Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo

lunes, 14 de agosto de 2017

Exposición: «A olería de Niñodaguia. Achegamento ás formas tradicionais»


xoves 10 de agosto de 2017 ás 20.00 h no Museo Etnolóxico
inauguración da exposición: 
«A olería de Niñodaguia. Achegamento ás formas tradicionais»

Mostra itinerante da Colección de Agustín Vázquez Ferreiro na que se expoñen 32 pezas do centro oleiro de Niñodaguia e que ten sido comisariada por Sara Costa Muñoz e Xoel Rodríguez Martínez.


Un val de barro
Ao pé do monte Medo atópase a parroquia de Santa María de Niñodaguia (Xunqueira de Espadañedo, Ourense). Os máis entregos aínda a chaman Nodaiga e é o último centro oleiro dos varios que un día houbo na comarca.
As primeiras evidencias escritas sobre a olería na zona son do século XVIII. A tradición de seguro vén de máis antigo debido a que o diluvial val do Medo conta cos dous elementos fundamentais para o desenvolvemento da actividade: arxila e leña para a cocción.
O coñecido coma barro de lei é de cor negra e o preferido pola súa excelente finura e calidade plástica. O proceso de fabricación mantívose artesán ata mediados do século pasado, dende a extracción da arxila nas barreiras e o modelado coa roda de pé, ata a cocción en fornos comunais. Trala cocción, o cacharro sae do forno coa prezada e característica tonalidade amarela, resaltada acotío con un vidrado a base de minio (óxido de chumbo). 


Foto Museo Etnolóxico


Dunha economía de subsistencia á figura do «señorito»
Os cacharros son a expresión dun oficio e o reflexo dunha cultura. Nun primeiro momento, as formas adáptanse ás necesidades da agricultura e gandería.
As pezas que vemos aquí estaban destinadas exclusivamente á contención de líquidos e alimentos debido a que a baixa resistencia deste barro ao choque térmico non as facía aptas para a súa exposición ao lume. O vidrado realizouse inicialmente polo interior por razóns hixiénicas pero despois pasou tamén ao exterior para resaltar o brillo da obra.
Pouco a pouco os cacharros comezan a ser demandados dende outros lugares e as formas diversifícanse para dar resposta a novas necesidades. A actividade pasa a ser a tempo completo e a figura do cacharreiro gaña prestixio na zona, algo que en moitos casos fai que sexa alcumado como «señorito». A muller de Niñodaguia asume máis responsabilidade e ocúpase tanto das tarefas do fogar como da venda das pezas. 

Foto Museo Etnolóxico


O ámbito doméstico e a incorporación do barro roxo
Os cacharros resultaban imprescindibles na alimentación e na hixiene persoal do día a día das familias. Co paso do tempo irá aumentando a variedade de pezas e o seu número ata chegaren á práctica totalidade dos membros da unidade familiar. De igual maneira, as novas costumes obrigarán a producir pezas máis sofisticadas.
Na década dos anos 30 do século XX tivo lugar un grande avance: a incorporación á mestura do barro roxo. Tradicionalmente utilizado na fabricación de tella, achégalle ás pezas unha maior resistencia ao lume facéndoas aptas para a cociña. É a partir deste momento cando se comezan a facer potas, tarteiras ou testos de bica.
Dende esta data irán aparecendo novas formas por influencia da olería leonesa. O falsete, por exemplo, xa non responde a unha necesidade utilitaria senón que é un obxecto de brincadeira. 

Foto Museo Etnolóxico

O salto dos anos 60: da artesanía á industria
A crise da agricultura tradicional traduciuse nunha transformación da olería. A chegada do plástico e a aparición dunha louza industrial accesible a tódolos estratos da sociedade irán facendo que paseniño os cacharros queden relegados a un uso eminentemente decorativo.
O taller do cacharreiro mecanízase e electrifícase e sae definitivamente das casas, física e simbolicamente. A fabricación de tella, ladrillo e tubaxes é, en moitos casos, unha saída a esta crise.
Hoxe en día, o Museo Taller de Olería de Niñodaguia recorda o que chegou a significar este traballo na rexión. 

Foto Museo Etnolóxico

No hay comentarios:

Publicar un comentario