Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo

viernes, 31 de julio de 2020

En agosto festexamos...

Percorrido de Pilar Vilaboi polas tradicións festeiras do oitavo mes do ano, o mes da malla. Ademais de explicarnos a etiomoloxía dos nomes de santos e santas, tamén nos fala de lendas asociadas ó santoral de cada día, as particularidades das romerías e os refráns e cantigas, demostrando unha vez máis a interconexión en Galicia entre as tradicións cristiás e as pagás, idiosincrasia da relixiosidade popular galega

Aquí chegamos partes do texto que podedes ler completo e descargar premendo nos enlaces.




                                                             
                                                                                     Descarga preme AQUÍ

                                                                                     Consulta preme AQUÍ




                       En agosto festexamos...

                                                       Pilar Vilaboi Freire



Agosto é o oitavo mes do ano no calendario gregoriano. Púxoselle este nome en honor ao emperador romano Octavio Augusto (Octavianus Augustus). Anda tamén polo mes da Nosa Señora e de san Roque, por ser festas moi populares as do 15 e 16 de agosto respectivamente. Tocante á cultura popular, podemos destacar que a lúa crecente de agosto é a mellor para que lle aproveiten os baños a un enfermo e, xa que neste mes se colleita o cereal (trigo ou centeo), tamén se lle chama o mes da malla, pois, como di o refrán: Agosto pasou, quen mallou, mallou. Hai proverbios que refiren a excepcionalidade: Agosto e vendima non son cada día, e si cada ano, us con proveito e outros con dano; outros, ao tempo atmosférico: A chuvia no mes de agosto non é chuvia que é mel e mosto.
...

 Ermida de santa Comba (Covas, Ferrol). 
Foto Xosé A. F. Salgado @pepinsalgado


Tamén o 25 de agosto honramos santa Comba, antigo nome galego procedente do latín columba ‘pomba’, animal sagrado de Venus. Esta ave é o símbolo da paz no Antigo Testamento e do Espírito Santo no Novo. Orixinou o haxiotopónimo Santa Comba, cos seus equivalentes en castelán e catalán, Santa Coloma. Co hipocorístico Colometa é como lle chama con agarimo Quimet á protagonista da Praza do Diamante de Mercè Rodoreda. Santa Comba é unha das santas máis antigas no culto hispánico, desde o século IX, ten un culto ancestral en Galicia. Certa tradición popular conta que a santa fora unha meiga conversa, e por iso o seu culto aparece unido por veces aos outros ex-meigos como San Cibrán e san Silvestre; de aí o refrán: San Silvestre e santa Comba: / si eres meiga salta fóra. Santa Comba de Bértola (Pontevedra) ten sona de ser curadora do meigallo, xunto co seu veciño san Cibrán de Tomeza, e a romaxe debe ser conxunta, en “santo concubinato”: O que vai a santa Comba e non vai a san Cibrán, fai a viaxe en van, di o refrán. A santa Comba de Galicia é a de Sens, do século III: xa desde a época visigótica existe a igrexa limiá de Santa Comba de Bande do século VII, patroa das meigas. É titular de 14 parroquias, aínda que hai sitios que o celebran o 12 de agosto ou o 31 de decembro.
...

E rematamos cuns versos de  Manuel Luís Acuña titulado Agosto:
[...]Castela regateira, merca suor e callos. 
Hala! Hala pra Galiza, que hai brétemas e orballos
e festa nos regatos e prata nos outeiros.
Por sangue novo e rexo Castela dá diñeiros.


O meu agradecemento a Pepe Barro @BarroDesign por facilitarnos as fotos da máquina de mallar formada polo acrónimo CAM(polongo)PE(rez)VA(rela). Tamén a @pepinsalgado polas fotos de Santa Comba e San Bartolomeu.


jueves, 2 de julio de 2020

Marxes Fílmicas 2020: cine clásico para pintar un sorriso na cara



A novena edición do ciclo de cinema: Marxes Fílmicas, coincide co 50 aniversario do  Cineclube Padre Feijoo  grazas á xente, que a partes iguais de profesionalidade e voluntarismo forman parte deste cineclube, e coa súa suxestión iniciamos en 2012 este ciclo; neste 2020 e dentro dunha realidade especial continúa no Patio do Museo Etnolóxico. O obxectivo da selección de filmes de cine clásico escollidos pola xente do Cineclube Padre Feijoo para esta edición especial é PINTARNOS UN SORRISO NA CARA.

Esta cita co cine clásico será na primeira quincena de xullo: luns 6, mércores 8, luns 13 e mércores 15  ás 22.00 h no patio do Museo Etnolóxico, até completar aforo, de balde e en versión orixinal, coas medidas de hixiene e seguridade decretadas polas autoridades ante a pandemia da Covid-19.


 Luns 6 de xullo, 22.00 h.  
Whisky Galore = Whisky a fartar (Reino Unido, 1949) 82 min.
Dirixida por Alexander Mackendrick.

Durante a II Guerra Mundial (1939-1945), un barco cargado de whisky naufraga fronte a illa escocesa de Eriskay. Os insulares, que xa levaban un tempo sen catar nin pinga de alcohol -unha traxedia local-, empezan a darlle ao maxín  para burlar as autoridades e apoderarse do cargamento. Unha historia baseada en feitos reais -tan lonxe, tan preto- cargada do máis sutil humor inglés

Premios
1949: Premios  BAFTA: Nomeada ao mellor filme británico

"Unha viaxe nostálxica de primeiro nivel" 
(Marc Le,  Telegraph)



Mércores 8 de xullo, 22.00 h.
The Odd Couple = A estraña parella ( EUA, 1968) 105  min.
Dirixida por Gene  Saks.

Dous divorciados deciden compartir un apartamento en Nova York malia os seus caracteres e estilos de vida, que son absolutamente incompatibles. A obsesión pola limpeza e a orde do  meticuloso Felix resulta desesperante para Óscar, un tipo que é quen de pór o apartamento patas arriba á velocidade do raio. Jack Lemmon e Walter Matthau conforman unha das mellores parellas da comedia.

Premios
1968: 2 nomeamentos ao Óscar: Mellor guión adaptado, montaxe
1968: Globos de Ouro: 3 nomeamentos, incluíndo mellor película comedia/musical
1968: Sindicato de Directores ( DGA): Nomeada a Mellor director
1968: Sindicato de Guionistas ( WGA): Mellor guión comedia

"O mellor é a extraordinaria precisión do traballo en conxunto de ambos actores, unha das mellores parellas de comediantes que tivo o cinema." 
(Leonardo D’ Espósito, Revista Noticias)


Luns 13 de xullo, 22.00 h.
I soliti ignoti = Rufufú  (Italia,  1958) 100  min.
Dirixida por Mario Monicelli.

Un grupo de ladróns de pouca monta, aconsellados por un vetrerano dese nobre oficio, prepara un gran roubo nas oficinas romanas do Monte de Pietà -institució vinculada historicamente ás esmolas dos pobres-, coa esperanza de saír da miseria en que viven. O xurado do Festival de San Sebastián recoñeceu en 1958 a Monicelli como mellor directorex-aequo (con Hitchcock, por Vértigo).

Premios
1958: Óscar: Nomeada a Mellor película de fala non inglesa

"Quizá sexa unha parodia de ' Rififi', pero o seu lado cómico está baseado en algo moito máis universal e elemental. Isto é, o humor da torpeza máis auténtica".
( Bosley  Crowther,  The New York Times).

Mércores 15 de xullo, 22.00 h.
Duck  Soup = Sopa de  ganso (EUA, 1933) 70  min.
Dirixida por Leo McCarey

Unha das desputas máis divertidas da historia do cine: a que enfronta a República Democrática de Freedonia, un pequeno país centroeuropeo, a cuxa fronte está "o moi liberal señor  Rufus T.  Firefly", e Sylvania, un país ditatorial cunha ben merecida fama de mal veciño. Descubriremos a rivalidade territorial a través de Chicolini e  Pinky, os espías de Sylvania, ou... ou se cadra non.

Duck Soup fará rir practicamente a todo o mundo. É humorística ao típico estilo dos irmáns Marx, un estilo que resulta ser popular. O filme debería atraer e agradar en todas partes." 
(Joe  Bigelow,  Variety) .

Para consultar o folleto premer AQUÍ

miércoles, 1 de julio de 2020

En xullo festexamos...

Neste mes de xullo de 2020, enmarcado nunha realidade diferente, pola pandemia da Covid-19, motivo polo que non podemos celebrar as festas populares como grandes eventos sociais, máis que nunca Pilar Vilaboi Freire lémbranos algunhas destas festas do mes de xullo, para que non esquezamos as nosas tradicións: a rapa das bestas, o san Cristovo, o Santiago, a santa Ana, a santa Marta, a santa Mariña... acompañadas das historias de vida. Tradicionalmente xullo é o mes da sega e como todos os meses ten asociados refráns, ditos, cantigas... relacionados cos ciclos da natureza.
  
Aquí colocamos un pequeno extracto do texto, mais convidámosvos a ler o artigo completo, podedes descargalo ou consultalo premendo nos enlaces:


















                                                                Descarga preme AQUÍ

                                                                           Consulta preme AQUÍ
                                            

                                                        
                                                       En xullo festexamos...  

                                               Pilar Vilaboi Freire


O sétimo mes do ano é o de xullo. O seu nome alude ao emperador romano Xulio César. En Galicia tamén se chama mes de Santiago, por celebrarse nese mes o día de Santiago Apóstolo; mes da sega, por ser cando se realizaba este labor; e o mes de santa Mariña, por ser tamén das festas máis celebradas. Existe unha herba de Santiago definida por Marcial Valladares no seu Diccionario gallego-castellano como planta vivaz pertencente ás senecióideas (Senecio jacobaea), de flor amarela, que medra nos prados e terreos húmidos e florece de maio a agosto. Ten olor aromático lixeiro e as súas follas aceleran a expectoración na tose e na asma. Na froita, temos unha variedade temperá chamada mazá do Santiago e a pera santiaguesa.

Foto Mila Rodero. Fondo Fotográfico Museo Etnolóxico

 
A santa Mariña ten lugar o 18 de xullo. É titular de 97 parroquias e patroa dos concellos das Neves, Cambados, Xinzo de Limia e Teo. O étimo do nome vén do latín Marina, que pode proceder do adxectivo latino Marina ‘mariño, que vive do mar’ ou ser derivado de Marius. Na Idade Media era un nome feminino moi frecuente. Hai unha lenda medieval galega recollida no século XV no Nobiliario do conde de Barcelos que narra que os nobres galegos de apelido Mariño eran fillos de Mariña, unha serea que o conde don Froilán capturou na beira do mar e, engaiolado da súa beleza, tomouna por esposa. Púxolle Mariña de nome porque proviña do mar e tiveron un fillo, pero non podía aloumiñalo pois a serea era muda. A noite de san Xoán, no medio da xolda popular, o conde quitoulle á nai o neno dos brazos e fixo amago de tiralo no lume; arrepiada, a nai berrou con espanto: “Fillo!”, expulsando pola boca un anaco de carne, e desde aquela falou. Outra interpretación máis racionalista da fábula fala dunha muller garrida que o conde Froilán salvara dun naufraxio e que durante un tempo estivera sen voz por mor do accidente. Este é o motivo polo que a familia dos Mariños galegos teñen no seu escudo unha serea sobre tres ondas. Santa Mariña de Augas Santas no concello de Allariz é avogosa dos oídos, a de Obre tense por patroa de tendeiros e zapateiros, e a
de Covelas (Riós), da treboada. 
En toda Galicia santa Mariña é protectora da feitura do pan. Temos refráns como Esfregallos de Mariña, máis luxan que limpan, dito de alguén que deixa mal lavadas as cousas que frega; e En santa Mariña colle o sacho e deixa a fouciña; ou cantigas como Santa Mariña vai nela. / Se se vai santa Mariña, / eu tamén me von con ela.
...
 
Rematamos cuns versos de Xosé María Díaz Castro titulado Xulio:

Polos día do Carmio a festa chega ao río.

Polos días do Carmio a festa chega ao río.

Unha música ardente vén no aire coma un río

de recordos.

Foguetes lonxanos cán no río

Este é o Porto Muiño, todo en lapas, o río[...]


Agradecemento especial a Santiago Garrido @santiagogrial por difundir e facilitar a foto da portada de Arturo Torres.