Museo Etnolóxico Ribadavia
miércoles, 28 de abril de 2021
Colección de arte ABRENTE (III)
viernes, 23 de abril de 2021
Día do Libro 2021
Para celebrar o Día Internacional do Libro (23 de abril) 50 bibliotecas de museos e centros de arte e cultura de toda España únense nunha liberación virtual conxunta "bookcrossing", organizada pola Biblioteca-Centro de Documentación do ARTIUM de Vitoria.
Considerando que este ano polas condicións sanitarias da pandemia non é favorable que se liberen e intercambien libros na rúa e en diferentes espazos públicos, a proposta, como o ano pasado, é compartir en liña algunha publicación editada polas institucións participantes.
Neste 2021 a publicación que liberará na internet a Biblioteca do Museo Etnolóxico é: A olería en Galicia. Unha mirada a patir dos fondos do Museo Etnolóxico. Ribadavia, catálogo da exposición temporal que se pode visitar nestes momentos no Museo.
Libro dixital AQUÍ
A Biblioteca do Museo Etnolóxico participa nesta liberación de libros conxunta desde o ano 2012, ata 2020, ano da pandemia da Covid_19, era unha liberación de libros pertencentes a duplicados de temas variados: fotografía, etnografía, catálogos de exposicións, literatura infantil, novela... e de libros publicados polo Museo Etnolóxico. A liberación facíase en distintos espazos públicos de Ribadavia, O Ribeiro, Ourense provincia, puntos do resto de Galicia e Portugal. Os libros liberados eran rexistrados na páxina oficial de bookcrossing e levaban autocolantes identificativos co símbolo internacional do bookcrossing.
No 2020 debido ao confinamento pola pandemia da Covid-19 a Biblioteca do ARTIUM propuxo que cada centro participante nesta liberación conxunta compartira en liña un libro da súa colección ou do seu catálogo de publicacións, para consultar ou descargar. Desde a Biblioteca do Museo Etnolóxico liberamos o libro: Museo aberto = museo abierto = open museum: saltando valados = saltando muros = jumping hurdle. Edición trilingüe galego, castelán e inglés do proxecto do mesmo nome.
#DíadoLibro2021
#DíadelLibro2021
#Bookcrossing2021
#BibliotecasdeMuseos
lunes, 5 de abril de 2021
En abril festexamos...
Cos festexos de abril rematamos coa serie de festividades mensuais que iniciamos o ano pasado durante o confinamento e que continuamos ata completar un ano.
Neste cuarto mes do ano Pilar Vilaboi cóntanos historias, lendas de festividades e advocacións coma a de Casilda, Bieito, Telmo, Montserrat, Pedro Mártir... onomástica coma a de Antía procedente do grego Anthía que significa ‘extraída das flores’, Xurxo, procedente do grego Georgios que significa ‘labrego, agricultor’, e moito máis...
Premendo nos enlaces pódese descargar e consultar o texto completo.
Descarga preme AQUÍ
Consulta preme AQUÍ
[Fragmento do traballo de Pilar Vilaboi Freire]
Abril é o cuarto mes do ano no calendario gregoriano e un dos catro meses que teñen 30 días. Era o segundo mes do ano no antigo calendario romano antes de que se engadira xaneiro e febreiro arredor do ano 700 a. C. Os antigos romanos chamábano aprilis en latín. Non se coñece exactamente a orixe de abril. Quíxose relacionar co verbo aperire (‘abrir’) pola suposta forma aperilis, asociándoo a que neste mes a primavera abre a terra, as flores; pero non hai un fundamento etimolóxico que o sustente. Tamén se propuxo como orixe o grego aphrós (‘escuma’). Este nome garda un parecido con Aphrodite, palabra grega e nome da deusa mitolóxica Afrodita, que os romanos chamaban Venus.
Foto Carmen Villar @CarmedeMilmanda
Comezarei por un nome bendito: Bieito procede do latín Benedictus. Deste nome deriva o apelido Bieitez ou Bieites, grafados frecuentemente como Vieitez ou Vieites. O do 4 de abril é San Bieito de Palermo. San Bieito o mouro, de raza negra, celébrase en Pontevedra nas parroquias de Angoares (Ponteareas) e en Santa Cristina de Covas (Meaño), a onde van os romeiros da redonda na procura de alivio para as dores de cabeza, dos ollos e dos peitos. Tamén congrega moitos romeiros na comarca da Limia, a igrexa de Parada de Outeiro no concello de Vilar de Santos onde se venera a San Bieito ‘Preto’, pola talla desa cor. Existe a expresión Vai andar o San Benito de Palermo, importada do castelán, que significa ameaza de tunda, castigo físico xa que Palermo evoca a palabra palo.
Así e todo, o san Bieito de máis sona en Galicia é o de Lérez, con dúas celebracións no ano: no inverno (21 de marzo) e no verán (11 de xullo). Trátase dun santo moi avogoso para a curación de espullas e outros males da pel. Os devotos mollan os panos no aceite milagreiro e despois pásanos polas espullas. Foi popularizado no folclore galego como o santo máis milagreiro de todos: Se vas ó San Benitiño / non vaias ao de Paredes / que hai outro máis milagreiro / no conventiño de Leres.
[...]