Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo

lunes, 25 de junio de 2018

Ciclo de cinema: Marxes Fílmicas: unha ollada ao redor (de nós mesmos)

deseño de Iñaki Nóvoa





Este 2018 teremos a sétima edición do ciclo de cinema: Marxes Fílmicas, que cada ano polo verán organizamos, no patio do Museo Etnolóxico coa xestión e a colaboración loxística do Cineclube Padre Feijoo de Ourense.
Esta edición, que se desenvolverá no patio do Museo Etnolóxico ás 21.30 h. os días 3, 5, 10 e 12 de xullo, terá como fío condutor: "Unha ollada ao redor (de nós mesmos)".
Rompendo a tradición dos últimos anos, as noites de cinema do Museo Etnolóxico, propoñen a introspectiva como método de análise: que di dunha sociedade o cine que ve? Diriximos a ollada cara espectadoras e espectadores dos festivais de cine. Consumidores dunha cultura audiovisual que, segundo as directivas da Unión Europea, promoven a formación dun espírito crítico e a difusión dos valores de integración de todas as razas e culturas da nosa contorna.

A través do palmarés do último Festival Internacional de Curtas de Bueu (Ficbueu) e doutros filmes com amplo percorrido en certames internacionais, abrimos unha xanela aos nosos gustors como público, o que nos permite unha ollada ao que vai sementando en nós o cine que consumimos.

Un cine, por outra banda, que adoita chegar en pequenas doses e sempre grazas ás pantallas dos festivais, ou coma esta do Museo Etnolóxico.

Martes 3 de xullo, 21.30 h. 
Palmarés Internacional Ficbueu 2017, sesión de curtametraxes (104')

FOX Dir. Jaqueline Lentzou (Grecia, 2016) 28'.
Sección oficial nos festivais de Locarno, Saraxevo e Atenas. Primer premio FICBUEU 2017.
RUAH. Dir. Flurin Giger (Suíza, 2016) 18'.
Nominada á mellor curta na Biennale de Venecia e  Festival de Sitges 2016. Segundo premio no FICBUEU 2017.
WALD DER ECHOS.  Dir. Luz Olivares Capelle (Austria, 2016) 30'.
Mellor película nos Austrian Film Awards e premio a Mellor Dirección FICBUEU 2017.
BIER & CALIPPO. Dir. Paul Ploberger (Austria, 2017) 28'.
Presente nos festivais de Max Ophüls, Münster e Salzburgo. Mellor Música FICBUEU 2017.
Xoves 5 de xullo, 21.30 h.
Palmarés Nacional Ficbueu 2017 (91') 
LENI K. Dir. Alberto Taibo (España, 2016) 19'.
 Mellor Curta e Mellor Director en CyLnema en corto. Mellor Guión FICBUEU 2017. 
TIMECODE. Dir. Juanjo Giménez Peña (España, 2016) 15'.
Nominada á Mellor curta de ficción nos Oscar, Palma de Ouro á Mellor curta Festival de Cannes e Mellor curta de ficción nos Goya. Premio do Público FICBUEU 2017.
LA DISCO RESPLANDECE. Dir. Chema García Ibarra (España, 2016) 12'. 
Mención Especial no Festival de San Sebastián. Gran Premio do Xurado Semana de Cine de Medina del Campo. Mellor Curta Española FICBUEU 2017.
NÉBOA. Dir. Claudia Costafreda (España, 2017) 18'. Mellor Curta iberoamericana no Festival de Huesca. Mellor Curta Galega FICBUEU 2017.
DECORADO. Dir. Alberto Vázquez Rico (España, 2016) 11'. 
Goya Mellor Curta Animada e Mellor Curta Internacional de Animación no Festival Internacional de Vila do Conde. Participación na Quincena de realizadores de Cannes 2016.
23 DE MAYO. Dir. David Martín de los Santos (España, 2016) 16'. 
Mención Especial do Xurado no Festival de Cine Español de Málaga. Mellor Película Documental no Festival de Medina del Campo.
Martes 10 de xullo, 21.30 h.
Santoalla. Dirs. Andrew Becker e Daniel Mehrer (EUA, 2016) 83'.
Filme inaugural do Festival de Cine Internacional de Ourense  (OUFF) en 2016. 
Este filme documental xira arredor de Martin Verfondern e Margo Pool, unha parella de holandeses progresistas, que só tiñan un soño: vivir no campo, lonxe das limitacións e complicacións da cidade. Con todo, ao chegar á aldea galega de Santoalla (lugar no que se rodou ‘Sempre Xonxa’, de Chano Piñeiro), estes estranxeiros desafiaron as tradicións da única familia residente na localidade, iniciando un conflito de máis dunha década que culminou coa misteriosa desaparición de Martin e que nestes días estivo de actualidade ao celebrarse en Ourense o xuizo pola morte de Martin.
Xoves 12 de xullo, 21.30 h.
Destinos = Posoki (Directions).  Dir. Stephan Komandarev (Bulgaria, 2017) 103'. #VSOE.
Festival de Cannes (Un Certain Regard) e de Xixón. Mellor filme no Festival de Cleveland 2017. Un taxist extorsionado debe pagar un préstamo. Desesperado, dispáralle ao banqueiro, un incidente que causa revolvemento nacional. Mentres, seis taxistas cos seus pasaxeiros pasan a noite, cada un esperenado por un futuro mellor. 

Folleto cos títulos das curtametraxes e a sinopse dos filmes:

 

miércoles, 20 de junio de 2018

Exposición: "A etnografía e os fotógrafos"

A Romaría Etnográfica Raigame, que cada ano se celebra o 17 de maio na vila ourensá de Vilanova do Infantes,  na súa XVII edición homenaxeou aos fótografos ambulantes, de rúa, festas, feiras e outras celebracións, aqueles que dende o comezo da técnica fotográfica recorreron o noso país facendo tomas da paisaxe, das nosas cidades, vilas e aldeas e os seus monumentos, das nosas xentes nas máis diversas situacións da súa vida: traballando, xogando, divertíndose, e tamén nos momentos da morte. Todos eses documentos fotográficos compoñen un documento etnográfico e antropolóxico de grande valor hoxe en día, cando o tempo fixo desaparecer un modo de vida que evolucionou e mudou de xeito radical.

Nalgúns casos son fotografías custodiadas por museos como o Etnolóxico, en Ribadavia, o museo de Pontevedra, ou o Museo do Pobo Galego en Santiago que as restauran, conservan e dan a coñecer en exposicións e publicacións, ofrecendo así un servizo público como memoria da nosa historia. Noutros casos son fotografías de coleccións privadas, moitas delas gardadas en caixas de zapatos, que non saen á luz até que concellos, asociacións ou museos, deciden organizar exposicións de fotografías antigas da comarca.


A exposición, que se puido ver en Vilanova dos Infantes: "A etnografía e os fotógrafos" mostra o traballo de máis de vinte fotógrafos, que hoxe son documentos imperdibles para a antropoloxía social e cultural, así como para a socioloxía e a etnografía. Nesta exposición que comeza no Museo Etnolóxico o seu camiño por distintos espazos expositivos e educativos, poderemos coñecer dende os pioneiros da fotografía como Zagala, Reboredo ou o Estudio Pacheco de Ourense, polo que pasaron numerosos fotógrafos nos seus inicios, até chegar a outros máis recentes como o ourensán Rizo, Estalote de Santiago ou o Estudio Chao de Ribadavia.

Tamén se lembra a outros que fixeron o seu traballo con claras intencións de investigación como a estadounidense Ruth Matilda Anderson, o noso “Xocas”, Xaquín Lorenzo Fernández, ou o antropólogo e folclorista danés Gustav Henningsen, que recorreron a nosa terra en diferentes épocas. E faise unha relación de fotógrafos ambulantes que non acadaron a sona doutros, que traballaron na súas comarcas retratando acontecementos diversos: vodas, bautizos, comuñóns, e sobre odo retratos familiares e fotografías para carnets e pasaportes, pero non por iso menos importantes que os outros. Tal é o caso de Xosé Collazos, o “Retratista de Matamá”, de Laza, Salvador López Requejo, de Maceda, ou Manuel Garrido de Parderrubias, A Merca.. Os paneis que forman a exposición achegan datos biográficos dos autores, acompañados dalgunhas fotografías representativas do seu traballo.


No Xornal Raigame 2018, que se pode consultar e descargar en internet AQUÍ pódense ler artigos ao redor da etnografía e a fotografía, da antropoloxía visual, sobre as coleccións fotográficas do Museo Etnolóxico a súa conservación e difusión escrito polo director do Museo Etnolóxico, César Llana, sobre o fondo arquivo gráfico de Xaquín Lorenzo do Museo do Pobo, saber algo máis de José Gil e o cinema da emigración.


Desde hai anos o Museo Etnolóxico ten unha relación de colaboración mutua co Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo e coa Romaría Raigame, feito que se visibilizou coa xestión do Cine Carlos Velo que o Museo leva a cabo no día da Romaría Raigame desde o ano 2017. Esta cooperación e o traballo do Museo Etnolóxico no campo da antropoloxía visual axudou a que a organización da Romaría outorgase o premio honorífico “Adolfo Enríquez” ao Museo Etnolóxico, o que agradecemos no seu momento e volvemos facer desde aquí.


lunes, 11 de junio de 2018

Presentación do libro/CD: "Terra e alma"


 Sábado 16 de xuño de 2018 ás 20.00 h presentación do libro/CD: Terra e alma de Moisés Quintas Suárez, con fotografías de Carlos Valcárcel Gay editado pola Editorial Canela.


O acto de presentación do libro/CD será acompañado dos instrumentos que tocará Moisés Quintas Suárez e dun pequeno concerto/mostra dos alalas do CD, así como unha proxección de fotografías.
Na presentación tamén estará o editor do libro Pablo Quintana.


Ó remate da presentación haberá unha visita guiada polas salas de exposición do Museo Etnolóxico.





 O libro/CD Terra e alma enceta a nova colección da editorial Canela, "Aires da terra", na que pretenden incluír recreacións da música popular tradicional onde, os autores aporten a súa sensibilidade e o seu respecto por ela. 

En Terra e Alma conxúganse dous elementos esenciais da nosa vida, perfectamente concibidos e representados por Moisés, músico e mestre de músicos, ademais de profundo coñecedor da nosa tradición musical, que nesta obra nos achega a ese ar tan coñecido, e ao mesmo tempo tan descoñecido, que é o Alalá. Un canto que non precisa doutro acompañamento máis que o propio ritmo da respiración, do corpo, do camiñar ou do traballo que exerce quen o entoa.

O fotógrafo Carlos Valcárcel aporta unha escolma de imaxes, inmortalizadas por el nas décadas dos anos 60, e 70 do século pasado, que poñen de manifesto o sentir da música escollida por Moisés.

 O libro vai acompañado por un CD no que se recrean os alalás, adaptados a diversos instrumentos musicais que reproducen as melodías ou as harmonías e que son acompañados de diferentes ambientes sonoros naturais cedidos para esta ocasión polo Consello da Cultura Galega.

Información sacada da páxina web da Editorial Canela, onde se pode encontrar máis información dos autores tanto dos textos coma das fotografías do libro.