Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo

jueves, 26 de mayo de 2016

III XORNADA BIBLIOTECAS ESPECIALIZADAS 2016



O 3 de xuño de 2016 terá lugar en Ribadavia (Ourense) no Museo Etnolóxico, organizada pola Biblioteca do Museo, a III xornada sobre bibliotecas especializadas este ano co título: "Xestión de documentos singulares".

INSCRICIÓN:
A inscrición é de balde, mais as prazas son limitadas, o prazo para enviar os datos persoais é até o 30 de maio, ou ben cubrindo o impreso que aparece no programa ou ben enviando un correo electrónico a esta dirección: rosa.lamas@xunta.es co nome, apelidos, DNI, dirección postal, nome da institución de traballo (se é o caso), correo electrónico e un número e de contacto.


PROGRAMA E FOLLA DE INSCRICIÓN: picar AQUÍ.

Coleccións e documentos singulares, especiais, distintivos, únicos son a chave do futuro das bibliotecas e en particular das especializadas e de investigación. A facilidade de acceso a obras a través dos catálogos colectivos e compartidos, está dando máis valor a documentos únicos e singulares, que até o de agora estaban invisibilizados e ocultos.
 
 O control técnico por parte dos arquivos, bibliotecas e centros de documentación achega visibilidade e permite acceso a estes documentos, así as coleccións singulares cada vez máis son por un lado obxecto de investigación e por outro lado utilizadas como fontes primarias de información: prensa local, manuscritos, correspondencia, libros raros, inventarios, memorias, cartaces, mapas, recortes de prensa, arquivos persoais, familiares e institucionais, coleccións de imaxes, material efímero: cromos, selos, convites, autocolantes, calendarios, almanaques, programas de fiestas, programas de man. …
 
 Cales son os procesos de xestión que se están aplicando con estes documentos singulares: recollida (doazóns, arquivos persoais, compra…), conservación, documentación, catalogación, clasificación, difusión, acceso; temos conciencia do seu valor patrimonial e da súa riqueza documental?

Máis información sobre o programa e sobre as conferenciantes no blogue da Biblioteca AQUÍ
 

miércoles, 11 de mayo de 2016

Día Internacional dos Museos 2016 #DIM16

Como cada 18 de maio os museos de todo o mundo celebran o Día Internacional dos Museos a proposta do Consello Internacional de Museos (ICOM) para este ano 2016 é Museos e paisaxes culturais , ademais este ano o Museo Etnolóxico fai 30 anos que abriu as súas portas ao público un 18 de maio de 1986, por estes dous motivos do 15 ao 20 de maio temos varias propostas culturais para festexar estes eventos, entre os que tamén está a Noite do Museos:

15 maio



12:30 h Patio do Museo Etnolóxico. Concerto do quinteto de vento «Airas Ensemble». O MER invita á cidadanía a celebrar os seus 30 anos aberto ao público con este grupo de cámara formado por novos músicos galegos e integrantes das formacións orquestais NDR Radiophilarmonie de Hannover, Orquesta Sinfónica de Bilbao, Real Filharmonía de Galicia, European Chamber Ensemble e Orquestra Sinfónica Vigo 430. 
Contacto do quinteto en twitter @airasensemble e no seu facebook.

Programa do concerto: 

Quinteto de viento en La Maior, de Carl August Nielsen
O Quinteto para frauta, óboe, clarinete, trompa e fagot, op. 43, foi composta a principios de 1922 en Gotemburgo, Suecia, onde se estreou na casa de Herman e Lisa Mannheimer en abril de 1922. A súa primeira interpretación pública foi o 9 de outubro 1922 no Odd Fellows Mansion en Copenhaguen.
La cheminée du roi René, suite de Darius Milhaud
Suite adaptada da música escrita por Darius Milhaud en 1939 para a película Cavalcade d'amour, de Raymond Bernard. Transcorre no século XV na corte do rei René de Anjou e conta tres historias de amor con música de Milhaud, Honegger e Désormière. Milhaud estaba fascinado polo castelo e a corte de René de Anjou, situados no seu Aix-en-Provence natal.
Belle Epoque in Sud-America, suite de Júlio Medaglia
A música popular aflora nesta obra do compositor, director e adaptador, particularmente de música para películas e TV, Júlio Medaglia (São Paulo 1938). É esta probablemente a súa obra máis coñecida; composta para o Blaserquintet da Filarmónica de Berlín, e na que evoca tres das danzas máis populares de Sudamérica: o tango porteño, o valse crioulo e o «chorinho» brasileiro.


18 maio 


11:00 h Salón de Actos do Museo Etnolóxico. Proxección do documental «À Propos de Nice», de Jean Vigo; con interpretación musical en directo de Carlos Quintá. Sesión escolar.
En À Propos de Nice Jean Vigo, coa colaboración na cámara de Boris Kauffman, logra, a través do que el chama o «Punto de vista documentado», unha persoal aproximación á paisaxe social da cidade de Niza dos anos vinte do século pasado. Concebida como unha película muda, Marc Perrone crea unha banda sonora a partir da música  composta por Maurice Jaubert para L’Atalante. Á banda orixinal engádenselle pezas breves da vangarda.
20:30 h Salón de Actos do Museo Etnolóxico. Proxección do documental «À Propos de Nice», de Jean Vigo; con interpretación musical en directo de Carlos Quintá. Sesión adulta.

20 maio 

Noite dos Museos. O Museo Etnolóxico únese á celebración da Noite Europea dos Museos mantendo abertas as súas portas ata a 01:00 h, a modo de suxestión para reflexionar sobre o papel do Museo e da cidadanía na protección da Paisaxe Cultural. Entre as 20:30 h e as 24:00 van ter lugar visitas teatralizadas nas salas da exposición Seguindo o Fío.

Os Museos da Xunta de Galicia teñen programadas moitas actividades para celebrar esta data, que van máis alá do propio día 18 de maio, podedes consultalas nesta enlace AQUÍ

miércoles, 20 de abril de 2016

Libros e sendeirismo: bookcrossing 2016

O 22 de abril para celebrar o Día Internacional do Libro (23 de abril) a Biblioteca do Museo Etnolóxico súmase un ano máis á campaña de liberación conxunta de libros xunto a outras 55 Bibliotecas de Museos e Centros de Arte de toda España. Esta iniciativa está organizada desde a Biblioteca e Centro de Documentación do Museo ARTIUM de Vitoria.
 


Este ano a Biblioteca do Museo Etnolóxico vai deixar libres once libros polos paseos, sendas, vieiros e carreiros da Comarca do Ribeiro e da cidade de Ourense. Sempre é unha boa maridaxe gozar dun libro ao ar libre, así que atentas aquelas persoas que lles gusta saír a gozar da natureza mirade para todos os lados, se chove estarán máis escondidos e animar a aquelas que están dubidosas a xogar na busca e captura dun interesante libro.

Neste enlace podedes ver que libros se van liberar e os lugares onde podedes capturalos AQUÍ.  

 Máis información sobre esta actividade no blogue da Biblioteca do Museo Etnolóxico AQUÍ

jueves, 31 de marzo de 2016

Exposición: Galicia máxica. Reportaxe dun mundo desaparecido

Na exposición do folklorista e antropólogo danés Gustav Henningsen : "Galicia máxica. Reportaxe dun mundo desaparecido" podemos ver fotografías etnográficas de Galicia entre 1965 e 1968.
A exposición está organizada polo Museo do Pobo e a montaxe en Ribadavia foi realizada polo Museo Etnolóxico.
Horario do Local Social da Madalena:
Martes a venres de 12:00 a 14:00 h. / 16:30 a 19:00 h.
Sábados e domingos de 12:00 a 14:00 h.
Pechado: xoves e venres santo

Gustav Henningsen é un folklorista e antropólogo danés que , entre os anos 1965 e 1968, achegouse ás terras de Ordes coa finalidade de estudar as prácticas utilizadas polo campesiñado galego para conxurar e combater conflitos e andazos que aqueixan a vida das persoas, do seu gando e das colleitas. Os remedios que as xentes do rural galego usaban ata hai ben poucos anos para resolver os seus males e os da súa facenda contrastaban cos aplicados pola medicina e a veterinaria oficiais (científica e urbanas).
Gustav Heningsen procuraba coñecer a dimensión máxica de "expertos" e curandeiras, inserindo esta exploración no universo vital dos veciños, que utilizou como informantes e dos lugares que visitou no seu traballo de campo.
O repertorio de imaxes que realizou constitúe un relato visual rico e variado da vida cotiá das xentes da parroquia de Ardemil (Concello de Orede, provincia de A Coruña).
A mostra de fotografías exposta nesta exposición distribúe o relato en distintos apartados:
-os camiños, casas e interiores
-as tarefas domésticas
-a labranza e outros traballos
-as feiras, a diversión e outros pasatempos
-as festas anuais
-o ciclo da vida
Rematando cun percorrido, mediante fotogramas encadeados, polas diferentes prácticas manexadas polas curandeiras da zona, apoiadas en remedios e crenzas máxico-relixiosas.
Folleto da exposición AQUÍ.



A exposición complétase cun catálogo no que se achega un artigo de Gustav Henningsen sobre os seus anos de investigación en España, e outros de distintos especialistas: Marcial Gondar analiza a comovisión tradicional galega e revisita a obra do propio Henningsen, Sandra Vázquez e Xulio Sousa falan do tesouro de documentos sonoros aportados por Henningsen o Instituto da Lingua Galega (ILG) e o que foi director do Museo Etnolóxico, Xosé Carlos Sierra fai unha análise das fotografías do folklorista danés desde un punto de vista etnográfico e a súa aportación a antropoloxía visual de Galicia.





lunes, 14 de marzo de 2016

Semana Santa detectivesca en Ribadavia


 A Asociación de Amigos do Museo Etnolóxico promove para esta Semana Santa, obradoiros para xente miúda con vocación detectivesca, aprender xogando co noso patrimonio e coa Condesa Endiañada, onde andará a Condesa? sería raptada? para quen a atope o seu fillo terá unha recompensa.



As actividades serán para a rapazada de 6 a 11 a anos e terán lugar os días 21, 22 e 23 de marzo de 10.00 a 13.30 h., a recepción e recollida de participantes será fronte á Oficina de Turismo de Ribadavia. Os obradoiros serán impartidos polas educadoras do patrimonio: Begoña Garrido e Noemí Álvarez.




 Para poder participar neste xogo é preciso facer unha inscrición previa no Museo Etnolóxico ben de forma presencial, por teléfono 988471843 ou por correo electrónico: mu.etnoloxico.ribadavia@xunta.es, á inscrición hai que adxuntar unha fotocopia do DNI e a tarxeta da Seguridade Social de cada participante, xunto co custe da actividade 15 €, así como cubrir a autorización por parte da nai, pai o titora/o.
Para máis información ou precisións pódese chamar a educadora que impartirá o obradoiro Begoña Garrido: 650 057 011 ou o Museo Etnolóxico: 988 471 843

Pódese descargar o tríptico completo da actividade coa ficha de inscrición e coa autorización neste enlace AQUÍ .

Imprime e recorta a autorización

Imprime e recorta esta ficha de inscrición




martes, 8 de marzo de 2016

"A memoria feminina: mulleres na historia, historia de mulleres". Exposición en liña




Como cada 8 de marzo, coincidindo co Día Internacional da Muller, o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte a través da coordinación da Subdirección General de Museos Estatales, da Dirección General de Bellas Artes y Bienes Culturales y de Archivos y Bibliotecas presenta o catálogo e a exposición en liña "Patrimonio en feminino" este ano 2016 co título: "A memoria feminina: mulleres na historia, historia demulleres", nesta edición coa colaboración do programa Ibermuseos coa participación de oito países do ámbito iberoamericano.


A través de 125 bens culturais de 81 museos asistimos a un percorrido polas aportacións das mulleres na historia e na construción das súas comunidades, a súa loita pola igualdade ou ao coñecemento dos símbolos e mitos que se foron tecendo ao redor da identidade feminina.


Foto Chao 1947. Museo Etnolóxico. Ribadavia

 O Museo Etnolóxico participa, na sección: "Muller: identidade, comunidade e interculturalidade", con esta fotografía do Fondo de Foto Chao feita en Avión en 1947.  

A fotografía amosa un dos característicos retratos feitos para enviar ao/aos parente/s emigrado/s, coa finalidade de mostrarlles que os recursos achegados polo/os ausente/s están contribuíndo a mellorar as duras condicións dos anos corenta. 
 Unha imaxe característica do impacto deixado na terra de orixe polos que partiron, neste caso moi probablemente a América, en busca de mellores condicións económicas.
 
Mulleres que, ante a ausencia da súa parella, asumen, como «viúvas de vivos», a plena responsabilidade do grupo familiar, funcionalmente convertido polas circunstancias en monoparental.




A exposición compleméntase cunha publicación electrónica con artículos sobre as políticas institucionais en materia de xénero desenvolvidas nalgúns dos países así como outros artigos de interese.


Tamén se poden consultar en liña as edicións anteriores do proxecto "Patrimonio en feminino" AQUÍ 
nas que participou o Museo Etnolóxico.

viernes, 4 de marzo de 2016

Restauración dun chaleco de nena de finais do S. XIX

Con motivo da saída para a exposición temporal: "Con-fío en Galicia", que se poderá visitar a partir do día 11 de marzo de 2016 no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura até o 11 de setembro, na sección de conservación e restauración do Museo Etnolóxico realizáronse os correspondentes informes de estado das pezas que serían expostas en dita exposición.

xustillo nena finais S.XIX, exterior algodón e liño no forro


Dentro destas pezas encóntrase esta especie de sustillo ou chaleco de nena feito de algodón listado en cores rosa e azul no exterior e pano de liño no forro. Ten as costas moi entalladas e escote que se axusta por diante cun cordón, hoxe perdido. Púñase por riba da camisa e non usando corpiño facíase con certo coidado, xa que se podía ollar, como é o caso.

Este xustillo está confeccionado no último tercio de século XIX. A confección manual é moi coidada e moi interesante para informarnos de cómo se aplican as nesgas para que éste se adapte ás formas do corpo.






mapa de localización de resto de papeis
Atopáronse uns bultiños á altura dos peitos e na espalda, perto das escápulas. Ao tacto semellaría algún tipo de semente posto que é granulado, cunha certa dureza e se move cos dedos. Están colocados entre o forro de liño e o tecido exterior asegurados con puntadas para evitar que se moveran. Na zona da espalda non foi necesario, posto que están entre costuras.




Retirando restos de papel apelmazado nun descosido entre dúas nesgas

Ante a posibilidade de atoparnos con algún tipo de talismán ou amuleto, procedeuse ao descosido dunha zona próxima a estes elementos, comprobando que se trata de restos de papel que sufriron sucesivos lavados, polo que quedaron apelmazados e inservibles. Nos anacos atopados consérvanse restos de tinta impresa, algunhas letras e restos de trazos.



Anacos de papel nun portaobxectos para a súa observación microscópica

Poderíanse intepretar estas notiñas como algún tipo de detente protector da dona do xustillo, debido á clara intención de mantelos dentro da prenda. O detente é un talismán valedor. Pode ser unha saquetiña de liño ou pano de lamanisco en cuxo interior se agochan retallos de textos bíblicos, cruces, medallas... Confeccionados por unha meiga ou por unha muller boa, os detentes préndense na roupa interior das crianzas para polas a salvo do arbitrio do demo. Os seus poderes esvaecen se escudriñarmos o seu secreto contido. (Solla, Calros: Actas da VII xornada de literatura de tradición oral: Amuletos e reliquias. Usos ecrenzas. pp.118-119. Ed. AELG, 2005).

Pódese consultar o informe completo de conservación e restauración AQUÍ

jueves, 7 de enero de 2016

Outono Fotográfico 2015 no Museo Etnolóxico

Este ano o Museo Etnolóxico participa no Outono Fotográfico 2015 cunha exposición de produción propia, con fondos fotográficos pertencentes o Arquivo Fotográfico do Museo, titulada: "Emocións, lembranzas, interpretacións. Diferentes formas de achagármonos á fotografía" será inaugurada o día 16 de decembro ás 20.30 h. no Local Social "Igrexa da Madalena" onde se poderá visitar até finais de xaneiro de 2016.

Horario do local social da "Igrexa da Madalena":

Martes a venres de 12:00 a 14:00 h. / 16:30 a 19:00 h.
Sábados e domingos de 12:00 a 14:00 h. 
Pechado: 24 e 25 de decembro e 6 de xaneiro

"Emocións, lembranzas, interpretacións. Diferentes forma de achegármonos á fotografía"


A fotografía reproduce imaxes de xentes, circunstancias e ambientes. A fotografía logra réplicas aparentes da realidade, conxela momentos, capta detalles, idealiza as persoas ou, polo contrario, sinala imperfeccións, produce mágoa ou trasmite ledicias cotiás. A fotografía emociona a uns e esperta
Salvador López Requejo s.d.
o interese e a curiosidade de outros. Axúdanos a recordar instantes e favorece, contrariamente, o esquecemento de situacións e persoas. E case sempre motiva o comentario e a palabra. A palabra próxima ou o comentario e a análise distantes.

Como suxire Roland Barthes, a fotografía impresiona, provócanos un punzamento irracional e momentáneo, pero a podemos ollar tamén dende lonxe, facéndonos sentir alleos ao que nela observamos. Hai fotos que nos meten dentro delas, comprometendo sentimentos e estimulando a palabra, e fotos que observamos dende fóra, motivando só reflexións, interpretacións e comentarios.  

 A fotografía configura un marco que delimita un espazo. O que os fotógrafos denominan encadre lévanos a ver na imaxe fotografada un lugar, un punto, un territorio acoutado.

viernes, 18 de diciembre de 2015

Museo Etnolóxico recibe o Torques de Honra 2015


Venres 18 de decembro de 2015 ás 20.30 h. en Carballiño o Centro de Estudios Chamoso Lamas fará entrega do Torques de Honra 2015 ao Museo Etnolóxico.
Os motivos desta distinción aparecen na páxina web do Centro de Estudios Chamoso Lamas: "Esta institución valora o traballo a prol da defensa, conservación e difusión da nosa cultura levados a cabo ó longo dos perto de 50 anos transcurridos dende a súa fundación. Nestes anos, o museo leva recollido unha importante mostra de pezas procedentes desa Galicia que se nos vai, especialmente do mundo do viño e da industria rural, acompañada por un dos mellores fondos fotográficos e orais do noso país sendo, ó tempo, un elemento activo na difusión social e elemento dinamizador de actividades que acheguen o mundo dos museos ó público en xeral". 


TODO O PERSOAL DO MUSEO ETNOLÓXICO AGRADECE Á XENTE DO CENTRO DE ESTUDIOS CHAMOSO LAMAS QUE VALORE E VISIBILICE O NO NOSO TRABALLO CON ESTE RECOÑECEMENTO. MOITAS GRAZAS.


recollida do Torques de Honra o 18 de decembro de 2015 no Carballiño