Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo

lunes, 21 de octubre de 2019

Concerto do dúo Ethnos Atramo



En 1975 a UNESCO estableceu o 1 de outubro como o Día Internacional da Música co obxectivo de exaltar a diversidade de manifestacións musicais de todo o mundo.
No Museo Etnolóxico neste 2019 festexamos esta conmemoración co concerto co dúo Ethnos Atramo. 

EthnosAtramo está formado por Pepa G. Lillo e Gabriel Navalón, músicos experimentados e innovadores que propoñen un espazo sonoro de encontro imaxinario entre culturas tan distantes como diferentes irmandando tradición e vangarda cá finalidade de espertar sentimentos para que o público os identifique como propios a pesares da distancia temporal e xeográfica.
Presentan un espectáculo de folk electro acústico con unha coidada selección de emotivas cancións de diversa procedencia: cantares balcánicos, música hebrea (sefardí, ashkenazi e xudeoienemita), baladas centroeuropeas, música andalusí, aires populares casteláns e cancioneiro xitano.

Neste concerto no Museo Etnolóxico convídannos a gozar da innegable orixinalidade da súa proposta sonora ofrecendo un ecléctico repertorio no que se misturan timbres antigos e ritmos procedentes do acervo popular universal con sons de síntese e secuencias electrónicas.

 
PROGRAMA DO CONCERTO:

1.-INTROVADORIAS ( trad. andalusí)
2.-LAS PROMESAS DE JANO (trad. ashkenazi)
3.-LA GACELA Y EL PASTOR (trad. andalusí)
4.-LAMENTO ( trad. xudeoiemenita)
5.-TRAS LA VENTANA (trad. zíngaro)
6.-RAMA DE OLIVO (trad. xudeoiemenita)
7.-TROVADOR DE MELODÍAS (trad. andalusí)
8.-LA ROSA (trad. sefardí)
9.-ARRULLO MAGIAR (trad. húngaro)
10.-SUEGRAS DE AHORA (trad. sefardí)
11.-CIGÜEÑA Y CULEBRA (trad. castellano)

Todos os temas son adaptacións da música antiga e tradicional. Arranxos musicais e composición orixinal por Gabriel Navalón.
Dúo formado por: Pepa G. Lillo: voz e percusións (pandeireta, daf, pandeiro con sonajas, darbuka, bodhrán e crótalos).
Gabriel Navalón: teclado, programacións e ambientación.

miércoles, 16 de octubre de 2019

Festexamos o Día da Biblioteca no Museo Etnolóxico


No día 24 de outubro de 1992 durante o conflito dos Balcáns, a Biblioteca de Saraievo, coñecida como Vijecnica, foi incendiada por un profesor usuario da Biblioteca, desde 1997 celébrase o Día da Biblioteca para resaltar a importancia das bibliotecas como centros de encontro, conservación e difusión da diversidade cultural.


Para celebrar esta data neste 2019 desde unha Biblioteca Especializada como é a Biblioteca do Museo Etnolóxico, queremos mostrar a todo o público o interesante patrimonio conservado nestas bibliotecas tan pouco coñecidas: difundiremos como reflectimos na nosa tradición oral e escrita a relación co medo e coa morte (lendas, contos, ditos, feitos ...), esculcaremos no particular fondo documental e bibliográfico da Biblioteca documentos singulares conservados case por casualidade e descubriremos distintas Bibliotecas Especializadas de Galicia e España a través das intervencións de profesionais que alí traballan. 

Ademais das actividades para os clubes de lectura de bibliotecas escolares, destacamos as actividades para todos os públicos:
 
xoves 24 de outubro 20.00 h  e o sábado 26 de outubro 12.00 h
 
-Visita guiada á Biblioteca do Museo: “Descubrindo documentos singulares” desde almanaques, a álbums de cromos, mini contos, comedias soltas do S. XVIII, catálogos de tendas, revistas de moda do S. XIX, folletos... que información nos achegan?

Se tedes interese nesta actividade e así coñecer os tesouros conservados na Biblioteca do Museo Etnolóxico, pregamos que chamedes o 988788720 ou enviedes un correo electrónico mu.etnoloxico.ribadavia@xunta.gal, para inscribirse pois as visitas son de grupos reducidos,

 
venres 25 de outubro 18.00 h

-En lembranza da nosa compañeira e coautora Araceli Corbo, presentación do libro: “Xornada sobre bibliotecas especializadas (actas 2010, 2013 e 2016)”.

No libro recóllense as experiencias de profesionais de bibliotecas especializadas de toda España, co obxectivo de visibilizar os fondos documentais e bibliográficos conservados neste tipo de bibliotecas.

Remataremos cunha visita ao Museo do Viño de Galicia.

jueves, 10 de octubre de 2019

Nova peza da colección téxtil en exposición: Mantón de Manila


Imaxe reproducida na vitrina: retrato de Áurea Dolores Estévez Estévez. Bos Aires, Arxentina; ca. 1930


Que é un mantón de Manila?
É un lenzo cadrado de seda decorado en cores vivas con flores, paxaros ou fantasías e rematado en todo o seu perímetro por flocos. Os mantóns de Manila toman o seu nome da capital filipina, onde os barcos facían a primeira escala na súa viaxe dende China ata España.

En España, na Fábrica de Tabacos de Sevilla as cigarreiras aproveitaban os panos bordados, nos que chegaban as follas de tabaco, como rebozos para protexerse da humidade cando cruzaban o Guadalquivir. Estes panos foron transformándose en mantóns decorados con motivos florais: uns con catro grandes rosas nas esquinas e outros con rosas de menor tamaño ocupando toda a superficie, coma neste mantón. Algunhas fontes denominan este tipo como mantón de cigarreira.

O mantón de Manila está vinculado ao exquisito non só pola minuciosidade do seu traballo artesanal e virtuosismo senon por estar ligado de forma directa á utilización dun dos materiais téxtiles máis valiosos, a seda.

martes, 17 de septiembre de 2019

Presentación do libro de Lois Ladra "Arqueologia da Indústria Moageira em Castelo Branco. Moinhos hidráulicos no rio Ocreza"

 


Venres 20 de setembro ás 20.30 h no Museo Etnolóxico Lois Ladra presentará o seu libro: "Arqueologia da Indústria Moageira em Castelo Branco. Moinhos hidráulicos no rio Ocreza"

Escrito orixinalmente en portugués e publicado pola editora transmontano-duriense Lemad’Origem, a obra presenta os resultados do proxecto de estudo e catalogación de case que media centena de muiños de auga implantados nas ribeiras do rio Ocreza, afluente do grande Texo, ao seu paso polo concello de Castelo Branco. A construción dun encoro hidroeléctrico prevía o asulagamento destes enxeños tradicionais, que foron sometidos a un estudo de impacto ambiental orientado desde a perspectiva da Arqueoloxía da Industria.

Lois Ladra (A Coruña, 1972): Arqueólogo e antropólogo. Estudoso do patrimonio cultural galaico-portugués, especialmente nas temáticas relacionadas coa Protohistoria e a Tecnoloxía tradicional. Autor de media ducia de libros e de varias decenas de artigos en revistas especializadas e de divulgación. Foi galardoado cos premios de investigación “Vicente Risco”, “Ferro Couselo”, “Cátedra”, “Raigame” e “Fermín Bouza-Brey”. Desenvolve a sua actividade profesional como traballador autónomo en diversos proxectos a nivel nacional e internacional.

jueves, 12 de septiembre de 2019

Presentación e mostra expositiva do libro "Geldi 2011-2017. Descensos de Goitibeheras"



Sábado 14 de setembro ás 21.00 h no Museo Etnolóxico, con motivo da XIV Baixada Carrilanas Ribadavia presentación e mostra expositiva do libro:
"GELDI 2011-2017. DESCENSOS DE GOITIBEHERAS", "goitibeheras" chámaselle en vasco ás carrilanas, Usue Arrieta e Vicente Vázquez defínenas como "vehículos autoconstruídos sen motor que se utilizan para descensos por carreteras asfaltadas. Creadas a partir de restos de maquinaria ou dos sobrantes da industria de automoción, constrúense grazas ao enxeño e os saberes do traballador industrial. A práctica da reciclaxe, a fragmentación, a resignificación e a recontextualización dos elementos materiais que nos rodean, subliñan as capacidades creativas e construtivas propias da modernización. As goitibeheras permítennos coñecer a cultura industrial desde unha óptica que supera a esfera tradicional do traballo e invade a dimensión creativa, popular e colectiva da vida".

jueves, 5 de septiembre de 2019

Exposición temporal " "Colección Abrente. Arte galega no desafío cultural dos '70"



Venres 6 de setembro ás 20.30 h. inauguración da mostra plástica da agrupación cultural Abrente de Ribadavia: "Colección Abrente. Arte galega no desafío cultural dos '70" comisariada por Sabela Fraga Costa.

ABRENTE foi una asociación cultural que desenvolveu en Ribadavia una intensa actividade cultural entre os anos 1969 e 1983, esta asociación dispuña dunha razoable colección de arte procedente da doazón de obra que lle facían os artistas para contribuír co importe da súa venda á financiación das actividades da asociación, ou simplemente para decorar a súa sede social. A colección contén 58 obras de 29 autores. Dado o seu volume, a exposición da colección terá lugar en tres fases: a que se inaugura agora, unha segunda será en febreiro coincidindo coa presentación do catálogo da colección e unha terceira que terá lugar entre xuño e setembro de 2020.

viernes, 19 de julio de 2019

Presentación do libro: "El lobo. Tótem y tabú"



O martes 13 de agosto ás 20.30 h preséntase no Museo Etnolóxico o libro do antropólogo Francisco Almarcha “El Lobo. Tótem y tabú” editado por Tundra, será presentado polo tamén antropólogo Félix Castro Vicente que fará unha panorámica das crenzas sobre o lobo en Galicia.

Neste traballo Francisco Almarcha analiza como o lobo pode interpretarse como un animal tabú e un tótem no que os seres humanos proxectamos temores, fobias, ansiedades, aspiracións e anhelos, produto de diferentes condicionantes socioculturais. Desde unha perspectiva antropolóxica, a relación establecida con el reflicte a nosa visión da sociedade, da natureza e do mundo espiritual; unha relación complexa que foi variando a través do tempo e que mostra a importancia simbólica deste predador nas sociedades nas que está presente ou o estivo no pasado.

lunes, 1 de julio de 2019

Ciclo de cinema: Marxes Fílmicas 2019: Unha viaxe a Tunisia


Na oitava edición do ciclo de cinema: "Marxes Fílmicas", en colaboración co Cineclube Padre Feijoo  encargado da selección, xestión e proxección dos filmes, exploraremos un pouquiño do norte do continente africano, viaxaremos a Tunisia, ese pequeno país con pouco máis de 10 millóns de habitantes, segue tentando actualizar o seu camiño de progreso no social e no político.

Ás 22.00 h no patio do Museo Etnolóxico, até completar aforo, na primeira quincena de xullo (luns 8, mércores 10, luns 15 e mércores 17), de balde e en versión orixinal. 

Os primeiros minutos do cine africano na época Lumière foron rodados en Tunisia (polo operador de orixe alxeriana Félix Mesguich) e tamén a produción de Albert Samana Chikly, Ghézal, a filla de Cartago (1924), que está considerada a primeira longa de ficción do continente.

A crise política en Tunisia de 2010-2011, coñecida como a Revolución dos Xasmíns ou a Intifada de Sidi Bouzid, conqueríu o derrocamento do goberno autocrático de Zine El Abidine Ben Ali. Os medios de comunicación tomaron como data de inicio o venres 17 de decembro de 2010, cando o mozo universitario e vendedor ambulante Mohamed Bouazizi se queimou ao bonzo na devandita cidade de Sidi Bouzid para protestar pola acción da policía que, ao confiscarlle o seu posto de venda de froitas na rúa, condenárono ao paro e á miseria. Esta situación vai condicionar e influír no cinema de Tunisia e sobre Tunisia nesta última década do século XXI.

lunes, 10 de junio de 2019

Exposición: Fraguas dende o Museo Etnolóxico. Letras Galegas 2019


A Real Academia Galega adícalle o ano 2019 á obra e a persoa de Antonio Fraguas Fraguas (1906-1999), figura pertencente á xeración do Seminario de Estudos Galegos-SEG (1923) e autor centrado na investigación do folklore e da xeografía de Galicia. En diferentes ocasións puxo a súa mirada sobre o Ribeiro, comarca que coñecía ben pois tiña vínculos familiares, por vía materna, coas terras veciñas de Maside.
A exposición: "Fraguas dende o Museo Etnolóxico. Letras Galegas 2019" comisariada por Xosé C. Sierra Rodríguez consta de cinco paneis nos que se presentan varias facetas do homenaxeado: Fraguas folklorista e antropólogo, Fraguas xeógrafo, Fraguas e a percepción do cambio social e cultural e a visión da muller, Fraguas e os museos, Fraguas o Miño e o Ribeiro, así como unha mostra bibliográfica da súa obra escrita.

jueves, 30 de mayo de 2019

Exposición "IRUSU VILLE" da artista Iria Fafián


O venres 31 de maio ás 19:00 h inaugurase no Museo Etnolóxico a exposición "IRUSU VILLE" da artista IRIA FAFIÁN, que nos acompañará nese día para explicar a técnica e o concepto que hai detrás das obras. Esta exposición está incluída dentro das actividades organizadas polo festival UKP Day, que se celebra en Ribadavia o sábado 1 de xuño

Irusu é unha palabra xaponesa que define a situación na que unha persoa simula a súa ausencia cando alguén chama á porta...

"IRUSU VILLE" recrea un ambiente misterioso onde quen o visita, dende un punto de vista privilexiado, poderá ver e oír case todo o que está a acontecer.

A premisa desta proposta expositiva é expandir os límites da ilustración mediante a creación de imaxes que traspasen o marco bidimensional, coa intención de sumerxer ó espectador na atmósfera das imaxes. A instalación consiste nun percorrido por catro caixas de luz interactivas onde mistúranse elementos que non son propios do debuxo como a tridimensionalidade, a luz, o son, o tempo.