Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo

miércoles, 31 de agosto de 2016

Espazos sonoros 2016: Roteiro fluvial de Ribadavia a Francelos + concerto de Tres Pesos


Este ano 2016 o festival Espazos Sonoros: músicas en espazos de interese cultural desenvolve unha das súas actividades en Ribadavia, será o sábado 10 de setembro, consistirá nun roteiro fluvial de Ribadavia a Francelos e no concerto de Tres Pesos.

ROTEIRO FLUVIAL:
A xornada comenzará  as 15.00 h. co roteiro fluvial de Ribadavia a Francelos, unha ruta comentada para coñecer o noso patrimonio, a actividade é de balde mais é preciso facer unha inscrición antes do 7 de setembro.
Hora e lugar de encontro: 15.00 h, diante do Museo Etnolóxico de Ribadavia
Duración: 2 horas e media aprox.
Distancia: 8 km
Dificultade: baixa
Capacidade máxima: 70 persoas
Inscrición: do 27 de agosto ao 7 de setembro no correo: actividades@espazossonoros.org

Unha ruta que sairá do propio Museo Etnolóxico para seguir o camiño á beira do río Avia ata a pequena igrexa de San Xes de Francelos do século IX e a granxa vitivinícola de Outeiro, unha antiga explotación que data do século XII e que pertenceu aos monxes de Melón. 
Trátase, no seu conxunto, dunha paraxe de gran riqueza etnolóxica, natural e paisaxística, na que se observa unha fonda pegada da man transformadora das persoas que ao longo dos séculos traballaron e fixeron produtivas estas terras. O camiño conduciranos finalmente ata o Pociño de Francelos, as pozas naturais que forma o río Brul, tamén coñecido como río Outeiro, ao seu paso pola aldea. E de volta a Ribadavia.

Podedes ver o percorrido completo da ruta picando neste enlace AQUÍ .

CONCERTO:


Despois do roteiro a cita será ás 19.00 h. no Museo Etnolóxico co concerto do Tres Pesos música de raíz, música de hoxe.
Tres Pesos está formado por tres músicos de fonda traxectoria no eido da música tradicional: Felisa Segade na voz e percusións tradicionais, José Antonio Ferreira (Pepe de Calo) na gaita, clarinete, voz e percusións, Estevo Lamas no acordeón, voz e percusión. O proxecto nace en 2013 e sae a escena, por primeira vez, nun concerto realizado  nas festas de San Pedro do ano 2014, en Santiago de Compostela. Nese mesmo ano gravan o seu primeiro traballo, Acta fundacional, nos estudios da Radio Galega.
O concerto é de balde e non precisa inscrición.


Un anaquiño da actuación de Tres Pesos no patio do Museo Etnolóxico:

miércoles, 24 de agosto de 2016

"O nacemento do violonchelo": concerto de Ester Domingo Sancho



O NACEMENTO DO VIOLONCHELO

Ester Domingo Sancho
Violonchelo barroco

                        31 de agosto ás 20.30 h. no local social da "Igrexa da Madalena" Ribadavia

Gabriël Metsu, O Violonchelista (1665) Royal Collection Trust, Londres

No concerto: "O nacemento do violonchelo" a violonchelista Ester Domingo Sancho convídanos a unha viaxe polas músicas para violonchelo solo (sen acompañamento) dos séculos XVII e XVIII, cun programa cuxa vontade específica é mostrar o descubrimento naquela época do violonchelo como instrumento solista, e o nacemento, polo tanto, dun novo ideal sonoro. Para axudar a tal propósito do xeito máis fiel posible, escoitaremos estas músicas nun instrumento que, ademais de ter sido construído no ano 1739, conserva a montaxe orixinal propia do período barroco.  




Ester Domingo Sancho é unha entusiasta da música de cámara e orquestral, é co-fundadora de diversas agrupacións (Edelmann Trio, Apollo's Cabinet, El Almacén de Música, Cuarteto Tomás de Iriarte) coas que leva a cabo unha actividade concertística internacional. Paralelamente, ten a honra de colaborar con diversos grupos de prestixio como a Orquestra do Século XVIII, a Orchestra of the Age of Enlightenment, Holland Baroque, Musica Amphion, Los Músicos de su Alteza, La Madrileña, Camerata Antonio Soler e La Guirlande, xunto a músicos e directores da talla do lendario Frans Brüggen, Philippe Herreweghe, Jos van Immerseel, Alessandro Moccia, Margaret Faultless, Kati Debretzenyi, Rachel Podger ou Lars Ulrik Mortensen.




PROGRAMA



Giuseppe Maria dall' Abaco (1710-1805)



Capriccio Núm. 3 en mi bemol maior

Capriccio Núm. 4 en re menor    




Domenico Gabrielli (1659-1690)

Ricercar Núm. 2 en la menor
Ricercar Núm. 3 en re maior


Francesco Paolo Supriani (1678-1753)

Toccata X   


Johann Sebastian Bach (1685-1750)

Suite Núm. 2 en re menor, BWV 1008:
I. Prelude
II. Allemande
III. Courante
IV. Sarabande
V. Menuet I e II
VI. Gigue
Folla de man do concerto



Un pequeno momento do concerto de Ester Domingo Sancho (que nos desculpe a gravación de baixa calidade)

jueves, 18 de agosto de 2016

Exposición: A pesca fluvial a través da colección do Museo Etnolóxico



O venres 10 de xuño ás 20.30 h. inaugúrase no Museo Etnolóxico a exposición: "A pesca fluvial a través da colección do Museo Etnolóxico"; a través de bens procedentes das coleccións do Museo Etnolóxico. Ribadavia, agás catro fotografías aportadas por particulares, abórdase a evolución da pesca fluvial a través de dúas variables que se entrecruzan; a saber, unha, os cambios que levan da pesca fluvial practicada como actividade económica complementaria, a dos «pescantíns», ata a pesca entendida como manifestación cultural, a dos «troiteiros», ao socairo das transformacións mediaombietais e da progresiva normativización da actividade.


Relatado nun discurso construído con obxectos, fotografías e textos, articulado en artes naseiras –as máis antigas e que pasan de seren feitas con materia prima exclusivamente vexetal a recibir engadidos industriais-; artes redeiras –as de máis capacidade extractiva, evolucionan do emprego de fibras vexetais cara ao plástico-; as embarcaións –o barco de dornas, característica do Miño- e as artes de liña –na que se inclúe a pesca con cana e a súa transformación coa chegada dos carretes, das materias primas industriais e dos cambios na lexislación e as alteracións no curso do río-.
























Folleto da exposición tamén en castelán AQUÍ e en inglés AQUÍ