Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo
Mostrando entradas con la etiqueta EXPOSICIÓNS TEMPORAIS. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta EXPOSICIÓNS TEMPORAIS. Mostrar todas las entradas

miércoles, 10 de noviembre de 2021

FÁBULAS DE ALMADA NEGREIROS

 



    A exposición “Fábulas de Almada Negreiros” chega ao Museo Etnolóxico. Reunindo 49 tintas chinesas orixinais, realizadas en 1936 para ilustrar o libro Fábulas do escritor e xornalista Joaquim Manso, con dirección gráfica de Luís de Montalvor (codirector de Orpheu)é representativa da profunda simbiose coa escritura e o talento gráfico de Almada Negreiros. Tamén se mostra un reducido e delicado elenco de ilustracións deseñadas para O Pórtico e a Nave (1943), obra do mesmo autor e editor, con quen Almada se asocia para outras publicacións alternativas e excepcionais.

    Almada Negreiros (1893-1970) é o referente imprescindible da cultura portuguesa do século XX –xunto con Fernando Pessoa e Amadeo de Souza-Cardoso–, desenvolvéndose ao longo da súa vida en múltiples áreas (foi poeta, debuxante, pintor, novelista, bailarín, coreógrafo, dramaturgo, ensaísta, escenógrafo, escultor, gravador, contista, tapiceiro, vitralista, conferenciante...) e cuestionándose constantemente as fronteiras entre as artes. Inspirado polas correntes artísticas innovadoras do seu tempo, entre as que atopamos nomes coma Marinetti, Diaghilev, Delaunay Apollinaire, Picasso Matisse, Jean Cocteau, Brancousi, Erté, e Erick Satie e Stravinski; a súa experiencia cosmopolita en España (1927-1932) foi prolífica. Aquí coincidiu con intelectuais e artistas de diversos ámbitos como García Lorca, Ortega e Gasset, Buñuel ou Gómez de la Serna, quen o introduciu neste círculo como «o ser impar no medio da pintura e da literatura portuguesa, sobre as que salta de trapecio en trapecio».

    Nesta exposición atopamos un conxunto de gran riqueza plástica que constitúe un eloxio á liña e ao virtuosismo artesanal do debuxo, manifestación que ocupa o lugar central na súa produción, desde a infancia ata a súa última obra.

    A rá e a flor, emblemática composición da portada de Fábulas, é o punto de partida para unha viaxe extraordinaria polo universo da arte de contar historias a través de imaxes, onde reencontrarnos con clásicos que atesouran a nosa infancia –A cigarra e a formiga, O burro con pel de león, O reiseñor e a andoriña, O elefante e o colibrí– a par doutros personaxes fascinantes.

    Visitantes de todas as idades teñen así a oportunidade de descubrir unha aproximación absolutamente orixinal a un xénero que forma parte do patrimonio cultural da humanidade.

Animádevos!

miércoles, 30 de junio de 2021

Exposición temporal: "Les Gens du Chemin. Peregrinación a Saintes Maries de la Mer" fotografías de Olga Seoane Paulus

 


 

A exposición “Les Gens du Chemin. Peregrinación a Saintes Maries de la Mer” producida polo Museo das Peregrinacións e de Santiago con fotografías de Olga Seoane Paulus, chega ao Museo Etnolóxico.
Esta mostra recolle a tradición vinculada á localidade de Saintes Maries de la Mer, situada no delta do Ródano, onde cada ano acoden milleiros de persoas peregrinas para render culto a santa María Salomé, santa María Xacobé e santa Sara.

Os rituais que teñen lugar así como o fervor das persoas que asisten, en boa medida pertencentes a etnia xitana de toda Europa e mesmo doutros continentes, supoñen unha riqueza cultural da tradición viva que incitou á autora a reunir durante cinco anos os materiais que conforman a exposición: auténticos documentos gráficos cheosde vida, colorido e devoción.

Segundo a tradición, algúns dos personaxes mais achegados a Cristo, fuxindo das persecucións de cristiáns fomentadas por Herodes Agripa en Terra Santa, toman un barco sen remos que o destino fai chegar ás costas meridionais da Galia. As diferentes versións apuntan a distintos pasaxeiros, pero todas coinciden en que viaxaban María Salomé, a nai de Santiago o Maior (Zebedeo) e de xoán; María Xacobé, nai de Santiago o Menor (Alfeo) ; e Sara, escrava ao servizo das anteriores. A morte das dúas Marías producirase nun breve intervalo de tempo e no lugar onde foron enterradas, San Trófimo, bispo de Arlés,levantaría cara o século XII e as peregrinacións xa bastante difundidas no século XIV.

De orixe palestina, africana ou da propia rexión da Camarga, Santa Sara é un dos personaxes máis enigmáticos e que deu orixe ás mais diversas lendas. A peregrinación xitana para honrar súa patroa convertese cada ano nun festival único, espiritual,vibrante e colorido, que reflexa a concepción da vida desta etnia e a súa condición orixinaria de pobo errante: LES GENS DU CHEMIN.

A peregrinación a este santuario da Provenza non está á marxe da peregrinación a Santiago de Compostela, xa que da veciña cidade de Arlés fan partir algúns autores a Vía Tolosana, que a súa vez conectaría coa Vía Francíxena que conduce a Roma. Sen dúbida boa parte dos peregrinos xacobeos e romeiros simultarían as súas peregrinacións a Santiago de Compostela e a Roma con peregrinacións ao Santuario de Nôtre Dame de la Meren Saintes Maries de la Mer.

Como mostra desta peregrinación o Museo Etnolóxico expón unha selección de 14 imaxes do proxecto, amosando a necesaria adaptación dunha tradición para á súa continuidade no tempo.

miércoles, 28 de abril de 2021

Colección de arte ABRENTE (III)


 


Colección de Arte ABRENTE (III)

    A terceira parte da exposición Colección de Arte ABRENTE, chega ao Museo Etnolóxico. Con esta mostra composta por un total de 25 obras de autores coma Xosé Conde Corbal, Félix Cuadrado, José Manuel Vidal Souto, José Luis González Loureiro, Alberto Datas Panero, Mercedes Ruibal Argibay ou Isaac Díaz Pardo; a comisaria Sabela Fraga completa o conxunto de exposicións que visibiliza e homenaxea o labor do Grupo Abrente.

    A exposición permite achegarse ao resultado do traballo da agrupación que, centrada na colaboración entre artistas, escritores e intelectuais; materializouse nunha colección plástica quen de reflectir as novas inquietudes artísticas da década dos 70 en Galicia.

    A inauguración terá lugar o vindeiro venres 30 de abril ás 18.30 horas no Museo (prégase confirmación de asistencia: 988-788-720 // mu.etnoloxico.ribadavia@xunta.gal)

    Ademais, ás 19:00 h proxectarase o documental "Dorothé na Vila" no Auditorio Manuel María da Casada Cultura do Concello de Ribadavia (Rúa Redondela, 2), ata completar a capacidade (70 persoas).
Para saber máis sobre o documental podedes visitar o seu canal de youtube neste enlace AQUÍ


    Nos actos observaranse as medidas de prevención establecidas na lexislación vixente ante a crise sanitaria ocasionada pola covid-19.

    Tralo venres, podedes achegarvos ao museo a disfrutar da exposición de Martes a Sábado das 10:00h as 20:00h (festivos pechado), onde tamén está a venta o catálago que recolle o traballo de investigación vinculado as tres exposicións da Colección de Arte do Grupo ABRENTE. 

Agardámoste!


martes, 22 de diciembre de 2020

"San Cipriano o Mago. De oracións, ciprianillos e tesouros". Exposición

 A exposición San Cipriano o mago. De oracións, ciprianillos e tesouros chega ao Museo Etnolóxico. Esta mostra supón unha achega á figura de San Cipriano de Antioquía o santo máxico cristián por excelencia, patrón e protector dos practicantes das artes máxicas e contra os maleficios.

A selección de pezas de diferente natureza buscan amosar a súa ambivalencia na realidade e no imaxinario popular, pola súa fama de Santo vinculado con prácticas relixiosas en toda Europa, África e parte de oriente dende antigo, senlleiramente mediante a “Oración de San Cipriano”, eficaz contra feitizos e o mal de ollo; e por outra banda con prácticas máxicas relacionadas co libro de maxia coñecido como “Libro de San Cipriano” ou ciprianillo na península ibérica, vinculado en Galiza e Portugal á busca de tesouros ocultos, contextualizando esta obra no mundo dos libros de maxia e prácticas máxicas europeas.

 A exposición compónse dun total de máis de 150 obxectos, unha pequena mostra dos libros e obxectos recompilados polo antropólogo Félix Castro Vicente durante os últimos vinte anos sobre a figura e culto de San Cipriano o Mago, que foi tan popular en Galiza para protexer de meigallos e mal de ollo e tamén para a busca de tesouros escondidos. 

 


50 obxectos relixiosos relacionados con San Cipriano (oracións de San Cipriano, gravados, pregos de cordel, libros de vidas de santos, iconos, amuletos, rolos máxicos etíopes) procedentes de numerosos países, España, Portugal, Italia, Francia, Rusia, Grecia, Armenia, Etiopía,  etc.
20 libros de maxia (grimorios) europeos  (escandinavos, alemáns, italianos, franceses), moitos deles do s. XIX, algúns vinculados directamente a San Cipriano e outros textos que influenciaron no contido dos nosos ciprianillos.
40 libros de san Cipriano do s. XIX ata mediados do s. XX, incluíndo as edicións primeiras e máis buscadas edicións coñecidas, tanto portuguesas, españolas, mexicanas, brasileiras, arxentinas, italianas, etc.  

 

 
18 obxectos relacionados coa busca de tesouros (varas de san Cipriano para localizar tesouros ocultos, reprodución dun circo máxico de desencanto de tesouros, reproducións de gacetas e listas de tesouros, etc.)
25 obxectos máxicos relacionados co culto a San Cipriano en todo o mundo, tanto obxectos esotéricos como cartas de cartomancia, amuletos e aneis; de Santería (aceites, velas, etc.) como de bruxería tradicional de Galicia (incluíndo a alla das bruxas).

 


martes, 24 de noviembre de 2020

Galicia a terra dos mil panos. Roupa de levar á vila



A exposición Galicia a terra dos mil panos. Roupa de levar á vila, chega ao Museo Etnolóxico. Esta montaxe é feita pola Asociación Etnográfica Sete Espadelas con bens da súa colección e permite unha achega atractiva ás pezas de vestimenta tradicional de Galicia.

Mediante unha coidada selección, do total de obras que compoñen a exposición orixinal, a mostra presenta elementos tan singulares como 7 mantóns antigos de Paisley de espectacular colorido e deseño con mais de 150 anos de antigüidade, panos de cabeza, de bobiné de batista ou tule bordados a mans.

Xunto con outras pezas como os panos de man de encaixe, panos de seda de mesquitas e os de raión , o traxe dunha leiteira de Lugo ou a da unha muller de loito; algúns dos maniquíes achéganse a outros espazos do museo, como a recreación dunha tenda-bar, de maneira que a exposición convértese nunha ollada que, entre fíos e teas, permite coñecer a cotidianeidade do noso pasado e a riqueza dos oficios tradicionais.


           Achégate!

lunes, 14 de septiembre de 2020

Exposición temporal "Antropoloxía visual dunha sociedade confinada"

De agosto a outubro de 2020 pódese visitar no Museo Etnolóxico a exposición "Antropoloxía visual dunha sociedade confinada" composta por 27 fotografías de profesionais da fotografía, fotoxornalistas a maioría, que durante os momentos do confinamento foron os ollos de toda a poboación, dous vídeos e tres textos reflexivos.

Podemos ver fotografías de: Agostiño Iglesias, Brais Lorenzo, Miguel Muñíz, Miguel Riopa, Mónica Vila Ferreirós, Óscar Corral, Óscar Pinal, Rosiña Rojo e Santi M. Amil e os vídeos realizados por Ainhoa Viñuela  e Blanca Selas e reflexionar cos textos de César Llana, Sandra Martínez e Xerardo Pereiro.

 

Inauguración da exposición cos fotógraf@s participantes

O confinamento ao que se viu sometida a sociedade española durante o estado de alarma, declarado como consecuencia da COVID-19 (acrónimo de Coronavirus Disease enfermidade 2019) causado polo SARS-CoV-2, ten suposto unha situación inédita para a cidadanía.

Varios meses de confinamento constitúen un feito coa relevancia suficiente para ser obxecto de atención por parte das institucións museais, e non só, vinculadas á antropoloxía. E así ten sido, suscitando o interese dende asociacións de antropoloxía, caso de AGANTRO, ata de museos caso do Museo do Pobo Galego ou do Museo Etnolóxico. E o mesmo ten acontecido noutras partes do Estado.

A Antropoloxía, a diferenza da Historia, non sabe o que vai acontecer despois dos feitos que estuda. Non é posible ir mais aló das hipóteses no que se refire ás consecuencias que as medidas de prevención sanitaria van a desencadear nos hábitos e costumes da nosa sociedade. Polo que aquí do que se trata é de reflexionar do que temos vivido e do que estamos a vivir o que lle din a «nova normalidade».

(do texto de César Llana. Director do Museo Etnolóxico).

 

Sala do Museo onde se pode ver a exposición 

 

Cando lembremos a pandemia da Covid-19 probablemente unha das imaxes que primeiro se nos virá a mente será a dun mundo baleiro, hibernado, unha instantánea pos-apocalíptica e surrealista máis acorde co xénero da ciencia ficción que coa realidade frenética da sociedade na que nos criamos.

E, sen embargo, o mundo aquedou. E nesa calma aparente un desacougo trepou e calou nos nosos fogares ante un inimigo invisible que foi capaz de derribar os nosos modos de vida, que foi capaz de derrotar a cotiandade, deixándonos un pouco espidos e inconexos.

...

Porque un só foi o confinamento pero as olladas do mesmo serían imposibles de contar, inda que nesta exhibición preténdese amosar parte desas olladas. As fotos escollidas permiten reflexionar sobre un mesmo momento desde moitas perspectivas, tantas como persoas somos, pero tamén recoñecéndonos nalgunhas delas máis ca noutras.

(do texto de Sandra Martínez. Graduada en Xeografía e Historia)

 

Sala do Museo onde se pode ver a exposición

 Pero ademais de interpretar e reflexionar, as imaxes representan e captan situacións límites e situacións de adaptación humana aos novos tempos e ás mudanzas causadas pola pandemia do virus COV-SARS-2. O ser humano é un ser adaptativo e as imaxes mostran tamén a tensión entre unha certa orden e desorden social, o biopoder e a transgresión frente a algo imposto.

...

A relación coa natureza e os animais tamén está presente neste exposición, nalgunhas imaxes os animais parecen preguntarse “onde están os humanos?”. Os vellos rituais (bodas e enterros) represéntanse agora austeros e con limitación de convidados, transformando a cultura da vida e da morte. Por outro lado a exposición mostra algunhas recuperacións da tradición como a vida na varanda e a nova reconfiguración do espazo público e do privado.

Nun tempo pandémico de grande incerteza, de medos paralizantes e paralizadores, de riscos, de irresponsabilidades, de transición e de crise social, cultural e política como a que vivemos, estas imaxes son instrumentos reflexivos moi importantes para afrontar mellor os novos tempos.

(do texto de Xerardo Pereiro.  Profesor titular de Antropoloxía Sociocultural, Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, UTAD).

viernes, 4 de septiembre de 2020

Exposición temporal "Liña verde"

O sábado 5 de setembro de 2020 celebrase en Ribadavia o Festival Artificial que se define como "un festival musical e interdisciplinar en pleno conxunto histórico de Ribadavia" por iso tamén organiza a exposición: "Liña verde" que podedes gozar no Museo Etnolóxico do 5 ao 20 de setembro.

 

lunes, 6 de abril de 2020

Mostra documental sobre o ciclo “A muller na sociedade actual” organizado pola Agrupación Cultural Abrente en 1972 en Ribadavia

O estudo da historia da Agrupación Cultural Abrente de Ribadavia (1969-1983),  é posible, nunha parte importante, porque os socios e socias da mesma durante os anos de actividade conservaron e clasificaron con minuciosidade e coidado a documentación administrativa e de función da asociación.

Mostra da variedade documental. Fondo Abrente



Esta variada documentación: administrativa, recortes de xornais, fotografías, folletos, follas voandeiras, manuscritos, así como libros e revistas foi depositada no Museo Etnolóxico unha vez disolvida a Agrupación. 

No ano 1972, entre xaneiro e abril, organizaron en Ribadavia un ciclo de conferencias sobre “A muller na sociedade actual” nun momento histórico no que o tema da muller non era habitual na programación das asociacións culturais galegas e o movemento feminista galego estaba aínda xestándose. Non será ata 1977 cando María Xosé Queizán publique o primeiro ensaio feminista en Galicia “A muller en Galicia: a muller na sociedade galega: a lingua galega e a muller : (análise estrutural de dous métodos represivos)” editado por Edicións do Castro. 

Iniciouse este ciclo en xaneiro con Celso Montero e Nemesio Barxa co tema “La mujer y la Iglesia”  e “La mujer en la sociedad y en el derecho gallegos” respectivamente, en febreiro foi a vez de Mª José Amor Carreró  disertando sobre “La mujer en la sociedad española de hoy”, en marzo María Xosé Queizán “Perspectivas y necesidades históricas de la familia”, rematando o ciclo en abril Victoria Armesto cunha conferencia sobre  “Juglares y juglaresas”.

Nesta mostra documental, que se pode ver no Museo Etnolóxico, está exposta parte da documentación conservada pola Agrupación ribadaviense en relación a este ciclo sobre a muller

Máis información no blog da Biblioteca do Museo Etnolóxico AQUÍ

Relatorio de María Xosé Queizán na inauguración da Mostra

miércoles, 19 de febrero de 2020

Presentación do catálogo: "Colección Abrente. Arte galega no desafío cultural dos '70"


O venres 21 de febreiro as 20.00 h preséntase no Museo Etnolóxico o catálogo da exposición temporal "Colección Abrente. Arte galega no desafío cultural dos `70", contaremos coa presenza de Sabela Fraga Costa, comisaria e autora dos textos e Juan Venditti, de 7H Cooperativa Cultural, deseñador do catálogo. No catálogo queda reflectida a importancia do fondo documental desta Agrupación Cultural ribadaviense, conservada pola xente que formou parte dela: documentación administrativa, recortes de xornais, fotografías, folletos, follas voandeiras..., que axudaron a elaborar a liña de vida da programación de Abrente relacionada coa arte galega que se pode ver na exposición e consultar no catálogo, destacar tamén a entrevista que a comisaria da exposición lle realizou a cinco integrantes da Agrupación e que se pode ler no catálogo.



Así mesmo procederase á inauguración da segunda fase da exposición sobre a colección de arte procedente da doazón da obra desta agrupación cultural, cuxa colección contén 58 obras dun total de 29 autoras e autores. Nesta segunda fase exporanse obras de Bea Rey, Vidal Souto, Reimundo Patiño, Enrique Conde, Prego de Oliver, Virxilio, Xosé Luis de Dios, Alejandro Gómez Cruz, Conde Corbal, Xaime Quesada, Joaquín Ramón Pérez Caamaño.


obra de Vidal Souto
obra de Reimundo Patiño



Neste enlace podedes ler a entrevista coa comisaria Sabela Fraga que lle fixo Xermán Hermida para o portal do Consello da Cultura Galega AQUÍ  onde fala desas outras facetas da Agrupación Cultural Abrente, menos coñecidas que a do teatro galego, de dinamizadora e ate axitadora cultural dese momento histórico de finais da ditadura franquista así como do legado artístico conservado. Indica Sabela Fraga  que a colección "amosa un contexto histórico determinado, fala daquela época. Por unha banda reflicte o traballo desta asociación cultural e pola outra a vontade que tiñan tamén os artistas por achegar a arte ao pobo alén de espazos como museos e galerías". Ademais, "moitas das pezas beben do contexto represivo, de xeito máis ou menos claro, e na exposición poñémolas a dialogar".

obra de Virxilio

jueves, 5 de septiembre de 2019

Exposición temporal " "Colección Abrente. Arte galega no desafío cultural dos '70"



Venres 6 de setembro ás 20.30 h. inauguración da mostra plástica da agrupación cultural Abrente de Ribadavia: "Colección Abrente. Arte galega no desafío cultural dos '70" comisariada por Sabela Fraga Costa.

ABRENTE foi una asociación cultural que desenvolveu en Ribadavia una intensa actividade cultural entre os anos 1969 e 1983, esta asociación dispuña dunha razoable colección de arte procedente da doazón de obra que lle facían os artistas para contribuír co importe da súa venda á financiación das actividades da asociación, ou simplemente para decorar a súa sede social. A colección contén 58 obras de 29 autores. Dado o seu volume, a exposición da colección terá lugar en tres fases: a que se inaugura agora, unha segunda será en febreiro coincidindo coa presentación do catálogo da colección e unha terceira que terá lugar entre xuño e setembro de 2020.

lunes, 10 de junio de 2019

Exposición: Fraguas dende o Museo Etnolóxico. Letras Galegas 2019


A Real Academia Galega adícalle o ano 2019 á obra e a persoa de Antonio Fraguas Fraguas (1906-1999), figura pertencente á xeración do Seminario de Estudos Galegos-SEG (1923) e autor centrado na investigación do folklore e da xeografía de Galicia. En diferentes ocasións puxo a súa mirada sobre o Ribeiro, comarca que coñecía ben pois tiña vínculos familiares, por vía materna, coas terras veciñas de Maside.
A exposición: "Fraguas dende o Museo Etnolóxico. Letras Galegas 2019" comisariada por Xosé C. Sierra Rodríguez consta de cinco paneis nos que se presentan varias facetas do homenaxeado: Fraguas folklorista e antropólogo, Fraguas xeógrafo, Fraguas e a percepción do cambio social e cultural e a visión da muller, Fraguas e os museos, Fraguas o Miño e o Ribeiro, así como unha mostra bibliográfica da súa obra escrita.

jueves, 30 de mayo de 2019

Exposición "IRUSU VILLE" da artista Iria Fafián


O venres 31 de maio ás 19:00 h inaugurase no Museo Etnolóxico a exposición "IRUSU VILLE" da artista IRIA FAFIÁN, que nos acompañará nese día para explicar a técnica e o concepto que hai detrás das obras. Esta exposición está incluída dentro das actividades organizadas polo festival UKP Day, que se celebra en Ribadavia o sábado 1 de xuño

Irusu é unha palabra xaponesa que define a situación na que unha persoa simula a súa ausencia cando alguén chama á porta...

"IRUSU VILLE" recrea un ambiente misterioso onde quen o visita, dende un punto de vista privilexiado, poderá ver e oír case todo o que está a acontecer.

A premisa desta proposta expositiva é expandir os límites da ilustración mediante a creación de imaxes que traspasen o marco bidimensional, coa intención de sumerxer ó espectador na atmósfera das imaxes. A instalación consiste nun percorrido por catro caixas de luz interactivas onde mistúranse elementos que non son propios do debuxo como a tridimensionalidade, a luz, o son, o tempo.

jueves, 28 de marzo de 2019

Exposición: "Queremos saudArte dende o Camiño Xacobeo Miñoto-Ribeiro"


O  xoves 28 de marzo ás 20.00 h no Museo Etnolóxico inaugúrase a exposición itinerante:
"Queremos saudArte dende o Camiño Xacobeo Miñoto-Ribeiro" organizada pola Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Vigo e a colaboración do colectivo Medicina e Arte e da Asociación Camiño Miñoto Ribeiro, comisariada por Lourdes Maceiras.

O obxectivo desta exposición é mobilizar á xente dos concellos polos que pasa este Camiño, e visibilizalo a toda a sociedade galega, para que despois traspase as nosas fronteiras e se espalle a información polos camiños adiante; promocionalo para que sexa outro Camiño Xacobeo máis e con máis peregrinos dos que ten agora, e que todo isto sirva para mellorar a calidade de vida desta zona e dos seus habitantes; para que se consiga a declaración deste Camiño Xacobeo Miñoto-Ribeiro como un dos Camiños de Santiago “oficiais ”; meta que é moi importante, tanto para estas comarcas, como para toda Galicia. 

 
Este Camiño existe dende moi antigo, aínda que non estea oficializado. Xa no ano 1783 o arcebispo de Santiago (que ía tomar as augas a Cortegada de Baños) pedíalle ao rexedor do Ribeiro que arranxara determinados puntos deste camiño para que puideran pasar mellor por el “peregrinos, viajeros y comerciantes”, como consta nos libros existentes no Arquivo Histórico Provincial de Ourense, Municipal de Ribadavia (sito no Museo de Ribadavia).

No Camiño Miñoto-Ribeiro hai abondosos vestixios de Ordes Hospitalarias, sobre todo da de San Xoán de Xerusalén, ou Cabaleiros de Malta, e dos seus hospitais; así como de lazaretos, e de fontes de augas mineiro-medicinais utilizadas polos peregrinos enfermos.

miércoles, 2 de enero de 2019

Charla-visita guiada con Ángel López Soto á exposición "Himalaya: las montañas de Buda"




No Museo Etnolóxico en Ribadavia venres 11 de xaneiro ás 20.00 h o fotógrafo Ángel López Soto fará un visita guiada pola exposición: "Himalaya: las montañas de Buda" que se pode ver no Museo Etnolóxico. Con esta charla-visita clausurarase a exposición do fotógrafo Ángel López Soto.


exposición "Himalaya. Las montañas de Buda" no Museo Etnolóxico


PREMIOS E EXPOSICIÓNS DE ÁNGEL LÓPEZ SOTO:

martes, 18 de diciembre de 2018

Exposición: "Himalaya: Las montañas de Buda" de Ángel López Soto

Venres 21 de decembro ás 20.00 h no Museo Etnolóxico
inauguración da exposición: Himalaya: las montañas de Buda
                              do fotógrafo Ángel López Soto

 
Himalaya: las montañas de Buda: trala invasión China do Tíbet en 1949, a cordilleira do Himalaya converteuse na testemuña fiel do éxodo do pobo tibetano.

O fotógrafo Ángel López Soto, sempre acompañado pola súa cámara, explora varios países da rexión do Himalaya, Norteamérica e Europa, realizando un seguimento, que xa vai por máis de 20 años, do desterro obrigado dos casi 150.000 tibetanos.

Paisaxes imposibles, mosteiros, templos e outros lugares de peregrinación do budismo, son os protagonistas das imaxes e textos que compoñen a mostra.

`Himalaya: las montañas de Buda´, propón unha viaxe que se prolonga durante esas dúas décadas polos países de Tíbet, India e Nepal. Un percorrido para descubrir os lugares máis emblemáticos da rexión máis alta da terra, a historia e a forma de vida dun dos pobos máis ameazados do planeta.


Ángel López Soto é fotoperiodista. ntrase en temas de actualidade, denuncia social e medio ambiente. As súas reportaxes publícanse en revistas e diarios de todo o mundo.
É, xunto a Alfons Rodríguez e Juan Carlos de la Cal, un dos fundadores de GEA PHOTOWORDS, asociación de fotógrafos, periodistas, cineastas e escritores, ligada a todo o que afecta ao Medio Ambiente, aos Dereitos Humanos e a rica diversidade do noso mundo en todas as súas formas e aspectos.

Algúns dos seus proxectos e reportaxes foron realizados coa colaboración de UNICEF, Cruz Vemella, Agencia Española de Cooperación Internacional, United Nations Population Fund (UNFPA), Ayuda en Acción, Action Aid, Fundación Amigó e a Fundación Vicente Ferrer, entre as máis coñecidas.



Premios e exposicións:

O fotógrafo ten exposto obra no Círculo de Bellas Artes de Madrid, PhotoEspaña, Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, Fundación Lázaro Galdiano, IVAM, Espacio Locationibus Domus, La Casa del Tíbet de Barcelona...

Entre outros galardóns, obtivo o II premio internacional de fotografía humanitaria Luis Valtueña, o IV Premio Internacional de fotografía humanitaria Luis Valtueña, premio 100 Latinos 2013, seleccionado entre varios fotógrafos do mundo pola axencia Gamma de París para fotografar a Alhambra de Granada dentro do proxecto Patrimonio 2001 sobre o patrimonio da humanidade da UNESCO...

miércoles, 22 de agosto de 2018

Exposición: "A Idade de Ferro. Unha tradición entre Lugo e Asturias"


O xoves 23 de agosto ás 20.30 inaugúrase no Museo Etnolóxico a exposición de fotografías de José M. Salgado: A Idade de Ferro. Unha tradición entre Lugo e Asturias, será presentada por Clodio González Pérez, membro correspondente da Real Academia Galega e do padroado do Museo do Pobo Galego.



foto José M. Salgado
A cabalo entre dúas provincias, Lugo e Asturias, nas concas dos ríos Eo e Navia, (re)existe unha comunidade vinculada desde tempos remotos á labranza do ferro. Nos concellos galegos de Riotorto, A Pontenova e A Fonsagrada, e nos asturianos dos Oscos, Grandas de Salime e Taramundi, habitan aínda decenas de artesáns do ferro, ferreiros, herdeiros dunha tradición ininterrompida e que segue aínda hoxe viva.
 



Este fotoensaio de José M. Salgado, realizado entre o 2014 e o 2017, propón unha viaxe simbólica a esas terras e trata de ser un retrato fiel do momento actual dunha comunidade cuxos intereses compartidos lle dan a categoría de homoxénea e coherente, e que permaneceu para moitas persoas galegas e asturianas ignorada. 

Foto José M. Salgado


Folleto da exposición






lunes, 13 de agosto de 2018

Exposición: "Galicia e Aragón"

Ana Chao na inauguración da exposición "Galicia e Aragón"




O 14 de agosto de 2108 inaugurouse no Museo Etnolóxico en Ribadavia  a exposición de fotografías de Ana Chao:
"Galicia e Aragón", poderase visitar ata o 30 de setembro.





Con esta mostra a autora quere compartir unha escolma de imaxes que forman parte dos sus principais espazos vitais: Aragón e Galicia. De ambas as dúas terras escolleu os lugares captados a través do obxectivo da cámara fotográfica dos cales garda un sentimento, balizas da súa memoria e lazos que a unen ás dúas terras que marcan a súa propia experiencia vital.

Foto Ana Chao
 Un modo de compartir recordos e experiencias; en definitiva memora que una as xentes de Galicia e de Aragón.
Ana Chao escribe no folleto da exposición:
"Non sei moi ben de onde procede a miña afección fotográfica, sí sei que con catorce anos encantábame fotografar e ser fotografada...


Vai ser a partir da miña xubilación cando atopo o momento idóneo para dedicarlle tempo, xa que o entusiasmo nunca me faltou.
Faime moita ilusión presentar esta mostra en Ribadavia, neste museo que tanto me gusta e entre a miña xente.
É unha homenaxe ás miñas dúas comunidades, Galicia por ser a terra dos meus antepasados e a miña nenez e Aragón o meu lugar de adopción, na cal crecín e evolucionei."

Folleto da exposición:




miércoles, 20 de junio de 2018

Exposición: "A etnografía e os fotógrafos"

A Romaría Etnográfica Raigame, que cada ano se celebra o 17 de maio na vila ourensá de Vilanova do Infantes,  na súa XVII edición homenaxeou aos fótografos ambulantes, de rúa, festas, feiras e outras celebracións, aqueles que dende o comezo da técnica fotográfica recorreron o noso país facendo tomas da paisaxe, das nosas cidades, vilas e aldeas e os seus monumentos, das nosas xentes nas máis diversas situacións da súa vida: traballando, xogando, divertíndose, e tamén nos momentos da morte. Todos eses documentos fotográficos compoñen un documento etnográfico e antropolóxico de grande valor hoxe en día, cando o tempo fixo desaparecer un modo de vida que evolucionou e mudou de xeito radical.

Nalgúns casos son fotografías custodiadas por museos como o Etnolóxico, en Ribadavia, o museo de Pontevedra, ou o Museo do Pobo Galego en Santiago que as restauran, conservan e dan a coñecer en exposicións e publicacións, ofrecendo así un servizo público como memoria da nosa historia. Noutros casos son fotografías de coleccións privadas, moitas delas gardadas en caixas de zapatos, que non saen á luz até que concellos, asociacións ou museos, deciden organizar exposicións de fotografías antigas da comarca.


A exposición, que se puido ver en Vilanova dos Infantes: "A etnografía e os fotógrafos" mostra o traballo de máis de vinte fotógrafos, que hoxe son documentos imperdibles para a antropoloxía social e cultural, así como para a socioloxía e a etnografía. Nesta exposición que comeza no Museo Etnolóxico o seu camiño por distintos espazos expositivos e educativos, poderemos coñecer dende os pioneiros da fotografía como Zagala, Reboredo ou o Estudio Pacheco de Ourense, polo que pasaron numerosos fotógrafos nos seus inicios, até chegar a outros máis recentes como o ourensán Rizo, Estalote de Santiago ou o Estudio Chao de Ribadavia.

Tamén se lembra a outros que fixeron o seu traballo con claras intencións de investigación como a estadounidense Ruth Matilda Anderson, o noso “Xocas”, Xaquín Lorenzo Fernández, ou o antropólogo e folclorista danés Gustav Henningsen, que recorreron a nosa terra en diferentes épocas. E faise unha relación de fotógrafos ambulantes que non acadaron a sona doutros, que traballaron na súas comarcas retratando acontecementos diversos: vodas, bautizos, comuñóns, e sobre odo retratos familiares e fotografías para carnets e pasaportes, pero non por iso menos importantes que os outros. Tal é o caso de Xosé Collazos, o “Retratista de Matamá”, de Laza, Salvador López Requejo, de Maceda, ou Manuel Garrido de Parderrubias, A Merca.. Os paneis que forman a exposición achegan datos biográficos dos autores, acompañados dalgunhas fotografías representativas do seu traballo.


No Xornal Raigame 2018, que se pode consultar e descargar en internet AQUÍ pódense ler artigos ao redor da etnografía e a fotografía, da antropoloxía visual, sobre as coleccións fotográficas do Museo Etnolóxico a súa conservación e difusión escrito polo director do Museo Etnolóxico, César Llana, sobre o fondo arquivo gráfico de Xaquín Lorenzo do Museo do Pobo, saber algo máis de José Gil e o cinema da emigración.


Desde hai anos o Museo Etnolóxico ten unha relación de colaboración mutua co Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo e coa Romaría Raigame, feito que se visibilizou coa xestión do Cine Carlos Velo que o Museo leva a cabo no día da Romaría Raigame desde o ano 2017. Esta cooperación e o traballo do Museo Etnolóxico no campo da antropoloxía visual axudou a que a organización da Romaría outorgase o premio honorífico “Adolfo Enríquez” ao Museo Etnolóxico, o que agradecemos no seu momento e volvemos facer desde aquí.


jueves, 22 de marzo de 2018

Exposición: "A olería en Galicia: unha mirada a partir dos fondos do Museo Etnolóxico. Ribadavia"

A exposición: "A olería en Galicia: unha mirada a partir dos fondos do Museo Etnolóxico. Ribadavia" comisariada por Víctor Manuel Castro Carballal rompe co relato tipolóxico habitual neste tipo de exposición sobre olería. 

Partindo do traballo singular de José Manuel Varela e Luciano García Alén, detense en aspectos como a asociación da artesanía cun determinismo económico ou a concepción da olería dun determinado estrato da poboación. Un discurso froito dunha mirada crítica que busca a ligazón entre o pasado da olería e o presente da artesanía "artística".
A exposición estrutúrase nos seguintes bloques:



-Carácter rural e popular da olería: onde se reflexiona acerca da relación entre o produto que sae dos centros oleiros e os grupos sociais que o adquire.

-A voltas coa funcionalidade e a estética: o vidrado e a cor: trata sobre os usos para os que son destinados e o correspondente impacto dos cambios económicos, sociais e tecnolóxicos nunha produción en ocasións enfocada a satisfacer funcionalidades concretas.
  

-O simbolismo: encárase a decoración e o simbolismo dende o universo mental dos grupos sociais que consomen as vasillas feitas polas mans de oleiros e oleiras da terra. Non se deixa de lado neste punto a revelación que sobre a decoración tivo a expansión do ferrocarril e con el a chegada de produtos foráneos e a súa sutil adaptación ao gusto local. 






canabarro de Tioira coa sinatura: "Antonio de Santiago"


-Reflexionando sobre a autoría: nesta parte da exposición abórdase a pegada do autor na súa obra, as repostas aos cambios na realidade sociocultural e económica e a procura dunha creatividade desligada do uso tradicional das pezas.

 Na parte final da exposición faise unha reflexión crítica acerca dos procesos de posta en valor destes bens do noso patrimonio cultural falando de: Crise e repunta, De artesán a artista? e de  Patrimonializacións






A exposición compleméntase cun catálogo, que permite conservar no tempo o contido da mostra, pero, sobre todo, serve para, reflexionar sobre as propostas explicitadas do discurso.
Na introdución do catálogo o comisario reflexiona sobre os motivos e a opción deste discurso sobre a olería en Galicia partindo da colección do Museo Etnolóxico:


"O Museo Etnolóxico. Ribadavia, custodia nas súas salas de reserva un número destacado de obras alusivas á actividade oleira. O groso da colección intégrano compras puntuais e doazóns, sendo o legado máis significativo o composto por un volume de 238 pezas cedidas pola Obra Sindical de Artesanía, ao peche da I Mostra de Cerámica Galega, celebrada co gallo do Ano Santo Compostelán e das Festas de Ourense no ano 1971. Xunto a estas creacións, atopamos en moita menor medida outras de louza importada, sobresaíndo as achegas do Sur peninsular e exemplos de porcelana.

Conforman un catálogo un tanto heteroxéneo, no que a tipos, cronoloxía e procedencia se refire. Teñen presenza no MER un total de dez núcleos produtores. A saber: Buño, Gundivós, Loñoá, Lovios, Mondoñedo, Niñodaguia, Portomourisco, Ramirás, Rubiá e Tioira.


cazolo do pingo. Tioira.

En canto a instrumental vencellado coa artesanía, o centro atópase completamente orfo e o arquivo documental non é quen de suplir as carencias citadas.
Estas limitacións van condicionar o guión expositivo, xa que o que se pretende é elaborar un relato privilexiando os fondos propios.

Unha exposición baseada nos procedementos: extracción da materia prima, preparación, torneado, cocción e comercialización, non sería viable polas limitacións enunciadas.

Unha mostra ao uso, como se teñen desenvolvido tantas outras, na que o discurso estea marcado polas tipoloxías (sucesión de formas e tipos) tampouco sería posible, posto que non contamos coa presenza de tódolos centros e algúns están vagamente reflectidos. Esta vía obrigaríanos a acoutar o marco xeográfico. 

Cómpre considerar a posibilidade de realizar outras aproximacións ao tema, coma a centrada en cuestións de xénero. Recentes estudos están a retomar o argumento, poida que influídos e condicionados pola presión irradiada das patrimonializacións fundamentadas neste aspecto".

Agradecer a artesáns e artistas que cederon obras para esta exposición: Juan José Unzueta, Xosé Poldras, Agustín Vázquez, e a Erika Mel, Tesouro de Barcala e Pazo de Ferreiroá.