Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo

viernes, 27 de noviembre de 2020

En decembro festexamos...

Pilar Vilaboi envólvenos neste texto nas celebracións do mes de decembro en Galicia. Achéganos á tradición a través de refráns, historias, cantigas: "Se polo Nadal neva, todo se aleda"; mais tamén á etimoloxía de nomes e apelidos, á hagiografía das santas e santos celebrados neste último mes do calendario gregoriano e décimo do romano: santa Bárbara, santa Baia, santa Lucía, san Silvestre, san Estevo, Domingos... 

Na Noiteboa non recollades a mesa que as ánimas tamén queren celebrala e por suposto acender o "lume novo".

Para gozar con todas as historias podedes descargar o consultar nos enlaces o texto completo de Pilar Vilaboi Freire.

 

 

Descarga preme AQUÍ
                                                                                      Consulta preme AQUÍ

 

 

[Fragmento do traballo de Pilar Vilaboi]       

 

O mes de decembro é o duodécimo e derradeiro mes do ano no calendario gregoriano; o seu nome procede do latín decimus, xa que era o décimo mes do calendario romano. Tamén se coñece como mes de Nadal ou O Nadal, por ser unha das festas sinaladas do mes e o conxunto de celebracións que comezan na Noiteboa, a noite do 24 de decembro, e rematan cos Reis, o 6 de xaneiro. Decembro tamén recibe segundo o Glosario de voces galegas de hoxe, de Constantino García, en Dumbría, o nome de mes de Santa Baia. Hai moitos refráns que aluden ao mal tempo destes días: Cando Nadal nada, sinal de boa anada; Entre Santos e Nadal, inverno caroal; Nadal mollado e xaneiro ben xeado; No mes de Nadal, a carón da lareira vaite sentar; No Nadal inverno a fartar; ou Se polo Nadal neva, todo se aleda.

...

[Canteiros en Vigo]. Foto Llanos. 1935. Fondo Fotográfico Museo Etnolóxico

 

O 31 é San Silvestre, do latín Siluester, testemuñado como nome só en época cristiá. Para os romanos era unha palabra de significado transparente por corresponder ao adxectivo silvester ‘boscoso, habitante dos bosques’ e de aquí ‘salvaxe, rústico’. É aínda un adxectivo de uso común co seu significado orixinal. San Silvestre é invocado contra os males da gorxa e como protector do gando bovino; tamén é patrón dos albaneis e mais dos canteiros. Foi un nome que se puxo de moda nos anos 90 nos Estados Unidos pola sona do actor Sylvester Stallone da serie de filmes Rambo. Tamén é un sonado personaxe O Gato Silvestre (orixinalmente Silvester J. Pussycat) dos debuxos animados americanos Looney Tunes. Xerou refráns como: San Silvestre, meigas fóra!; ou O día de san Silvestre vai nun ano e vén noutro e non se despe; e ditos como: San Silvestriño das perniñas tortas / avogadiño das nenas de Portas. Tamén se festexa nalgúns lugares este mesmo día Santa Comba, da que xa falamos no mes dedicado a agosto.

martes, 24 de noviembre de 2020

Galicia a terra dos mil panos. Roupa de levar á vila



A exposición Galicia a terra dos mil panos. Roupa de levar á vila, chega ao Museo Etnolóxico. Esta montaxe é feita pola Asociación Etnográfica Sete Espadelas con bens da súa colección e permite unha achega atractiva ás pezas de vestimenta tradicional de Galicia.

Mediante unha coidada selección, do total de obras que compoñen a exposición orixinal, a mostra presenta elementos tan singulares como 7 mantóns antigos de Paisley de espectacular colorido e deseño con mais de 150 anos de antigüidade, panos de cabeza, de bobiné de batista ou tule bordados a mans.

Xunto con outras pezas como os panos de man de encaixe, panos de seda de mesquitas e os de raión , o traxe dunha leiteira de Lugo ou a da unha muller de loito; algúns dos maniquíes achéganse a outros espazos do museo, como a recreación dunha tenda-bar, de maneira que a exposición convértese nunha ollada que, entre fíos e teas, permite coñecer a cotidianeidade do noso pasado e a riqueza dos oficios tradicionais.


           Achégate!

lunes, 16 de noviembre de 2020

PD. Lémbrame (as tarxetas enteiropostais)





    Hoxe con motivo do Día mundial do Patrimonio queremos aproveitar para recordar a importancia do patrimonio vinculado aos medios de comunicación como unha maneira de entender mellor a sociedade do pasado. Utilizando as novas redes que definen as relacións sociais do noso presente, queremos achegarvos as orixes da tarxetas postais, as tarxetas enteiropostais.

    As tarxetas postais que con ilusión mandamos dende un pais estranxeiro á casa, as tarxetas postais que felicitan o nadal etc, teñen unha orixe curiosa que nos fala da necesidade de conseguir un método de comunicación mais rápido e barato que a tradicional carta.

    Algunhas investigacións relacionan a aparición da tarxeta postal co ano 1840. Foi entón cando Sir William Mulready, deseñou uns sobres que contaban co selo impreso para logo introducir a carta dentro. Parece que nese momento, algunhas persoas empezaron a ver o reverso do sobre como o espazo idóneo para escribir as súas mensaxes se estas eran curtas, reducindo tempo e papel no envío. Se ben puido ser esta tendencia, case filla da vagancia ou do aforro, a que puido dar a idea para institucionalización das tarxetas postais, non sería ata 1869 cando un país decantarase por a introdución dun tipo de comunicación aberta.




    Nese ano a monarquía astro-húngara desenténdese dalgunhas voces que non crían no éxito dun medio de comunicación non reservado, e estandariza as dimensións e o prezo das tarxetas postais emitidas polo goberno, abaratando os cortes de envío respecto dunha carta ordinaria. Pouco a pouco os diferentes países foron utilizando a modalidade de enteiros postais (un elemento emitido por unha entidade oficial de correos que leva impreso un emblema mostrando o valor específico que indica que el franqueo xa foi pagado) para crear as súas tarxetas postais. España decide aprobar a circulación de tarxetas enteiro postais no ano 1871, prohibe as de fabricación privada, pero non emitirá a primeira tirada (deseñadas por Joaquín Pi i Margall) ata o ano 1873. Nese momento o prezo dunha tarxeta postal era de seis céntimos de peseta (o prezo do selo) e podíanse engadir outros complementarios no caso de ter sido que enviar o estranxeiro. No sería ata o 1887 cando o goberno comeza a dar a liberdade na creación de tarxetas postais por particulares, ampliándose os temas representados e dando a orixe as tarxetas postais modernas, que recollen, por exemplo, sitios emblemáticos dunha cidade ou outras expresión de patrimonio cultural.

    ¿Pero que supuxo a introdución de esta nova forma de comunicación nese momento? Poderíamos estar tentados a pensar que as tarxetas postais pasaron por substituír as cartas pero sabemos que non foi así. As tarxetas postais foron utilizadas por todas as clases sociais, a xente tivo a opción de se comunicar con mais frecuencia; supuxo o método de comunicación mais habitual entre as familias divididas entre a cidade e o campo, pero tamén un método de comunicación moi utilizado para o comercio. Supuxo unha mensaxería rápida para época, unha ferramenta mais que non sempre eliminaba a necesidade dunha explicación longa por carta, igual que non sempre o Whatsapp pode evitar o ter que levantar o teléfono.

    Estas imaxes dos enteirospostais que vos presentamos hoxe, consérvanse no museo xa que son mostra dun dos aspectos relacionais dunha sociedade, unha chave para entender mellor o pasado, e polo tanto unha parte do patrimonio común que merece a pena coñecer e preservar.

Feliz Día Internacional do Patrimonio Mundial a tod@s!

Bibliografía:

Roig Meca, Ángel J.(2004).Tarjeta postal: Región de Murcia, Cehiform

López Hurtado.M (2013) La tarjeta postal como documento. Estudio de usuarios y propuesta de un modelo analíco. Aplicación a la colección de postales del ateneo de Madrid (Tese). [Consulta en:https://eprints.ucm.es/23004/] [Data de consulta: 11/11/2020]




viernes, 30 de octubre de 2020

En novembro festexamos...

No noveno mes do calendario romano en Galicia celébranse festas sinaladas que na tradición oral dánlle, incluso, nome a este mes: Mes de Santos, Mes dos mortos ou de San Martiño. Pilar Vilaboi ademais das historias e lendas das onomáticas deste mes sobre Margarida, Uxío, Sabela, Clemente, Martiño, Román, Bretonia... achéganos refráns e ditos desta época do ano na que xa cheira a inverno: “Entre Santos e Nadal é o inverso candeal” a magosto, a matanza e a viño novo...

Todas as historias, lendas, refráns recollidas por Pilar Vilaboi para festexar o mes de novembro no texto que podedes consultar ou descargar premendo nos enlaces. Aínda que en pandemia os festexos sociais están restrinxidos, sempre nos queda lembralos.

 

 


                                                                Descarga preme AQUÍ

                                                                 Consulta preme AQUÍ          

 

                                         

 

[Fragmento do traballo de Pilar Vilaboi]      

...

O día 2 é Día de Defuntos: por iso se coñece o mes como dos mortos ou mes
das ánimas. É un día no que se visitan os cemiterios para levarlles flores aos
familiares falecidos. En Tui tiñan o costume de botar un gran toco ao lume na noite
de defuntos para que as ánimas dos devanceiros mortos puidesen vir quentarse. En
Cambados dise que non se debe ir ao mar neste día para evitar coller nas redes aos
mortos. Por terras de Mondoñedo era costume no século XVI que os mozos fosen
percorrendo a aldea, de porta en porta, cantando coma en Nadal e pedindo pan,
carne, patacas, viño, etc. para os defuntos, ben que logo comían todo o recollido nas
súas casas. Esta práctica foi condenada polo Sínodo do bispado de Mondoñedo en
1541. Exemplos de tradición oral temos os refráns: No mes dos mortos mata os teus
porcos; ou No mes dos Santos e Defuntos mata os teus porcos e vai facendo bo
caldo cos untos, nos dous casos aludindo á matanza.

 

                               Carballeda de Avia. Foto Fernando del Río. 1988. Fondo Fotográfico Museo Etnolóxico
 

 ...

 E rematamos cunha estrofa do poema de Cuña Novás titulado Novembro:


[...] Unxe a moucho a esperma árdiga

que alcende a dubidosa chama marela do recordo

e o seu ouvido ecoa a nocturna servidumbre dos mortos. [...]

miércoles, 21 de octubre de 2020

Día das Bibliotecas 2020: sempre ao teu carón

 


O 24 de outubro celébrase o Día das Bibliotecas, neste ano de pandemia e de restricións ´e moi acaído o lema proposto polo Ministerio de Cultura "Bibliotecas sempre ao teu carón". Tamén as bibliotecas de museos, as veces menos visibles, están sempre aí.

Na Biblioteca do Museo Etnolóxico pensamos en actividades para momentos de restricións e para lembrar que conservamos e difundimos patrimonio cultural:

Do dixital ao analóxico do confinamento á nova normalidade: publicación en papel do libro dixital O mes de abril na tradición

O Día do Libro deste 2020 colleunos en confinamento, polo que elaboramos de maneira comunitaria e colaborativa a través das redes sociais (dixitais e persoais), correo electrónico e teléfono coa recompilación de refráns, cancións, cantigas, ditos, historias... sobre o mes de abril un libro dixital. O libro pódese descargar desde o blog do Museo Etnolóxico ou da Biblioteca.

Xa na nova normalidade, para celebrar o Día das Bibliotecas e como agasallo agarimoso para toda a xente que colaborou quixemos editalo en papel para así poder ulir, palpar, acariñar e beixar o entusiasmo comunitario daquel escuro abril de 2020. Concordamos coa reflexión de Irene Vallejo, tirada do seu libro El infinito en un junco, de que aquilo que sobreviviu durante séculos ten máis posibilidades de resistir que aquilo que é novidade.

 

cuberta do libro en papel

Espantamos o medo . Taller en liña para clubs de lectura de bibliotecas escolares da ESO sobre contos e lendas arredor do medo: aparecidos, santa compaña, rituais fúnebres, banquetes con mortos, encontros en cemiterios, lobishomes, sacaúntos, bruxaría, meigallos... para rememorar unha das tradicións galegas de relación co máis alá.

A actividade consta de varias partes:

    • mini taller guiado coas lecturas, a disposición no blog da Biblioteca do Museo AQUÍ , estas lecturas, a escoller, realizaríanse durante o mes de novembro e decembro
    • o alumnado en grupo ou individualmente inventa, reinventa, reintrepeta un conto, unha historia, tendo como base un dos contos tradicionais propostos, gravaríase en audio (15’ como máximo) e enviaríase ao correo do Museo: mu.etnoloxico.ribadavia@xunta.gal, que subiriamos en forma de podcast o canal de ivoox do Museo
    • ontada dixital no canal de ivoox do Museo Etnolóxico, onde se poderán escoitar todas as participacións
    • entre todo o alumnado participante, en xaneiro, faremos sorteos de libros relacionados coa temática, facilitados pola Asociación de Amig@s do Museo e do Conxunto Histórico de Ribadavia (AMECHIR)
       



    Mostra expositiva: “Tes máis conto que Calleja”

    Exporemos a colección de mini-contos da editorial Calleja, resultado dunha doazón en 2013. Destacan nestes mini-contos o seu tamaño e o preciosismo das súas ilustracións. A editorial española Saturnino Calleja fundada en 1879, en activo durante catro décadas, supuxo unha revolución dentro da edición de libros escolares e de literatura infantil en España, democratizou a lectura infantil.

    Para saber máis sobre a editorial Calleja e sobre estes mini-contos AQUÍ


     

  • jueves, 1 de octubre de 2020

    En outubro festexamos...

    "O mes de outubro é o décimo mes do ano do calendario gregoriano, aínda que o
    seu nome vén de ter sido o oitavo (octavus) mes no calendario romano. Outros nomes
    populares son o mes de outono, de San Lucas e do Rosario. Neste mes próbase o viño
    novo da vendima e envásase, como din os refráns: Polo san Lucas solta os bois, mata
    os porcos e tapa as cubas
    ; ou San Simón proba o viño e o porco San Martiño".

    Así comeza Pilar Vilaboi o seu texto no que nos anima a lembrar festas, festexos, tradicións, onomásticas, refráns do mes de outubro. o texto completo pódese consultar e descargar nos enlaces do pé de foto.

                                                                       
                                                                                       Descarga preme AQUÍ                                                             

                                                                                       Consulta preme AQUÍ

     

     [Fragmento do traballo de Pilar Vilaboi] 

    ...

    O 18 outubro festexamos a San Lucas, nome de orixe no grego Lukas, forma
    hipocorística de Lukanós ‘oriúndo de Lucania’, latinizado en Lucas ou Luca. Non se
    desbota que proceda do grego Lukius ou do latín Lucius ‘luminoso’. Este xudeu naceu
    en Antioquía onde era médico. Convertido por san Paulo, seguiu ao seu mestre nas
    viaxes por Grecia e Italia. San Lucas é un dos catro evanxelistas, o que escribiu o
    terceiro Evanxeo. É un dos patróns dos médicos e en Galicia tamén da Facultade de
    Medicina e dos concellos de Chantada, Mondoñedo e Pastoriza. Unha das máis sonadas
    feiras tradicionais é as San Lucas de Mondoñedo. A orixe das festas atribúeselle ao
    bispo Martiño, que as iniciara para celebrar a consagración da catedral en 1246. Pero
    todo apunta a que o seu inicio se remonta a 1156, ano en que Afonso VII concedera
    unha festa de oito días. Estas feiras das San Lucas, que en tempos duraron 15 días, son
    fundamentalmente de gando do monte. Actualmente duran cinco días: o 16 ábrese
    oficialmente a festa co pregón na xornada das Revésperas; o 17 son as Vésperas, o 18 é
    o propio día de San Lucas, o 19 coñecido como Día do Medio e o 20 remata coas
    Maulas, día en que os feirantes venden os últimos produtos a metade de prezo. Deu
    lugar a refráns referidos ás uvas: Polo san Lucas, saben as uvas, porque hai poucas ou
    ningunhas; Entre san Lucas
    (18-10) e san Xudas (28-10) cóllense as uvas; pero tamén a
    outros traballos da terra: Por san Lucas bois ao arado, que enxoitos que mollados; Pola
    semana de san Lucas, suca, boi, suca.

     

                                                            Autor do cartel Xosé Vizoso. 2019

                                                      

     

                                                                                              

    jueves, 24 de septiembre de 2020

    Día Internacional da Música 2020: concerto Davide Salvado e Pedro Pascual

     

                                       Concerto Davide Salvado e Pedro Pascual

                      Cando? sábado 3 de outubro ás 18.                                    Onde?:  patio do Museo Etnolóxico

                              capacidade limitada

                                                            entrada por orde de chegada 

     
     
    Por proposta da UNESCO (Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura) desde 1975 o 1 de outubro célebrase o Día Internacional da Música co obxectivo de exaltar a diversidade de manifestacións musicais de todo o mundo.

    No Museo Etnolóxico neste 2020 festexamos esta conmemoración co concerto dos músicos galegos Davide Salvado e Pedro Pascual.

    Davide Salvado é un dos artistas galegos con máis proxección internacional. Leva media vida percorrendo as aldeas na procura de ritmos, coplas e danzas.
    De todas esas mulleres que foi atopando, aprendeu non só a tradición na música, senon todo un modo de vida. O amor a todas esas prácticas tradicionais e o respecto pola terra, fan que o xeito de entender o canto para Davide sexa moito máis que simplemente música.


    Davide presenta agora un novo formato xunto ao multiinstrumentista Pedro Pascual (Talabarte, Marful), produtor do seu último disco Lobos. O acordeón diatónico, a guitarra e o bouzouki dialogan coa voz e as percusións tradicionais para reinterpretar as músicas coas que eles máis gozan.


    “La transgresión rural. El cantante mezcla tradición, jazz y desparpajo arcoíris en una de las propuestas más seductoras para la aletargada música de raíz”. /// F. Neira, El País

     

    Folla de man do concerto AQUÍ

     

    lunes, 14 de septiembre de 2020

    Exposición temporal "Antropoloxía visual dunha sociedade confinada"

    De agosto a outubro de 2020 pódese visitar no Museo Etnolóxico a exposición "Antropoloxía visual dunha sociedade confinada" composta por 27 fotografías de profesionais da fotografía, fotoxornalistas a maioría, que durante os momentos do confinamento foron os ollos de toda a poboación, dous vídeos e tres textos reflexivos.

    Podemos ver fotografías de: Agostiño Iglesias, Brais Lorenzo, Miguel Muñíz, Miguel Riopa, Mónica Vila Ferreirós, Óscar Corral, Óscar Pinal, Rosiña Rojo e Santi M. Amil e os vídeos realizados por Ainhoa Viñuela  e Blanca Selas e reflexionar cos textos de César Llana, Sandra Martínez e Xerardo Pereiro.

     

    Inauguración da exposición cos fotógraf@s participantes

    O confinamento ao que se viu sometida a sociedade española durante o estado de alarma, declarado como consecuencia da COVID-19 (acrónimo de Coronavirus Disease enfermidade 2019) causado polo SARS-CoV-2, ten suposto unha situación inédita para a cidadanía.

    Varios meses de confinamento constitúen un feito coa relevancia suficiente para ser obxecto de atención por parte das institucións museais, e non só, vinculadas á antropoloxía. E así ten sido, suscitando o interese dende asociacións de antropoloxía, caso de AGANTRO, ata de museos caso do Museo do Pobo Galego ou do Museo Etnolóxico. E o mesmo ten acontecido noutras partes do Estado.

    A Antropoloxía, a diferenza da Historia, non sabe o que vai acontecer despois dos feitos que estuda. Non é posible ir mais aló das hipóteses no que se refire ás consecuencias que as medidas de prevención sanitaria van a desencadear nos hábitos e costumes da nosa sociedade. Polo que aquí do que se trata é de reflexionar do que temos vivido e do que estamos a vivir o que lle din a «nova normalidade».

    (do texto de César Llana. Director do Museo Etnolóxico).

     

    Sala do Museo onde se pode ver a exposición 

     

    Cando lembremos a pandemia da Covid-19 probablemente unha das imaxes que primeiro se nos virá a mente será a dun mundo baleiro, hibernado, unha instantánea pos-apocalíptica e surrealista máis acorde co xénero da ciencia ficción que coa realidade frenética da sociedade na que nos criamos.

    E, sen embargo, o mundo aquedou. E nesa calma aparente un desacougo trepou e calou nos nosos fogares ante un inimigo invisible que foi capaz de derribar os nosos modos de vida, que foi capaz de derrotar a cotiandade, deixándonos un pouco espidos e inconexos.

    ...

    Porque un só foi o confinamento pero as olladas do mesmo serían imposibles de contar, inda que nesta exhibición preténdese amosar parte desas olladas. As fotos escollidas permiten reflexionar sobre un mesmo momento desde moitas perspectivas, tantas como persoas somos, pero tamén recoñecéndonos nalgunhas delas máis ca noutras.

    (do texto de Sandra Martínez. Graduada en Xeografía e Historia)

     

    Sala do Museo onde se pode ver a exposición

     Pero ademais de interpretar e reflexionar, as imaxes representan e captan situacións límites e situacións de adaptación humana aos novos tempos e ás mudanzas causadas pola pandemia do virus COV-SARS-2. O ser humano é un ser adaptativo e as imaxes mostran tamén a tensión entre unha certa orden e desorden social, o biopoder e a transgresión frente a algo imposto.

    ...

    A relación coa natureza e os animais tamén está presente neste exposición, nalgunhas imaxes os animais parecen preguntarse “onde están os humanos?”. Os vellos rituais (bodas e enterros) represéntanse agora austeros e con limitación de convidados, transformando a cultura da vida e da morte. Por outro lado a exposición mostra algunhas recuperacións da tradición como a vida na varanda e a nova reconfiguración do espazo público e do privado.

    Nun tempo pandémico de grande incerteza, de medos paralizantes e paralizadores, de riscos, de irresponsabilidades, de transición e de crise social, cultural e política como a que vivemos, estas imaxes son instrumentos reflexivos moi importantes para afrontar mellor os novos tempos.

    (do texto de Xerardo Pereiro.  Profesor titular de Antropoloxía Sociocultural, Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, UTAD).

    viernes, 4 de septiembre de 2020

    Exposición temporal "Liña verde"

    O sábado 5 de setembro de 2020 celebrase en Ribadavia o Festival Artificial que se define como "un festival musical e interdisciplinar en pleno conxunto histórico de Ribadavia" por iso tamén organiza a exposición: "Liña verde" que podedes gozar no Museo Etnolóxico do 5 ao 20 de setembro.

     

    martes, 1 de septiembre de 2020

    En setembro festexamos...

    Pilar Vilaboi continúa achegándonos historias, lendas, refráns... asociados a algunhas das datas festivas significativas de Galicia, nesta ocasión referentes ao "septimus" mes do calendario romano, ao mes das festividades de San Miguel, San Mateo, Virxe dos Remedios, do Portal, dos Milagres... ao mes dos figos migueliños e cirolas migueliñas que apunta Eladio Rodríguez, como di o refrán: "En setembre e outono, bebe o viño vello e deixa estar o novo".

    O texto de Pilar Vilaboi pódese conusltar no enlace de issuu e tamén descargar no enlace de google drive

     

    Descarga preme AQUÍ   

                                                                       Consulta preme AQUÍ

     

     

                                                   En setembro festexamos...

                          Pilar Vilaboi Freire 

     

     

        O mes de setembro é o noveno mes do ano no calendario gregoriano, pero o seu nome provén da mesma raíz latina ca sétimo (septimus), xa que era este mes no calendario romano, que empezaba en marzo. Tamén é coñecido como mes de San Miguel, San Mateo ou da Virxe dos Remedios, por seren calquera das tres advocacións de moita tradición no mes. Segundo Eladio Rodríguez temos, figos migueliños e cirolas migueliñas, son aquelas froitas que maduran polo San Miguel, cara aos últimos días de setembro; e refráns sobre este mes onde se fala do viño: En setembre e outono, bebe o viño vello e deixa estar o novo; das inclemencias do tempo: Setembre, ou leva as pontes ou seca as fontes ou con alusións a datas concretas: Por Santa Erea (18 setembro), toma os bois e semea; por San Martiño (11 novembro), nin fabas nin liño.

    ...

     

                                    Figuras de pan de Santo André de Teixido, os chamados “Sanandresiños”

                                                   Foto Pilar Vilaboi Freire @PilarVilaboi.

     


    O 8 de setembro tamén é costume peregrinar a Santo André de Teixido, aínda que tamén hai outra data máis no inverno, o 30 de novembro. Este santuario de Teixido (A Régoa, Cedeira) está nun escarpado acantilado na serra da Capelada e representa para os galegos unha cita obrigada de peregrinaxe para todo bo fillo do país, pois A San Andrés de Teixido vai de morto o que non foi de vivo. Algúns defuntos fan a peregrinación no corpo dun animal, de aí que se respecten os animais que van polo seu camiño –sapos, cobras, lagartos, paxaros- pois ben puideran ser almas dos defuntos que en vida non cumpriron. A tradición asegura que, se o animal camiña cara ao Norte, é sinal de que esa alma vai á redención. Outros defuntos reciben a axuda dun vivo: con frecuencia os autobuses chegan a Teixido cun certo número de asentos baleiros que os familiares reservan para a alma dalgún devanceiro. San Andrés é un santuario de morte, pero tamén da saúde; así, bótanlle pedras no tellado e din San Andrés, unha pedriña para o ano que vén voltar sanciña. Mais tamén o é do amor, xa que mozos e mozas acoden a el para encontrar con quen casar. Alí buscan a herba de namorar, tamén coñecida como empreñadeira (Armeria maritima) -corresponde co caravel mariño-, planta marítima que os devotos adoitan recoller en Teixido para adornar e completar con ela o ramo da romaxe, que é unha vara longa de abeleira coas tradicionais rosquillas e ornamentais pólas de teixo. Algunha copla fala do afastado lugar: Tres días hai que non como, / tres días hai que non durmo / para ir á san Andrés / que está no cabo do mundo; outra da romaría: Fun ao santo san Andrés, / fun coa miña empanada, / anque o santo é milagreiro, / é amigo da foliada; e tamén este refrán: Polo vran a san Andrés moitos van, o resto do ano vai o que vai.

    ...

    E remato cuns versos de Aquilino Iglesia Alvariño titulado Setembro:

    [...] Que tenro e fino ven o musgo novo

    coa iauga do setembre verdecido!

    No medio dos carballos, nun relanzo,

    as pilas de follasca, qué ledicia [...]