Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo

miércoles, 20 de mayo de 2020

A Banca Nogueira. Ribadavia

A historia da Banca Nogueira xurde en 1895 cando Ramón Gómez Álvarez, natural do concello da Cañiza, decide abrir un establecemento de tecidos en Ribadavia. Á actividade comercial de tecidos foi engadindo a corresponsalía de banca, cos servizos correspondentes a esta actividade e, paulatinamente foi adquirindo á habilitación de clases pasivas do Estado, a habilitación do maxisterio e a administración de loterías. 

                        O comercio de tecido. Foto Serafín Rodríguez. ca. 1900
   Fondo Fotográfico Museo Etnolóxico nº inventario   20100_14 

A ausencia doutras axencias de banca na zona, e dada a súa relación con grandes bancos que operaban en América, levou á fundación da Banca Nogueira, empregando un dos apelidos familiares, como xa tiña feito co nome do comercio. Deste modo comezou a atender as operacións dos emigrantes en América, oriúndos do Ribeiro. 

             O comercio de tecido e a Banca Nogueira. Foto Tirso Sánchez. 1935
Fondo Fotográfico Museo Etnolóxico nº inventario 202001000006 

A Banca Nogueira comezará ocupando parte do baixo do mesmo edificio da rúa Progreso de Ribadavia na que está o establecemento de tecidos. Para o obxectivo de servir de ponte entre España e América, tratando de fomentar o retorno dos capitais procedentes da emigración, contou co apoio de bancos españois e americanos en Buenos Aires, New York, Río de Janeiro, Montevideo e Caracas, o que posibilitou rapidamente un nivel de negocio considerable. 
Trala Segunda Guerra Mundial, en torno a 1947, traslada a sede ao edificio que levantará na mesma rúa esquina a Salgado Moscoso. A nova sede será unha das construcións emblemáticas de Ribadavia.

                                A Banca Nogueira na nova sede. Ca. 1950
              Fondo Fotográfico Museo Etnolóxico nº inventario 200810000529
                             

Despois do falecemento do fundador no ano 1952, serán o seu fillo Ramón Gómez Pérez Neu e o seu xenro Joaquín Robla Díaz quen o substitúan. 
Nos anos sesenta a Banca Nogueira comeza a súa expansión pola provincia, abrindo sucursais en Ourense, Celanova, Avión e A Rúa. Precisamente esta rede a nivel provincial foi un dos atractivos para a súa adquisición en 1971 polo Banco Central. Posteriormente pasará a formar parte do Banco Central-Hispano para finalmente terse integrado no Banco Santander.

                 A Banca Nogueira. Lib. Imp. Pap. El Ribadaviense. Ed. Alarde. ca.1965
              Fondo Fotográfico Museo Etnolóxico nº inventario 201504000069
         

*No catálogo de Museos de España CERES, pódese encontrar as fichas de catalogación de fotografías e doutras pezas mais que forman parte do fondo documental do Museo.

Para saber máis:
García López, Alfonso (2003): La Actividad Bancaria en Galicia. Desde el Catastro del Marqués de la Ensenada a la Ley Cambó. Valladolid: Ed. Lex Nova, S.A.

No hay comentarios:

Publicar un comentario