Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo

jueves, 24 de septiembre de 2020

Día Internacional da Música 2020: concerto Davide Salvado e Pedro Pascual

 

                                   Concerto Davide Salvado e Pedro Pascual

                  Cando? sábado 3 de outubro ás 18.                                    Onde?:  patio do Museo Etnolóxico

                          capacidade limitada

                                                        entrada por orde de chegada 

 
 
Por proposta da UNESCO (Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura) desde 1975 o 1 de outubro célebrase o Día Internacional da Música co obxectivo de exaltar a diversidade de manifestacións musicais de todo o mundo.

No Museo Etnolóxico neste 2020 festexamos esta conmemoración co concerto dos músicos galegos Davide Salvado e Pedro Pascual.

Davide Salvado é un dos artistas galegos con máis proxección internacional. Leva media vida percorrendo as aldeas na procura de ritmos, coplas e danzas.
De todas esas mulleres que foi atopando, aprendeu non só a tradición na música, senon todo un modo de vida. O amor a todas esas prácticas tradicionais e o respecto pola terra, fan que o xeito de entender o canto para Davide sexa moito máis que simplemente música.


Davide presenta agora un novo formato xunto ao multiinstrumentista Pedro Pascual (Talabarte, Marful), produtor do seu último disco Lobos. O acordeón diatónico, a guitarra e o bouzouki dialogan coa voz e as percusións tradicionais para reinterpretar as músicas coas que eles máis gozan.


“La transgresión rural. El cantante mezcla tradición, jazz y desparpajo arcoíris en una de las propuestas más seductoras para la aletargada música de raíz”. /// F. Neira, El País

 

Folla de man do concerto AQUÍ

 

lunes, 14 de septiembre de 2020

Exposición temporal "Antropoloxía visual dunha sociedade confinada"

De agosto a outubro de 2020 pódese visitar no Museo Etnolóxico a exposición "Antropoloxía visual dunha sociedade confinada" composta por 27 fotografías de profesionais da fotografía, fotoxornalistas a maioría, que durante os momentos do confinamento foron os ollos de toda a poboación, dous vídeos e tres textos reflexivos.

Podemos ver fotografías de: Agostiño Iglesias, Brais Lorenzo, Miguel Muñíz, Miguel Riopa, Mónica Vila Ferreirós, Óscar Corral, Óscar Pinal, Rosiña Rojo e Santi M. Amil e os vídeos realizados por Ainhoa Viñuela  e Blanca Selas e reflexionar cos textos de César Llana, Sandra Martínez e Xerardo Pereiro.

 

Inauguración da exposición cos fotógraf@s participantes

O confinamento ao que se viu sometida a sociedade española durante o estado de alarma, declarado como consecuencia da COVID-19 (acrónimo de Coronavirus Disease enfermidade 2019) causado polo SARS-CoV-2, ten suposto unha situación inédita para a cidadanía.

Varios meses de confinamento constitúen un feito coa relevancia suficiente para ser obxecto de atención por parte das institucións museais, e non só, vinculadas á antropoloxía. E así ten sido, suscitando o interese dende asociacións de antropoloxía, caso de AGANTRO, ata de museos caso do Museo do Pobo Galego ou do Museo Etnolóxico. E o mesmo ten acontecido noutras partes do Estado.

A Antropoloxía, a diferenza da Historia, non sabe o que vai acontecer despois dos feitos que estuda. Non é posible ir mais aló das hipóteses no que se refire ás consecuencias que as medidas de prevención sanitaria van a desencadear nos hábitos e costumes da nosa sociedade. Polo que aquí do que se trata é de reflexionar do que temos vivido e do que estamos a vivir o que lle din a «nova normalidade».

(do texto de César Llana. Director do Museo Etnolóxico).

 

Sala do Museo onde se pode ver a exposición 

 

Cando lembremos a pandemia da Covid-19 probablemente unha das imaxes que primeiro se nos virá a mente será a dun mundo baleiro, hibernado, unha instantánea pos-apocalíptica e surrealista máis acorde co xénero da ciencia ficción que coa realidade frenética da sociedade na que nos criamos.

E, sen embargo, o mundo aquedou. E nesa calma aparente un desacougo trepou e calou nos nosos fogares ante un inimigo invisible que foi capaz de derribar os nosos modos de vida, que foi capaz de derrotar a cotiandade, deixándonos un pouco espidos e inconexos.

...

Porque un só foi o confinamento pero as olladas do mesmo serían imposibles de contar, inda que nesta exhibición preténdese amosar parte desas olladas. As fotos escollidas permiten reflexionar sobre un mesmo momento desde moitas perspectivas, tantas como persoas somos, pero tamén recoñecéndonos nalgunhas delas máis ca noutras.

(do texto de Sandra Martínez. Graduada en Xeografía e Historia)

 

Sala do Museo onde se pode ver a exposición

 Pero ademais de interpretar e reflexionar, as imaxes representan e captan situacións límites e situacións de adaptación humana aos novos tempos e ás mudanzas causadas pola pandemia do virus COV-SARS-2. O ser humano é un ser adaptativo e as imaxes mostran tamén a tensión entre unha certa orden e desorden social, o biopoder e a transgresión frente a algo imposto.

...

A relación coa natureza e os animais tamén está presente neste exposición, nalgunhas imaxes os animais parecen preguntarse “onde están os humanos?”. Os vellos rituais (bodas e enterros) represéntanse agora austeros e con limitación de convidados, transformando a cultura da vida e da morte. Por outro lado a exposición mostra algunhas recuperacións da tradición como a vida na varanda e a nova reconfiguración do espazo público e do privado.

Nun tempo pandémico de grande incerteza, de medos paralizantes e paralizadores, de riscos, de irresponsabilidades, de transición e de crise social, cultural e política como a que vivemos, estas imaxes son instrumentos reflexivos moi importantes para afrontar mellor os novos tempos.

(do texto de Xerardo Pereiro.  Profesor titular de Antropoloxía Sociocultural, Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, UTAD).

viernes, 4 de septiembre de 2020

Exposición temporal "Liña verde"

O sábado 5 de setembro de 2020 celebrase en Ribadavia o Festival Artificial que se define como "un festival musical e interdisciplinar en pleno conxunto histórico de Ribadavia" por iso tamén organiza a exposición: "Liña verde" que podedes gozar no Museo Etnolóxico do 5 ao 20 de setembro.

 

martes, 1 de septiembre de 2020

En setembro festexamos...

Pilar Vilaboi continúa achegándonos historias, lendas, refráns... asociados a algunhas das datas festivas significativas de Galicia, nesta ocasión referentes ao "septimus" mes do calendario romano, ao mes das festividades de San Miguel, San Mateo, Virxe dos Remedios, do Portal, dos Milagres... ao mes dos figos migueliños e cirolas migueliñas que apunta Eladio Rodríguez, como di o refrán: "En setembre e outono, bebe o viño vello e deixa estar o novo".

O texto de Pilar Vilaboi pódese conusltar no enlace de issuu e tamén descargar no enlace de google drive

 

Descarga preme AQUÍ   

                                                                   Consulta preme AQUÍ

 

 

                                               En setembro festexamos...

                      Pilar Vilaboi Freire 

 

 

    O mes de setembro é o noveno mes do ano no calendario gregoriano, pero o seu nome provén da mesma raíz latina ca sétimo (septimus), xa que era este mes no calendario romano, que empezaba en marzo. Tamén é coñecido como mes de San Miguel, San Mateo ou da Virxe dos Remedios, por seren calquera das tres advocacións de moita tradición no mes. Segundo Eladio Rodríguez temos, figos migueliños e cirolas migueliñas, son aquelas froitas que maduran polo San Miguel, cara aos últimos días de setembro; e refráns sobre este mes onde se fala do viño: En setembre e outono, bebe o viño vello e deixa estar o novo; das inclemencias do tempo: Setembre, ou leva as pontes ou seca as fontes ou con alusións a datas concretas: Por Santa Erea (18 setembro), toma os bois e semea; por San Martiño (11 novembro), nin fabas nin liño.

...

 

                                Figuras de pan de Santo André de Teixido, os chamados “Sanandresiños”

                                               Foto Pilar Vilaboi Freire @PilarVilaboi.

 


O 8 de setembro tamén é costume peregrinar a Santo André de Teixido, aínda que tamén hai outra data máis no inverno, o 30 de novembro. Este santuario de Teixido (A Régoa, Cedeira) está nun escarpado acantilado na serra da Capelada e representa para os galegos unha cita obrigada de peregrinaxe para todo bo fillo do país, pois A San Andrés de Teixido vai de morto o que non foi de vivo. Algúns defuntos fan a peregrinación no corpo dun animal, de aí que se respecten os animais que van polo seu camiño –sapos, cobras, lagartos, paxaros- pois ben puideran ser almas dos defuntos que en vida non cumpriron. A tradición asegura que, se o animal camiña cara ao Norte, é sinal de que esa alma vai á redención. Outros defuntos reciben a axuda dun vivo: con frecuencia os autobuses chegan a Teixido cun certo número de asentos baleiros que os familiares reservan para a alma dalgún devanceiro. San Andrés é un santuario de morte, pero tamén da saúde; así, bótanlle pedras no tellado e din San Andrés, unha pedriña para o ano que vén voltar sanciña. Mais tamén o é do amor, xa que mozos e mozas acoden a el para encontrar con quen casar. Alí buscan a herba de namorar, tamén coñecida como empreñadeira (Armeria maritima) -corresponde co caravel mariño-, planta marítima que os devotos adoitan recoller en Teixido para adornar e completar con ela o ramo da romaxe, que é unha vara longa de abeleira coas tradicionais rosquillas e ornamentais pólas de teixo. Algunha copla fala do afastado lugar: Tres días hai que non como, / tres días hai que non durmo / para ir á san Andrés / que está no cabo do mundo; outra da romaría: Fun ao santo san Andrés, / fun coa miña empanada, / anque o santo é milagreiro, / é amigo da foliada; e tamén este refrán: Polo vran a san Andrés moitos van, o resto do ano vai o que vai.

...

E remato cuns versos de Aquilino Iglesia Alvariño titulado Setembro:

[...] Que tenro e fino ven o musgo novo

coa iauga do setembre verdecido!

No medio dos carballos, nun relanzo,

as pilas de follasca, qué ledicia [...]