Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo

lunes, 13 de abril de 2020

Cantinas escolares

A comezos do século XX en España implántanse novas tentativas pedagóxicas e lexislativas no mundo da ensinanza. Concienciar e incentivar aos pais da necesidade de educar e enviar aos seus fillos e fillas á escola, evitando así o absentismo e o elevado analfabetismo, sería un dos pasos para contribuír á modernización e europeización da educación española.
Nacen entón, asociados a ensinanza e cun carácter netamente benéfico, os primeiros programas de alimentación infantil coas chamadas Cantinas Escolares, destinadas a proporcionar alimento e sanidade tanto a nenos e nenas orfas como aquelas e aqueles cuxas nais, por ocuparse do fogar ou pola precariedade económica, non podían atender.
A Xunta de Protección á Infancia era a encargada de instalar o comedor en boas condicións hixiénicas e de comodidade ademais de proporcionar a cada neno e nena o material necesario para o subministro alimentario e un prato quente. Había unha encargada para a limpeza e o reparto da comida diaria, e os profesores e profesoras gratuitamente encargábanse de vixiar e educar durante as comidas.

Fondo Fotográfico. Museo Etnolóxico

A fotografía ilustrativa que data do ano 1934, mostra a Cantina Escolar de Ribadavia, dirixida por Antonia Ortiz Currais (1886-1985), nese mesmo ano promove a organización da Semana Pedagóxica de Ribadavia, con anterioridade Antonia Ortiz dirixira a Cantina Escolar de Ourense.
No Álbum de Mulleres do Consello da Cultura Galega AQUÍ  hai información detallada sobre a vida de Antonia Ortíz Currais, primeira muller inspectora de Educación en Galicia e acceder á galería de imaxes do seu arquivo persoal. Neste álbum pódese ver outra interesante fotografía da Cantina Escolar de Ribadavia, así como o programa e o grupo participante nesa Semana Pedagóxica de Ribadavia.
No catálogo de Museos de España CERES, pódese encontrar a ficha de catalogación da fotografía edeste artigo, así como doutras que forman parte do fondo documental do Museo Etnolóxico.

#aculturasegue #aculturagalegasegue #EuQuedoNaCasa

miércoles, 8 de abril de 2020

Concurso: o mes de Abril na tradición

CONCURSO ABERTO DO 8 AO 20 DE ABRIL






Seguro que coñeces: refráns, ditos, cantigas, regueifas, contos populares, cancións sobre o mes de ABRIL:


o mes de abril e o tempo
o mes de abril e o campo
o mes de abril e o mar
o mes de abril e o tempo
o mes de abril e a natureza
o mes de abril e o traballo
o mes de abril e os amores...

se non coñeces ningún pois PREGÚNTALLE á túa avoa, avó, tío, veciña, veciño, tía, nai, pai, panda, familia ... porque abrazar non podemos pero falar por teléfono e vernos por videoconferencia iso sí.



COMO PARTICIPAR:

Despois FAI UN COMENTARIO sobre o mes de abril NESTE EVENTO DO MUSEO, podes facer varios comentarios por persoas que non teñan facebook poñendo o nome da persoa ou enviando un correo electrónico mu.etnoloxico.ribadavia@xunta.gal.

PREMIOS:

Toda a xente que participe entrará no SORTEO DE DOUS CATÁLOGOS do Museo Etnolóxico: “O calendario agrícola” e “Os catro elementos”, o sorteo será O 20 DE ABRIL POLA TARDE.

Admítense orixinalidades tanto na forma de envialo como no contido: editando unha foto, cun vídeo, cun audio ou simplemente escribindo; o considerado máis orixinal polo equipo do Museo terá un premio especial.

O Día 23 de abril Día do Libro EDITAREMOS EN LIÑA UN LIBRO COLOBORATIVO CON TODAS AS ACHEGAS.

DIFUNDE, COMPARTE ENTRE AS TÚAS AMISTADES E PARTICIPA







O resultado deste concurso foi a edición dixital dun libro comunitario, colaborativo e participativo:
O mes de Abril na tradición.



Descarga preme AQUÍ 




#aculturasegue #euquedonacasa #aculturagalegasegue

martes, 7 de abril de 2020

Impresora de contactos?: tratamento de conservación

Esta peza forma parte da colección do Museo Etnolóxico, procede do estudio de Foto Chao de Ribadavia. Semella unha impresora de contactos, é da marca Agfa, manipulada e adaptada para o uso, como se pode ver nas fotografías.



informe completo AQUÍ


INFORMES:


Peza cun ataque masivo de insectos xilófagos. Ao collela desprende numerosas serraduras. Procede desinsectación por anoxia.



Estado de conservación precario:  
-Depósitos de po e sucidade. 
-Ataque masivo  de xilófagos, non activo (foi desinsectada mediante anoxia), con perda importante de consistencia do material. 
-Restos na superficie dun betún ou cera envellecida aplicada con brocha.


Proposta de tratamento: 
Desinsectación preventiva. 
Limpeza. 
Consolidación


TRATAMENTOS:


Desinsectación: 
O uso da anoxia para o tratamento de pezas históricas atacadas por insectos é un método seguro, tanto para a peza como para os manipuladores. Diferentes estudos (Valentín e col, 1998),  teñen demostrado que non se producen alteracións físico químicas nos soportes e ademáis pódese conseguir o 100% de mortalidade en todos os estadíos de desenvolvemento dos insectos, ovo, larva, pupa e adulto. 
Un tratamento con anoxia consiste na eliminación casi por completo do O2. Desta forma créase unha atmósfera anóxica incompatible coa vida dos insectos, na que o nivel ideal de O2 atópase por baixo do 0,1%. 

Procedimento: 
1. Confección dunha bolsa de plástico de polietileno de alta barrera ao osíxeno termoselada en cuxo interior están as pezas con ataque de xilófagos. Colócase tamén un datalogger  para seguimento de Tº e HR.

2. Cálculo do número de absorbentes:  
Va en ml= 120 largo x 75anchox 40alto=  360.000ml 
VO2 a eliminar= 360.000/5= 72000 ml 
Colocáronse 75 bolsas de ATCO-1000 

3. Control periódico dos niveis de osíxeno.  
Introdúcense os sacos de absorbentes e obsérvase cando o nivel de osíxeno é menor de 0,1% . A medición realízase cun oxímetro da Marca Dansensor, a través dunha agulla que extrae ar do interior da bolsa. 

4. Duración do proceso: mínimo 20 días.

Técnica de Limpeza:
Mecánica: limpeza de pó e depósitos superficiais mediante cepillos de distinta dureza e aspiración, empregando o bisturí no caso de depósitos incrustados.  
Química: eliminación de restos dun betún aplicado con brocha mediante hisopos humedecidos en auga - alcohol.  

cata de limpeza

limpeza química












Técnica de Consolidación 
- Consolidacións puntuais con Paraloid B72 ao 5% en dowanol.  
- Adhesións puntuais con PVA. 
- Reintegracións puntuais con Araldit madeira, sempre de tipo estrutural cando se considera necesario para a estabilidade da peza. 


proceso consolidación
proceso consolidación














Resultado do tratamento de conservación
Informe completo AQUÍ

Outros tipos de diñeiro: as fichas telefónicas

Hoxe como medida de hixiene estamos asistindo a un incremento no uso dos medios de pago dixitais, tarxetas ou o móbil, para pagar as nosas compras cotiás en detrimento da moeda metálica ou do billete de papel. Isto é, estamos utilizando outras formas de diñeiro. 

Entre estes diñeiros diferentes están aqueles instrumentos deseñados para fins concretos como poden ser as tarxetas para o bus, as destinadas a fidelizar a clientela nun comercio ou nunha rede, ou as fichas telefónicas, como as que presentamos. 





Ata hai algúns anos para facer chamadas telefónicas dende unha cabina ou un teléfono público era preciso dispoñer de fichas emitidas polas respectivas compañías de teléfonos. Neste caso son dúas fichas en cobre acuñadas pola Compañía Telefónica Nacional de España na década dos 60 do século pasado. 

Por certo, as subidas periódicas do custo das chamadas facían da adquisición previsora de fichas telefónicas unha maneira de anticiparse ás subas e a inflación.

lunes, 6 de abril de 2020

Mostra documental sobre o ciclo “A muller na sociedade actual” organizado pola Agrupación Cultural Abrente en 1972 en Ribadavia

O estudo da historia da Agrupación Cultural Abrente de Ribadavia (1969-1983),  é posible, nunha parte importante, porque os socios e socias da mesma durante os anos de actividade conservaron e clasificaron con minuciosidade e coidado a documentación administrativa e de función da asociación.

Mostra da variedade documental. Fondo Abrente



Esta variada documentación: administrativa, recortes de xornais, fotografías, folletos, follas voandeiras, manuscritos, así como libros e revistas foi depositada no Museo Etnolóxico unha vez disolvida a Agrupación. 

No ano 1972, entre xaneiro e abril, organizaron en Ribadavia un ciclo de conferencias sobre “A muller na sociedade actual” nun momento histórico no que o tema da muller non era habitual na programación das asociacións culturais galegas e o movemento feminista galego estaba aínda xestándose. Non será ata 1977 cando María Xosé Queizán publique o primeiro ensaio feminista en Galicia “A muller en Galicia: a muller na sociedade galega: a lingua galega e a muller : (análise estrutural de dous métodos represivos)” editado por Edicións do Castro. 

Iniciouse este ciclo en xaneiro con Celso Montero e Nemesio Barxa co tema “La mujer y la Iglesia”  e “La mujer en la sociedad y en el derecho gallegos” respectivamente, en febreiro foi a vez de Mª José Amor Carreró  disertando sobre “La mujer en la sociedad española de hoy”, en marzo María Xosé Queizán “Perspectivas y necesidades históricas de la familia”, rematando o ciclo en abril Victoria Armesto cunha conferencia sobre  “Juglares y juglaresas”.

Nesta mostra documental, que se pode ver no Museo Etnolóxico, está exposta parte da documentación conservada pola Agrupación ribadaviense en relación a este ciclo sobre a muller

Máis información no blog da Biblioteca do Museo Etnolóxico AQUÍ

Relatorio de María Xosé Queizán na inauguración da Mostra

jueves, 2 de abril de 2020

Fotos de estudio de recén casados: vestiario

Un posado clásico nos estudios fotográficos son os retratos aos recén casados. 
Antigamente o máis normal era que a noiva lucira de negro, con vestido que pouco a pouco se vai sofisticando con abelorios de cristal ou pedras, tecidos de “crepé”, gasa e seda. O uso da cor branca xa estaba máis vinculada ao status social da noiva e da súa familia, os vestidos eran máis custosos polas calidades das teas, dos seus bordados, largas colas, abelorios e xoias que completaban o conxunto. 
Será a partires dos anos 50 do século XX cando esta cor se universaliza a todos os status, chegando o seu uso até os tempos actuais cas diferentes variantes de teas, formas e tonalidades. 
O noivo usaba traxe con chaleco, camisa de ton claro e gravata, ou ben “esmoquin”, chaqué ou frac se o enlace era de luxo.
Na selección de fotografías que vos presentamos a primeira delas sen autor recoñecido data do ano 1904, a segunda realizada na Arxentina polo estudio Bixio&Ci é do ano 1927 e as restantes realizadas no estudio Chao de Ribadavia corresponden a finais do anos 40 e inicios dos 50.


Foto 1

Foto 2


Foto 3


Foto 4

*No catálogo de Museos de España CERES, podedes encontrar as fichas de catalogación de ditas fotografías e doutras mais que forman parte do fondo documental do Museo Etnolóxico.

#aculturasegue  #euquedonacasa #aculturagalegasegue

Xerra de vimio: tratamento de conservación

Esta xerra na parte exterior está formada por vimio e láminas de madeira para dar forma ao corpo da xerra, produción artesanal, posiblemente con axuda dun molde, a procedencia desta peza é a comarca de Lugo.
A datación faise de acordo coa evolución de técnicas e materiais que se da a partir de 1950: as xerras máis antigas son pequenos contedores troncocónicos de tiras de madeira. A mediados do século XX a fabricación con molde permite realizar formas máis estilizadas; outras innovacións son o pequeno pé da base, e a utilización de vimio. Esto para a zona do Ulla; outras zonas de fabricación están no Miño de Lugo e Ourense.
As función era de servizo, consumo e tamén medida do viño.


INFORMES:

Análise do estado de conservación
Xerra de vimio con tiras entrelazás, impermeabilizada con pez polo interior. Usabáse para sacalo viño da cuba. A peza atópase en bo estado de conservación. Presenta suciedade de po e contaminación atmosférica superficial. Presenta buracos, sinal da presenza dun ataque de insectos, posiblemente non activo na actualidade. A protección do pez do interior da xerra permanece cuarteada, por deshidratación, atópase reseca. Restos no exterior da cola de peixe, que forman parte da execución técnica da peza.


informe completo AQUÍ




xarra_1177. Ataque xilófagos
xarra_1177. restos de resina












                                                                 TRATAMENTOS:


*Control biolóxico
Desinsectación por anoxia con gas nitróxeno. Para elo, introduciuse a peza nunha bolsa de plástico de barreira impermeable ao osíxeno. A atmósfera no interior da bolsa foi de nitróxeno puro cunha porcentaxe de osíxeno non superior ao 0.1%. As condicións medioambientais tivéronse en conta introducindo un dataloger para o control da humedade relativa e a temperatura, parámetros que se moveron ao redor do 65% de HR e os 20ª C. Nestas condicións, mantívose trinta días.


*Técnica de Limpeza
Limpeza mecánica por aspiración e química con esencia de petróleo. Na limpeza, se activa a resina interior cunha mistura de disolventes polares ao 50%.

*Técnica de protección
Protección e hidratación mediante a aplicación por impregnación con brocha dun aceite de base.

martes, 31 de marzo de 2020

As redes sociais de hai cen anos?

Hai cen anos, sen Twitter, nen Facebook, nen Instagram... as persoas empregaban para comunicarse a taxeta postal!! Cada día intercambiábanse unha postal, polo xeral empregando series de tarxetas nas que se ía contando unha historia.

Entre as coleccións do Museo Etnolóxico temos algúns exemplos, como o que vos presentamos, como vedes engadímoslle un número para que non vos perdades na historia. Que estará contando?

Pode que vos chame a atención que escriben na parte que contén a ilustración, é que ata 1905 a cara sen imaxes reservábase para o enderezo, polo que o texto tiña que ir na outra cara.








jueves, 26 de marzo de 2020

Fotógrafos/as ambulantes




Como alternativa á fotografía de estudio, cara, centrada nas urbes e accesible só para xente dun determinado status social, xurden a finais do século XIX e inicios do XX os fotógrafos ambulantes, facendo que a fotografía se universalizase e fora mais accesible a todas as clases sociais.

Fácil era velos nas aldeas cando había feiras e mercados na procura do potencial cliente, soldados de permiso, niñeiras, parellas namoradas, ou mesmo familias que desexaban perpetuarse para enviar esa instantánea ao membro da familia ausente por mor da emigración. 



En que casa non había algunha foto dun fotógrafo ambulante?, lembremos o traballo de fotógrafos locais ourensáns como Reza, ou Rizo, que facían a foto e logo de tomar os datos, xa unha vez revelada, enviabana a casa ou ben a expuñan nun determinado lugar para que despois de vista se lle fixera o encargo. 

Quen non se sentiu fascinado ante aqueles fotógrafos magos, denominados "minuteros"? que traballaban cunha caixa de madeira fabricadas por eles mesmos ou por un carpinteiro, que servían á vez de cámara e laboratorio, permitindo realizar "in situ" unha fotografía negativa que xa unha vez revelada, en branco e negro, era entregada en poucos minutos (de aí o seu nome) e a un prezo alcanzable.

Foto Mitos Conde

Aínda que os fotógrafos minuteros eran na súa maioría homes, tamén había algunhas mulleres. En Oviedo, nun dos seus parques, unha estatua en bronce deixa constancia da figura dunha delas, Josefa Carril, mais coñecida por "La Torera".

Os fotógrafos ambulantes foron desaparecendo deixando tras de si centos, miles, millóns de personaxes, lugares e momentos inmortais que no volverán suceder e que agora están pechados en caixas, en álbums, nas galerías e arquivos dos museos etnográficos…

O noso museo conserva a colección formada pola produción da saga dos fotógrafos Chao, ribadavienses, que establecen o seu Estudio circa 1870, onde desenvolven unha inxente laboura, así como de maneira ambulante por terras da Cañiza ou Avión ou no mundo da prensa, até que en 2005, coa xubilación dos derradeiros da saga, pecha. 



*No catálogo de Museos de España CERES, podedes encontrar as fichas de catalogación de ditas fotografías e doutras mais que forman parte do fondo documental do Museo.
 

lunes, 23 de marzo de 2020

"Patrimonio en femenino" no Museo Etnolóxico



O 8 de marzo celébrase o Día Internacional da Muller. A data para esta celebración ten unha historia máis alá da proclamación feita pola Asemblea Xeral da ONU o ano 1977. En USA o Día Nacional da Muller celebrouse o último domingo de febreiro dende 1909 ata 1913. En Europa a partir de 1911 o día elexido era o 19 de marzo, aludindo á Comuna de París. A consolidación do 8 de marzo ten que ver coa Revolución Rusa. En 1917, en plena Primeira Guerra Mundial, as mulleres rusas deciden manifestarse en favor da paz; a data elixida foi o 23 de febreiro do seu calendario de entón, isto é o 8 de marzo segundo o calendario gregoriano.
Hoxe, a celebración ten lugar nun grande número de países e mesmo prolóngase ao longo do mes con actividades para lembrar o respecto á igualdade da muller e o home á hora de desenvolver a súa vida como cidadás, traballadoras, creadoras, en definitiva como persoas.
Pois ben, podemos aproveitar unha iniciativa en liña ue se desenvolveu entre 2011 e 2016, na que coordinadas polo Ministerio de Cultura tiveron lugar seis edicións baixo a denominación «Patrimonio en Femenino», buscando visibilizar a presenza da muller nos máis diversos ámbitos a partir de bens mobles das coleccións dos museos. 


En concreto, foron seis edicións: Patrimonio en FemeninoAusencias y SilenciosMujeres ante la adversidad: tiempos y contratiemposTradición y modernidadEros y Anteros: visiones sobre la sexualidad femenina e, finalmente La memoria femenina: mujeres en la historia, historia de mujeres, edición esta á que se uniron museos de Argentina, Brasil, Chile, Colombia, México, Portugal y Uruguay, amais de España.
Cada unha delas co seu correspondente catálogo en liña, descargable de balde, accede picando sobre os títulos de cada edición:






Visita o álbum completo das fotos de "Patrimonio en femenino" do Museo Etnolóxico no TABOLEIRO DE PINTEREST pica  AQUÍ