De agosto a outubro de 2020 pódese visitar no Museo Etnolóxico a exposición "Antropoloxía visual dunha sociedade confinada" composta por 27 fotografías de profesionais da fotografía, fotoxornalistas a maioría, que durante os momentos do confinamento foron os ollos de toda a poboación, dous vídeos e tres textos reflexivos.
Podemos ver fotografías de: Agostiño Iglesias, Brais Lorenzo, Miguel Muñíz, Miguel Riopa, Mónica Vila Ferreirós, Óscar Corral, Óscar Pinal, Rosiña Rojo e Santi M. Amil e os vídeos realizados por Ainhoa Viñuela e Blanca Selas e reflexionar cos textos de César Llana, Sandra Martínez e Xerardo Pereiro.
Inauguración da exposición cos fotógraf@s participantes |
O confinamento ao que se viu sometida a sociedade española durante o estado de alarma, declarado como consecuencia da COVID-19 (acrónimo de Coronavirus Disease enfermidade 2019) causado polo SARS-CoV-2, ten suposto unha situación inédita para a cidadanía.
Varios meses de confinamento constitúen un feito coa relevancia suficiente para ser obxecto de atención por parte das institucións museais, e non só, vinculadas á antropoloxía. E así ten sido, suscitando o interese dende asociacións de antropoloxía, caso de AGANTRO, ata de museos caso do Museo do Pobo Galego ou do Museo Etnolóxico. E o mesmo ten acontecido noutras partes do Estado.
A Antropoloxía, a diferenza da Historia, non sabe o que vai acontecer despois dos feitos que estuda. Non é posible ir mais aló das hipóteses no que se refire ás consecuencias que as medidas de prevención sanitaria van a desencadear nos hábitos e costumes da nosa sociedade. Polo que aquí do que se trata é de reflexionar do que temos vivido e do que estamos a vivir o que lle din a «nova normalidade».
(do texto de César Llana. Director do Museo Etnolóxico).
Sala do Museo onde se pode ver a exposición |
Cando lembremos a pandemia da Covid-19 probablemente unha das imaxes que primeiro se nos virá a mente será a dun mundo baleiro, hibernado, unha instantánea pos-apocalíptica e surrealista máis acorde co xénero da ciencia ficción que coa realidade frenética da sociedade na que nos criamos.
E, sen embargo, o mundo aquedou. E nesa calma aparente un desacougo trepou e calou nos nosos fogares ante un inimigo invisible que foi capaz de derribar os nosos modos de vida, que foi capaz de derrotar a cotiandade, deixándonos un pouco espidos e inconexos.
...
Porque un só foi o confinamento pero as olladas do mesmo serían imposibles de contar, inda que nesta exhibición preténdese amosar parte desas olladas. As fotos escollidas permiten reflexionar sobre un mesmo momento desde moitas perspectivas, tantas como persoas somos, pero tamén recoñecéndonos nalgunhas delas máis ca noutras.
(do texto de Sandra Martínez. Graduada en Xeografía e Historia)
Sala do Museo onde se pode ver a exposición |
Pero ademais de interpretar e reflexionar, as imaxes representan e captan situacións límites e situacións de adaptación humana aos novos tempos e ás mudanzas causadas pola pandemia do virus COV-SARS-2. O ser humano é un ser adaptativo e as imaxes mostran tamén a tensión entre unha certa orden e desorden social, o biopoder e a transgresión frente a algo imposto.
...
A relación coa natureza e os animais tamén está presente neste exposición, nalgunhas imaxes os animais parecen preguntarse “onde están os humanos?”. Os vellos rituais (bodas e enterros) represéntanse agora austeros e con limitación de convidados, transformando a cultura da vida e da morte. Por outro lado a exposición mostra algunhas recuperacións da tradición como a vida na varanda e a nova reconfiguración do espazo público e do privado.
Nun tempo pandémico de grande incerteza, de medos paralizantes e paralizadores, de riscos, de irresponsabilidades, de transición e de crise social, cultural e política como a que vivemos, estas imaxes son instrumentos reflexivos moi importantes para afrontar mellor os novos tempos.
(do texto de Xerardo Pereiro. Profesor titular de Antropoloxía Sociocultural, Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, UTAD).
No hay comentarios:
Publicar un comentario