martes, 27 de septiembre de 2016

Outono Fotográfico 2016 no Museo Etnolóxico



Este 2016 o Museo Etnolóxico participa un ano máis no Outono Fotográfico nesta edición cunha exposición de fotografía de Demetrio Monteagudo González titulada: "Fogo Sagrado: fogo, festa, rito". que se poderá ver durante todo o mes de outubro no local social "Igrexa da Madalena".

HORARIO da igrexa da Madalena:
Martes a venres de 12:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 19:00 h.
Sábados e domingos de 12:00 a 14:00 h.

Festivos pechado


foto de Demetrio Monteagudo González
O lume é un símbolo asociado á renovación e á purificación pero tamén ao castigo infernal. Aparece moitas veces coma o eixo sobre o que xiran moitas festividades e ritos da nosa terra. A festa, ademais, é algo que só existe onde hai presenza humana e é un fenómeno cultural universal. Cumpre importantes funcións nas nosas comunidades e funciona coma reforzador da identidade propia ao revelar as tradicións dun lugar.

O fogo é obxecto litúrxico no cristianismo pero tamén protagonista dos entroidos e doutras festas. Compón un calendario ígneo que se espalla por toda Galicia artellando as súas xentes e que Demetrio Monteagudo González recolle a través do seu obxectivo.

Demetrio Monteagudo González naceu en Vigo no ano 1952, a afección á fotografía espertóuselle no ano 1973, data dende a cal mantén coa fotografía unha relación autodidacta, intermitente e bipolar que se pode permitir pola súa condición de afeccionado.
O seu obxectivo son case sempre os temas de antropoloxía social, como as festas, as tradicións relixiosas ou os traballos tradicionais. Neste senso, nunca sentiu atracción pola fotografía de estudo.
Ten obra publicada na Gran Enciclopedia Gallega e na revista Río (2000-2004), colabora en publicidade empresarial. Mostrou a súa obra en varias exposicións, entre outras: no Centro Goianés (Goián, 1984), na Asociación Cultural «Eliseo Alonso», na Casa do Libro (Vigo, 2013) ou no Centro Goianés (Goián, 2013). No ano 2014 presentou no Museo Etnolóxico. Ribadavia, «Detrás da máscara», centrada no Entroido. É membro da Asociación Fotográfica Galega (Phosgalicia).
Folleto da exposición: