Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo

lunes, 5 de abril de 2021

En abril festexamos...

Cos festexos de abril rematamos coa serie de festividades mensuais que iniciamos o ano pasado durante o confinamento e que continuamos ata completar un ano. 

Neste cuarto mes do ano Pilar Vilaboi cóntanos historias, lendas de festividades e advocacións coma a de Casilda, Bieito, Telmo, Montserrat, Pedro Mártir... onomástica coma a de Antía procedente do grego Anthía que significa ‘extraída das flores’, Xurxo, procedente do grego Georgios que significa ‘labrego, agricultor’, e moito máis...

Premendo nos enlaces pódese descargar e consultar o texto completo.

 


                                                          Descarga preme AQUÍ

                                                          Consulta preme AQUÍ 

 

 
 [Fragmento do traballo de Pilar Vilaboi Freire]

 

Abril é o cuarto mes do ano no calendario gregoriano e un dos catro meses que teñen 30 días. Era o segundo mes do ano no antigo calendario romano antes de que se engadira xaneiro e febreiro arredor do ano 700 a. C. Os antigos romanos chamábano aprilis en latín. Non se coñece exactamente a orixe de abril. Quíxose relacionar co verbo aperire (‘abrir’) pola suposta forma aperilis, asociándoo a que neste mes a primavera abre a terra, as flores; pero non hai un fundamento etimolóxico que o sustente. Tamén se propuxo como orixe o grego aphrós (‘escuma’). Este nome garda un parecido con Aphrodite, palabra grega e nome da deusa mitolóxica Afrodita, que os romanos chamaban Venus.

 

                                                     Foto Carmen Villar @CarmedeMilmanda

 

Comezarei por un nome bendito: Bieito procede do latín Benedictus. Deste nome deriva o apelido Bieitez ou Bieites, grafados frecuentemente como Vieitez ou Vieites. O do 4 de abril é San Bieito de Palermo. San Bieito o mouro, de raza negra, celébrase en Pontevedra nas parroquias de Angoares (Ponteareas) e en Santa Cristina de Covas (Meaño), a onde van os romeiros da redonda na procura de alivio para as dores de cabeza, dos ollos e dos peitos. Tamén congrega moitos romeiros na comarca da Limia, a igrexa de Parada de Outeiro no concello de Vilar de Santos onde se venera a San Bieito ‘Preto’, pola talla desa cor. Existe a expresión Vai andar o San Benito de Palermo, importada do castelán, que significa ameaza de tunda, castigo físico xa que Palermo evoca a palabra palo.

Así e todo, o san Bieito de máis sona en Galicia é o de Lérez, con dúas celebracións no ano: no inverno (21 de marzo) e no verán (11 de xullo). Trátase dun santo moi avogoso para a curación de espullas e outros males da pel. Os devotos mollan os panos no aceite milagreiro e despois pásanos polas espullas. Foi popularizado no folclore galego como o santo máis milagreiro de todos: Se vas ó San Benitiño / non vaias ao de Paredes / que hai outro máis milagreiro / no conventiño de Leres.

[...]

 

lunes, 1 de marzo de 2021

En marzo festexamos...

 Os festexos de marzo, entrada do equinoccio de primavera, son variados en Galicia. Pilar Vilaboi mergúllanos nas historias, lendas, tradicións da festividade do Día da Muller, do santo Adrián, da santa Francisca Romana, a romaría do Corpiño, o san Xosé... Coma tódolos meses son moitos os refráns e ditos deste mes de marzo: "Marzo marzolas ou Marzo marceiro: pola mañá cara de can, e pola tarde falangueiro".

 Premendo nos enlaces pódese descargar e consultar o texto completo.

 

                                                    

                                                                Descarga preme AQUÍ
                                                                

                                                                Consulta preme AQUÍ 

  

 [Fragmento do traballo de Pilar Vilaboi Freire]

 

 O mes de marzo é o terceiro mes do calendario. É coñecido tamén como mes de san Xosé por ser a festa de máis tradición no mes. O 21 de marzo é no hemisferio norte o primeiro día da primavera, pois cadra xeralmente co equinoccio de primavera. Aínda así chámanselle frebas de marzo aos primeiros días do mes, porque nestes días adoita facer mal tempo, como fixo en febreiro. Hai a crenza popular de que a lúa de marzo é a máis indicada para podar as árbores: os castiñeiros en minguante e os carballos en crecente, como apunta Eladio Rodríguez no seu Diccionario enciclopédico. Hai refráns vencellados ao san Marcos do 23 de marzo, como O millo polo san Marcos, nin nado nin no saco, e expresións que remiten ao tempo tolo e inconstante do mes, como Marzo marzolas ou Marzo marceiro: pola mañá cara de can, e pola tarde falangueiro. Cómpre lembrar que marzal non se debe usar como substantivo senón como adxectivo: Pascua marzal, trigo marzal. Outro adxectivo que alude ó mes é marza, que aparece en pega marza ou marceña, denominacións do gaio (Garrulus glandarius).

[...] 


Santuario Nosa Señora do Corpiño. Foto Vania López Arias

                                                  

 

O día da Anunciazón, as derradeiras xiadas son, e isto é o 25 de marzo. Comparte advocación coa Nosa Señora do Corpiño, máis coñecida coma O Corpiño, nome diminutivo do substantivo corpo. Hai quen di que o diminutivo é porque a santa é de medio corpo. Se o nome fose anterior á actual imaxe, faría alusión a un corpo santo enterrado. O santuario localízase no lugar do Corpiño, na parroquia de Santa Baia de Losón, no concello de Lalín, e, ademais de en marzo, celebran a sonada romaría o 23 e 24 de xuño. Converteuse nunha advocación mariana de intensa devoción en casos de males estraños, meigallos, mal de ollo, ramo cativo, doenzas psíquicas, etc. O sacerdote ponlles aos enfermos en diversas partes do corpo unha reliquia que, disque, ten pelo da Virxe. Canto á tradición oral, tivo en tempos moita devoción nos apuros da guerra, como se ve na cantiga Viva a Virxe do Corpiño, / orgullo da nosa terra, / que librou a moitos quintos / da dura morte da guerra!; ou estoutra: Quen é aquela Señora / que vai por aquel carreiro ? / É a virxe do Corpiño / que vai ver a do Cruceiro.

[...]

lunes, 1 de febrero de 2021

En febreiro festexamos...

Pilar Vilaboi Freire axúdanos a lembrar os festexos e tradicións do mes de febreiro en Galicia, algunhas das festas xa anuncian ó despertar da natureza "Cando a Candeloria chora, medio inverno fóra", por suposto a diversidade e riqueza do Entroido, san Brais, santa Ágeda, santa Lurdes... 

Premendo nos enlaces pódese descargar e consultar o texto completo.

 


                                                        

                                                                Descarga preme AQUÍ

                                                                Consulta preme AQUÍ 

 

   [Fragmento do traballo de Pilar Vilaboi Freire]

 

 

Febreiro é o segundo mes do ano no calendario gregoriano e o que menos días posúe: ten vinteoito días os anos normais e vintenove os bisestos. Foi chamado así en honor ás februa das Lupercales: celebraban unha festa anual de purificación da Antiga Roma chamada februa (de februum, unha especie de correa) nunha data que hoxe se identifica coma o 15 de febreiro. Tras a fundación de Roma e o xurdimento do Imperio Romano, a urbe tomou prestado o nome das festas februas para designar o mes nas que estas tiñan lugar, que daquela era o último do ano. En canto a refráns referidos a este mes temos: A suga de febreiro fai o lameiro; A castaña e o besugo, en febreiro non teñen zugo; ou A chuvia de febreiro fai o palleiro. Algúns recitados falan tamén deste mes:

Dixo no monte unha vella:

Vaite, febreiriño corto,

cos teus días vinte e oito,

que, se tiveses máis catro,

non quedaría can, nin gato.

Febreiro contestou moito:

Os teus becerriños oito

deixa que meu irmán marzo

hachos de volver en catro. 

...


 

 
Foto Santiago Garrido @santiagogrial 
 
  

O 2 de febreiro festéxase o día da Candeloria ou das Candeas. O seu étimo procede do latín candelorum ‘das candeas’, da voz candela, derivado de candeo ‘arder’. Da forma Festum Candelorum ‘festa das candeas’ elaborou o pobo o nome Candeloria (ben documentada no uso e nos refráns), que alterna co uso da forma posterior Candelaria, posiblemente por influxo do castelán. O cultismo Candela está competindo coa patrimonial Candea, que debe preferirse. Ese día lévanse bendicir as candeas á Igrexa e cando se precisan acéndense para calmar as treboadas, esconxurar o trono ou para acompañar o viático poñéndollas nas mans dos moribundos. Crese que os nenos que morreron sen bautizar e que, polo tanto están no limbo, permanecen en perpetua escuridade e só poden ver a luz do día o día da Candeloria. Segundo a crenza popular ese día casan os paxariños e é tamén a festa do amor e do apareamento de todo o reino animal. En Verín van na procesión unhas nenas levando dúas pombas e unha torta. Na Coruña, as nais ás que lles morreu un meniño antes de bautizar acenden unha candea; Vicente Risco menciona que as cigarreiras da cidade colocaban na igrexa candeas acesas sobre feixes de romeu, en memoria dos pobres cativos. No sábado máis próximo a este día celébrase a Festa do Lume, que é unha xuntanza dos cristiáns galegos da asociación Irimia. É patroa das Illas Canarias. É moi sonado o refrán: Cando a Candeloria chora, medio inverno vai fóra; que chore, que deixe de chorar, mitá do inverno está por pasar; e estoutros: Virxe da Candela, que non me trabe can nin cadela; e Señora das Candelas, polas túas xulga as alleas. 

miércoles, 27 de enero de 2021

Peche ao público do Museo

Cumprindo co Decreto 8/2021 do 26 de xaneiro, e a orde do 26 de xaneiro de 2021 da Consellería de Sanidade, o Museo Etnolóxico suspende as visitas e as actividades presenciais dende hoxe 27 de xaneiro ata o 17 de febreiro.

 
Mantemos a atención dos diferentes servizos a través 
-do teléfono: 988 788 720
-do correo electrónico: mu.etnoloxico.ribadavia@xunta.gal 
-e ademais podedes seguirnos nas nosas redes sociais.