Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo

jueves, 1 de octubre de 2020

En outubro festexamos...

"O mes de outubro é o décimo mes do ano do calendario gregoriano, aínda que o
seu nome vén de ter sido o oitavo (octavus) mes no calendario romano. Outros nomes
populares son o mes de outono, de San Lucas e do Rosario. Neste mes próbase o viño
novo da vendima e envásase, como din os refráns: Polo san Lucas solta os bois, mata
os porcos e tapa as cubas
; ou San Simón proba o viño e o porco San Martiño".

Así comeza Pilar Vilaboi o seu texto no que nos anima a lembrar festas, festexos, tradicións, onomásticas, refráns do mes de outubro. o texto completo pódese consultar e descargar nos enlaces do pé de foto.

                                                                   
                                                                                   Descarga preme AQUÍ                                                             

                                                                                   Consulta preme AQUÍ

 

 [Fragmento do traballo de Pilar Vilaboi] 

...

O 18 outubro festexamos a San Lucas, nome de orixe no grego Lukas, forma
hipocorística de Lukanós ‘oriúndo de Lucania’, latinizado en Lucas ou Luca. Non se
desbota que proceda do grego Lukius ou do latín Lucius ‘luminoso’. Este xudeu naceu
en Antioquía onde era médico. Convertido por san Paulo, seguiu ao seu mestre nas
viaxes por Grecia e Italia. San Lucas é un dos catro evanxelistas, o que escribiu o
terceiro Evanxeo. É un dos patróns dos médicos e en Galicia tamén da Facultade de
Medicina e dos concellos de Chantada, Mondoñedo e Pastoriza. Unha das máis sonadas
feiras tradicionais é as San Lucas de Mondoñedo. A orixe das festas atribúeselle ao
bispo Martiño, que as iniciara para celebrar a consagración da catedral en 1246. Pero
todo apunta a que o seu inicio se remonta a 1156, ano en que Afonso VII concedera
unha festa de oito días. Estas feiras das San Lucas, que en tempos duraron 15 días, son
fundamentalmente de gando do monte. Actualmente duran cinco días: o 16 ábrese
oficialmente a festa co pregón na xornada das Revésperas; o 17 son as Vésperas, o 18 é
o propio día de San Lucas, o 19 coñecido como Día do Medio e o 20 remata coas
Maulas, día en que os feirantes venden os últimos produtos a metade de prezo. Deu
lugar a refráns referidos ás uvas: Polo san Lucas, saben as uvas, porque hai poucas ou
ningunhas; Entre san Lucas
(18-10) e san Xudas (28-10) cóllense as uvas; pero tamén a
outros traballos da terra: Por san Lucas bois ao arado, que enxoitos que mollados; Pola
semana de san Lucas, suca, boi, suca.

 

                                                        Autor do cartel Xosé Vizoso. 2019

                                                  

 

                                                                                          

No hay comentarios:

Publicar un comentario