Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo

miércoles, 10 de noviembre de 2021

FÁBULAS DE ALMADA NEGREIROS

 



    A exposición “Fábulas de Almada Negreiros” chega ao Museo Etnolóxico. Reunindo 49 tintas chinesas orixinais, realizadas en 1936 para ilustrar o libro Fábulas do escritor e xornalista Joaquim Manso, con dirección gráfica de Luís de Montalvor (codirector de Orpheu)é representativa da profunda simbiose coa escritura e o talento gráfico de Almada Negreiros. Tamén se mostra un reducido e delicado elenco de ilustracións deseñadas para O Pórtico e a Nave (1943), obra do mesmo autor e editor, con quen Almada se asocia para outras publicacións alternativas e excepcionais.

    Almada Negreiros (1893-1970) é o referente imprescindible da cultura portuguesa do século XX –xunto con Fernando Pessoa e Amadeo de Souza-Cardoso–, desenvolvéndose ao longo da súa vida en múltiples áreas (foi poeta, debuxante, pintor, novelista, bailarín, coreógrafo, dramaturgo, ensaísta, escenógrafo, escultor, gravador, contista, tapiceiro, vitralista, conferenciante...) e cuestionándose constantemente as fronteiras entre as artes. Inspirado polas correntes artísticas innovadoras do seu tempo, entre as que atopamos nomes coma Marinetti, Diaghilev, Delaunay Apollinaire, Picasso Matisse, Jean Cocteau, Brancousi, Erté, e Erick Satie e Stravinski; a súa experiencia cosmopolita en España (1927-1932) foi prolífica. Aquí coincidiu con intelectuais e artistas de diversos ámbitos como García Lorca, Ortega e Gasset, Buñuel ou Gómez de la Serna, quen o introduciu neste círculo como «o ser impar no medio da pintura e da literatura portuguesa, sobre as que salta de trapecio en trapecio».

    Nesta exposición atopamos un conxunto de gran riqueza plástica que constitúe un eloxio á liña e ao virtuosismo artesanal do debuxo, manifestación que ocupa o lugar central na súa produción, desde a infancia ata a súa última obra.

    A rá e a flor, emblemática composición da portada de Fábulas, é o punto de partida para unha viaxe extraordinaria polo universo da arte de contar historias a través de imaxes, onde reencontrarnos con clásicos que atesouran a nosa infancia –A cigarra e a formiga, O burro con pel de león, O reiseñor e a andoriña, O elefante e o colibrí– a par doutros personaxes fascinantes.

    Visitantes de todas as idades teñen así a oportunidade de descubrir unha aproximación absolutamente orixinal a un xénero que forma parte do patrimonio cultural da humanidade.

Animádevos!

martes, 9 de noviembre de 2021

IX MIRADAS ETNOGRÁFICAS: OURENSE


 Se buscades plan para os sábados de Novembro chega "IX MIRADAS ETNOGRÁFICAS" 

As proxeccións terán lugar na Casa de Cultura de Ribadavia os sábados ás 19:00h. A entrada é de balde e ata completar capacidade. 

Deixamos por aquí as sinopses das filmes para que podades botar unha ollada. 


6 de novembro: “Entre pastores e lobos” de Manuel Pedrosa.
Sinopse: No noroeste da Península Ibérica, vive unha das maiores poboacións de lobos de Europa. Acubillados por paisaxes singulares, os lobos non ocupan illados espazos naturais. Viven entre a xente.

13 de novembro: “Manoliño Nguema” de Antonio Grunfeld.
Sinopse: Marcelo Ndong, un artista africano formado en España, rexenta agora en Malabo unha gardaría cando recibe unha inesperada proposta: montar unha obra de teatro que o regresará a Galicia.

20 de novembro: “Cesteando” de Plácido Romero.
Sinopse: A traxectoria vital de Toño “ou do cesteiro” marcouna el mesmo cesteando e entrelazando, con tesón a valentía, moi diferentes vivencias, loitas e duros traballos que conformaron unha exitencia presidida por principios, para el incuestionables, como a rebeldía, a liberdade e o profundo amor pola súa terra.

27 de novembro "Pelegrinaxes" de Simone Saibene.
Sinopse: Luzía, unha investigadora licenciada en audiovisual percorre as oito etapas do camiño entre Ourense e Santo Andrés de Teixido para rematar un proxecto iniciado na universade cun amigo morto sobre un libro de viaxe. Inspirado no libro de viaxe de Ramón Otero Pedrayo.

Observaranse as medidas de prevención establecidas na lexislación vixente ante a crise sanitaria ocasionada pola covid-19

Ciclo de conferencias "San Ciprinao o Mago. De oracións, ciprianillos e tesouros"



 


    Permanece aberta ata decembro de 2021 a Exposición «San Cipriano o Mago: de oracións, ciprianillos e tesouros» organizada polo Museo Etnolóxico de Ribadavia, Xunta de Galicia e o Xacobeo 2021, con máis de 150 obxectos da colección particular de Félix Castro Vicente (Arquivo Castro Vicente), con montaxe de Xosé Lois Vázquez e Disigna Edenia, e fotografías de Mark Ritchie.
Con este motivo organízase un ciclo de conferencias que pretende afondar nalgúns dos aspectos dos catro ámbitos da Exposición (San Cipriano o Santo; San Cipriano o Mago; a busca de tesouros, e San Cipriano no mundo).






    «San Cipriano» de Antioquía como santo mago convertido ao cristianismo ofrécenos unha faciana ambivalente, por unha banda relixiosa de protector contra os feitizos e mal de ollo coa súa «oración de San Cipriano», e por outra como sabio patrón das artes máxicas ao que se lle atribúen obras máxicas en toda Europa, destacadamente o «Libro de San Cipriano» ou ciprianillo no noroeste peninsular. Xoga tamén un importante papel nas tradicións de desencantamento de tesouros, xa que o seu libro máxico conxugouse coas listas de tesouros que circulaban dende tempo atrás; e finalmente a difusión da súa figura por gran parte do mundo por mor das migracións.




    As conferencia pódese asistir de forma presencial ou pola internet a través da plataforma Falemos da Xunta de Galicia copiando no navegador a seguinte dirección:
https://falemos.xunta.gal/CCEU_MuseoEtnoloxico...
e o contrasinal: BibliotecaMER
O acceso a Falemos recomenda realizarse a través dos navegadores Google Chrome e Chromium tanto para equipos con Windows, Linux ou MacOs.
Se a conexión é desde un smartphone ou tablet hai que descargar a aplicación Jitsi Meet.
Entrada libre ata completar capacidade.
Observaranse as medidas de prevención establecidas na lexislación vixente ante a crise sanitaria ocasionada pola covid-19