Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo

martes, 17 de septiembre de 2019

Presentación do libro de Lois Ladra "Arqueologia da Indústria Moageira em Castelo Branco. Moinhos hidráulicos no rio Ocreza"

 


Venres 20 de setembro ás 20.30 h no Museo Etnolóxico Lois Ladra presentará o seu libro: "Arqueologia da Indústria Moageira em Castelo Branco. Moinhos hidráulicos no rio Ocreza"

Escrito orixinalmente en portugués e publicado pola editora transmontano-duriense Lemad’Origem, a obra presenta os resultados do proxecto de estudo e catalogación de case que media centena de muiños de auga implantados nas ribeiras do rio Ocreza, afluente do grande Texo, ao seu paso polo concello de Castelo Branco. A construción dun encoro hidroeléctrico prevía o asulagamento destes enxeños tradicionais, que foron sometidos a un estudo de impacto ambiental orientado desde a perspectiva da Arqueoloxía da Industria.

Lois Ladra (A Coruña, 1972): Arqueólogo e antropólogo. Estudoso do patrimonio cultural galaico-portugués, especialmente nas temáticas relacionadas coa Protohistoria e a Tecnoloxía tradicional. Autor de media ducia de libros e de varias decenas de artigos en revistas especializadas e de divulgación. Foi galardoado cos premios de investigación “Vicente Risco”, “Ferro Couselo”, “Cátedra”, “Raigame” e “Fermín Bouza-Brey”. Desenvolve a sua actividade profesional como traballador autónomo en diversos proxectos a nivel nacional e internacional.

jueves, 12 de septiembre de 2019

Presentación e mostra expositiva do libro "Geldi 2011-2017. Descensos de Goitibeheras"



Sábado 14 de setembro ás 21.00 h no Museo Etnolóxico, con motivo da XIV Baixada Carrilanas Ribadavia presentación e mostra expositiva do libro:
"GELDI 2011-2017. DESCENSOS DE GOITIBEHERAS", "goitibeheras" chámaselle en vasco ás carrilanas, Usue Arrieta e Vicente Vázquez defínenas como "vehículos autoconstruídos sen motor que se utilizan para descensos por carreteras asfaltadas. Creadas a partir de restos de maquinaria ou dos sobrantes da industria de automoción, constrúense grazas ao enxeño e os saberes do traballador industrial. A práctica da reciclaxe, a fragmentación, a resignificación e a recontextualización dos elementos materiais que nos rodean, subliñan as capacidades creativas e construtivas propias da modernización. As goitibeheras permítennos coñecer a cultura industrial desde unha óptica que supera a esfera tradicional do traballo e invade a dimensión creativa, popular e colectiva da vida".

jueves, 5 de septiembre de 2019

Exposición temporal " "Colección Abrente. Arte galega no desafío cultural dos '70"



Venres 6 de setembro ás 20.30 h. inauguración da mostra plástica da agrupación cultural Abrente de Ribadavia: "Colección Abrente. Arte galega no desafío cultural dos '70" comisariada por Sabela Fraga Costa.

ABRENTE foi una asociación cultural que desenvolveu en Ribadavia una intensa actividade cultural entre os anos 1969 e 1983, esta asociación dispuña dunha razoable colección de arte procedente da doazón de obra que lle facían os artistas para contribuír co importe da súa venda á financiación das actividades da asociación, ou simplemente para decorar a súa sede social. A colección contén 58 obras de 29 autores. Dado o seu volume, a exposición da colección terá lugar en tres fases: a que se inaugura agora, unha segunda será en febreiro coincidindo coa presentación do catálogo da colección e unha terceira que terá lugar entre xuño e setembro de 2020.

viernes, 19 de julio de 2019

Presentación do libro: "El lobo. Tótem y tabú"



O martes 13 de agosto ás 20.30 h preséntase no Museo Etnolóxico o libro do antropólogo Francisco Almarcha “El Lobo. Tótem y tabú” editado por Tundra, será presentado polo tamén antropólogo Félix Castro Vicente que fará unha panorámica das crenzas sobre o lobo en Galicia.

Neste traballo Francisco Almarcha analiza como o lobo pode interpretarse como un animal tabú e un tótem no que os seres humanos proxectamos temores, fobias, ansiedades, aspiracións e anhelos, produto de diferentes condicionantes socioculturais. Desde unha perspectiva antropolóxica, a relación establecida con el reflicte a nosa visión da sociedade, da natureza e do mundo espiritual; unha relación complexa que foi variando a través do tempo e que mostra a importancia simbólica deste predador nas sociedades nas que está presente ou o estivo no pasado.

lunes, 1 de julio de 2019

Ciclo de cinema: Marxes Fílmicas 2019: Unha viaxe a Tunisia


Na oitava edición do ciclo de cinema: "Marxes Fílmicas", en colaboración co Cineclube Padre Feijoo  encargado da selección, xestión e proxección dos filmes, exploraremos un pouquiño do norte do continente africano, viaxaremos a Tunisia, ese pequeno país con pouco máis de 10 millóns de habitantes, segue tentando actualizar o seu camiño de progreso no social e no político.

Ás 22.00 h no patio do Museo Etnolóxico, até completar aforo, na primeira quincena de xullo (luns 8, mércores 10, luns 15 e mércores 17), de balde e en versión orixinal. 

Os primeiros minutos do cine africano na época Lumière foron rodados en Tunisia (polo operador de orixe alxeriana Félix Mesguich) e tamén a produción de Albert Samana Chikly, Ghézal, a filla de Cartago (1924), que está considerada a primeira longa de ficción do continente.

A crise política en Tunisia de 2010-2011, coñecida como a Revolución dos Xasmíns ou a Intifada de Sidi Bouzid, conqueríu o derrocamento do goberno autocrático de Zine El Abidine Ben Ali. Os medios de comunicación tomaron como data de inicio o venres 17 de decembro de 2010, cando o mozo universitario e vendedor ambulante Mohamed Bouazizi se queimou ao bonzo na devandita cidade de Sidi Bouzid para protestar pola acción da policía que, ao confiscarlle o seu posto de venda de froitas na rúa, condenárono ao paro e á miseria. Esta situación vai condicionar e influír no cinema de Tunisia e sobre Tunisia nesta última década do século XXI.

lunes, 10 de junio de 2019

Exposición: Fraguas dende o Museo Etnolóxico. Letras Galegas 2019


A Real Academia Galega adícalle o ano 2019 á obra e a persoa de Antonio Fraguas Fraguas (1906-1999), figura pertencente á xeración do Seminario de Estudos Galegos-SEG (1923) e autor centrado na investigación do folklore e da xeografía de Galicia. En diferentes ocasións puxo a súa mirada sobre o Ribeiro, comarca que coñecía ben pois tiña vínculos familiares, por vía materna, coas terras veciñas de Maside.
A exposición: "Fraguas dende o Museo Etnolóxico. Letras Galegas 2019" comisariada por Xosé C. Sierra Rodríguez consta de cinco paneis nos que se presentan varias facetas do homenaxeado: Fraguas folklorista e antropólogo, Fraguas xeógrafo, Fraguas e a percepción do cambio social e cultural e a visión da muller, Fraguas e os museos, Fraguas o Miño e o Ribeiro, así como unha mostra bibliográfica da súa obra escrita.

jueves, 30 de mayo de 2019

Exposición "IRUSU VILLE" da artista Iria Fafián


O venres 31 de maio ás 19:00 h inaugurase no Museo Etnolóxico a exposición "IRUSU VILLE" da artista IRIA FAFIÁN, que nos acompañará nese día para explicar a técnica e o concepto que hai detrás das obras. Esta exposición está incluída dentro das actividades organizadas polo festival UKP Day, que se celebra en Ribadavia o sábado 1 de xuño

Irusu é unha palabra xaponesa que define a situación na que unha persoa simula a súa ausencia cando alguén chama á porta...

"IRUSU VILLE" recrea un ambiente misterioso onde quen o visita, dende un punto de vista privilexiado, poderá ver e oír case todo o que está a acontecer.

A premisa desta proposta expositiva é expandir os límites da ilustración mediante a creación de imaxes que traspasen o marco bidimensional, coa intención de sumerxer ó espectador na atmósfera das imaxes. A instalación consiste nun percorrido por catro caixas de luz interactivas onde mistúranse elementos que non son propios do debuxo como a tridimensionalidade, a luz, o son, o tempo.

lunes, 13 de mayo de 2019

Día Internacional dos Museos 2019 #DIM19


Cada ano desde 1977, celébrase no mundo enteiro o Día internacional dos museos ao redor do 18 de maio. Este día é a ocasión para concienciar ao público en xeral sobre o papel dos museos no desenvolvemento da sociedade. O Comité consultivo do ICOM define o tema deste evento que, dado o gran número de países participantes, organízase nun día, un fin de semana, unha semana ou un mes enteiro.

O lema para este ano 2019 do Día Internacional dos Museos é: "Os museos como eixes culturais: o futuro da tradición", "creando tradicións que terán novos significados para as xeracións futuras".

Esta efeméride internacional tenta resaltar as funcións dos museos: recolección, conservación, comunicación, investigación, exhibición e especialmente a de servizo á sociedade e a súa diversidade.

O Museo Etnolóxico programou diferentes actividades ao longo deste mes de maio:

lunes, 29 de abril de 2019

Concerto de Germán Díaz e Benxamín Otero: Trece cancións bonitas



Domigo 5 de maio ás 19.30 h no Museo Etnolóxico concerto de Germán Díaz e Benxamín Otero presentan o proxecto: Trece cancións bonitas´.

 


Iturri zaharretik
edaten dut,
ur berria edaten,
beti berri den ura,
betiko iturri zaharretik.

Joxean Artze

Da vella fonte
bebo,
bebo a agua nova,
a agua que sempre é nova,
da fonte que sempre é vella.

En Trece cancións bonitas Benxamín Otero e Germán Díaz, propoñen unha selección de cancións co sinxelo fío argumental de ser, ós seus oídos, bonitas... compositores coma Schubert, Satie, Galliano ou Clastrier, cancioneiros coma o de Inzenga ou o de Federico Olmeda, e melodías propias, compoñen o corpus ecléctico e accidental que conforma este personal concerto.

Instrumentos coma o óboe e o corno inglés únense ás sonoridades medievais da zanfona e a particulares instrumentos mecánicos coma o órgano de barbaria, o aurephone ou a caixa de música programable para os que Otero e Díaz perforan os seus propios cartóns con arranxos actuais para vellas melodías.

Foto de Gus Abreu

miércoles, 24 de abril de 2019

Exposición temporal: "Os xenerais do Ulla" fotografías de Miguel Ares

Ulla uns peculiares entroidos chamados “Os Xenerais do Ulla”. Trátase dunha jmanifestación lúdica na que uns xinetes vestid de xenerais, con vestimentas bastante rechantes percorren as parroquias da c

Do 15 de abril ao 3 de maio de 2019 exposición fotográfica de Miguel Ares: Os xenerais do Ulla

Todos os anos, entre finais do mes de xaneiro e principios de febreiro celébranse na comarca do Ulla, especialmente nos municipios de Teo, Boiqueixón, Vedra, Vila de Cruces, Touro, Bandeira, Silleda ou A Estrada, uns peculiares carnavales chamados Os Xenerais do Ulla. Trátase dunha manifestación lúdica na que uns xinetes -representando dous exércitos, un defensor e outro invasor- vestidos de xenerais e con atuendos bastante rechamantes percorren as parroquias da comarca dando vivas e saúdos a vecinanza.
Esta celebración non ten unha ascendencia clara. A súa orixe asóciaa co recordo das andanzas dos soldados franceses durante a Guerra da Independencia pero, observando o particular das súas vestimentas, tamén se pode falar das Guerras Carlistas. O certo é que nesta festa terminan fusionándose os elementos clásicos do carnaval cos propios de
Os Xenerais do Ulla.

A casa, a aldea e a parroquia, o campo da feira, pezas chave da estrutura rural, xogan un papel esencial no discorrer dos acontecementos. Polas casas pásase dando vivas na honra do cabeza de familia. A aldea, singularizada tanto no bar como no campo da feira -coa súa igrexa sempre presente-, lugares de encontro e celebración. E a parroquia, que durante estas festas son consideradas nacións independentes, como vínculo de unión entre territorial.

Os preparativos comezan no bar do pobo, onde os parroquianos atópanse e “aprovisionan”, mentres os xenerais, en casa dalgún veciño próximo, van dispoñendo as súas monturas e atavío.


Logo, os xenerais co seu abanderado, o seu correo e o seu centinela, aínda sen os seus tocados, dan unha volta polas aldeas limítrofes, dando vivas aos veciños. Mentres, na aldea onde se celebrarán os retos ou atranques, os parroquianos empezan a desprazarse, sen apuro, cara o campo da feira acompañando ás comparsas.
Os xenerais chegan montados ao campo da feira onde se lles espera con gran expectación. Alí os seus asistentes axúdanlles a colocarse os tocados: uns vistosos chapeus recargados de plumas de cores.

A continuación comezan os retos ou atranques. O correo do exército atacante chega ao campo da feira e baixo un arco feito de ramas, que simboliza a porta de acceso ao dominio do exército local, pide ao seu contrario paso franco, ao que este se opoñerá. 
Aparecerán entón os xenerais que darán inicio a unha disputa verbal a base de ripios, nos que se ironizará sobre asuntos en boga. Reinan o bo humor e a ironía. 
Tras unha serie de atranques baixo o arco, nos que os opoñentes se van intercambiando versos, terminan asinando a paz e todos acaban gozando dun día de festa no campo da feira.
Este xa é espazo para o carnaval tradicional onde podemos ver todo o catálogo habitual.

 
MIGUEL ARES é fotógrafo, dedicado á publicidade e á comunicación, así como á dirección de fotografía de documentais de carácter social. Con este traballo preténdese dar visibilidade e elevar a dignidade dunha manifestación cultural pouco coñecida fóra da comarca.