Nas
rúas atopamos en ocasións referencias á memoria pública,
referencias a persoas e/ou feitos que a sociedade quere manter no seu
recordo,
no presente e para as xeracións vindeiras. No caso de Ribadavia son
varios os persoeiros que teñen a súa placa na casa onde naceron ou
viviron, ou nas proximidades, por iniciativa popular, institucional,
ou promovidos por organizacións ou asociacións; en casos a
lembranza refírese a fitos relacionados coa arquitectura, a
enxeñería, etc.
Fondo Fotográfico Museo Etnolóxico |
Na
mesma Praza Maior de Ribadavia temos o primeiro exemplo, nunha das
casas luce desde o 9 de setembro de 1833, unha placa en mármore
adicada a Tomás de Lemos (Ribadavia 1545-Roma 1629), importante
frade dominico e teólogo galego que intervén de forma directa e
activa nas disputas teolóxicas da súa época. A súa obra escrita
está formada por un total de 29 libros, sendo o mais importante e
publicado post
mortem
(1676) “Panoplia
gratia seu de rationalis creaturae”.
O seu nome levouno durante un tempo o C.E.I.P. Plurilingüe
Ribadavia.
Na
fachada do edificio que actualmente ocupan a Oficina Municipal de
Turismo e o Centro de Interpretación da Cultura Xudía, o antigo
pazo dos Condes de Ribadavia, está colocada unha placa aludindo ao
xuízo pola Inquisición a veciños desta vila. A documentación fai
posible constatar no século XV a presenza dunha comunidade xudía en
Ribadavia; instalada en torno a chamada rúa da Judeiria. A acción
do Santo Oficio da Inquisición tivo momentos de especial actividade
en Galicia; precisamente nun deses períodos, o que vai de 1604 a
1611, tivo lugar en Ribadavia un proceso iniciado en 1606 e que levou
ante o tribunal a 40 persoas das 200 denunciadas por Jerónimo
Bautista de Mena, personaxe complicada que non dubidou en incluír na
denuncia ata a súa propia nai xa defunta. Para saber máis, por
exemplo, pódese consultar o traballo seguinte de Mª Gloria de
Antonio Rubio AQUÍ.
Na
rúa Xuíz Viñas, concretamente no número 2 e a carón da Casa do
Concello, está a casa onde viviron as irmás Touza: Julia, Amparo e
Lola; coñecidas polo seu papel solidario e benfeitor coas persoas
máis necesitadas, sempre de xeito desinteresado e altruísta. O 7 de
setembro do 2008, o Concello de Ribadavia procede á colocación
dunha placa dourada en homenaxe as tres irmás nunha das xambas da
porta do seu domicilio, nela líase: «Ás tres irmás, Lola, Amparo
e Julia Touza. Loitadoras pola Liberdade». Neste 2020 a placa
sinalada foi substituída por outra de metacrilato coincidindo có
Día Internacional da Muller e realizándose posteriormente unha
visita teatralizada centrada na figura das tres irmás.
Placa colocada en 2020 |
Placa colocada en 2008 agora sustituída pola de 2020 |
*No
catálogo de Museos de España CERES, pódese encontrar a ficha de
catalogación da fotografía antiga que mostra a vista da praza Maior
dende a rúa García Penedo:
No hay comentarios:
Publicar un comentario