes do seu arquivo persoal. Neste álbum pódese ver outra interesante fotografía da Cantina Escolar de Ribadavia, así como o programa e o grupo participante nesa Semana Pedagóxica de Ribadavia.
No catálogo de Museos de España CERES, pódese encontrar a ficha de catalogación da fotografía edeste artigo, así como doutras que forman parte do fondo documental do Museo Etnolóxico.

#aculturasegue #aculturagalegasegue #EuQuedoNaCasa

jueves, 2 de abril de 2020

Fotos de estudio de recén casados: vestiario

Un posado clásico nos estudios fotográficos son os retratos aos recén casados. 
Antigamente o máis normal era que a noiva lucira de negro, con vestido que pouco a pouco se vai sofisticando con abelorios de cristal ou pedras, tecidos de “crepé”, gasa e seda. O uso da cor branca xa estaba máis vinculada ao status social da noiva e da súa familia, os vestidos eran máis custosos polas calidades das teas, dos seus bordados, largas colas, abelorios e xoias que completaban o conxunto. 
Será a partires dos anos 50 do século XX cando esta cor se universaliza a todos os status, chegando o seu uso até os tempos actuais cas diferentes variantes de teas, formas e tonalidades. 
O noivo usaba traxe con chaleco, camisa de ton claro e gravata, ou ben “esmoquin”, chaqué ou frac se o enlace era de luxo.
Na selección de fotografías que vos presentamos a primeira delas sen autor recoñecido data do ano 1904, a segunda realizada na Arxentina polo estudio Bixio&Ci é do ano 1927 e as restantes realizadas no estudio Chao de Ribadavia corresponden a finais do anos 40 e inicios dos 50.


Foto 1

Foto 2


Foto 3


Foto 4

*No catálogo de Museos de España CERES, podedes encontrar as fichas de catalogación de ditas fotografías e doutras mais que forman parte do fondo documental do Museo Etnolóxico.

#aculturasegue  #euquedonacasa #aculturagalegasegue

martes, 31 de marzo de 2020

As redes sociais de hai cen anos?

Hai cen anos, sen Twitter, nen Facebook, nen Instagram... as persoas empregaban para comunicarse a taxeta postal!! Cada día intercambiábanse unha postal, polo xeral empregando series de tarxetas nas que se ía contando unha historia.

Entre as coleccións do Museo Etnolóxico temos algúns exemplos, como o que vos presentamos, como vedes engadímoslle un número para que non vos perdades na historia. Que estará contando?

Pode que vos chame a atención que escriben na parte que contén a ilustración, é que ata 1905 a cara sen imaxes reservábase para o enderezo, polo que o texto tiña que ir na outra cara.








jueves, 26 de marzo de 2020

Fotógrafos/as ambulantes




Como alternativa á fotografía de estudio, cara, centrada nas urbes e accesible só para xente dun determinado status social, xurden a finais do século XIX e inicios do XX os fotógrafos ambulantes, facendo que a fotografía se universalizase e fora mais accesible a todas as clases sociais.

Fácil era velos nas aldeas cando había feiras e mercados na procura do potencial cliente, soldados de permiso, niñeiras, parellas namoradas, ou mesmo familias que desexaban perpetuarse para enviar esa instantánea ao membro da familia ausente por mor da emigración. 



En que casa non había algunha foto dun fotógrafo ambulante?, lembremos o traballo de fotógrafos locais ourensáns como Reza, ou Rizo, que facían a foto e logo de tomar os datos, xa unha vez revelada, enviabana a casa ou ben a expuñan nun determinado lugar para que despois de vista se lle fixera o encargo. 

Quen non se sentiu fascinado ante aqueles fotógrafos magos, denominados "minuteros"? que traballaban cunha caixa de madeira fabricadas por eles mesmos ou por un carpinteiro, que servían á vez de cámara e laboratorio, permitindo realizar "in situ" unha fotografía negativa que xa unha vez revelada, en branco e negro, era entregada en poucos minutos (de aí o seu nome) e a un prezo alcanzable.

Foto Mitos Conde

Aínda que os fotógrafos minuteros eran na súa maioría homes, tamén había algunhas mulleres. En Oviedo, nun dos seus parques, unha estatua en bronce deixa constancia da figura dunha delas, Josefa Carril, mais coñecida por "La Torera".

Os fotógrafos ambulantes foron desaparecendo deixando tras de si centos, miles, millóns de personaxes, lugares e momentos inmortais que no volverán suceder e que agora están pechados en caixas, en álbums, nas galerías e arquivos dos museos etnográficos…

O noso museo conserva a colección formada pola produción da saga dos fotógrafos Chao, ribadavienses, que establecen o seu Estudio circa 1870, onde desenvolven unha inxente laboura, así como de maneira ambulante por terras da Cañiza ou Avión ou no mundo da prensa, até que en 2005, coa xubilación dos derradeiros da saga, pecha. 



*No catálogo de Museos de España CERES, podedes encontrar as fichas de catalogación de ditas fotografías e doutras mais que forman parte do fondo documental do Museo.
 

lunes, 23 de marzo de 2020

"Patrimonio en femenino" no Museo Etnolóxico



O 8 de marzo celébrase o Día Internacional da Muller. A data para esta celebración ten unha historia máis alá da proclamación feita pola Asemblea Xeral da ONU o ano 1977. En USA o Día Nacional da Muller celebrouse o último domingo de febreiro dende 1909 ata 1913. En Europa a partir de 1911 o día elexido era o 19 de marzo, aludindo á Comuna de París. A consolidación do 8 de marzo ten que ver coa Revolución Rusa. En 1917, en plena Primeira Guerra Mundial, as mulleres rusas deciden manifestarse en favor da paz; a data elixida foi o 23 de febreiro do seu calendario de entón, isto é o 8 de marzo segundo o calendario gregoriano.
Hoxe, a celebración ten lugar nun grande número de países e mesmo prolóngase ao longo do mes con actividades para lembrar o respecto á igualdade da muller e o home á hora de desenvolver a súa vida como cidadás, traballadoras, creadoras, en definitiva como persoas.
Pois ben, podemos aproveitar unha iniciativa en liña ue se desenvolveu entre 2011 e 2016, na que coordinadas polo Ministerio de Cultura tiveron lugar seis edicións baixo a denominación «Patrimonio en Femenino», buscando visibilizar a presenza da muller nos máis diversos ámbitos a partir de bens mobles das coleccións dos museos. 


En concreto, foron seis edicións: Patrimonio en FemeninoAusencias y SilenciosMujeres ante la adversidad: tiempos y contratiemposTradición y modernidadEros y Anteros: visiones sobre la sexualidad femenina e, finalmente La memoria femenina: mujeres en la historia, historia de mujeres, edición esta á que se uniron museos de Argentina, Brasil, Chile, Colombia, México, Portugal y Uruguay, amais de España.
Cada unha delas co seu correspondente catálogo en liña, descargable de balde, accede picando sobre os títulos de cada edición:






Visita o álbum completo das fotos de "Patrimonio en femenino" do Museo Etnolóxico no TABOLEIRO DE PINTEREST pica  AQUÍ 

miércoles, 2 de enero de 2019

Charla-visita guiada con Ángel López Soto á exposición "Himalaya: las montañas de Buda"




No Museo Etnolóxico en Ribadavia venres 11 de xaneiro ás 20.00 h o fotógrafo Ángel López Soto fará un visita guiada pola exposición: "Himalaya: las montañas de Buda" que se pode ver no Museo Etnolóxico. Con esta charla-visita clausurarase a exposición do fotógrafo Ángel López Soto.


exposición "Himalaya. Las montañas de Buda" no Museo Etnolóxico


PREMIOS E EXPOSICIÓNS DE ÁNGEL LÓPEZ SOTO:

martes, 18 de diciembre de 2018

Exposición: "Himalaya: Las montañas de Buda" de Ángel López Soto

Venres 21 de decembro ás 20.00 h no Museo Etnolóxico
inauguración da exposición: Himalaya: las montañas de Buda
                              do fotógrafo Ángel López Soto

 
Himalaya: las montañas de Buda: trala invasión China do Tíbet en 1949, a cordilleira do Himalaya converteuse na testemuña fiel do éxodo do pobo tibetano.

O fotógrafo Ángel López Soto, sempre acompañado pola súa cámara, explora varios países da rexión do Himalaya, Norteamérica e Europa, realizando un seguimento, que xa vai por máis de 20 años, do desterro obrigado dos casi 150.000 tibetanos.

Paisaxes imposibles, mosteiros, templos e outros lugares de peregrinación do budismo, son os protagonistas das imaxes e textos que compoñen a mostra.

`Himalaya: las montañas de Buda´, propón unha viaxe que se prolonga durante esas dúas décadas polos países de Tíbet, India e Nepal. Un percorrido para descubrir os lugares máis emblemáticos da rexión máis alta da terra, a historia e a forma de vida dun dos pobos máis ameazados do planeta.


Ángel López Soto é fotoperiodista. ntrase en temas de actualidade, denuncia social e medio ambiente. As súas reportaxes publícanse en revistas e diarios de todo o mundo.
É, xunto a Alfons Rodríguez e Juan Carlos de la Cal, un dos fundadores de GEA PHOTOWORDS, asociación de fotógrafos, periodistas, cineastas e escritores, ligada a todo o que afecta ao Medio Ambiente, aos Dereitos Humanos e a rica diversidade do noso mundo en todas as súas formas e aspectos.

Algúns dos seus proxectos e reportaxes foron realizados coa colaboración de UNICEF, Cruz Vemella, Agencia Española de Cooperación Internacional, United Nations Population Fund (UNFPA), Ayuda en Acción, Action Aid, Fundación Amigó e a Fundación Vicente Ferrer, entre as máis coñecidas.



Premios e exposicións:

O fotógrafo ten exposto obra no Círculo de Bellas Artes de Madrid, PhotoEspaña, Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, Fundación Lázaro Galdiano, IVAM, Espacio Locationibus Domus, La Casa del Tíbet de Barcelona...

Entre outros galardóns, obtivo o II premio internacional de fotografía humanitaria Luis Valtueña, o IV Premio Internacional de fotografía humanitaria Luis Valtueña, premio 100 Latinos 2013, seleccionado entre varios fotógrafos do mundo pola axencia Gamma de París para fotografar a Alhambra de Granada dentro do proxecto Patrimonio 2001 sobre o patrimonio da humanidade da UNESCO...