Sábado 7 de outubro ás 20.30 h no salón de actos do Museo Etnolóxico proxectarase o filme "Entrar aos Vilares" contaremos coa presenza do director Cibrán Tenreiro e membros da equipa de realización que manterán un coloquio co público asistente.
O filme foi producido pola Asociación da Terra Chá, Lareira de soños arredor da parroquia do poeta Xosé María Díaz Castro, finalista da XII Mostra Internacional de Cinema Etnográfico MICE de Compostela en tres categorías (mellor filme, mellor producción galega e prémio do público).
SINOPSE:
Tres mozos entran a unha parroquia de Guitiriz que
descoñecen co encargo de realizar un documental sobre ela. Entón:
1) Preguntan aos veciños tentando comprender a identidade do
lugar seguindo unha cita de Charles Seignobos que leron na universidade:
“Lamento non ter podido tratar máis que dunha maneira moi incompleta os feitos
da vida cotiá, alimentación, vestido, habitación, usos de familia, dereito
privado, diversións, relacións de sociedade, que constituíron o principal
interese da vida para a enorme maioría de individuos”.
2) Tentan vincular o que aprenden á súa propia identidade e
ás súas propias experiencias, sendo da primeira xeración das súas familias que
non naceu na aldea. E cuestionan o resultado: non queren dar outra visión
nostálxica do rural pero non teñen claro se o conseguen.
3) Pasean por leiras e casas abandonadas, xogan, distraense
mirando aos animais e desvíanse das súas propias intencións como se estiveran
facendo un vídeo doméstico.
"Entrar aos Vilares é, máis ou menos, un intento de explicar un lugar partindo de cero. Cando aos tres realizadores nos fixeron a proposta de facer un documental sobre Os Vilares, non tiñamos moi claro se iamos ser quen de comprender o que é a parroquia e o que representa para a xente que vive alí, nin se iso ía ser necesariamente interesante (para nós e para quen puidera velo despois). Así que a solución que se nos ocorreu foi, simplemente, rexistrar o noso intento. Así, aínda no caso de fracasar, teríamos como mínimo a opción de ensinar o retrato honesto das nosas limitacións.
Por iso a película dá, se cadra, a sensación de estar en proceso, ou de ser a ratos un vídeo doméstico. Preguntamos aos veciños tentando comprender a identidade do lugar, buscando as súas particularidades, arredor da idea de buscar a historia na vida cotiá. Observamos as paisaxes e os diferentes espazos da parroquia, ás veces cheos de actividade e ás veces baleiros. E, mentres o facemos, tentamos confrontar iso coa nosa propia perspectiva de xente nacida na cidade e estudante de cine, que nos leva aínda que non queiramos a facer as preguntas que facemos, ir aos sitios aos que imos e xogar entre nós. Non podiamos sequera pretender ser obxectivos, así que fomos subxectivos. Igual que nós entramos nos Vilares, no mellor dos casos o espectador podería entrar con nós, dubidar con nós, desviarse con nós do propósito inicial e, cada un á súa maneira, aprender".
No hay comentarios:
Publicar un comentario