Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo

miércoles, 15 de julio de 2015

Exposición: Barriga verde, de feira en feira

Entre o 18 de xullo e o 29 de agosto, grazas á promoción e organización do Museo Etnolóxico, poderemos gozar no Local Social da Madalena en Ribadavia da exposición: "Barriga verde, de feira en feira" producida pola Asociación Cultural Morreu o Demo.

A exposición mergúllanos no fantástico mundo no que naceu Barriga Verde, o último monicreque popular galego. Convídanos a percorrer o mundo no que se desenvolveu este espectáculo, o das feiras tradicionais, acontecemento festivo por excelencia en Galicia até a
década de 1960. Así mesmo, condúcenos polas bambalinas da barraca para coñecer os segredos dos artistas que fixeron posíbel a maxia destes títeres até a súa desaparición, case ao mesmo tempo que aquelas feiras que aínda lembran as persoas maiores, de cando o cinema e a televisión aínda non eran as principais fábricas de soños.

Producida pola Asociación Cultural Morreu o Demo, embarcada no proceso de preservación e activación do teatro de títeres popular galego, a exposición inclúe pezas orixinais de José Silvent, un dos creadores de Barriga Verde.

AVISO URXENTE: POR MOTIVO DAS ACTIVIDADES DA FESTA DA ISTORIA NO LOCAL SOCIAL DA MADALENA ADIANTO DO PECHE DA EXPOSICIÓN PARA O DÍA 25 DE AGOSTO
Horario do Local social da Madalena:
Martes a venres 12:00 a 14:00 h. / 18:00 a 20:00 h.
Sábados e domingos de 12:00 a 14:00 h.

Pechado: festivos 25 de xullo e 15 de agosto

Folleto da exposición: 

lunes, 29 de junio de 2015

Ciclo de cinema: Marxes fílmicas 2015


Este é o cuarto ano de colaboración co Cineclube Padre Feijoo de Ourense e a Federación de Cineclubes de Galicia na proxección do ciclo de cinema Marxes fílmicas, que desde 2013 se vén proxectando no Museo Etnolóxico durante o verán. Este ano 2015 as sesións serán nocturnas, ás 22.30 no patio do Museo martes e xoves durante a primeira quincena de xullo, a entrada é de balde.

Nesta ocasión teremos oportunidade de visionar catro filmes clásicos dous checoslovacos e outros dous checos, grazas á colaboración do Centro Checo. Unha selección de filmes de catro décadas diferentes que nos permitirán coñecer as filmografías checas, non sempre fáciles de poder ver nas pantallas dos cinemas de Galicia. Todos os filmes desta selección foron recoñecidos con diversos premios nos diferentes festivais europeos.
O visionado dos filmes será en versión orixinal con subtítulos en castelán.

Martes 7 de xullo

As margaridas (Sedmikrasky)
(Checoslovaquia, 1966) Vero Chytilova
74 min
 Dúas rapazas novas conclúen, mentres toman o sol en bikini, que se "neste mundo todo está corrompido, estaremos corrompidas nos tamén”. Así actívase o mecanismo que pon en marcha o filme: unha tras outra, iranse producindo escenas inconexas nas cales as dúas protagonistas xogan a ser malas co seu ámbito. 
Rompendo toda linealidade narrativa e empregando a técnica da colaxe tanto a nivel visual como auditivo. Vero Chytilova constrúe un filme crítico coa sociedade contemporánea e coa posición que ocupa a muller nun mundo dominado polo masculino. 
Esta película metafórica, provocativa e esencialmente reflexiva, foi nos sesenta un emblema da Nova Onda Checa.
 Vero Chytilova (1929 -2014), unha das máis grandes directoras checas, foi unha vanguardista e pioneira do cinema checo e unha gran feminista. Os seus condiscípulos foron Miloš Forman e Jiri Menzel.


Xoves 9 de xullo

A miña querida aldeiña (Vesnicko ma Strediscova) (Checoslovaquia, 1986) Jiri Menzel
100 min.
Nunha vila de Krekovice, preto de Praga, os habitantes viven organizados nunha cooperativa, herdanza do réxime soviético instalado en Checoslovaquia dende o fin da Segunda Guerra Mundial. Por este motivo, todos son responsables de Otik, un rapaz atrasado que vive só, o que se lle vai complicando a vida por varios motivos, mentres ao seu arredor vanse sucedendo os accidentes de coche dun médico hedonista, namoramentos xuvenís, e adulterios.
O director traza un retrato social con tenrura e ironía, creando unha comedia coral, que conseguiu ser nominada ao Óscar como mellor filme extranxeiro.
Jiri Menzel é un dos mellores directores do cinema checo, gañador do Óscar pola sua película Trens rigorosamente vixiados, considerado un dos filmes cumio do cinema europeo. Representante da Nova Onda Checa nos anos 60.


Martes 14 de xullo

Algo parecido a felicidade (Stesti)
(República Checa, 2005) Bohdan Slama
101 min.
Gañadora da Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián en 2005, presenta a un grupo de colegas Monika, Tonik e Daa, que viven nun conxunto de bloques nos arredores dunha pequena cidade industrial, preto da maior planta química do país. As súas historias de vida póñenos de frente ás súas responsabilidades da vida adulta na sociedade checa de principios do século XXI.
Bohdan Slama director, guionista, actor e pedagogo na Cátedra de Dirección Academia de Cine de Praga (FAMU). Foi galardoado en 2006 co premio nacional de cinema León checo.


Xoves 16 de xullo

Kolya (Kolja)
(República Checa, 1996) Jan Sverak
110 min.
 Louka é un chelista de mediana idade que, por conveniencia, decide aceptar en matrimonio a unha muller rusa. Pouco despois da voda, a súa esposa abandoao deixándolle ao seu fillo Kolya de cinco anos. A través das relacións deste dous personaxes retrata a crudeza dos últimos anos do réxime totalitario checoslovaco.
Aclamada polos críticos de todo o mundo pola súa conmovedora historia e o seu destacado reparto. Kolya é unha entrañable comedia que chega ao corazón. Foi galardoada en 1996 cun Óscar á mellor película de fala non inglesa.
Jan Sverák é actor, produtor e  un dos directores máis destacados dende a Revolución de Terciopelo (1989).

FOLLETO COA SINOPSE DOS FILMES:


lunes, 8 de junio de 2015

Curso: "O arquivo fotográfico. Estudo e accións preservadoras"

O departamento de Restauración do Museo Etnolóxico organiza do 20 ao 23 de xullo de 2015 o curso: "O arquivo fotográfico. Estudo e accións preservadoras" impartido por Luís Pavão e Sónia Casquiço conservadores-restauradores de material fotográfico.

Neste curso traballarase de forma práctica co arquivo fotográfico de Augusto Guedes Pacheco "Foto Augusto Pacheco", que forma parte dos fondos fotográficos do Museo Etnolóxico, abordando un estudo e análise pormenorizado para a súa conservación integral.

 Está dirixido a profesionais do patrimonio histórico, arquiveiros, bibliotecarios, técnicos de museos, documentalistas, historiadores da arte, restauradores e responsables da preservación e custodia de coleccións de orixinais fotográficos e históricos.

A matrícula do curso é de balde, as inscricións hai que remitilas á dirección postal do Museo Etnolóxico ou os correos electrónicos: maria.jose.ruiz.vazquez@xunta.es, mu.etnoloxico.ribadavia@xunta.es até o 13 de xullo acompañadas do currículo. Debido ao carácter práctico do curso a asistencia será restrinxida, polo que se fará unha selección previa baseada na adecuación do solicitante, a súa formación previa e polo contido e necesidades do seu traballo. .

Tedes toda a información do programa que se desenvolverá ao longo dos catro días e a folla de inscrición para descargar e cubrir AQUÍ 

Folleto do curso:



miércoles, 3 de junio de 2015

O Museo Etnolóxico nos Cursos de verán 2015 da Universidade de Vigo

O Campus de Ourense da Universidade de Vigo dentro do Programa Cursos de verán 2015 ofrece unha variedade de temáticas para seguir formándose no tempo de lecer tanto á xente de dentro coma de fóra da comunidade universitaria.
As datas dos cursos van desde comezos de xuño até finais de outubro. A matrícula está aberta desde o 15 de maio.

Neste enlace tedes o tríptico cos cursos e toda a información días, horas, taxas, matrícula AQUÍ.

Este ano o Museo Etnolóxico participa co Campus de Ourense en dous dos cursos deste verán, de forma diferente:

-o curso Alternativas rurais e reais: viabilidade de proxectos agroecolóxicos terá lugar nunha das salas do Museo Etnolóxico entre o 24 e o 27 de xuño. Neste curso como se indica no folleto do curso preténdese achegar información de diversos aspectos: técnicos, comerciais, económicos e xurídicos, que unidos a experiencias prácticas permitirán un achegamento ao sector da agricultura ecolóxica. Haberá un autobús desde o Campus de Ourense até Ribadavia. No folleto do curso tedes o programa completo AQUÍ.
Este curso ten unha páxina de facebook: Curso altenativas rurais para seguir noticias sobre o curso e sobre temas relacionados con distintas iniciativas na agricultura ecolóxica.

-no curso Galaicos: a auga e o alén que terá lugar en Xinzo de Limia do 30 de xuño ao 3 de xullo participa como relator o director do Museo Etnolóxico Xosé Carlos Sierra Rodríguez o día 2 de xullo ás 10.00 h co tema: "O Miño como espazo antropolóxico: transporte e pesca" e ese mesmo día a partir das 13.30 tamén intervirá xunto con Lois Ladra, Beatriz Comendador e Fátima Braña no debate: "Identidade Galaica: xestión do patrimonio arqueolóxico-etnográfico e recursos turísticos". Tamén haberá un autobés desde o Campus de Ourense até Xinzo de Limia.
Tedes o programa completo neste enlace AQUÍ.

lunes, 18 de mayo de 2015

Día Internacional dos Museos #DIM15

Cada 18 de maio celébrase en todo o mundo o Día Internacional dos Museos, para a edición 37 deste ano 2015 o tema proposto polo Consello Internacional de Museos (ICOM) é: "Museos para unha sociedade sostible".
Os museos tentan facerse máis visibles nesta data, ainda que todos queremos que calquera día sexa un bo día para visitar un museo e participar nas súas actividades.

Durante o mes de maio o Museo Etnolóxico vai facer unha serie de actividades co alumnado de distintos centros educativos do Ribeiro, ao redor das distintas miradas que se poden proxectar sobre a fotografía, e empregar as fotografías como material educativo. Ademais de aproveitar estas actividades para dar a coñecer entre a xente moza o importante arquivo fotográfico do Museo Etnolóxico, e mostrando a necesidade de conservación por parte de todas as persoas de documentos tan fráxiles como as fotografías. 

Folleto das actividades:



viernes, 27 de marzo de 2015

ACTIVIDADES ABRIL 2015

O mes de abril é o mes no que cada ano celebramos o Día Internacional do Libro, 23 abril. Para este 2015 o Museo Etnolóxico presenta unha serie de actividades cuxo fío de unión son os libros:

 -17 de abril ás 20.30 h: presentación do libro 50 Cafés históricos de España y Portugal  polo seu autor Fernando Franjo Franjo, editado por AlvarellosEditora. Ofrecerase un café as persoas asistentes .
A obra realiza un percorrido histórico e literario por 50 locais emblemáticos da Península ibérica, sen esquecer as paisaxes humanas que sobrevoan uns espazos tan ligados ás vivencias de persoas, vilas e cidades. 330 fotografías e documentos de época ilustran e contextualizan esta viaxe. 

-23 abril todo o día: liberación de libros, bookcrossing, pola comarca do Ribeiro, acción que se fará conxuntamente con moitas bibliotecas de museos de todo o estado, este é o terceiro ano no que participa a Biblioteca do Museo Etnolóxico. Vídeo promocional, editado pola Biblioteca do Museo ARTIUM de Vitoria, para a liberación de 2014 AQUÍ.

-23 de abril: 20:30 h: recital de poesía e música para presentar o libro-disco Muller de papel de Rochi Nóvoa, editado por Abooks.  
Poesía, música e artes gráficas acobilladas nunha caixa que contén un segredo: unha serie de 32 láminas que mostran no seu anverso a interpretación que fan un feixe de artistas gráficos dos poemas que podemos ler no reverso.
Podedes ver un momento da presentación no Café Cultural Auriense de Ourense AQUÍ.

-29 de abril: 20:30 h: presentación do libro Errores del destino de Mari Carmen Rodríguez Barros, editado por Círculo Rojo.
Unha historia de vida contada a través dun relato e poemas, que reflicten situacións vividas por unha muller, guiada pola súa imaxinación e atraída pola fascinante idea de coñecer outros países e outras culturas.

Podedes ver o folleto coas actividades para este mes do libro picando no enlace: