Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo

martes, 14 de abril de 2020

Cartel: "cohete misional". Proceso de restauración

DATOS TÉCNICOS
-       Nº inventario: 2004/01/000001
-       Documento: cartel.
-       Título: Petitorio para as misións.
-       Material: “papel de periódico” impreso.
-       Datación: anos 50-60 do s. XX.


-       Medidas: 32 x 44 cm.

Informe completo preme AQUÍ
                                                       Informe completo preme AQUÍ

ACHADO
O cartel aparece como forro das tapas do libro Soluciones analíticas (1935), de José Dalmau Carles, pertencente ó fondo de Elvira Álvarez Vega.
Durante o proceso de limpeza do libro, descóbrese este cartel dobrado funcionando como forro.

Achado do cartel como forro dun libro


SOBRE O CARTEL

O cartel debe entenderse dentro do contexto das colectas que realizaban os escolares para as Misións durante o franquismo, considerando a presenza absoluta da Igrexa Católica na política educativa. 
As denominadas “Cuestaciones para el Domund” entre os anos 50 e 60, baseábanse en campañas de colecta de cartos que realizaban os nenos, xeralmente en parellas, portando petos con forma de cabezas de “negritos”, “chinitos” ou “indios”. Estas campañas para a “Santa Infancia” convertíanse nun proceso competitivo no que os nenos que máis colectaban recibían diferentes tipos de premios. 
A esta competición responde a ilustración do cartel, na cal podemos observar un circuíto con casillas numeradas ata a meta. A frase “chinitos contra negritos” enténdese que fai referencia ós petos que portaban os alumnos, formando así dous equipos: os que levaban os petos con forma de cabeza de “chinito” e os que levaban os de forma de cabeza de “negritos”.
A temática lúdica da competición é a chegada á lúa en “Sputnik”, amosando o trasfondo da carreira espacial nos anos en que a U.R.S.S. lanzaba este tipo de satélites (1957-1961).

ALTERACIÓN

A continuación descríbense as principias alteracións que presentaba o cartel.
  • Pregado: debido ó uso como forro das tapas do libro, o cartel estaba dobrado para adaptarse ó formato deste.
  • Roturas e faltas de soporte: as zonas de pregado sufriron graves roturas que en moitos casos deron lugar a perda de fragmentos de papel.
  • Desprendemento de fragmento: consérvase un fragmento de dimensión considerable que se desprendeu a causa das roturas.
  • Deformación: o cartel estaba deformado a causa do pregado.
  • Suciedade superficial: Suciedade superficial xeneralizada e acumulacións nas zonas de pregado.
  • Acidez: esta é unha alteración intrínseca do “papel de periódico”, debido á alta porcentaxe de lignina na súa composición. A consecuencia da acidez elevada é a fraxilidade do papel.
  • Oxidación: o amarelamento do papel é froito da súa oxidación ante á luz. Novamente, esta  é unha alteración propia da mala calidade da polpa de celulosa empregada na fabricación do “papel de periódico”.
  • INTERVENCIÓN
  • 1. Limpeza superficial en seco mediante pinceis suaves.
  • 2. Despregado e pranchado puntual. Elimináronse as deformacións puntuais e pregados mediante espátula de calor para posibilitar a unión de roturas e a adhesión de fragmentos.
  • 3. Adhesión. Adheríronse polo reverso bandas e tiras de papel xaponés de moi baixa gramaxe para a unión de roturas e como reforzo das zonas con faltas de papel. Previamente, para a aproximación dos bordes rotos, dispuxéronse tiras provisionais no anverso, que foron retiradas posteriormente. O adhesivo empregado foi Carboximetilcelulosa. O proceso de adhesión finalizouse aplicando calor e presión controladas, mediante espátula térmica.
  • 4. Aplanado. Para o aplanado impregnouse o cartel con auga entre dous papeis Remay, para de seguido colocalo na prensa con papel secante. Os secantes foron substituíndose periodicamente ata acadar o completo secado do cartel. 
  • Proceso de aplanado
  • CONSIDERACIÓNS SOBRE CONSERVACIÓN PREVENTIVA
  • O cartel introduciuse nun sobre de Mylar selado para unha mellor manipulación do cartel. Ó sobre realizóuselle unha abertura para posibilitar a ventilación.
  • Recoméndase almacenar a peza resgardada da luz, posto que a incidencia da radiación UV acelera a oxidación do papel.
  • En caso de exposición, deberanse controlar os niveis de iluminación, sendo recomendable non superar os 80 lux. Será aconsellable o emprego de filtros para a radiación UV. Por outra banda, se o cartel expuxérase en vertical, deberase suxeitar nunha ventá (passepartout) mediante papel xaponés.
  • Despois da restauración
    Antes da restauración




             







    BIBLIOGRAFÍA E WEBS CONSULTADAS:
    ·      Sobre “Cuestaciones para el Domund”:
    -       50 años en las aulas: Domund.
    -       V.V.A.A.: Estudios sobre la política educativa durante el franquismo. Universidad de Valencia.
    ·      Sobre conservación e restauración de documento gráfico:
    -       CRESPO e VIÑAS: La preservación y restauración de documentos y libros en papel: un estudio del RAMP con directrices. Programa General de Información y UNISIST. UNESCO. París, 1984. 


    -       Colección Joseph Bosch.  http://www.josepbosch.net/sp_conserv.htm

    #aculturasegue #EuQuedoNaCasa #aculturagalegasegue

No hay comentarios:

Publicar un comentario