Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo

lunes, 29 de septiembre de 2014

VI xornadas internacionais de educación social e xerontoloxía

Este ano 2014 o Museo Etnolóxico foi convidado para participar nas VI xornadas internacionais de educación social e xerontoloxía co título: Boas prácticas: profesionalización e experiencias xeragóxicas, organizadas polo Colexio de educadoras e educadores sociais de Galicia (CEESG) e a Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo que terán lugar o mércores 1 de outubro no salón de actos Marie Curie do Edificio Politécnico do Campus de Ourense, o acceso o programa das xornadas AQUÍ.

A participación do Museo nestas xornadas é por partida dobre:

-por un lado o día 1 de outubro ás 17.30 a equipa técnica do Museo Etnolóxico formada por: Pilar Iglesias, Rosa Lamas e Xosé Carlos Sierra xunto coa profesora da Universidade de Vigo Fátima Braña falarán do programa Lembrar no museo incluido no proxecto Museo Aberto, e máis concretamente da exposición: Lembrar no museo 2005-2011 resultado do traballo con persoas afectadas coa enfermidade de alzheimer, que estivo até hai pouco exposta nas salas do Museo

-por outro lado na pranta baixa do Edificio de Ferro do Campus de Ourense estarán expostos, durante oito días desde o día 1 de outubro, os paneis que forman parte da exposición: Lembrar no museo 2005-2011, nos que se pode ver a través de imaxes e de reflexións o proceso de traballo durante varias edicións, e sempre en colaboración coa Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Ourense (AFAOR), da utilización do patrimonio cultural con persoas afectadas polo alzheimer acompañadas das persoas que as coidan.


Foto da exposición: Lembrar no museo 2005-2011 nas salas do Museo Etnolóxico 















Foto da exposición Lembrar no Museo no Campus de Ourense. Universidade de Vigo






jueves, 25 de septiembre de 2014

Restauración dun conxunto de cinco pizarras escolares



proceso de eliminación das corrosións

O fondo Elvira Álvarez Vega (antiga mestra de escola), constitúe unha interesante colección de pezas relacionadas co mundo pedagóxico de mediados do século pasado.


A este fondo pertencen estas cinco pizarras recentemente restauradas. Son pizarras empregadas polos escolares para realizar as súas tarefas na escola, nuns anos nos que o papel era un artigo valorado, e non de usar e tirar. A maiores, unha das pizarras forma conxunto cun total de 14 pizarríns, as barras cilíndricas de pizarra que se empregaban para escribir.


limpeza de pizarra fragmentada con contas inscritas

Os tratamentos comúns de restauración levados a cabo nas placas de pizarra foron adhesións de fragmentos e eliminación de corrrosións. Ademáis, todas as pezas limpáronse con diferentes métodos, coidando de non eliminar os restos das inscricións conservadas escritas sobre elas polos antigos alumnos, como contas numéricas ou redaccións.



O proceso de restauración con máis detalle pode verse a través de imaxes no taboleiro de pinterest do Museo Etnolóxico, neste enlace AQUÍ 

pizarra e pizarríns para escribir

miércoles, 17 de septiembre de 2014

Curso UNED "Minería no occidente ourensán: estaño, volframio e ouro"

O sábado 20 de setembro no Museo Etnolóxico celebrase o curso organizado pola UNED: ""Minería no occidente ourensán: estaño, volframio e ouro" dirixido polo noso compañeiro César Llana. Desde as 9 da mañá até as 21 h. da tarde especialistas nesta materia falarán pola mañá da arqueoloxía industrial, da minería do estaño e do ouro do seu pasado e do seu presente, e xa pola tarde guiados polos arqueológos Manuel García Valdeiras e Jorge Lamas Bertolo visitaranse varios xacementos mineiros da comarca de O Ribeiro.

Folleto do programa e folla de inscrición. 


martes, 12 de agosto de 2014

A bomba 4012 da "Bodega Freijido"


A bomba 4012 foi empregada na «Bodega Freijido», de Ribadavia, e acaba de ser doada ao Museo Etnolóxico polos Herdeiros de Jesús Freijido.
 

 Actualmente en proceso de restauración e catalogación, é unha bomba de trasfega de líquidos eléctrica disposta sobre un bastidor con rodas. Foi empregada nunha adega do Ribeiro durante varias décadas, conservando restos das sucesivas reparacións. Nas adegas empregábanse fundamentalmente tres tipos de bombas: as de vendima, as de bagaño ou pasta (ás veces as mesmas que as de vendima) e as de líquido (usadas para trasegos). Para traballar, tiña que ser «cebada» por debaixo do líquido a   transportar. Está composta dun motor eléctrico comunicado cun sistema ou válvula de aspiración de disposición frontal e outra de impulsión na parte superior.
 

placa identificativa Bombas Bloch



Aínda que os datos da placa identificativa non son lexibles, a marca está gravada no corpo: sabemos que foi fabricada por «Bombas Bloch», casa fundada en Badalona en 1915 e que pronto incorporou ao seu catálogo maquinaria específica para ser empregada na trasfega de líquidos nas adegas, como podemos ler nesta publicidade publicada no xornal La Vanguardia en 1924.


publicidade La Vanguardia 1924


miércoles, 23 de julio de 2014

Exposición de Natasha Lelenco: Pământeşti (das terras)



Natasha Lelenco é unha artista moldava que desenvolve o seu traballo creativo nos eidos da ilustración, do vídeo e da fotografía. Titulada en Belas Artes pola Universidade de Oradea, reside e traballa actualmente en Galicia, tamén moi vinculada desde fai anos a vida cultural e teatral de Ribadavia.





  Nesta selección de 12 pezas que a artista expón nas salas do Museo Etnolóxico, titulada:  Pământeşti (das terras) pretende a autora compor un relato de caída e reconstrución no que as máscara van e veñen ocultando e deixando entrever capítulos da súa propia vida.

Técnicamente Natasha realiza unha búsqueda e unha investigación a través da intervención sobre os corpos das modelos e os posteriores procesos técnicos involucrados: bodypainting, fotografía, retoque dixital, impresión sobre lenzo e pintura en acrílico xenerando paisaxes "terras" descoñecidos.
Tedes unha mostra da súa obra nestes enlace:
http://lelenconatasha.blogspot.com.es/
http://vimeo.com/lelenconatasha
https://www.flickr.com/photos/28803005@N02/.



Folleto da exposición de Natasha Lelenco no Museo Etnolóxico:




miércoles, 9 de julio de 2014

Ciclo de cinema: Marxes Fílmicas 2014

Por terceiro ano consecutivo o cineclubismo galego ofrécenos o ciclo: Marxes Fílmicas, trátase da proxección de filmes que están á marxe das grandes distribuidoras, exihibidoras e por suposto das salas de cinema máis comerciais, no noso caso grazas ao Cineclube Padre Feijoo de Ourense e a Federación de Cineclubes de Galicia podemos contar con este tipo de filmes. Neste mes de xullo ademais a Federación celebra o seu 30 aniversario, podedes ver o vídeo de promoción AQUÍ

Este ano 2014 as proxeccións serán durante tres días seguidos do mes de xullo: 16, 17 e 18 ás 20.30 h. con entrada de balde no patio do Museo Etnolóxico, precisamente uns días antes de que a vila de Ribadavia se encha de teatro coa Mostra Internacional de Teatro.

Para esta ocasión e coa colaboración do Instituto Iberoamericano de Finlandia poderemos ver catro producións de Finlandia en versión orixinal subtituladas para o castelán:


Mécores 16 de xullo
-mediametraxe "A teoría de Korso" (KORSOTEORIA) (30') de Antti Heikki Pesonen premiada en varios festivais mostrános cunha dose de humor negro como nos, moitas veces idealizados, Países Nórdicos tamén hai suburbios onde a xente loita cada día para poder sobrevivir.


-curtametraxe "Unha semana tranquila" (HILJAINEN VIIKKO) (18') de Jussi Hiltunen. Dúas persoas que non se coñecen, pero que teñen que compartir a culpa por unha vítima inocente.


Xoves 17 de xullo
-longametraxe "A carga do meu corazón" (SYDÄMENI TAAKKA) (45') dirixida por dúas mulleres: a finlandesa Iris Olsson e a ruandesa Yves Niyongabo. O filme fala das persoas que sobreviviron á guerra ruandesa entre tutsis e hutus, mostrándonos a sú maneira de seguir vivindo despois do inferno, e como a xeración posterior a guerra pode crear a paz no medio das ruínas.



Venres 18 de xullo
-longametraxe "Unha clase especial" (OMAA LUOKKAANSA) (67') dirixida por Iiris Härmä. A temática vén moi acaida no día antes de que comence o teatro en Ribadavia, pois unha mestra a punto de xubilarse consegue a través do teatro e dunha maneira moi creativa implicar a un grupo de mozas e mozos con problemas de aprendizaxe e para o que estudar non é precisamente emocionante. 

Folleto coa sinopse completa dos filmes:

lunes, 7 de julio de 2014

Exposición: "Filatelia, Patrimonio e Museos"

Con motivo da presentación do selo conmemorativo do Museo Etnolóxico, presentado oficialmente e posto en circulación o 17 de maio de 2014 na Romaría Raigame en Vilanova dos Infantes, pódese visitar nas salas do Museo a exposición: Filatelia, Patrimonio e Museos que reúne unha serie de coleccións de diferentes membros da Sociedad Filatélica, Numismática y Vitolfílica Miño. Ourense mostrando uns cantos exemplos do coleccionismo desenvolvido polos membros desta Sociedade, con series temáticamente moi ligadas ás inquedanzas deste Museo:




-no centro da sala a colección do Colexio Cardenal Cisneros de Ourense sobre "Xaquín Lorenzo "Xocas"
-a colección de selos sobre "O hórreo" como elemento importante da arquitectura rural galega
-a colección: "De oficio, afiador" continuada pola colección que ilustra unha pequena historia sobre "A roda" dende o 14 de agosto esta sección sustitúese por unha adicada á vida de "Rosalía" e outra á cultura en "Ribadavia"
-dúas coleccións que ilustran a economía e a cultura da comarca na que se asenta o Museo Etnolóxico: "Viños de Galicia" onde se ilustran e documentan as Denominacións de Orixe, continuada con outra colección sobre "O Ribeiro" con especial referencia ás distintas edicións da Feira do Viño do Ribeiro
-a colección sobre "Museos e Filatelia"
-remata esta exposición a colección sobre o "Día das Letras Galegas".

Crónica elaborada pola Sociedad Filatélica Miño de Ourense sobre a presentación do selo conmemorativo do Museo Etnolóxico. Ribadavia e da inauguración da exposición: "Filatelia, Patrimonio e Museos" o día 30 de xullo de 2014. neste enlace AQUÍ

Folleto da exposición:


viernes, 6 de junio de 2014

Restauración dunha cámara fotográfica Thornton-Pickard "Ruby"

A restauración da cámara fotográfica Thornton-Pickard "Ruby" co número de inventario 3449 fíxose con motivo do emprego da mesma nos obradoiros con escolares "Escribimos coa luz", que se realizaron no Museo Etnolóxico en maio e xuño para celebrar o Día Internacional dos Museos 2014 #DIM2014.

 Os traballos consistiron na restauración e acondicionamento da peza, así como un labor básico de investigación sobre o seu funcionamento, para o que se fixo unha recollida de bibliografía, que se especifica no informe de restauración e que se pode consultar na Biblioteca do Museo, catálogo AQUÍ.

    

Os tratamentos feitos pola restauradora Asunción Terroso Hernández en 2014 foron: limpeza utilizando distintos métodos segundo o material (madeira, latón, ferro, coiro...), adhesión das cintas téxtis, tratamento da corrosión, protección para poder manipular con facilidade a cámara e unha identificación dos tecidos do fol. 





Pódese consultar o informe completo neste enlace:




Vídeo do manexo da cámara fotográfica Thornton-Pickard "Ruby"


martes, 20 de mayo de 2014

Día Internacional dos Museos 2014 #DIM2014


 Este ano 2014 o Día Internacional dos Museos (18 de maio) ten como lema: "Museos: as coleccións crean conexións", nos meses de maio e xuño o Museo Etnolóxico establecerá conexión entre o alumnado, o profesorado e a colección fotográfica do Museo a través de obradoiros utilizando o material elaborado pola área de didáctica: "Escribimos coa luz" que se pode utilizar como uso nas aulas nas diversas especialidades e materias: ciencias da natureza, ciencias sociais, nas diferentes materias artísticas ou nas matemáticas, os fondos fotográficos como valioso recurso educativo.

Para os obradoiros utilizaranse as fotografías da exposición: "A mirada dos espazos. Camiño dunha antropoloxía visual" onde se mostran as obras dos fotógrafos con fondos no Museo Etnolóxico, a través das súas fotografías o público observa todo o que unha imaxe pode ensinar, as múltiples miradas: mirada técnica, histórica, socilóxica, etnográfica, artística...


Os centros educativos que participan son: IES O Ribeiro (Ribadavia), IES Ferro Couselo (Ourense), IES Celso Emilio Ferreiro (Celanova), CEIP Otero Novas (Cortegada), CEIP San Marcos (Cartelle) .

Este é o folleto coa descrición e obxectivos dos obradoiros:



lunes, 19 de mayo de 2014

Romaría Raigame 2014: Centros etnográficos de Ourense

 Cada 17 de maio Día das Letras Galegas na vila ourensá de Vilanova dos Infantes celébrase a Romaría Raigame, a vila medieval énchese de tradición galega cunha morea de actividades: teatro, íteres, música, ambientación polas rúas, bailes populares, xogos, contacontos e artesanía, dentro destas actividades cada ano o Centro Cultural Xaquín Lorenzo organiza unha exposición adicada a un tema de etnografía, neste 2014 o título da exposición era: "Centros etnográficos de Ourense".

Nunha das rúas principais de Vilanova banderolas con información dos distintos centros etnográficos espallados pola provincia de Ourense: Castro Caldelas, Riós, Vilariño de Conso, Allariz, A Veiga ... e por suposto iniciaba a exposición o Museo Etnolóxico con este panel AQUÍ (grazas á xente do Centro Cultural Xaquín Lorenzo, en especial a Xavier Álvarez por facernos partícipes de honra), por outra parte nunha das casas da Praza Maior había unha pequena mostra de folletos, libros, vídeos... con información sobre estes centros.

Na mesma casa estaba a interesantísima exposición da Sociedad Filatélica Miño Ourense onde a través dos selos mostran e poñen en valor a tradición cultural galega, además de ser os promotores de pór en circulación dous selos adicados a estes centros etnográficos da provinica de Ourense: un adicado ao Museo Etnolóxico. Ribadavia e outro á Casa das Rodas de Arboiro. Xa sabedes durante un mes podedes enviar as vosas cartas coa imaxe do Casa-Pazo do Marqués de Baamonde, sede do Museo Etnolóxico, foto de Santi Amil.