Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo

miércoles, 29 de abril de 2020

29 DE ABRIL, FESTA DE SAN PEDRO MÁRTIR, TRADICIÓN CASE ESQUECIDA?

A chegada da primavera acompáñase de ritos que celebran a volta da vida tralo inverno. Unha festa desta época é san Pedro Mártir, tamén chamado san Pedro de Verona, lugar do seu nacemento.

Posto de venda de rescritos. Foto Rizo. 1950-1960

Ao santo acódese en busca de protección para as colleitas, os animais e contra as tormentas. Para isto, lévase auga, herbas, estampas, medallas, rosarios, etc. para tras ser bendicidas colocalas na casa, na corte ou na carteira.
Estampas, medallas, rosarios, herbas, etc que se podían mercar nos postos instalados ese día. En concreto, en Ribadavia tiñan especial demanda os rescritos, fórmulas escritas «en latín» nun papel que debía ser levado ao santo para que o bendicira e que tiña as mesmas funcións que os outros obxectos mencionados.

Posto de venda de rescritos. Foto Conde. 1950-1960

A maneira en que Pedro de Verona morreu, dunha machetada na cabeza, fai que se lle atribúan poderes para curar enfermidades mentais, o mal de ollo, os feitizos e para expulsar aos diabos das persoas. Razón pola que as xentes acudían á súa misa e a pasar por debaixo da imaxe do santo, para se liberar dos males que padecían. 

O cambio das costumes fixo que hoxe esta festa pase desapercibida, sen os festexos que coñeceu a mediados do século pasado e non só en Ribadavia, pois festexábase tamén en Santiago de Compostela, A Coruña, Ortigueira ou Tui. No caso de Ribadavia, dende o ano 1964 a Feira do Viño concentra toda a expectación nos días do paso de abril a maio.

festas de san Pedro Mártir en Ribadavia, 1948.


Procesión de san Pedro Mártir en Ribadavia. 2011

SABÍAS QUE...?
Que Carino Pietro da Balsamo, o asasino de san Pedro Mártir, arrepentido ingresou na Orde Dominica e chegou a ser beatificado?
Que os Dominicos viron en san Pedro Mártir un santo capaz de facer a competencia ao culto que estaba a recibir daquela san Francisco de Asís?

No hay comentarios:

Publicar un comentario