Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo

lunes, 22 de abril de 2013

BOOKCROSSING DA BIBLIOTECA DO MUSEO (23 ABRIL: DÍA INTERNACIONAL DOS LIBROS)


                     
                O día 23 de abril, Día Internacional do Libro, máis de 70 Bibliotecas de Museos de toda España únense nunha actividade conxunta de bookcrossing liberando 3.000 libros en espazos públicos. O obxectivo é que as persoas que encontren estes libros os liberen de novo -despois de desfrutar deles- en calquera parte do mundo para que outras persoas volvan a gozar deses libros; as bibliotecas dos museos contribúen así a fomentar a lectura e buscan tamén mellorar a súa visibilidade cara aos usuarios.
A Biblioteca do Museo Etnolóxico. Ribadavia (Ourense) únese por segundo ano consecutivo a esta iniciativa, promovida pola Biblioteca-Centro de Documentación do ARTIUM, Centro-Museo Vasco de Arte Contemporáneo de Vitoria-Gasteiz e liberará arredor de 20 libros das publicacións propias, duplicados e doazóns que fan particulares para esta acción.
 Como novidade, este ano establecemos unha colaboración con profesoras da Universidade de Vigo do Campus de Ourense para implicar ao estudantado universitario na liberación dos libros; cunha charla nas aulas darase a coñecer o movemento bookcrossing e farémoslles ver que o interesante desta actividade é seguir o percorrido do libro polo mundo.
Todos os libros liberados estarán acreditados coas etiquetas, conterán as instrucións para facilitar ao lector a súa participación na campaña e estarán rexistrados na páxina web www.bookcrossing-spain.com, onde os lectores poderán indicar o lugar onde liberarán cada exemplar.
O éxito da liberación do ano pasado fixo que decidísemos incluír nas sala s de exposición do Museo unha zona oficial de liberación de libros, durante todo o ano as persoas que visitan o Museo poden unirse a este movemento de captura e liberación de libros.
No blogue da Biblioteca do Museo hai máis información sobre a liberación do ano 2012:

martes, 16 de abril de 2013

MULLERES ANTE A ADVERSIDADE: TEMPOS E CONTRATEMPOS- Exposición en liña

           

                    


           O Museo Etnolóxico participa, dentro da iniciativa Patrimonio en Femenino do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, na exposición online e no catálogo en liña de Mulleres ante a adversidade: tempos e contratempos.A edición deste ano ten como obxectivo ofrecer aos usuarios unha visión específica do papel desempeñado polas mulleres de diferentes sociedades e épocas en momentos de adversidade, transformación e cambio. A través de 94 bens culturais, procedentes de 36 museos integrados na Rede Dixital de Coleccións de Museos de España, CERES, articúlanse catro eixes expositivos: as mulleres ante o cambio social, os períodos de subsistencia e supervivencia, os conflitos e as transformacións políticas, e os propios cambios habidos no ámbito do privado e o persoal. Unha quinta categoría analiza, baixo o epígrafe Nomes propios, o papel de mulleres relevantes que padeceron a adversidade en múltiples facetas da súa vida pública e privada.
A exposicións consta das seguintes seccións: Cambio social, Subsistencia e supervivencia, Conflictos e transformacións políticas, En clave persoal, Nomes propios.

viernes, 1 de febrero de 2013

jueves, 29 de noviembre de 2012

UN CANTO E UNHA LUZ NA NOITE. Asociacionismo cultural en Galicia (1961-1975) Exposición temporal no Museo Etnolóxico.Ribadavia

INAUGURACIÓN: LUNS 3 DE DECEMBRO ÁS 20 HORAS
IGREXA DA MADALENA

ABERTA AO PÚBLICO: DESDE MARTES 4 DE DECEMBRO
HORARIO NA IGREXA DA MADALENA:
horario de mañá: 11,30-13,15 h. de  martes a venres e domingo:
horario de tarde: 17-19,00 h. de martes a venres:
luns, festivos e sábado: pechado.
CLAUSURADA O 5 DE XANEIRO DE 2013


Díptico con información
Catálogo a texto completo para descargar

jueves, 8 de noviembre de 2012

O MUSEO ETNOLÓXICO NO OUTONO FOTOGRÁFICO




O Museo Etnolóxico participa no Outono Fotográfico con dúas exposicións:

- SEÑORAS E SEÑORES, fotografías de Ricardo Alcalde
- APEIROS E LABORES NA VIÑA E NA ADEGA, fotografías de Santi Amil

               As fotografías destas dúas mostras estarán expostas na Igrexa da Madalena (Praza da Madalena, Ribadavia) desde hoxe co seguinte horario: xoves e venres desta semana de 18 a 20 horas, e a partires do martes 13 de novembro co seguinte horario: de 12,30 a 13,30 h. e de 18 a 20 horas de martes a venres.
Ata o 2 de decembro.

miércoles, 7 de noviembre de 2012

PROGRAMACIÓN DO ETNOLÓXICO PARA NOVEMBRO

CINE DE OUTONO: os venres 9, 16, 23 e 30 de novembro ás 20 h.

EXPOSICIÓNS: - no museo (Rúa Santiago 10):

                                               - LEMBRAR NO MUSEO
                                               - SEGUINDO O FÍO
                                               - A MIRADA DOS ESPAZOS
                              - na igrexa da Madalena (Praza da Madalena): 
                                  
                                      dentro do Outono fotográfico e ata finais de novembro

                                               - SEÑORAS E SEÑORES, fotografías de Ricardo Alcalde
                                               - APEIROS E LABORES NA VIÑA E NA ADEGA, fotografías de Santi Amil

jueves, 27 de septiembre de 2012

CINE DE OUTONO (I) 2012. Miradas etnográficas. Museo Etnolóxico



                  O próximo venres 5 de outubro, ás 20 horas, terá lugar a primeira proxección do CINE DE OUTONO (I) 2012 . Miradas Etnográficas, programado polo Museo Etnolóxico para os meses de outubro e novembro.
A primeira película en proxectarse será Milímetros, do director Xes Chapela e producida por Matriuska (Daniel Froiz). Está película foi estreada, en decembro de 2011, na sede do CGAI na Coruña e dende entón non foi vista en ningunha sala máis, o cal supón un valor engadido para este museo.
Haberá un acto de presentación deste documental ao que asistirá Xes Chapela, que nos desentrañará o proceso de recuperación destas antigas imaxes de Galicia e os detalles máis significativos da elaboración deste filme.


Cine de Outono (I). Miradas Etnográficas. 2012
             A imaxe, fotográfica ou filmada, supón para o coñecemento antropolóxico unha ferramenta sustancial. A imaxe, documental ou argumental,  proporciona un relato con singularidades e trazos propios, fedatarios sempre de acontecementos reais ou imaxinados que posibilitan achegamentos e reflexións etnográficas. O Museo Etnolóxico, persuadido da importancia da imaxe (fixa e filmada) quere iniciar un ciclo de cine, onde filmes con argumento e documentais mostran a súa fecundidade etnolóxica.
 

martes, 25 de septiembre de 2012

O MUSEO ETNOLÓXICO NA PRIMAVERA DOS MUSEOS

                                     O MUSEO ETNOLÓXICO E IBERMUSEOS


O Museo Etnolóxico (ribadavia-Ourense) é o único Museo europeo que participa no programa “A Primavera dos Museos” (na súa 6ª edición) que organiza o IBRAM (Instituto Brasileiro de Museus), dentro da plataforma Iberoamericana IBERMUSEOS.
Esta sexta edición da Prinmavera dos Museos (primavera no hemisferio Sur) –que se celebra entre o 24 e o 30 de setembro- responde ao lema A función Social do Museo.
Con tal motivo, a actividade coa que participa o Museo Etnolóxico durante a semana indicada é a organización de varias ‘visitas-taller’ ás exposicións abertas no Museo por parte de colectivos de varias institucións e entidades, entre elas algunhas das que levan varios anos colaborando no Programa Museo Aberto deste Centro: O Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Ourense (AFAOR), a Cruz Vermella de Ribadavia e o Fogar Residencial (de Maiores) de Carballeda de Avia.
As visitas e obradoiros programados terán lugar entre o martes 25 e o venres 28, uns de máña e outros de tarde.

-         Martes 25, ás 10 h: Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar

-         Mércores 26, ás 11.30h: Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Ourense (AFAOR)

-         Xoves 27, ás 18 h: Cruz Vermella de Ribadavia (grupo de discapacitados psíquicos)

-         Venres 28 (pendente hora): Fogar Residencial (de Maiores) de Carballeda de Avia.