Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo

viernes, 19 de julio de 2019

Presentación do libro: "El lobo. Tótem y tabú"



O martes 13 de agosto ás 20.30 h preséntase no Museo Etnolóxico o libro do antropólogo Francisco Almarcha “El Lobo. Tótem y tabú” editado por Tundra, será presentado polo tamén antropólogo Félix Castro Vicente que fará unha panorámica das crenzas sobre o lobo en Galicia.

Neste traballo Francisco Almarcha analiza como o lobo pode interpretarse como un animal tabú e un tótem no que os seres humanos proxectamos temores, fobias, ansiedades, aspiracións e anhelos, produto de diferentes condicionantes socioculturais. Desde unha perspectiva antropolóxica, a relación establecida con el reflicte a nosa visión da sociedade, da natureza e do mundo espiritual; unha relación complexa que foi variando a través do tempo e que mostra a importancia simbólica deste predador nas sociedades nas que está presente ou o estivo no pasado.

Francisco Almarcha, antropólogo, filólogo e observador de aves, reside actualmente en Villena (Alacante). Desde 1992 é profesor de Lingua e Literatura Castelá e desde 2010 de Antropoloxía no Departamento de Humanidades contemporáneas da Universidade de Alacante. Especialmente interesado nas interrelacións entre animais humanos e non humanos, publicou diferentes artigos, tanto académicos como divulgativos, nos que mostra o seu compromiso conservacionista. No ano 2017 leu a súa tese doutoral ( coodirigida por M. Pastor e Garry Marvin) na Universidade de Alacante sobre o turismo e o lobo na serra da Culebra.

Félix Castro Vicente, avogado, antropólogo, músico, e bibliófilo, ten realizado diversas investigacións de tipo etnográfico, xunto co seu irmán Cástor, sobre todo no campo da música tradicional de Ourense, salientables os seus traballos arredor do músico e artesán Faustino Santalices. Outro campo no que teñen feito achados de importancia, é arredor da figura de Manuel Blanco Romasanta “o home do unto”, “o home lobo de Allariz”, razón pola que tamén ten estudado incidentalmente as crenzas sobre o lobo e a licantropía en Galicia. Tamén ten investigado sobre o ocultismo español, bibliografía, escritores e autores ocultistas do cambio do século XIX ao XX, principalmente arredor do Libro de San Cipriano e a súa relación cos grimorios europeos, campo no que é un referente internacional. Con este motivo nos últimos anos reuniu unha colección de máis de trescentas obras antigas de ocultismo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario