Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo
Mostrando entradas con la etiqueta TRADICIÓNS. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta TRADICIÓNS. Mostrar todas las entradas

lunes, 5 de abril de 2021

En abril festexamos...

Cos festexos de abril rematamos coa serie de festividades mensuais que iniciamos o ano pasado durante o confinamento e que continuamos ata completar un ano. 

Neste cuarto mes do ano Pilar Vilaboi cóntanos historias, lendas de festividades e advocacións coma a de Casilda, Bieito, Telmo, Montserrat, Pedro Mártir... onomástica coma a de Antía procedente do grego Anthía que significa ‘extraída das flores’, Xurxo, procedente do grego Georgios que significa ‘labrego, agricultor’, e moito máis...

Premendo nos enlaces pódese descargar e consultar o texto completo.

 


                                                          Descarga preme AQUÍ

                                                          Consulta preme AQUÍ 

 

 
 [Fragmento do traballo de Pilar Vilaboi Freire]

 

Abril é o cuarto mes do ano no calendario gregoriano e un dos catro meses que teñen 30 días. Era o segundo mes do ano no antigo calendario romano antes de que se engadira xaneiro e febreiro arredor do ano 700 a. C. Os antigos romanos chamábano aprilis en latín. Non se coñece exactamente a orixe de abril. Quíxose relacionar co verbo aperire (‘abrir’) pola suposta forma aperilis, asociándoo a que neste mes a primavera abre a terra, as flores; pero non hai un fundamento etimolóxico que o sustente. Tamén se propuxo como orixe o grego aphrós (‘escuma’). Este nome garda un parecido con Aphrodite, palabra grega e nome da deusa mitolóxica Afrodita, que os romanos chamaban Venus.

 

                                                     Foto Carmen Villar @CarmedeMilmanda

 

Comezarei por un nome bendito: Bieito procede do latín Benedictus. Deste nome deriva o apelido Bieitez ou Bieites, grafados frecuentemente como Vieitez ou Vieites. O do 4 de abril é San Bieito de Palermo. San Bieito o mouro, de raza negra, celébrase en Pontevedra nas parroquias de Angoares (Ponteareas) e en Santa Cristina de Covas (Meaño), a onde van os romeiros da redonda na procura de alivio para as dores de cabeza, dos ollos e dos peitos. Tamén congrega moitos romeiros na comarca da Limia, a igrexa de Parada de Outeiro no concello de Vilar de Santos onde se venera a San Bieito ‘Preto’, pola talla desa cor. Existe a expresión Vai andar o San Benito de Palermo, importada do castelán, que significa ameaza de tunda, castigo físico xa que Palermo evoca a palabra palo.

Así e todo, o san Bieito de máis sona en Galicia é o de Lérez, con dúas celebracións no ano: no inverno (21 de marzo) e no verán (11 de xullo). Trátase dun santo moi avogoso para a curación de espullas e outros males da pel. Os devotos mollan os panos no aceite milagreiro e despois pásanos polas espullas. Foi popularizado no folclore galego como o santo máis milagreiro de todos: Se vas ó San Benitiño / non vaias ao de Paredes / que hai outro máis milagreiro / no conventiño de Leres.

[...]

 

lunes, 1 de marzo de 2021

En marzo festexamos...

 Os festexos de marzo, entrada do equinoccio de primavera, son variados en Galicia. Pilar Vilaboi mergúllanos nas historias, lendas, tradicións da festividade do Día da Muller, do santo Adrián, da santa Francisca Romana, a romaría do Corpiño, o san Xosé... Coma tódolos meses son moitos os refráns e ditos deste mes de marzo: "Marzo marzolas ou Marzo marceiro: pola mañá cara de can, e pola tarde falangueiro".

 Premendo nos enlaces pódese descargar e consultar o texto completo.

 

                                                    

                                                                Descarga preme AQUÍ
                                                                

                                                                Consulta preme AQUÍ 

  

 [Fragmento do traballo de Pilar Vilaboi Freire]

 

 O mes de marzo é o terceiro mes do calendario. É coñecido tamén como mes de san Xosé por ser a festa de máis tradición no mes. O 21 de marzo é no hemisferio norte o primeiro día da primavera, pois cadra xeralmente co equinoccio de primavera. Aínda así chámanselle frebas de marzo aos primeiros días do mes, porque nestes días adoita facer mal tempo, como fixo en febreiro. Hai a crenza popular de que a lúa de marzo é a máis indicada para podar as árbores: os castiñeiros en minguante e os carballos en crecente, como apunta Eladio Rodríguez no seu Diccionario enciclopédico. Hai refráns vencellados ao san Marcos do 23 de marzo, como O millo polo san Marcos, nin nado nin no saco, e expresións que remiten ao tempo tolo e inconstante do mes, como Marzo marzolas ou Marzo marceiro: pola mañá cara de can, e pola tarde falangueiro. Cómpre lembrar que marzal non se debe usar como substantivo senón como adxectivo: Pascua marzal, trigo marzal. Outro adxectivo que alude ó mes é marza, que aparece en pega marza ou marceña, denominacións do gaio (Garrulus glandarius).

[...] 


Santuario Nosa Señora do Corpiño. Foto Vania López Arias

                                                  

 

O día da Anunciazón, as derradeiras xiadas son, e isto é o 25 de marzo. Comparte advocación coa Nosa Señora do Corpiño, máis coñecida coma O Corpiño, nome diminutivo do substantivo corpo. Hai quen di que o diminutivo é porque a santa é de medio corpo. Se o nome fose anterior á actual imaxe, faría alusión a un corpo santo enterrado. O santuario localízase no lugar do Corpiño, na parroquia de Santa Baia de Losón, no concello de Lalín, e, ademais de en marzo, celebran a sonada romaría o 23 e 24 de xuño. Converteuse nunha advocación mariana de intensa devoción en casos de males estraños, meigallos, mal de ollo, ramo cativo, doenzas psíquicas, etc. O sacerdote ponlles aos enfermos en diversas partes do corpo unha reliquia que, disque, ten pelo da Virxe. Canto á tradición oral, tivo en tempos moita devoción nos apuros da guerra, como se ve na cantiga Viva a Virxe do Corpiño, / orgullo da nosa terra, / que librou a moitos quintos / da dura morte da guerra!; ou estoutra: Quen é aquela Señora / que vai por aquel carreiro ? / É a virxe do Corpiño / que vai ver a do Cruceiro.

[...]

lunes, 1 de febrero de 2021

En febreiro festexamos...

Pilar Vilaboi Freire axúdanos a lembrar os festexos e tradicións do mes de febreiro en Galicia, algunhas das festas xa anuncian ó despertar da natureza "Cando a Candeloria chora, medio inverno fóra", por suposto a diversidade e riqueza do Entroido, san Brais, santa Ágeda, santa Lurdes... 

Premendo nos enlaces pódese descargar e consultar o texto completo.

 


                                                        

                                                                Descarga preme AQUÍ

                                                                Consulta preme AQUÍ 

 

   [Fragmento do traballo de Pilar Vilaboi Freire]

 

 

Febreiro é o segundo mes do ano no calendario gregoriano e o que menos días posúe: ten vinteoito días os anos normais e vintenove os bisestos. Foi chamado así en honor ás februa das Lupercales: celebraban unha festa anual de purificación da Antiga Roma chamada februa (de februum, unha especie de correa) nunha data que hoxe se identifica coma o 15 de febreiro. Tras a fundación de Roma e o xurdimento do Imperio Romano, a urbe tomou prestado o nome das festas februas para designar o mes nas que estas tiñan lugar, que daquela era o último do ano. En canto a refráns referidos a este mes temos: A suga de febreiro fai o lameiro; A castaña e o besugo, en febreiro non teñen zugo; ou A chuvia de febreiro fai o palleiro. Algúns recitados falan tamén deste mes:

Dixo no monte unha vella:

Vaite, febreiriño corto,

cos teus días vinte e oito,

que, se tiveses máis catro,

non quedaría can, nin gato.

Febreiro contestou moito:

Os teus becerriños oito

deixa que meu irmán marzo

hachos de volver en catro. 

...


 

 
Foto Santiago Garrido @santiagogrial 
 
  

O 2 de febreiro festéxase o día da Candeloria ou das Candeas. O seu étimo procede do latín candelorum ‘das candeas’, da voz candela, derivado de candeo ‘arder’. Da forma Festum Candelorum ‘festa das candeas’ elaborou o pobo o nome Candeloria (ben documentada no uso e nos refráns), que alterna co uso da forma posterior Candelaria, posiblemente por influxo do castelán. O cultismo Candela está competindo coa patrimonial Candea, que debe preferirse. Ese día lévanse bendicir as candeas á Igrexa e cando se precisan acéndense para calmar as treboadas, esconxurar o trono ou para acompañar o viático poñéndollas nas mans dos moribundos. Crese que os nenos que morreron sen bautizar e que, polo tanto están no limbo, permanecen en perpetua escuridade e só poden ver a luz do día o día da Candeloria. Segundo a crenza popular ese día casan os paxariños e é tamén a festa do amor e do apareamento de todo o reino animal. En Verín van na procesión unhas nenas levando dúas pombas e unha torta. Na Coruña, as nais ás que lles morreu un meniño antes de bautizar acenden unha candea; Vicente Risco menciona que as cigarreiras da cidade colocaban na igrexa candeas acesas sobre feixes de romeu, en memoria dos pobres cativos. No sábado máis próximo a este día celébrase a Festa do Lume, que é unha xuntanza dos cristiáns galegos da asociación Irimia. É patroa das Illas Canarias. É moi sonado o refrán: Cando a Candeloria chora, medio inverno vai fóra; que chore, que deixe de chorar, mitá do inverno está por pasar; e estoutros: Virxe da Candela, que non me trabe can nin cadela; e Señora das Candelas, polas túas xulga as alleas. 

miércoles, 30 de diciembre de 2020

En xaneiro festexamos...

Pilar Vilaboi Freire axúdanos a iniciar este 2021 de pandemia pensando, lembrando e reflexionando sobre algúns dos festexos do mes de xaneiro coma a Festa dos Fachós de Castro Caldelas. Explícanos o que son as "sortes" e as "resortes" tan importantes para o resto do ano, así como outras tradicións, historias, refráns, hagiografía: san Xián "é parricida e hospitaleiro é, como di Flaubert, a versión cristiá de Edipo", santo Amaro "Conta a lenda que Amaro emprendeu unha peregrinación para chegar ao Paraíso"...

E moito máis que encontraredes neste texto de Pilar Vilaboi premendo nos enlaces.

 


                                                                  

                                                                              Descarga preme AQUÍ

                                                                              Consulta preme AQUÍ

 

 

             [Fragmento do traballo de Pilar Vilaboi Freire]

 

Xaneiro é o primeiro mes do ano no calendario gregoriano. A orixe do seu nome está na denominación latina Ianuarius para o undécimo mes do ano (o primeiro a partir da reforma de Xulio César), que viña sendo o mes dedicado ao deus Xano. Existe a crenza de que os primeiros doce días do mes prognostican o que vai acontecer nos meses correspondentes: o tempo que fai o día 1 será o tempo que fará en xaneiro, o do día 2 corresponderá a febreiro etc. Esta anticipación meteorolóxica chámase as sortes. As resortes son os doce días seguintes, do 13 ó 24, e serven para ratificar ou contradicir ao prognóstico que anunciaron as sortes. Os pechos son do 25 ao 28 de xaneiro e anuncian o tempo da primavera, verán, outono e inverno. Canto ás lúas dise que a lúa morta, a lúa de xaneiro, é a mellor para matar o porco. A lúa crecente seguinte será a adecuada para salgalo se se quere que medre a carne na artesa e no minguante seguinte para afumalo e curalo. Nunca debe matarse con lúa chea porque o touciño aluaría, nin se deben podar as viñas porque a lúa morta de xaneiro as deixaría aterecidas coa xeada. Este mes tamén se coñece como mes de san Antón, polo 17 de xaneiro. Existe a locución andar á xaneira, que en sentido recto significa estar as gatas en celo e, por extensión, sobre os mozos que andan pola noite buscando aventuras amorosas. Algúns refráns sobre este mes son: A auga de xaneiro mata ao usureiro; ou Pito de xaneiro, vai coa súa nai ao poleiro.

 ...

 

                                                  Festa dos Fachós de Castro Caldelas. Foto Patricia Cid Blanco
 

O día 20 celébrase san Sebastián, nome que provén do latín Sebastianus, derivado do grego sebastós ‘digno de respecto, venerable’. Posiblemente estea emparentado con este nome o topónimo Sabaxáns en Vigo, xa que está ben documentado o uso da variante Sebaschán. Na Cartografía dos apelidos de Galicia só hai 270 casos de Sebastián como apelido, ningún caso de Sabaxáns nin de Sebaschán nin do feminino Sebastiana. É un dos santos máis antigos no culto hispánico, desde o século VI. Foi avogoso da peste durante a Idade Media ata que a finais do século XV a xente empezou a confiar en san Roque. Coñécese o Voto que lle fixo a vila de Pontevedra no 1515: en 1832 únese a este culto o de san Roque, pero faise constar o dereito que ten san Sebastián nesta vila. É patrón da vila de Pontevedra e titular de 13 parroquias. En Castro Caldelas celebran a Festa dos Fachós a véspera de san Sebastián, o día 19, cunha procesión nocturna de fachos; nela van dicindo: Viva san Sebastián i o bispo i o can! San Sebastián deu nome neolatino a Donostia, en Euskadi, e a Sebastopol, na costa de Crimea en Ucrania. Canto a tradición oral, aparece en refráns como: Mociño San Sebastián, saca ás nenas a pasear; Andar, barquiñas, andar, que san Sebastián non vos colla no mar; ou As verzas de Fontán cóllense por san Sebaschán.

viernes, 27 de noviembre de 2020

En decembro festexamos...

Pilar Vilaboi envólvenos neste texto nas celebracións do mes de decembro en Galicia. Achéganos á tradición a través de refráns, historias, cantigas: "Se polo Nadal neva, todo se aleda"; mais tamén á etimoloxía de nomes e apelidos, á hagiografía das santas e santos celebrados neste último mes do calendario gregoriano e décimo do romano: santa Bárbara, santa Baia, santa Lucía, san Silvestre, san Estevo, Domingos... 

Na Noiteboa non recollades a mesa que as ánimas tamén queren celebrala e por suposto acender o "lume novo".

Para gozar con todas as historias podedes descargar o consultar nos enlaces o texto completo de Pilar Vilaboi Freire.

 

 

Descarga preme AQUÍ
                                                                                      Consulta preme AQUÍ

 

 

[Fragmento do traballo de Pilar Vilaboi]       

 

O mes de decembro é o duodécimo e derradeiro mes do ano no calendario gregoriano; o seu nome procede do latín decimus, xa que era o décimo mes do calendario romano. Tamén se coñece como mes de Nadal ou O Nadal, por ser unha das festas sinaladas do mes e o conxunto de celebracións que comezan na Noiteboa, a noite do 24 de decembro, e rematan cos Reis, o 6 de xaneiro. Decembro tamén recibe segundo o Glosario de voces galegas de hoxe, de Constantino García, en Dumbría, o nome de mes de Santa Baia. Hai moitos refráns que aluden ao mal tempo destes días: Cando Nadal nada, sinal de boa anada; Entre Santos e Nadal, inverno caroal; Nadal mollado e xaneiro ben xeado; No mes de Nadal, a carón da lareira vaite sentar; No Nadal inverno a fartar; ou Se polo Nadal neva, todo se aleda.

...

[Canteiros en Vigo]. Foto Llanos. 1935. Fondo Fotográfico Museo Etnolóxico

 

O 31 é San Silvestre, do latín Siluester, testemuñado como nome só en época cristiá. Para os romanos era unha palabra de significado transparente por corresponder ao adxectivo silvester ‘boscoso, habitante dos bosques’ e de aquí ‘salvaxe, rústico’. É aínda un adxectivo de uso común co seu significado orixinal. San Silvestre é invocado contra os males da gorxa e como protector do gando bovino; tamén é patrón dos albaneis e mais dos canteiros. Foi un nome que se puxo de moda nos anos 90 nos Estados Unidos pola sona do actor Sylvester Stallone da serie de filmes Rambo. Tamén é un sonado personaxe O Gato Silvestre (orixinalmente Silvester J. Pussycat) dos debuxos animados americanos Looney Tunes. Xerou refráns como: San Silvestre, meigas fóra!; ou O día de san Silvestre vai nun ano e vén noutro e non se despe; e ditos como: San Silvestriño das perniñas tortas / avogadiño das nenas de Portas. Tamén se festexa nalgúns lugares este mesmo día Santa Comba, da que xa falamos no mes dedicado a agosto.

viernes, 30 de octubre de 2020

En novembro festexamos...

No noveno mes do calendario romano en Galicia celébranse festas sinaladas que na tradición oral dánlle, incluso, nome a este mes: Mes de Santos, Mes dos mortos ou de San Martiño. Pilar Vilaboi ademais das historias e lendas das onomáticas deste mes sobre Margarida, Uxío, Sabela, Clemente, Martiño, Román, Bretonia... achéganos refráns e ditos desta época do ano na que xa cheira a inverno: “Entre Santos e Nadal é o inverso candeal” a magosto, a matanza e a viño novo...

Todas as historias, lendas, refráns recollidas por Pilar Vilaboi para festexar o mes de novembro no texto que podedes consultar ou descargar premendo nos enlaces. Aínda que en pandemia os festexos sociais están restrinxidos, sempre nos queda lembralos.

 

 


                                                                Descarga preme AQUÍ

                                                                 Consulta preme AQUÍ          

 

                                         

 

[Fragmento do traballo de Pilar Vilaboi]      

...

O día 2 é Día de Defuntos: por iso se coñece o mes como dos mortos ou mes
das ánimas. É un día no que se visitan os cemiterios para levarlles flores aos
familiares falecidos. En Tui tiñan o costume de botar un gran toco ao lume na noite
de defuntos para que as ánimas dos devanceiros mortos puidesen vir quentarse. En
Cambados dise que non se debe ir ao mar neste día para evitar coller nas redes aos
mortos. Por terras de Mondoñedo era costume no século XVI que os mozos fosen
percorrendo a aldea, de porta en porta, cantando coma en Nadal e pedindo pan,
carne, patacas, viño, etc. para os defuntos, ben que logo comían todo o recollido nas
súas casas. Esta práctica foi condenada polo Sínodo do bispado de Mondoñedo en
1541. Exemplos de tradición oral temos os refráns: No mes dos mortos mata os teus
porcos; ou No mes dos Santos e Defuntos mata os teus porcos e vai facendo bo
caldo cos untos, nos dous casos aludindo á matanza.

 

                               Carballeda de Avia. Foto Fernando del Río. 1988. Fondo Fotográfico Museo Etnolóxico
 

 ...

 E rematamos cunha estrofa do poema de Cuña Novás titulado Novembro:


[...] Unxe a moucho a esperma árdiga

que alcende a dubidosa chama marela do recordo

e o seu ouvido ecoa a nocturna servidumbre dos mortos. [...]

jueves, 1 de octubre de 2020

En outubro festexamos...

"O mes de outubro é o décimo mes do ano do calendario gregoriano, aínda que o
seu nome vén de ter sido o oitavo (octavus) mes no calendario romano. Outros nomes
populares son o mes de outono, de San Lucas e do Rosario. Neste mes próbase o viño
novo da vendima e envásase, como din os refráns: Polo san Lucas solta os bois, mata
os porcos e tapa as cubas
; ou San Simón proba o viño e o porco San Martiño".

Así comeza Pilar Vilaboi o seu texto no que nos anima a lembrar festas, festexos, tradicións, onomásticas, refráns do mes de outubro. o texto completo pódese consultar e descargar nos enlaces do pé de foto.

                                                                   
                                                                                   Descarga preme AQUÍ                                                             

                                                                                   Consulta preme AQUÍ

 

 [Fragmento do traballo de Pilar Vilaboi] 

...

O 18 outubro festexamos a San Lucas, nome de orixe no grego Lukas, forma
hipocorística de Lukanós ‘oriúndo de Lucania’, latinizado en Lucas ou Luca. Non se
desbota que proceda do grego Lukius ou do latín Lucius ‘luminoso’. Este xudeu naceu
en Antioquía onde era médico. Convertido por san Paulo, seguiu ao seu mestre nas
viaxes por Grecia e Italia. San Lucas é un dos catro evanxelistas, o que escribiu o
terceiro Evanxeo. É un dos patróns dos médicos e en Galicia tamén da Facultade de
Medicina e dos concellos de Chantada, Mondoñedo e Pastoriza. Unha das máis sonadas
feiras tradicionais é as San Lucas de Mondoñedo. A orixe das festas atribúeselle ao
bispo Martiño, que as iniciara para celebrar a consagración da catedral en 1246. Pero
todo apunta a que o seu inicio se remonta a 1156, ano en que Afonso VII concedera
unha festa de oito días. Estas feiras das San Lucas, que en tempos duraron 15 días, son
fundamentalmente de gando do monte. Actualmente duran cinco días: o 16 ábrese
oficialmente a festa co pregón na xornada das Revésperas; o 17 son as Vésperas, o 18 é
o propio día de San Lucas, o 19 coñecido como Día do Medio e o 20 remata coas
Maulas, día en que os feirantes venden os últimos produtos a metade de prezo. Deu
lugar a refráns referidos ás uvas: Polo san Lucas, saben as uvas, porque hai poucas ou
ningunhas; Entre san Lucas
(18-10) e san Xudas (28-10) cóllense as uvas; pero tamén a
outros traballos da terra: Por san Lucas bois ao arado, que enxoitos que mollados; Pola
semana de san Lucas, suca, boi, suca.

 

                                                        Autor do cartel Xosé Vizoso. 2019

                                                  

 

                                                                                          

martes, 1 de septiembre de 2020

En setembro festexamos...

Pilar Vilaboi continúa achegándonos historias, lendas, refráns... asociados a algunhas das datas festivas significativas de Galicia, nesta ocasión referentes ao "septimus" mes do calendario romano, ao mes das festividades de San Miguel, San Mateo, Virxe dos Remedios, do Portal, dos Milagres... ao mes dos figos migueliños e cirolas migueliñas que apunta Eladio Rodríguez, como di o refrán: "En setembre e outono, bebe o viño vello e deixa estar o novo".

O texto de Pilar Vilaboi pódese conusltar no enlace de issuu e tamén descargar no enlace de google drive

 

Descarga preme AQUÍ   

                                                                   Consulta preme AQUÍ

 

 

                                               En setembro festexamos...

                      Pilar Vilaboi Freire 

 

 

    O mes de setembro é o noveno mes do ano no calendario gregoriano, pero o seu nome provén da mesma raíz latina ca sétimo (septimus), xa que era este mes no calendario romano, que empezaba en marzo. Tamén é coñecido como mes de San Miguel, San Mateo ou da Virxe dos Remedios, por seren calquera das tres advocacións de moita tradición no mes. Segundo Eladio Rodríguez temos, figos migueliños e cirolas migueliñas, son aquelas froitas que maduran polo San Miguel, cara aos últimos días de setembro; e refráns sobre este mes onde se fala do viño: En setembre e outono, bebe o viño vello e deixa estar o novo; das inclemencias do tempo: Setembre, ou leva as pontes ou seca as fontes ou con alusións a datas concretas: Por Santa Erea (18 setembro), toma os bois e semea; por San Martiño (11 novembro), nin fabas nin liño.

...

 

                                Figuras de pan de Santo André de Teixido, os chamados “Sanandresiños”

                                               Foto Pilar Vilaboi Freire @PilarVilaboi.

 


O 8 de setembro tamén é costume peregrinar a Santo André de Teixido, aínda que tamén hai outra data máis no inverno, o 30 de novembro. Este santuario de Teixido (A Régoa, Cedeira) está nun escarpado acantilado na serra da Capelada e representa para os galegos unha cita obrigada de peregrinaxe para todo bo fillo do país, pois A San Andrés de Teixido vai de morto o que non foi de vivo. Algúns defuntos fan a peregrinación no corpo dun animal, de aí que se respecten os animais que van polo seu camiño –sapos, cobras, lagartos, paxaros- pois ben puideran ser almas dos defuntos que en vida non cumpriron. A tradición asegura que, se o animal camiña cara ao Norte, é sinal de que esa alma vai á redención. Outros defuntos reciben a axuda dun vivo: con frecuencia os autobuses chegan a Teixido cun certo número de asentos baleiros que os familiares reservan para a alma dalgún devanceiro. San Andrés é un santuario de morte, pero tamén da saúde; así, bótanlle pedras no tellado e din San Andrés, unha pedriña para o ano que vén voltar sanciña. Mais tamén o é do amor, xa que mozos e mozas acoden a el para encontrar con quen casar. Alí buscan a herba de namorar, tamén coñecida como empreñadeira (Armeria maritima) -corresponde co caravel mariño-, planta marítima que os devotos adoitan recoller en Teixido para adornar e completar con ela o ramo da romaxe, que é unha vara longa de abeleira coas tradicionais rosquillas e ornamentais pólas de teixo. Algunha copla fala do afastado lugar: Tres días hai que non como, / tres días hai que non durmo / para ir á san Andrés / que está no cabo do mundo; outra da romaría: Fun ao santo san Andrés, / fun coa miña empanada, / anque o santo é milagreiro, / é amigo da foliada; e tamén este refrán: Polo vran a san Andrés moitos van, o resto do ano vai o que vai.

...

E remato cuns versos de Aquilino Iglesia Alvariño titulado Setembro:

[...] Que tenro e fino ven o musgo novo

coa iauga do setembre verdecido!

No medio dos carballos, nun relanzo,

as pilas de follasca, qué ledicia [...]


viernes, 31 de julio de 2020

En agosto festexamos...

Percorrido de Pilar Vilaboi polas tradicións festeiras do oitavo mes do ano, o mes da malla. Ademais de explicarnos a etiomoloxía dos nomes de santos e santas, tamén nos fala de lendas asociadas ó santoral de cada día, as particularidades das romerías e os refráns e cantigas, demostrando unha vez máis a interconexión en Galicia entre as tradicións cristiás e as pagás, idiosincrasia da relixiosidade popular galega

Aquí chegamos partes do texto que podedes ler completo e descargar premendo nos enlaces.




                                                             
                                                                                     Descarga preme AQUÍ

                                                                                     Consulta preme AQUÍ




                       En agosto festexamos...

                                                       Pilar Vilaboi Freire



Agosto é o oitavo mes do ano no calendario gregoriano. Púxoselle este nome en honor ao emperador romano Octavio Augusto (Octavianus Augustus). Anda tamén polo mes da Nosa Señora e de san Roque, por ser festas moi populares as do 15 e 16 de agosto respectivamente. Tocante á cultura popular, podemos destacar que a lúa crecente de agosto é a mellor para que lle aproveiten os baños a un enfermo e, xa que neste mes se colleita o cereal (trigo ou centeo), tamén se lle chama o mes da malla, pois, como di o refrán: Agosto pasou, quen mallou, mallou. Hai proverbios que refiren a excepcionalidade: Agosto e vendima non son cada día, e si cada ano, us con proveito e outros con dano; outros, ao tempo atmosférico: A chuvia no mes de agosto non é chuvia que é mel e mosto.
...

 Ermida de santa Comba (Covas, Ferrol). 
Foto Xosé A. F. Salgado @pepinsalgado


Tamén o 25 de agosto honramos santa Comba, antigo nome galego procedente do latín columba ‘pomba’, animal sagrado de Venus. Esta ave é o símbolo da paz no Antigo Testamento e do Espírito Santo no Novo. Orixinou o haxiotopónimo Santa Comba, cos seus equivalentes en castelán e catalán, Santa Coloma. Co hipocorístico Colometa é como lle chama con agarimo Quimet á protagonista da Praza do Diamante de Mercè Rodoreda. Santa Comba é unha das santas máis antigas no culto hispánico, desde o século IX, ten un culto ancestral en Galicia. Certa tradición popular conta que a santa fora unha meiga conversa, e por iso o seu culto aparece unido por veces aos outros ex-meigos como San Cibrán e san Silvestre; de aí o refrán: San Silvestre e santa Comba: / si eres meiga salta fóra. Santa Comba de Bértola (Pontevedra) ten sona de ser curadora do meigallo, xunto co seu veciño san Cibrán de Tomeza, e a romaxe debe ser conxunta, en “santo concubinato”: O que vai a santa Comba e non vai a san Cibrán, fai a viaxe en van, di o refrán. A santa Comba de Galicia é a de Sens, do século III: xa desde a época visigótica existe a igrexa limiá de Santa Comba de Bande do século VII, patroa das meigas. É titular de 14 parroquias, aínda que hai sitios que o celebran o 12 de agosto ou o 31 de decembro.
...

E rematamos cuns versos de  Manuel Luís Acuña titulado Agosto:
[...]Castela regateira, merca suor e callos. 
Hala! Hala pra Galiza, que hai brétemas e orballos
e festa nos regatos e prata nos outeiros.
Por sangue novo e rexo Castela dá diñeiros.


O meu agradecemento a Pepe Barro @BarroDesign por facilitarnos as fotos da máquina de mallar formada polo acrónimo CAM(polongo)PE(rez)VA(rela). Tamén a @pepinsalgado polas fotos de Santa Comba e San Bartolomeu.