Como alternativa á fotografía de estudio, cara, centrada nas urbes e accesible só para xente dun determinado status social, xurden a finais do século XIX e inicios do XX os fotógrafos ambulantes, facendo que a fotografía se universalizase e fora mais accesible a todas as clases sociais.
Fácil era velos nas aldeas cando había feiras e mercados na procura do potencial cliente, soldados de permiso, niñeiras, parellas namoradas, ou mesmo familias que desexaban perpetuarse para enviar esa instantánea ao membro da familia ausente por mor da emigración.
En que casa non había algunha foto dun fotógrafo ambulante?, lembremos o traballo de fotógrafos locais ourensáns como Reza, ou Rizo, que facían a foto e logo de tomar os datos, xa unha vez revelada, enviabana a casa ou ben a expuñan nun determinado lugar para que despois de vista se lle fixera o encargo.
Quen non se sentiu fascinado ante aqueles fotógrafos magos, denominados "minuteros"? que traballaban cunha caixa de madeira fabricadas por eles mesmos ou por un carpinteiro, que servían á vez de cámara e laboratorio, permitindo realizar "in situ" unha fotografía negativa que xa unha vez revelada, en branco e negro, era entregada en poucos minutos (de aí o seu nome) e a un prezo alcanzable.
Foto Mitos Conde |
Aínda que os fotógrafos minuteros eran na súa maioría homes, tamén había algunhas mulleres. En Oviedo, nun dos seus parques, unha estatua en bronce deixa constancia da figura dunha delas, Josefa Carril, mais coñecida por "La Torera".
Os fotógrafos ambulantes foron desaparecendo deixando tras de si centos, miles, millóns de personaxes, lugares e momentos inmortais que no volverán suceder e que agora están pechados en caixas, en álbums, nas galerías e arquivos dos museos etnográficos…
O noso museo conserva a colección formada pola produción da saga dos fotógrafos Chao, ribadavienses, que establecen o seu Estudio circa 1870, onde desenvolven unha inxente laboura, así como de maneira ambulante por terras da Cañiza ou Avión ou no mundo da prensa, até que en 2005, coa xubilación dos derradeiros da saga, pecha.
*No catálogo de Museos de España CERES, podedes encontrar as fichas de catalogación de ditas fotografías e doutras mais que forman parte do fondo documental do Museo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario