Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo

lunes, 18 de mayo de 2015

Día Internacional dos Museos #DIM15

Cada 18 de maio celébrase en todo o mundo o Día Internacional dos Museos, para a edición 37 deste ano 2015 o tema proposto polo Consello Internacional de Museos (ICOM) é: "Museos para unha sociedade sostible".
Os museos tentan facerse máis visibles nesta data, ainda que todos queremos que calquera día sexa un bo día para visitar un museo e participar nas súas actividades.

Durante o mes de maio o Museo Etnolóxico vai facer unha serie de actividades co alumnado de distintos centros educativos do Ribeiro, ao redor das distintas miradas que se poden proxectar sobre a fotografía, e empregar as fotografías como material educativo. Ademais de aproveitar estas actividades para dar a coñecer entre a xente moza o importante arquivo fotográfico do Museo Etnolóxico, e mostrando a necesidade de conservación por parte de todas as persoas de documentos tan fráxiles como as fotografías. 

Folleto das actividades:



viernes, 27 de marzo de 2015

ACTIVIDADES ABRIL 2015

O mes de abril é o mes no que cada ano celebramos o Día Internacional do Libro, 23 abril. Para este 2015 o Museo Etnolóxico presenta unha serie de actividades cuxo fío de unión son os libros:

 -17 de abril ás 20.30 h: presentación do libro 50 Cafés históricos de España y Portugal  polo seu autor Fernando Franjo Franjo, editado por AlvarellosEditora. Ofrecerase un café as persoas asistentes .
A obra realiza un percorrido histórico e literario por 50 locais emblemáticos da Península ibérica, sen esquecer as paisaxes humanas que sobrevoan uns espazos tan ligados ás vivencias de persoas, vilas e cidades. 330 fotografías e documentos de época ilustran e contextualizan esta viaxe. 

-23 abril todo o día: liberación de libros, bookcrossing, pola comarca do Ribeiro, acción que se fará conxuntamente con moitas bibliotecas de museos de todo o estado, este é o terceiro ano no que participa a Biblioteca do Museo Etnolóxico. Vídeo promocional, editado pola Biblioteca do Museo ARTIUM de Vitoria, para a liberación de 2014 AQUÍ.

-23 de abril: 20:30 h: recital de poesía e música para presentar o libro-disco Muller de papel de Rochi Nóvoa, editado por Abooks.  
Poesía, música e artes gráficas acobilladas nunha caixa que contén un segredo: unha serie de 32 láminas que mostran no seu anverso a interpretación que fan un feixe de artistas gráficos dos poemas que podemos ler no reverso.
Podedes ver un momento da presentación no Café Cultural Auriense de Ourense AQUÍ.

-29 de abril: 20:30 h: presentación do libro Errores del destino de Mari Carmen Rodríguez Barros, editado por Círculo Rojo.
Unha historia de vida contada a través dun relato e poemas, que reflicten situacións vividas por unha muller, guiada pola súa imaxinación e atraída pola fascinante idea de coñecer outros países e outras culturas.

Podedes ver o folleto coas actividades para este mes do libro picando no enlace:  


miércoles, 18 de marzo de 2015

Exposición: "Faustino Santalices. Tradición musical galega"

No Museo de Pontevedra Edificio Sarmiento poderase visitar do 19 de marzo ao 12 de abril de 2015 a exposición: Faustino Santalices. Tradición musical galega, organizada polo Museo Etnolóxico en 2010 e comisariada por Cástor Castro Vicente e Félix Castro Vicente e coa colaboración da familia de Faustino Santalices, propietaria da maioría do patrimonio exposto.

A mostra recolle a vida e obra do investigador, artesán e intérprete ourensán a través de diversos paneis explicativos, documentos, arquivos sonoros e unha serie de instrumentos musicais galegos como zanfonas ou gaitas.


 Podedes ver un vídeo, producido por Cástor e Félix Castro, da exposición no Museo Etnolóxico AQUÍ.

A exposición vai acompañada dun catálogo, editado pola Xunta de Galicia, que completa a exposición, na que se destaca o perfil do investigador, musicólogo, intérprete da gaita e a zanfona, divulgador, publicista e sobre todo o activista cultural do patrimonio etnomusical galego.
Neste enlace podedes ver o sumario e as primeiras páxinas escritas por Xosé Carlos Sierra, director do Museo Etnolóxico.




jueves, 15 de enero de 2015

RECITAL DE POESÍA




 O vindeiro venres 16 de xaneiro, ás 20:00h, o «Círculo Poético Orensano» celebrará un recital de poesía no MUSEO ETNOLÓXICO. Ribadavia, no que intervirán os poetas ribadavienses Xaime Moreda e Néstor Fernández.

 No acto, o poeta mexicano Roberto Resendiz Carmona presentará a súa última obra: «Alexia cuatro veces dijo no».


                                       

Fotos do recital poético AQUÍ

lunes, 22 de diciembre de 2014

BO NADAL E FELIZ 2015


O persoal do Museo Etnolóxico deséxavos un ano 2015 cheo de ledicia




Esta felicitación de Nadal forma parte do fondos do Museo Etnolóxico. Ribadavia. Fondo documental 2014/08/000519

martes, 16 de diciembre de 2014

XXI CONCERTO "TEMPO DE NADAL". Lembranza do Vilancico

Cada mes de decembro a Asociación de Amigos do Museo Etnolóxico e do Conxunto Histórico de Ribadavia organiza unha "Lembranza do Vilancico" no "Tempo de Nadal"  para ofrecer un concerto de Nadal, neste 2014 será o Grupo Vocal "Sólo Voces" de Lugo  coa dirección de Fernando G. Jácome, o domingo 21 ás 19:30 h. na Igrexa de San Francisco de Ribadavia.

O Grupo Vocal "Sólo Voces" fundouse en Lugo en 1992. Dende entón levan traballando diversos ámbitos do repertorio coral: a música popular e a culta, sempre con especial énfase nos autores galegos e baixo a dirección de Fernando G. Jácome.
Ten editados catro CDs. O seu repertorio diverso e a mestura de humor, seriedade e poesía... levounos a cantar nos ámbitos máis variados, tanto na Galiza coma fóra dela.



Para esta ocasión no Concerto de Nadal en Ribadavia interpretarán varias pezas de Francisco Guerrero, Tomás Luis de Victoria, Cristóbal de Morales e algúns anónimos estruturadas en catro partes: Ex Maria Virgine, Christus Natus Est, Circumdederunt Me Gemitus Mortis y un epílogo de Julio Domínguez: "Tres Motetes para un Tempo de Nadal".

Para saber máis sobre a historia do Grupo Vocal "Sólo Voces" e o repertorio completo que interpretarán na Igrexa de San Francisco de Ribadavia o día 21 de decembro podedes consultar o folleto do Concerto de Nadal 2014.




viernes, 5 de diciembre de 2014

I Campus do Outono 2014

En decembro os días 6, 7 e 8 ten lugar en Ourense o I Campus de Outono 2014 , programa de formación oficial do festival Outono Fotográfico 2014, que ten como obxectivo poñer a disposición de profesionais e amadores da fotografía unha oferta de formación en cultura visual innovadora.

 Esta primeira edición conta con tres convidados: Julián Barón, Eloi Gimeno e André Cepeda para impartir os obradoiros os días 6 e 7 de decembro no Centro Cultural Marcos Valcárcel, e nove convidados para o día 8 de decembro na xornada de traballo con dúas mesas de debate e a presentación dun libro na Galería PhotoArt .

Para consultar o programa completo do I Campus de Outono 2014 AQUÍ.

O director do Museo Etnolóxico, Xosé Carlos Sierra, participará na xornada de traballo do día 8 de decembro, na mesa 1 de debate titulada "Identidade/alteridade"  na que compartillará debate con Xosé Manuel Buxán, Luís D. Díaz, Sabela L. Pato e Natalia G. Devesa como moderador Vítor Nieves.

Aquí tedes unhas liñas sobre as reflexións que fará Xosé Carlos Sierra sobre o tema das identidades, que ilustrará cunha serie de fotografías pertencentes ao Arquivo Fotográfico do Museo Etnolóxico, das que vos amosamos unha parte.


campesiñado e traballo familiar



"O xogo de identidades, as construídas e as percibidas, reflíctese de xeito particular nas imaxes, tanto nas plásticas –debuxo, pintura ou escultura- como nas fotográficas e audiovisuais.




Para a antropoloxía a imaxe ten unha narrativa propia, nunca unívoca e sometida, polo tanto, a moi variadas interpretacións. A fotografía fixa, aparentemente, un instante, pero trala instantánea asoman feitos e realidades dispares.


aldea abandonada. Foto Santi M. Amil
A antropoloxía visual e a foto-etnografía  establecen un diálogo coas imaxes, moitas veces complementar da palabra e dos relatos escritos. Unha foto terma do que retrata e suxire ou agocha o que, formalmente, non se visualiza inmediatamente na imaxe ollada. As fotos, como outros soportes visuais, activan e promoven ollares cruzados, visións superpostas ou solapadas e secuencias espaciais ou temporais que a exploración e a interpretación etnográfica deben detectar.


incendios e demografía. Foto Fariñas

poda por mulleres

 
A antropoloxía manexa outros recursos dialóxicos, 
caso da foto-elicitación, método que promove o encontro entre as imaxes fotográficas e as memorias das persoas que teñen vivencias directas do fotografado.


escola unitaria

A foto conquista gradualmente o seu territorio na investigación e na divulgación etno-antropolóxica, mostrando a fecundidade da imaxe para visualizar os fenómenos identitarios e as posibilidades da antropoloxía para interpretar o que fotografías e filmes mostran do propio (o eu) e do seu contraste ( o outro".

  

máquina de costureira
paisaxe de socalcos
rehabilitación dunha aldea