Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo

martes, 22 de abril de 2014

Liberando libros = bookcrossing Día Internacional do Libro

Por terceiro ano consecutivo a Biblioteca do Museo Etnolóxico. Ribadavia participa, na liberación de libros xunto con 48  bibliotecas de museos de todo o estado español, para conmemorar no día 23 de abril o Día Internacional do Libro, esta iniciativa está organizada desde hai seis anos pola Biblioteca-Centro de Documentación ARTIUM de Vitoria.

Este ano a Biblioteca do Museo Etnolóxico liberará 11 libros procedentes de publicacións editatas polo propio museo, así como de doazóns e duplicados, de temas variados: fotografía, etnografía, catálogos de exposicións, literatura infantil, novela ... A liberación neste 2014 centrarase sobre todo no rural da comarca do Ribeiro, en lugares públicos: parques, beirarrúas, paseos fluviais, fontes, monumentos, bancos públicos, etc. de Arnoia, San Cristovo, Francelos, Castrelo de Miño, Leiro… pero tamén da vila de Ribadavia e da cidade de Ourense sempre co obxectivo de que a xente que encontre estes libros libres goce con eles e despois os volva deixar en calquera sitio público para que outra persoa poida desfrutar tamén con eles.
Tedes máis información no blogue da Biblioteca do Museo AQUÍ.

En Galicia participan nesta actividade tamén as Bibliotecas do Museo das Peregrinacións e de Santiago, do Museo de Belas Artes de A Coruña, do Museo da Marioneta en Lalín, do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) de Compostela, da Fundación Granell tamén en Compostela e do Museo de Arte Contemporánea (MARCO) de Vigo.
Vídeo presentación da campaña elaborado pola Biblioteca-Centro de Documentación ARTIUM de Vitoria onde aparecene todos as bibliotecas de museos que participan nesta liberación masiva de libros.

viernes, 11 de abril de 2014

Restauración dunha chaqueta de nena

A restauración da Chaqueta infantil feminina co nº de inventario 3658, tivo como obxecto a recuperación desta peza pertencente a un conxunto de indumentaria de finais do século XIX doado por Luisa Fernanda Redonet Alvarez, de Xubín, Razamonde (Ourense).

Esta prenda pertenceu a unha meniña falecida en 1892 á idade de 7 anos, segundo información, procedente da tradición oral familiar, que proporciona a doadora. Semella ser que a tía da pequena conservou as prendas desta, moi afectada polo seu falecemento a causa dun accidente doméstico.

Actualmente a chaqueta forma parte da exposición “Seguindo o fío”, que se pode visitar na segunda planta do museo. 




A intervención foi realizada por Luz Pedrido Pérez no taller de restauración do Museo Etnolóxico durante o ano 2012, baixo os principios básicos de lexibilidade da intervención, de estabilidade dos materiais aplicados e da reversibilidade dos tratamentos efectuados.


Un obxectivo do Museo Etnolóxico é dar a coñecer os procedementos e produtos utilizados na restauración da súa colección de tecidos e indumentaria, así como a complexidade das actuacións que sobre eles se practican, como queda de manifesto no informe da restauración elaborado pola restauradora Luz Pedrido Pérez.
Podedes consultar e descargar o informe neste enlace:

miércoles, 9 de abril de 2014

Homenaxe a Manuel Peña-Rey Bouzas



Manuel Peña-Rey Bouzas

A Asociación de Amigos da República de Ourense homenaxea na edición deste ano 2014 a Manuel Peña-Rey Bouzas. O Museo Etnolóxico súmase a esta homenaxe, tributada a unha persoa cunha traxectoria profesional, política e cultural exemplar. 

Manuel Peña-Rey fixo súa a ética como guía existencial e como norte do seu quefacer médico e político. O Museo Etnolóxico, do que é benefactor, goza hoxe da posesión da biblioteca de Chucho Sánchez Orriols grazas á bonhomía do propio Manuel Peña-Rey e de Xesús Aslonso Montero.


Catálogo editado do Legado de Sánchez Orriols
 O Legado de Jesús Sánchez Orriols depositado na Biblioteca do Museo Etnolóxico conta con 8849 volumes sobre todo con temas de ciencias sociais e humanas, filosofía, historia e política marxista, antropoloxía, historia de Galiza, unha interesante colección de literatura universal destacando polo excepcional a novela de misterio e unha importante fonoteca de mais de 1600 discos de vinilo de música clásica, jazz, pop e folk.
No catálogo do Legado de Jesús Sánchez Orriols editado pola Xunta de Galicia en 1997 Manuel Peña-Rey escribe un texto titulado "O noso amigo Chucho" do que entresacamos estas palabras:
 " Coñecín a Xesús Sánchez Orriols, Chucho, no ano 1965, cando, finalizados os meus estudios en Madrid, voltei a Ourense. Tódolos días, ó mediodía, un grupo de amigos con afinidades culturais, sociais e políticas xuntabámonos na librería Tanco: artista plásticos, escritores, profesionais, profesores, mestres e tamén algún traballador manual. Íamos mercar libros, moitos deles censurados, que só se atopan alí, pero sobre todo a "discutir".


  Actos 2014 Amigos da República AQUÍ

lunes, 31 de marzo de 2014

Recital-presentación libro-disco: "Farrapos de boneca" de Rochi Nóvoa





Pequeno recital poetico de Rochi Novoa, autora do libro-disco: "Farrapos de boneca" acompañada de Toño Iglesias e Dani Soldevilla. As letras de tódolos temas son de Rochi Nóvoa Vázquez , gravadas na casa de Rafa Ullán, copiados en CD Inmagen, editados e distribuidos por Rochi Nóvoa.
Entendeuse este CD como parte imprescindible do libro, para poder chegar a entender o significado total.
No blogue de Rochi Nóvoa podedes ver unha parte da súa produción artística: fotopoemas, videopoemas, pensamentos, poesía social    AQUÍ , así como no seu canal de youtube AQUÍ.
Máis información sobre o libro-disco: "Farrapos de boneca" AQUÍ e AQUÍ



 
Vídeo do poema: Terra, voz e música Servando Barreiro


Fotopoema de Rochi Nóvoa

viernes, 14 de marzo de 2014

Exposición: "Detrás da máscara" fotografías de Demetrio Monteagudo

O fotógrafo nado en Vigo, Demetrio Monteagudo, mantén desde o ano 1973 coa fotografía unha relación autodidacta, intermitente e bipolar que se pode permitir pola súa condición de afeccionado, en palabras do propio fotógrafo. 

Demetrio é membro da Asociación Fotográfica Galega (Phosgalicia). Mantén unha galería en Internet onde mostra as súas fotografías pódense ver AQUÍ.

A primeira vez que Demetrio foi a Laza corría o ano 1981 e algo prendeu nel para que seguira ata hoxe perseguindo estas mostras culturais e sociais que comparten moitos países.

Esta mostra de 26 fotografías de diferentes entroidos de Galicia e Portugal: "Destrás da máscara", poderase ver do 14 de marzo ao 26 de abril de 2014 no Local Social "Igrexa da Madalena" de Ribadavia

Horario: 
Martes a venres de 11,30 a 13,30 h e de 17 a 19 
Sábados e domingos de 12 a 14 h      
Luns e festivos pechado

Para descargar ou ver o folleto da exposición AQUÍ





 

 

lunes, 10 de marzo de 2014

"Tradición e modernidade". Exposición en liña

Dende o día 8 de marzo «Día Internacional da Muller» está dispoñible na rede a cuarta edición de Patrimonio en Femenino, iniciativa do Ministerio de Cultura, Educación e Deporte centrada na difusión de coleccioóns de museos integrantes da Red Digital deColecciones de Museos de España Cer.es, que desde 2011 tenta dar visibilidade o papel exercido pola muller en diferentes cultura, civilizacións e perídos históricos.

Nesta cuarta edición de 2014 a temática é "Tradición e Modernidade" e expóñense 75 bens culturais de 19 museos de todo o Estado Español, incluidos museos de Galicia como: Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, Museo Massó de Bueu, Museo das Peregrinacións e de Santiago, Museo de Belas Artes da Coruña e o Museo Etnolóxico. Ribadavia_Ourense, como vén acontecendo dende o inicio participa nestas exposicións en liña, nesta ocasión con sete fotografías: dúas imaxes na sección Fieis á tradición , catro na sección A difícil conquista da modernidade , nesta ocasión unha fotografía do Arquivo LLanos forma para da portada, e unha imaxe na sección Á última; as fotografías son procedentes dos fondos Foto Llanos, de Vigo, Foto Chao, de Ribadavia, e Foto Pacheco, de Ourense, todos eles forman parte do Arquivo Fotgráfico do Museo Etnolóxico.


Esta placa de vidro do Arquivo Llanos é a portada da sección: A díficil conquista da modernidade. Nun campo de fútbol, probablemente Balaídos, retrátase un equipo feminino de fútbol cun home que viste traxe e gravata. 
A imaxe ilustra a paulatina incorporación da muller á vida deportiva, neste caso á práctica do fútbol, unha forma de modernidade; ademais a localidade na que se fai a fotografía, a cidade de Vigo, é unha das entradas deste deporte en Galicia.


Este retrato de estudio do Arquivo Chao está incluido na sección: Á última, reflicte con rotundidade a modernidade acadada pola muller retratada, e tamén polo fotógrafo, nunha pose nova que, probablemente, é influencia das imaxes enviadas dende a emigración americana. 
O mantemento do pano de fondo semellando un interior non é óbice para que a muller adopte unha actitude que demostra a súa incorporación á modernidade nunha vila galega dos anos vinte do século XX.

As outras edicións nas que participou o Museo Etnolóxico son:  

"Patrimonio en feminino"

Pódesen seguir as actividades de Patrimonio en femenino polo seu Facebook