Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo

lunes, 6 de marzo de 2017

Restauración dun voitrón artesanal

Exposición "A pesca fluvial a través da colección do Museo Etnolóxico"

No pasado mes de xuño inaugurábase no Museo Etnolóxico de Ribadavia a exposición "A pesca fluvial a través da colección do Museo Etnolóxico".

Con motivo desta exposición levouse a cabo no laboratorio do Museo a restauración de diversos obxectos vinculados á actividade.

De entre tódalas pezas escollemos este voitirón para exemplificar dunha forma xeral as intervencións que se levaron a cabo, en maior ou menor medida, segundo o estado de conservación de cada obxecto, sobre o conxunto expositivo.


Os tratamentos varían en función dos materiais e as técnicas de fabricación pero en tódolos casos tense en conta moi especialmente, a súa vida e o seu uso. Por este motivo, o obxectivo da nosa intervención será eliminar ou frenar todas aquelas alteracións que supoñan un deterioro para a peza (suciedade, falta de cohesión, corrosión, ataque biolóxico...) coa finalidade de asegurar a súa conservación e estabilidade, deixando íntegras as pequenas reparacións, engadidos de material ou modificacións que, non formando parte da creación orixinal, aporten datos importantes, ou canto menos interesantes sobre a vida útil das pezas.

Estas son pezas valiosas dende o punto de vista antropolóxico en canto a que foron as ferramentas de traballo de persoas. Eran obxectos cotiáns que pola natureza dos materiais que os compoñen poden considerarse fráxiles e pouco valiosos. Pero ao mesmo tempo eran obxectos moi valorados porque eran sinónimo de riqueza ou canto menos, de supervivencia e constancia disto son as numerosas reparacións que pudemos atopar en todos eles e que tentaban alargar ata o máximo a súa vida útil.
IDENTIFICACIÓN DO OBXECTO 
 
Nº DE INVENTARIO 0570.

OBXECTO Voitirón.

PROCEDENCIA Francelos, Ribadavia (Ourense).

MATERIAIS Fibra sintética, cordel, madeira de mimosa, ferro.

TÉCNICA Redería artesanal.

DIMENSIÓNS Diámetro máximo (boca) 73 cm; Profundidade 150 cm.

DESCRICIÓN Voitirón de dous bozos fabricado en rede de material sintético. A estrutura ríxida consta dun arco de madeira pelada de mimosa e catro aros de ferro, aparte de dúas varas denominadas "estendidillas" tamén de mimosa que servirían para manter a rede estirada e tensa, quedando amarradas ao resto da estrutura por medio de cordeis.

ESTADO DE CONSERVACIÓN 

A rede amosa suciedade xeneralizada. O tecido presenta certa rixidez e nel son visíbeis varias roturas, algunhas xa reparadas antigamente. 
Existen pequenos puntos de corrosión nos aros de ferro que puntualmente ensuciaron de ferruxe os elementos en contacto. Na unión dos extremos de cada aro hai enrolada cinta adhesiva, seguramente colocada ahí para protexer ao tecido do roce cos bordos das varillas de ferro. Esta cinta está hoxe deteriorada e algo despegada. Os elementos de madeira atópanse igualmente sucios e tamén deshidratados, perdendo flexibilidade e resistencia. Esta rixidez ou falta de elasticidade impropia dos materias que constitúen a rede é precisamente a que impide estirala na súa posición de uso e dificulta a súa visualización e diagnose, debido ao perigo de someter certos elementos a tanta tensión.

TRATAMENTOS DE RESTAURACIÓN

LIMPEZA. Tras unha primeira limpeza en seco con brochas de diversas durezas e aspirador lévase a cabo unha limpeza química máis en profundidade e xeneralizada con escuma de tensoactivo neutro. Tras deixar actuar unha hora aclárase en sucesivos baños, sempre tentando reducir ao máximo o contacto prolongado coa auga.


MONTAXE E SECADO. Aproveitando a flexibilidade que a humidade aporta aos diversos elementos procédese á montaxe do voitirón. Unha vez montado o secado será máis doado e ademáis, poderemos observar e documentar mellor algúns detalles importantes que nos falan da vida e uso desta peza.


CONSOLIDACIÓN DA REDE. Nas zonas onde a malla está partida é preciso intervir o antes posible para evitar distendementos. Primeiro aplícase poliamida téxtil como punto de adhesión e onde a tensión é imporatnte ou as lagoas son de maior tamaño, refórzase despois cun cosido de fío de seda.



 

PROTECCIÓN DOS ELEMENTOS DE MADEIRA. Para rematar coa intervención, todos os elementos de madeira son protexidos cun aceite de base vexetal que nutrirá a madeira, facendo que esta recupere flexibilidade e resistencia.


                
Pódese consultar o informe completo de restauración neste enlace con máis fotografías AQUÍ
                                  

martes, 21 de febrero de 2017

Exposición: "Xungir non é esmorecer, senón medrar"



Exposición: Xungir non é esmorecer, senón medrar
Fotografías de Rita Blanco Fernández
no local social da "Igrexa da Madalena"

                                       do 22 de febreiro ao 31 de marzo de 2017
     Horario:   Martes a Venres: 12 a 14 h. e 17 a 19 h.
                                        Sábados e Domingos: 11,30 h. a 14 h.

Ourense é terra de Entroido. Ao longo de toda a xeografía da provincia sucédense unha chea de entroidos con caras diferentes. Na comarca de Maceda sae á rúa o anárquico e rebelde felo, brandindo o caxato e perseguindo aos que se meten con el. Na Limia os protagonistas son varios. En Xinzo é a pantalla quen molesta a quen non se disfraza portando nas mans unhas vexigas indoloras pero non inodoras. Na veciña Serraus, os vergalleiros optan por acompañar a charanga mentres chaman cos seus cornos a participar na festa.
Cada Entroido ten a súa simboloxía e ritos propios que os diferencian e fan singulares pero tamén teñen semellanzas. Nunha xuntanza entre felos, vergalleiros e pantallas e noutra en Murcia durante as «Fiestas de Primavera» do 2013, a fotógrafa captou o entendemento entre eles.
De formación autodidacta, leva colaborando dende hai anos coa promoción do Entroido da provincia a través do de varias iniciativas, como son a cooperación no blogue Felos de Maceda e na páxina web Felos de Maceda ou con diversas fotografías para libro de Óscar J. González Mascaradas de la península Ibérica. É tamén membro activo da asociación fotográfica «Os Potiños» do Carballiño.
A artista busca reflectir nesta exposición apoiada pola «Asociación Felos da Corga da Serra de Maceda», da que é secretaria, dous aspectos fundamentais. Por unha banda, o valor da fotografía como reportaxe ao captar escenas que se describen co movemento como elemento particular e fuxindo do estático. Por outra, a súa paixón polo Entroido que queda patente na beleza e colorido das máscaras e traxes. Antes de chegar a Ribadavia, esta mostra estivo no Museo Etnográfico Liste (Vigo), no Castelo Monumento de Maceda e no Pazo da Cultura de Carballo, entre outros.
No Catálogo da Rede de Bibliotecas de Galicia  AQUÍ escribindo na caixa de búsqueda o termo: entroido ou carnaval podedes encontrar moita bibliografía.
Tamén no blogue da Biblioteca do Museo Etnolóxico hai un pequeno artigo sobre as máscaras do entroido ourensán AQUÍ .


miércoles, 15 de febrero de 2017

Presentación do catálogo: "Legado Meruéndano. Depósito Meruéndano-Cardeñosa"





O próximo venres 17 de febreiro, vai ter lugar a presentación do catálogo do Legado Meruéndano. Depósito Meruéndano-Cardeñosa, ás 20:30 h no salón de actos do Museo Etnolóxico, rúa de Santiago, nº 10 Ribadavia.

Amais dos inventarios bibliográfico, obra de Cristina Gayoso Diz, e documental, feito por Luciana Rodríguez Rodríguez, a obra contén textos de Xosé Carlos Sierra Rodríguez, Lolín Lira Pousa, Gabriel Quiroga Barro, Anxo Collarte, Luís Domínguez Castro e Emilio Carlos García Fernández. Parte dos autores do catálogo intervirán no acto de presentación do mesmo.