Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo

jueves, 1 de julio de 2021

Marxes fílmicas 2021: Perú

 

 

Chega xullo 2021 e chega a décima edición do ciclo de cinema: Marxes Fílmicas este ano faremos un percorrido polas marxes do cinema peruano.

A cita será na primeira quincena de xullo: luns 5, mércores 7, luns 12 e mércores 14  ás 22.00 h no patio do Museo Etnolóxico, até completar a capacidade, de balde e en versión orixinal, coas medidas de hixiene e seguridade decretadas polas autoridades ante a pandemia da Covid-19.

Este ciclo, coma nas outras edicións, está elaborado polo Cine Clube Padre Feijoo de Ourense que tamén se encarga da proxección dos filmes. Como indican no seu blog a selección realizada, busca un híbrido representativo sobre os diferentes campos do cinema peruano: fórmula comercial, cinema de autor, filmes autoxestionados, xénero documetal e curtametraxes, con autoras e autores emerxentes e consagradas/os. "En base á selección destas catro cintas poderíase dicir que o cinema peruano de autor está a manter a tradición de poñer en evidencia os problemas da sociedade e non se encola ao discurso do mercado".

 

Luns 5 de xullo, 22.00 h.  
Bajo la piel (Perú, 1996) 110 min.
Dirixida por Francisco J. Lombardi. 


Un policía atípico, tímido e inseguro que rexeita a violencia é o encargado do posto de policía en Palle, unha vila do norte de Perú onde no pasado se desenvolveu a cultura dos Moches, o pobo máis sanguento da época Inca. A historia comeza cando se está a producir unha serie de crimes que seguen a tradición Moche. O policía, Percy, faise cargo da investigación contactando cunha patóloga española e cun profesor coñecedor da cultura Moche. As habilidades profesionais da patóloga puxeron a Percy no bo camiño do asasino. O contacto cada vez máis estreito entre a patóloga e Percy desata nel unha paixón amorosa e impulsos baixo a pel que non é quen de controlar. No entanto, a súa relación co asasino móstralle o lado escuro que todos levamos dentro durante millóns e millóns de anos.

Baseado nunha novela de Fiodor Dostoievski.

 

Mércores 7 de xullo, 22.00 h.  
Madeinusa (Perú, 2016) 100 min.
Dirixida por Claudia Llosa. 

Ambientada na vila ficticia de Manayaycuna ("a vila á que ninguén pode entrar" en quechua) nos Andes peruanos, a historia abrangue tres días na vida dos locais e dun foráneo de Lima. O foráneo non é benvido por mor de que a súa chegada cadrou co comezo do "Tempo Sagrado", un festival relixioso sincrético que vai desde o Venres Santo até a Pascua cristiá (festa moi interesante pola semllanza cos nosos entroidos).

Madeinusa é a historia dunha nena que vive nunha aldea perdida da cordilleira do Perú. Seguindo unha antiga tradición, os veciños desta aldea cren que, como Cristo está morto desde o Venres Santo até o Domingo de Resurrección, non os ve e, en consecuencia, durante ese tempo poden cometer calquera pecado sen remorso algún.
Premios
2006: Festival de Sundance: Selección Oficial (World Cinema)
2006: Festival de Rotterdam: Premio FIPRESCI
2006: Festival Mar del Plata: Mellor Película Latinoamericana

 

Luns 12 de xullo, 22.00 h.  
Las malas intenciones (Perú, 2011) 106 min.
Dirixida por Rosario García Montero. 


Cayetana, unha nena peruana de 8 anos, seica ten o mundo aos pés. Ela procede dunha familia de clase alta, e non lle faltan comida nin xoguetes, así como criados que a velan. A súa infancia ten lugar a principios dos anos 80 en Lima, cando a violencia terrorista comezaba a sacudir o país. 

Cayetana é moi intelixente, pero cunha personalidade algo escura. Os seus pais están separados. Despois de regresar dunha longa viaxe, a súa nai, Inés, dálle unha nova inesperada: está embarazada do seu novo mozo. Entón, o fráxil mundo de Cayetana derrúbase. A rapaza péchase no seu cuarto e declara que o día do nacemento do seu medio irmán será o día da súa propia morte. Só a súa imaxinación e a irrupción dos heroes nacionais dos seus textos escolares - Olaya, Grau, Bolognesi -, aos que admira, poderán salvala dun ambiente familiar cada vez máis alleo nun país ao bordo do colapso.

 

Mércores 14 de xullo, 22.00 h.  
Canción sin nombre (Perú, 2019) 97 min.
Dirixida por Melina León. 


O xornalista Pedro Campos (Tommy Párraga) investiga a misteriosa desaparición dun bebé acabado de nacer dunha muller de Ayacucho, Georgina Condori (Pamela Mendoza Arpi), que migra a Lima por mor do terrorismo que azota a súa rexión. Georgina busca axuda na comisaría e no pazo de xustiza sen atopala, mais chega ás oficinas do xornal local onde Pedro Campos toma o seu caso.



No hay comentarios:

Publicar un comentario