Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo

martes, 17 de septiembre de 2019

Presentación do libro de Lois Ladra "Arqueologia da Indústria Moageira em Castelo Branco. Moinhos hidráulicos no rio Ocreza"

 


Venres 20 de setembro ás 20.30 h no Museo Etnolóxico Lois Ladra presentará o seu libro: "Arqueologia da Indústria Moageira em Castelo Branco. Moinhos hidráulicos no rio Ocreza"

Escrito orixinalmente en portugués e publicado pola editora transmontano-duriense Lemad’Origem, a obra presenta os resultados do proxecto de estudo e catalogación de case que media centena de muiños de auga implantados nas ribeiras do rio Ocreza, afluente do grande Texo, ao seu paso polo concello de Castelo Branco. A construción dun encoro hidroeléctrico prevía o asulagamento destes enxeños tradicionais, que foron sometidos a un estudo de impacto ambiental orientado desde a perspectiva da Arqueoloxía da Industria.

Lois Ladra (A Coruña, 1972): Arqueólogo e antropólogo. Estudoso do patrimonio cultural galaico-portugués, especialmente nas temáticas relacionadas coa Protohistoria e a Tecnoloxía tradicional. Autor de media ducia de libros e de varias decenas de artigos en revistas especializadas e de divulgación. Foi galardoado cos premios de investigación “Vicente Risco”, “Ferro Couselo”, “Cátedra”, “Raigame” e “Fermín Bouza-Brey”. Desenvolve a sua actividade profesional como traballador autónomo en diversos proxectos a nivel nacional e internacional.

jueves, 12 de septiembre de 2019

Presentación e mostra expositiva do libro "Geldi 2011-2017. Descensos de Goitibeheras"



Sábado 14 de setembro ás 21.00 h no Museo Etnolóxico, con motivo da XIV Baixada Carrilanas Ribadavia presentación e mostra expositiva do libro:
"GELDI 2011-2017. DESCENSOS DE GOITIBEHERAS", "goitibeheras" chámaselle en vasco ás carrilanas, Usue Arrieta e Vicente Vázquez defínenas como "vehículos autoconstruídos sen motor que se utilizan para descensos por carreteras asfaltadas. Creadas a partir de restos de maquinaria ou dos sobrantes da industria de automoción, constrúense grazas ao enxeño e os saberes do traballador industrial. A práctica da reciclaxe, a fragmentación, a resignificación e a recontextualización dos elementos materiais que nos rodean, subliñan as capacidades creativas e construtivas propias da modernización. As goitibeheras permítennos coñecer a cultura industrial desde unha óptica que supera a esfera tradicional do traballo e invade a dimensión creativa, popular e colectiva da vida".

jueves, 5 de septiembre de 2019

Exposición temporal " "Colección Abrente. Arte galega no desafío cultural dos '70"



Venres 6 de setembro ás 20.30 h. inauguración da mostra plástica da agrupación cultural Abrente de Ribadavia: "Colección Abrente. Arte galega no desafío cultural dos '70" comisariada por Sabela Fraga Costa.

ABRENTE foi una asociación cultural que desenvolveu en Ribadavia una intensa actividade cultural entre os anos 1969 e 1983, esta asociación dispuña dunha razoable colección de arte procedente da doazón de obra que lle facían os artistas para contribuír co importe da súa venda á financiación das actividades da asociación, ou simplemente para decorar a súa sede social. A colección contén 58 obras de 29 autores. Dado o seu volume, a exposición da colección terá lugar en tres fases: a que se inaugura agora, unha segunda será en febreiro coincidindo coa presentación do catálogo da colección e unha terceira que terá lugar entre xuño e setembro de 2020.