Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo

miércoles, 11 de noviembre de 2015

Actividades novembro 2015

As actividades do mes de novembro de 2015 no Museo Etnolóxico xirarán ao redor dunha conferencia sobre a historia social de Galicia no século XIX partindo do estudo dunha familia ribadaviense: os Chao e a presentación dun libro cunha crónica musical dunha das bandas de música máis antigas de Galicia "La Lira".


13 de novembro : 20.30 h.

Conferencia: "A estirpe dos Chao, familia ribadaviense: política, cultura, sociedade e identidade no século XIX galego"
Conferencia a cargo de Xurxo Martínez González, doutor pola Universidade de Vigo en Filoloxía Galega. Especialista no século XIX de Galicia, particularmente no Rexurdimento coa cidade de Vigo como marco (residencia da familia Chao), tamén ten traballado sobre a historia do nacionalismo galego.
Xurxo Martínez ten salientado a intensa e pural actividade dos membros da familia Chao no eido profesional, social, cultural e politico e, feito a destacar, os seus estreitos vínculos con Rosalía de Castro.
Na súa conferencia no Museo será presentado por Gonzalo Navaza, profesor titular da Universidade de Vigo, escritor e investigador especialista destacado en temas de toponimia, e recentemente ten investigado sobre as figuras do primeiro liberalismo galego.

20 de novembro: 20.30 h.

Presentación do libro de José Ramón Estévez Pérez: "La Lira: la Banda de Música de Ribadavia, 1840-2015" editado por Armonia Universal. No libro o autor percorreu diferentes arquivos para presentar neste traballo de investigación unha completa historia de “La Lira”, a prestixiosa banda de música da capital do Ribeiro, que cumpre o seu 175 aniversario. 
Unha historia desta mítica formación musical, que comeza polo seu primeiro director Luis Veneroni até o último Francisco Pérez Rodríguez. Manexando o fondo documental da propia banda e o do Museo Etnolóxico, e a través de fotografías, documentos escritos, noticias e artigos xornalísticos así como partituras, José Ramón Estévez constrúe a crónica desta relevante formación instrumental.

Folleto das actividades para ver e descargar:

jueves, 29 de octubre de 2015

Exposición: Construíndo tradición: Noite Meiga

Este ano 2015 é a 15ª edición da "Noite Meiga" e as integrantes da asociación Ribadavia Activa-T, organizadoras da festa, propuxéronnos retomar a colaboración coa "Noite Meiga" despois de varios anos.
Este ano será a través dunha exposición na que se reflecte como foi medrando e consolidándose esta festa no Ribeiro: "Construíndo tradición: Noite Meiga" que se inaugurará o xoves 29 ás 20:00 h no local social da "Igrexa da Madalena" en Ribadavia e que estará aberta durante todo o mes de novembro.


Horario do local social da "Igrexa da Madalena": 

Martes a venres de 12:00 a 14:00 h. / 16:30 a 18:30 h.
Sábados e domingos de 12:00 a 14:00 h.
 
Pechado: domingo 1 de novembro.



Noite Meiga é unha actividade creada por un grupo de mozas e mozos do Ribeiro, que se constitúe en Asociación cultural no ano 2001 co nome de Ribadavia Activa-T.


Na senda da tradición de asociacionismo xuvenil na Vila idéase un festexo que favoreza a sociabilidade que acaba insertándose entre os festexos do verán e os do tempo de Nadal e centrada en diversos elementos da tradición galega:  meigas, defuntos, magosto, Santa Compaña …  aos que se unen outros compoñentes como a Inquisición, a pasaxe do terror…
Noite Meiga xorde nunha sociedade viva na que o sector xuvenil é capaz de autoorganizarse.
   
                   

                  
Noite Meiga é unha festa singular. Unha anovadora forma festiva que acaba callando e conformándose nun produto cultural singular.   


Na Noite Meiga ás actividades estruturais engádenselles outras cada ano, nun dinamismo de incorporacións e rexeitamentos, conseguindo así produtos sempre novos nun marco aparentemente estable.Usando como escenario o conxunto histórico da Vila, explicitando con isto o seu interese pola valorización do seu patrimonio cultural.

En consecuencia: creando e re-creando tradición.



Ribadavia Activa-T está a construír tradición porque no fondo a diferenza entre “tradición” e “non tradición” está na súa aceptación social no tempo ou non. 
Pois cómpre lembrar que as tradicións mantéñense no tempo soamente cando están a ser decote recreadas, reinterpretadas e revividas. En definitiva nunha relación dinámica e de cambio, máis ou menos perceptible, consustancial á propia idea de tradición.

martes, 15 de septiembre de 2015

ACTIVIDADES SETEMBRO 2015

A segunda quincena do mes de setembro as actividades do Museo Etnolóxico moveranse entre historias e memorias: as de Lola Touza "salvadora" de xudeos e as das mulleres da "Sección Femenina", historias que forman parte da memoria de Galicia.


18 de setembro: 20.30 h.
Presentación polo autor da novela Lola Touza. La Schindler gallega,  editada por ToxoSoutos.
Vicente Piñeiro González, autor da novela, ten publicados libros de teatro, poesía e novela tanto en galego como en castelán; entre outros premios gañou o Pedrón de Ouro en 2005 e o VII Premio El Espectáculo Teatral de Ediciones Irreverentes en 2013.
Nesta novela, como di o editor “pon a súa escritura e as pasións de papel” para relatar a historia de Lola Touza, que rexentaba un quiosco na estación de Ribadavia e entre 1941 e 1945 decidiu axudar a fuxir a máis de 500 xudeos dunha morte segura a mans dos nazis. Lola  e as súas irmás, Amparo e Julia, colaboraron cunha das redes clandestinas de fuxida de xudeos máis importante de Europa, que empezaba nos Pirineos por Girona, facía escala en Medina del Campo e chegaba ata Ribadavia, onde as irmás Touza arriscaban as súas vidas para atendelos e facilitarlles o paso a Portugal coa axuda doutros veciños da comarca: o taxista José Rocha, o barqueiro Ramón Estévez e o intérprete Ricardo Pérez, coñecido como “El Evangelista”. 
 Entrevista a Vicente Piñeiro sobre a súa novela no programa A tarde da Radio Galega 21-08-2015 AQUÍ 

25 de setembro: 20.30 h.
Conferencia Mulleres para España. A «Sección Femenina» de Falanxe impartida pola historiadora Ana Cebreiros.
Ana Cebreiros Iglesias é Licenciada en Historia pola Universidade de Vigo, a súa investigación céntrase no papel desempeñado pola «Sección Femenina» en Galicia e as súas repercusións no ámbito da muller.
En 1939 Franco cédelle á «Sección Femenina» a formación política e social das españolas e convértese en parte do aparato político-administrativo do réxime. A organización xoga un papel importante nas políticas desenvolvidas desde eses intres en relación coa muller, sendo variados os seus ámbitos de actuación. O «Servicio Social», o ámbito educativo, as divulgadoras sociais, as cátedras ambulantes, o deporte e o baile, etc foron algunhas das parcelas ás que se dedicaron. Todas estas actuacións estiveron asociadas á defensa dun modelo feminino que tiña como base os seus deberes de nai e esposa así como o coidado do fogar, e que estaba intimamente ligado ao papel que o franquismo lle outorgou á muller dentro da sociedade española da época.

Folleto das actividades:


viernes, 11 de septiembre de 2015

"Eros e Anteros. Visións Sobre a Sexualidade Feminina". Exposición en liña



A V edición da exposición virtual «Patrimonio en Femenino» coordinada pola Subdirección General de Museos Estatales, da Dirección General de Bellas Artes y Bienes Culturales y de Archivos y Bibliotecas do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, foi inaugurada o 8 de marzo 2015, coindindo co Día Internacional da Muller.

Foto Pacheco

Nesta ocasión o tema elixido é «Eros e Anteros. Visións Sobre a Sexualidade Feminina» e o Museo Etnolóxico (MER) participa nos epígrafes De Eva á Femme Fatale: arquetipos (arquetipos de feminidade vinculados á sexualidade das mulleres), Imaxes da Alteridade (percepción que se tiña dende as sociedades occidentais das formas de vivir a sexualidade feminina por outras culturas) e A Muller Obxecto (a muller e o seu corpo tratados como un obxecto puramente sexual).
No primeiro dos apartados o Museo Etnolóxico participa cunha fotografía na que se patentiza a admiración da xuventude masculina presente polo encanto da moza elexida «Miss» no marco dunha sociedade recreativa.

 
foto Llanos

No epígrafe dedicado á alteridade o MER aporta unha imaxe fotográfica na que aparece unha «muller oriental», provocando unha mirada que invita á sensualidade imaxinada do harén. Finalmente na liña da Muller Obxecto, o Museo Etnolóxico aporta tres imaxes nas que a sensualidade ou a condición sexual da muller son explicitadas cara a satisfacer o imaxinario masculino.

Este catálogo en liña foi completado coa publicación electrónica "Eros y Anteros: visiones sobre la sexualidad femenina  que se pode descargar e consultar de balde desde o día 4 de setembro Día Mundial da Saúde Sexual. Esta publicación contén oito artigos realizados por especialistas que nos achegan a un maior coñecemento da sexualidade feminina.

martes, 21 de julio de 2015

Exposición: Detrás da cámara: imaxes do outro. Fotografía de Pedro A. López Suárez nos 60



Pedro Alejandro López Suárez. A súa afección á fotografía iníciase ao tempo que remata os estudos e comenza a traballar nunha institución bancaria. Membro da Sociedade Fotográfica da Coruña, o ano 1963, con dezaoito anos, acada o 1º e o 3º premio no Salón de Noveles de dita Sociedade, dando inicio a un elenco de galardóns entre os que destacamos os obtidos no II Salón Rexional Circulante, Foto do Mes da Sociedade Fotográfica da Coruña, Salón de Primaveira do Banco Hispano Americano e a Real Sociedad Fotográfica de Madrid, I Salón Ibérico e III Nacional da Agrupación Fotográfica de Compostela, III Concurso de Diapositivas Concello da Coruña, VII Concurso de Diapositivas Concello da Coruña...

A espontaneidade da súas fotografías de rúa fan hoxe do seu fondo unha fonte documental para achegarse á sociedade dos anos sesenta a través dunha lectura dende a Historia ou dende a Antropoloxía.

Foto: Pedro A. López Suárez
 A exposición invítanos a un percorrido que nos fala do espazo urbano en crecemento, grazas á incorporación á cidade da poboación sobrante no agro que se integra  paseniñamente na nova coxuntura económica e social. Pedro A. López Suárez achéganos ao «milagre económico español» tralo que se agocha unha sociedade marcada polos desequilibrios sociais e o desarraigo dalgúns dos protagonistas do éxodo rural.

                                                    Un mundo vello nun novo escenario

Foto: Pedro A. López Suárez


A primeira mirada céntrase precisamente na percepción polo fotógrafo dos «outros» ligados ao agro e presentes na cidade, territorio no que asoman (de fondo) os signos físicos da modernización urbana.

Foto: Pedro A. López Suárez

Neste espazo as mudanzas sociais comezan a patentizarse. A soidade da vella préstase a varias interpretacións indicativas do novo significado da vellez propia dun contexto de desarticulación da familia extensa, observable nos retratos familiares deses anos.

Foto: Pedro A. López Suárez
 
Os outros fotografados son dunha clase diferente, mesmo marxinal. O fotógrafo míraos rexistrando as desigualdades sociais, a miseria das clases populares e a dureza para algúns do espazo urbano.

Foto: Pedro A. López Suárez

                                                                    A loita polo futuro
 
Foto: Pedro A. López Suárez


A cidade ofrece tamén posibilidades e oportunidades. As estratexias de supervivencia e de mellora para moitos van canalizando o seu acceso á sociedade de consumo, conformando novas formas de sociabilidade e un futuro ollado con certo optimismo.

Foto: Pedro A. López Suárez
                                                  
                                                   Un mundo vello en descomposición

O campesiño aparece como representante xenuíno dunha sociedade que esmorece e a mirada urbana do fotógrafo reflicte con imaxes as contradicións do que acontece: o xogo de cambios e permanencias retratados detrás da cámara.

Foto: Pedro A. López Suárez

FOLLETO DA EXPOSICIÓN: AQUÍ