Ser escolar, sobre todo na Galicia rural até mediados dos 50 e 60 do século pasado, non era moi doado xa que a maioría das escolas estaban acondicionadas de xeito precario fronte as inclemencias climáticas que presentaban os duros invernos.
Para chegar as escolas rurais a rapazada debía percorrer distancias considerables, con atavíos, roupas e calzado que non proporcionaban o abrigo suficiente. Poucas escolas contaban cunha estufa central de leña para caldear e aplacar o frío e a humidade existente no local.
Colección do Museo Etnolóxico nº invernario 3899 |
O sistema alternativo usado por escolares era o uso dos braseiros individuais portátiles, consistentes nunha caixa metálica cunha asa. Este recipiente estaba furado nos laterais e na tapa para facilitar a combustión e a saída do calor das brasas acesas que contiña, era frecuente que contaran cunha bandexa na que se depositaban as mesmas e que servía para conter e recoller as cinzas unha vez rematada a súa combustión. Unha vez colocados baixo os pupitres ou mesas, a rapazada podía aquecer os pés fríos e húmidos, facendo así máis confortables as súas xornadas lectivas.
Colección particular Mitos Conde |
Os braseiros de tipo individual tamén tiveron un uso doméstico, variando incluso as formas e os materiais empregados na súa elaboración. Así mesmo había uns de menores dimensións utilizados para quentar as mans.
Colección particular Mitos Conde |
O braseiro de lata é doazón de Dolores Álvarez Guntín, do popular Bazar Che en Ribadavia e que pechou a súas portas no ano 2012 despois dunha longa actividade comercial.
*No catálogo de Museos de España CERES, pódese encontrar a ficha de catalogación de dito braseiro e doutras pezas mais que forman parte do fondo documental do Museo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario