Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo

lunes, 22 de abril de 2013

BOOKCROSSING DA BIBLIOTECA DO MUSEO (23 ABRIL: DÍA INTERNACIONAL DOS LIBROS)


                     
                O día 23 de abril, Día Internacional do Libro, máis de 70 Bibliotecas de Museos de toda España únense nunha actividade conxunta de bookcrossing liberando 3.000 libros en espazos públicos. O obxectivo é que as persoas que encontren estes libros os liberen de novo -despois de desfrutar deles- en calquera parte do mundo para que outras persoas volvan a gozar deses libros; as bibliotecas dos museos contribúen así a fomentar a lectura e buscan tamén mellorar a súa visibilidade cara aos usuarios.
A Biblioteca do Museo Etnolóxico. Ribadavia (Ourense) únese por segundo ano consecutivo a esta iniciativa, promovida pola Biblioteca-Centro de Documentación do ARTIUM, Centro-Museo Vasco de Arte Contemporáneo de Vitoria-Gasteiz e liberará arredor de 20 libros das publicacións propias, duplicados e doazóns que fan particulares para esta acción.
 Como novidade, este ano establecemos unha colaboración con profesoras da Universidade de Vigo do Campus de Ourense para implicar ao estudantado universitario na liberación dos libros; cunha charla nas aulas darase a coñecer o movemento bookcrossing e farémoslles ver que o interesante desta actividade é seguir o percorrido do libro polo mundo.
Todos os libros liberados estarán acreditados coas etiquetas, conterán as instrucións para facilitar ao lector a súa participación na campaña e estarán rexistrados na páxina web www.bookcrossing-spain.com, onde os lectores poderán indicar o lugar onde liberarán cada exemplar.
O éxito da liberación do ano pasado fixo que decidísemos incluír nas sala s de exposición do Museo unha zona oficial de liberación de libros, durante todo o ano as persoas que visitan o Museo poden unirse a este movemento de captura e liberación de libros.
No blogue da Biblioteca do Museo hai máis información sobre a liberación do ano 2012:

martes, 16 de abril de 2013

MULLERES ANTE A ADVERSIDADE: TEMPOS E CONTRATEMPOS- Exposición en liña

           

                    


           O Museo Etnolóxico participa, dentro da iniciativa Patrimonio en Femenino do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, na exposición online e no catálogo en liña de Mulleres ante a adversidade: tempos e contratempos.A edición deste ano ten como obxectivo ofrecer aos usuarios unha visión específica do papel desempeñado polas mulleres de diferentes sociedades e épocas en momentos de adversidade, transformación e cambio. A través de 94 bens culturais, procedentes de 36 museos integrados na Rede Dixital de Coleccións de Museos de España, CERES, articúlanse catro eixes expositivos: as mulleres ante o cambio social, os períodos de subsistencia e supervivencia, os conflitos e as transformacións políticas, e os propios cambios habidos no ámbito do privado e o persoal. Unha quinta categoría analiza, baixo o epígrafe Nomes propios, o papel de mulleres relevantes que padeceron a adversidade en múltiples facetas da súa vida pública e privada.
A exposicións consta das seguintes seccións: Cambio social, Subsistencia e supervivencia, Conflictos e transformacións políticas, En clave persoal, Nomes propios.