Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo

miércoles, 10 de noviembre de 2021

FÁBULAS DE ALMADA NEGREIROS

 



    A exposición “Fábulas de Almada Negreiros” chega ao Museo Etnolóxico. Reunindo 49 tintas chinesas orixinais, realizadas en 1936 para ilustrar o libro Fábulas do escritor e xornalista Joaquim Manso, con dirección gráfica de Luís de Montalvor (codirector de Orpheu)é representativa da profunda simbiose coa escritura e o talento gráfico de Almada Negreiros. Tamén se mostra un reducido e delicado elenco de ilustracións deseñadas para O Pórtico e a Nave (1943), obra do mesmo autor e editor, con quen Almada se asocia para outras publicacións alternativas e excepcionais.

    Almada Negreiros (1893-1970) é o referente imprescindible da cultura portuguesa do século XX –xunto con Fernando Pessoa e Amadeo de Souza-Cardoso–, desenvolvéndose ao longo da súa vida en múltiples áreas (foi poeta, debuxante, pintor, novelista, bailarín, coreógrafo, dramaturgo, ensaísta, escenógrafo, escultor, gravador, contista, tapiceiro, vitralista, conferenciante...) e cuestionándose constantemente as fronteiras entre as artes. Inspirado polas correntes artísticas innovadoras do seu tempo, entre as que atopamos nomes coma Marinetti, Diaghilev, Delaunay Apollinaire, Picasso Matisse, Jean Cocteau, Brancousi, Erté, e Erick Satie e Stravinski; a súa experiencia cosmopolita en España (1927-1932) foi prolífica. Aquí coincidiu con intelectuais e artistas de diversos ámbitos como García Lorca, Ortega e Gasset, Buñuel ou Gómez de la Serna, quen o introduciu neste círculo como «o ser impar no medio da pintura e da literatura portuguesa, sobre as que salta de trapecio en trapecio».

    Nesta exposición atopamos un conxunto de gran riqueza plástica que constitúe un eloxio á liña e ao virtuosismo artesanal do debuxo, manifestación que ocupa o lugar central na súa produción, desde a infancia ata a súa última obra.

    A rá e a flor, emblemática composición da portada de Fábulas, é o punto de partida para unha viaxe extraordinaria polo universo da arte de contar historias a través de imaxes, onde reencontrarnos con clásicos que atesouran a nosa infancia –A cigarra e a formiga, O burro con pel de león, O reiseñor e a andoriña, O elefante e o colibrí– a par doutros personaxes fascinantes.

    Visitantes de todas as idades teñen así a oportunidade de descubrir unha aproximación absolutamente orixinal a un xénero que forma parte do patrimonio cultural da humanidade.

Animádevos!

martes, 9 de noviembre de 2021

IX MIRADAS ETNOGRÁFICAS: OURENSE


 Se buscades plan para os sábados de Novembro chega "IX MIRADAS ETNOGRÁFICAS" 

As proxeccións terán lugar na Casa de Cultura de Ribadavia os sábados ás 19:00h. A entrada é de balde e ata completar capacidade. 

Deixamos por aquí as sinopses das filmes para que podades botar unha ollada. 


6 de novembro: “Entre pastores e lobos” de Manuel Pedrosa.
Sinopse: No noroeste da Península Ibérica, vive unha das maiores poboacións de lobos de Europa. Acubillados por paisaxes singulares, os lobos non ocupan illados espazos naturais. Viven entre a xente.

13 de novembro: “Manoliño Nguema” de Antonio Grunfeld.
Sinopse: Marcelo Ndong, un artista africano formado en España, rexenta agora en Malabo unha gardaría cando recibe unha inesperada proposta: montar unha obra de teatro que o regresará a Galicia.

20 de novembro: “Cesteando” de Plácido Romero.
Sinopse: A traxectoria vital de Toño “ou do cesteiro” marcouna el mesmo cesteando e entrelazando, con tesón a valentía, moi diferentes vivencias, loitas e duros traballos que conformaron unha exitencia presidida por principios, para el incuestionables, como a rebeldía, a liberdade e o profundo amor pola súa terra.

27 de novembro "Pelegrinaxes" de Simone Saibene.
Sinopse: Luzía, unha investigadora licenciada en audiovisual percorre as oito etapas do camiño entre Ourense e Santo Andrés de Teixido para rematar un proxecto iniciado na universade cun amigo morto sobre un libro de viaxe. Inspirado no libro de viaxe de Ramón Otero Pedrayo.

Observaranse as medidas de prevención establecidas na lexislación vixente ante a crise sanitaria ocasionada pola covid-19

Ciclo de conferencias "San Ciprinao o Mago. De oracións, ciprianillos e tesouros"



 


    Permanece aberta ata decembro de 2021 a Exposición «San Cipriano o Mago: de oracións, ciprianillos e tesouros» organizada polo Museo Etnolóxico de Ribadavia, Xunta de Galicia e o Xacobeo 2021, con máis de 150 obxectos da colección particular de Félix Castro Vicente (Arquivo Castro Vicente), con montaxe de Xosé Lois Vázquez e Disigna Edenia, e fotografías de Mark Ritchie.
Con este motivo organízase un ciclo de conferencias que pretende afondar nalgúns dos aspectos dos catro ámbitos da Exposición (San Cipriano o Santo; San Cipriano o Mago; a busca de tesouros, e San Cipriano no mundo).






    «San Cipriano» de Antioquía como santo mago convertido ao cristianismo ofrécenos unha faciana ambivalente, por unha banda relixiosa de protector contra os feitizos e mal de ollo coa súa «oración de San Cipriano», e por outra como sabio patrón das artes máxicas ao que se lle atribúen obras máxicas en toda Europa, destacadamente o «Libro de San Cipriano» ou ciprianillo no noroeste peninsular. Xoga tamén un importante papel nas tradicións de desencantamento de tesouros, xa que o seu libro máxico conxugouse coas listas de tesouros que circulaban dende tempo atrás; e finalmente a difusión da súa figura por gran parte do mundo por mor das migracións.




    As conferencia pódese asistir de forma presencial ou pola internet a través da plataforma Falemos da Xunta de Galicia copiando no navegador a seguinte dirección:
https://falemos.xunta.gal/CCEU_MuseoEtnoloxico...
e o contrasinal: BibliotecaMER
O acceso a Falemos recomenda realizarse a través dos navegadores Google Chrome e Chromium tanto para equipos con Windows, Linux ou MacOs.
Se a conexión é desde un smartphone ou tablet hai que descargar a aplicación Jitsi Meet.
Entrada libre ata completar capacidade.
Observaranse as medidas de prevención establecidas na lexislación vixente ante a crise sanitaria ocasionada pola covid-19

miércoles, 20 de octubre de 2021

Días das Bibliotecas 2021. Ano Iberoamericano das Bibliotecas






Ás conferencias dos días 22 e 23 de outubro pódese asistir de forma presencial ou pola internet a través da plataforma Falemos da Xunta de Galicia copiando no navegador a seguinte dirección:


https://falemos.xunta.gal/CCEU_MuseoEtnoloxico_Conferencia_18102021 

e o contrasinal: BibliotecaMER


O acceso a Falemos recomenda realizarse a través dos navegadores Google Chrome e Chromium tanto para equipos con Windows, Linux ou MacOs.

Se a conexión é desde un smartphone ou tablet hai que descargar a aplicación Jitsi Meet.

Máis información:

http://bibliotecamuseoetnoloxico.blogspot.com/2021/10/dia-das-bibliotecas-2021-ano.html

 



jueves, 22 de julio de 2021

POESÍA ENRIBA!



POESÍA ENRIBA poesía performántica no patio do Museo Etnolóxico o venres 6 de agosto ás 21.30 h., entrada ata completar a capacidade.

No ano 2020 a poeta galega Olga Novo recibiu o Premio Nacional de Poesía e a poeta, tamén galega, concretamente de Ourense Alba Cid o Premio Nacional de Poesía Joven. Galicia, foi indicsutiblemente protagonista da Poesía a todos os niveis. Tamén en Ourense, presentouse no pasado mes de setembro,
o Festival de Arte e Poesía Explícita Imos ter máis que palabras o cal recibiu unha moi boa acollida de público e de opinións.


Ourense e toda a súa comarca, ten a sorte, de contar cun legado poético quedeixou un sinal a todos os niveis. Un legado que debemos ter presente, coidar, mostrar e non esquecer. Poetas coma Filomena Dato, Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro, Blanco Amor, Otero Pedrayo, José Ángel Valente ou as irmás Pura e Dora Vázquez, etc. E tamén temos moi en conta a xeración de novas e novos poetas
como Myriam Reyes, Arancha Nogueira, Carlos da Aira, Rochi Nóvoa, Arancha Nogueira, Juan Manuel Vázquez, José Lameiras, Alfonso Rodríguez, Belem de Andrade, Nuria Erre Pe, Tamila Alem e un longo etc.


Por iso, esta proposta exclusiva para o Museo Etnolóxico: Poesía en Riba!, unha noite de Poesía Performántica na que participarán as poetas: Fátima Delgado, Lúa Mosquetera, Samuel Merino (Pompa e Boato), en directo coa música de Fernán Permuy e Rubén Mosquera.

Programa:

FÁTIMA DELGADO: presenta a performance poética e audiovisual OUVEOS.

LÚA MOSQUETERA + POMPA E BOATO + DOUS MÚSICOS EN ESCENA presentan a performance poético musical POMPETERA.

Para saber máis sobre as artistas que participan AQUÍ

Observaranse as medidas de prevención establecidas na lexislación vixente ante a crise sanitaria ocasionada pola covid-19.

jueves, 1 de julio de 2021

Marxes fílmicas 2021: Perú

 

 

Chega xullo 2021 e chega a décima edición do ciclo de cinema: Marxes Fílmicas este ano faremos un percorrido polas marxes do cinema peruano.

A cita será na primeira quincena de xullo: luns 5, mércores 7, luns 12 e mércores 14  ás 22.00 h no patio do Museo Etnolóxico, até completar a capacidade, de balde e en versión orixinal, coas medidas de hixiene e seguridade decretadas polas autoridades ante a pandemia da Covid-19.

Este ciclo, coma nas outras edicións, está elaborado polo Cine Clube Padre Feijoo de Ourense que tamén se encarga da proxección dos filmes. Como indican no seu blog a selección realizada, busca un híbrido representativo sobre os diferentes campos do cinema peruano: fórmula comercial, cinema de autor, filmes autoxestionados, xénero documetal e curtametraxes, con autoras e autores emerxentes e consagradas/os. "En base á selección destas catro cintas poderíase dicir que o cinema peruano de autor está a manter a tradición de poñer en evidencia os problemas da sociedade e non se encola ao discurso do mercado".

 

Luns 5 de xullo, 22.00 h.  
Bajo la piel (Perú, 1996) 110 min.
Dirixida por Francisco J. Lombardi. 


Un policía atípico, tímido e inseguro que rexeita a violencia é o encargado do posto de policía en Palle, unha vila do norte de Perú onde no pasado se desenvolveu a cultura dos Moches, o pobo máis sanguento da época Inca. A historia comeza cando se está a producir unha serie de crimes que seguen a tradición Moche. O policía, Percy, faise cargo da investigación contactando cunha patóloga española e cun profesor coñecedor da cultura Moche. As habilidades profesionais da patóloga puxeron a Percy no bo camiño do asasino. O contacto cada vez máis estreito entre a patóloga e Percy desata nel unha paixón amorosa e impulsos baixo a pel que non é quen de controlar. No entanto, a súa relación co asasino móstralle o lado escuro que todos levamos dentro durante millóns e millóns de anos.

Baseado nunha novela de Fiodor Dostoievski.

 

Mércores 7 de xullo, 22.00 h.  
Madeinusa (Perú, 2016) 100 min.
Dirixida por Claudia Llosa. 

Ambientada na vila ficticia de Manayaycuna ("a vila á que ninguén pode entrar" en quechua) nos Andes peruanos, a historia abrangue tres días na vida dos locais e dun foráneo de Lima. O foráneo non é benvido por mor de que a súa chegada cadrou co comezo do "Tempo Sagrado", un festival relixioso sincrético que vai desde o Venres Santo até a Pascua cristiá (festa moi interesante pola semllanza cos nosos entroidos).

Madeinusa é a historia dunha nena que vive nunha aldea perdida da cordilleira do Perú. Seguindo unha antiga tradición, os veciños desta aldea cren que, como Cristo está morto desde o Venres Santo até o Domingo de Resurrección, non os ve e, en consecuencia, durante ese tempo poden cometer calquera pecado sen remorso algún.
Premios
2006: Festival de Sundance: Selección Oficial (World Cinema)
2006: Festival de Rotterdam: Premio FIPRESCI
2006: Festival Mar del Plata: Mellor Película Latinoamericana

 

Luns 12 de xullo, 22.00 h.  
Las malas intenciones (Perú, 2011) 106 min.
Dirixida por Rosario García Montero. 


Cayetana, unha nena peruana de 8 anos, seica ten o mundo aos pés. Ela procede dunha familia de clase alta, e non lle faltan comida nin xoguetes, así como criados que a velan. A súa infancia ten lugar a principios dos anos 80 en Lima, cando a violencia terrorista comezaba a sacudir o país. 

Cayetana é moi intelixente, pero cunha personalidade algo escura. Os seus pais están separados. Despois de regresar dunha longa viaxe, a súa nai, Inés, dálle unha nova inesperada: está embarazada do seu novo mozo. Entón, o fráxil mundo de Cayetana derrúbase. A rapaza péchase no seu cuarto e declara que o día do nacemento do seu medio irmán será o día da súa propia morte. Só a súa imaxinación e a irrupción dos heroes nacionais dos seus textos escolares - Olaya, Grau, Bolognesi -, aos que admira, poderán salvala dun ambiente familiar cada vez máis alleo nun país ao bordo do colapso.

 

Mércores 14 de xullo, 22.00 h.  
Canción sin nombre (Perú, 2019) 97 min.
Dirixida por Melina León. 


O xornalista Pedro Campos (Tommy Párraga) investiga a misteriosa desaparición dun bebé acabado de nacer dunha muller de Ayacucho, Georgina Condori (Pamela Mendoza Arpi), que migra a Lima por mor do terrorismo que azota a súa rexión. Georgina busca axuda na comisaría e no pazo de xustiza sen atopala, mais chega ás oficinas do xornal local onde Pedro Campos toma o seu caso.



miércoles, 30 de junio de 2021

Exposición temporal: "Les Gens du Chemin. Peregrinación a Saintes Maries de la Mer" fotografías de Olga Seoane Paulus

 


 

A exposición “Les Gens du Chemin. Peregrinación a Saintes Maries de la Mer” producida polo Museo das Peregrinacións e de Santiago con fotografías de Olga Seoane Paulus, chega ao Museo Etnolóxico.
Esta mostra recolle a tradición vinculada á localidade de Saintes Maries de la Mer, situada no delta do Ródano, onde cada ano acoden milleiros de persoas peregrinas para render culto a santa María Salomé, santa María Xacobé e santa Sara.

Os rituais que teñen lugar así como o fervor das persoas que asisten, en boa medida pertencentes a etnia xitana de toda Europa e mesmo doutros continentes, supoñen unha riqueza cultural da tradición viva que incitou á autora a reunir durante cinco anos os materiais que conforman a exposición: auténticos documentos gráficos cheosde vida, colorido e devoción.

Segundo a tradición, algúns dos personaxes mais achegados a Cristo, fuxindo das persecucións de cristiáns fomentadas por Herodes Agripa en Terra Santa, toman un barco sen remos que o destino fai chegar ás costas meridionais da Galia. As diferentes versións apuntan a distintos pasaxeiros, pero todas coinciden en que viaxaban María Salomé, a nai de Santiago o Maior (Zebedeo) e de xoán; María Xacobé, nai de Santiago o Menor (Alfeo) ; e Sara, escrava ao servizo das anteriores. A morte das dúas Marías producirase nun breve intervalo de tempo e no lugar onde foron enterradas, San Trófimo, bispo de Arlés,levantaría cara o século XII e as peregrinacións xa bastante difundidas no século XIV.

De orixe palestina, africana ou da propia rexión da Camarga, Santa Sara é un dos personaxes máis enigmáticos e que deu orixe ás mais diversas lendas. A peregrinación xitana para honrar súa patroa convertese cada ano nun festival único, espiritual,vibrante e colorido, que reflexa a concepción da vida desta etnia e a súa condición orixinaria de pobo errante: LES GENS DU CHEMIN.

A peregrinación a este santuario da Provenza non está á marxe da peregrinación a Santiago de Compostela, xa que da veciña cidade de Arlés fan partir algúns autores a Vía Tolosana, que a súa vez conectaría coa Vía Francíxena que conduce a Roma. Sen dúbida boa parte dos peregrinos xacobeos e romeiros simultarían as súas peregrinacións a Santiago de Compostela e a Roma con peregrinacións ao Santuario de Nôtre Dame de la Meren Saintes Maries de la Mer.

Como mostra desta peregrinación o Museo Etnolóxico expón unha selección de 14 imaxes do proxecto, amosando a necesaria adaptación dunha tradición para á súa continuidade no tempo.

miércoles, 23 de junio de 2021

Inauguración da exposición "O viño en Galicia"

 





    O vindeiro venres 25 de xuño ás 19:30h terá lugar a inauguración da exposición "O viño en Galicia" na Alameda (Rúa Progreso) de Ribadavia

    Unha mostra producida polo Museo do Viño de Galicia con fotografías de Xurxo Lobato que celebra e presenta a viticultura e a enoloxía como como parte esencial do noso patrimonio.

    As imaxes amosan as diferentes Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia, invitando a reflexionar sobre a existencia dun patrimonio común, pero destacando a diversidade dos seus caldos e cultura. As fotografías son quen de encapsular a cultura do viño, recollendo as diferentes paisaxes, arquitecturas, traballos e celebracións que orixínanse ao redor deste ben tan noso.

Unídevos a este brinde polo viño!


Observaranse as medidas de prevención establecidas na lexislación vixente ante a crise sanitaria ocasionada pola covid-19.

miércoles, 19 de mayo de 2021

A Seda: o tesouro que chegou da China a Galicia



 

    A exposición A Seda: o tesouro que chegou da China a Galicia, chega ao Museo Etnolóxico de Ribadavia. Esta montaxe producida e feita pola Asociación Etnográfica Sete Espadelas con bens da súa colección permite unha achega atractiva as pezas de vestimenta tradicional de Galicia, completando a anterior exposición que levaba o nome de Galicia, a terra dos mil panos .A ropa de levar a Vila.

    Nesta ocasión preséntanos aqueles elementos que conformaban o traxe de garda ou ceremonia, reservados para as ocasións mais especiais. A seda, procedente da china, foi unha das materias primas predilectas dos galegos e galegas do século XIX e principios do XX para decorar a súa vestimenta e a protagonista desta exposición. Así, podemos admirar a beleza, a dedicación, o traballo e as diferentes técnicas e usos detrás de ata 7 mantóns de manila, 11 panos de namorar, 7 panos adamascados, abanos chineses, 4 panos muradáns ou de mantóns de manila decorados con caras de marfís; descubrindo así os que podemos chamar tesouros téxtiles.

    Pero ademais diso, esta exposición amosa a historia detrás de estas pezas; que nos fala de rutas comerciais, da evolución e usos de formas locais, de tradicións relacionais ou incluso da aparición dunha produción propia galega. Trátase dunha invitación luxosa a descubrir entre os fíos da seda as xestualidades no vestir; e defender cómo este tipo de bens permítenos coñecer mellor a historia e as mentalidades do noso pasado.

    A inauguración terá lugar o xoves 20 as 19:00h no Museo. Entrada Libre ata completar capacidade. Observaranse as medidas de prevención establecidas na lexislación vixente ante a crise sanitaria ocasionada pola Covid-19


martes, 18 de mayo de 2021

Un percorrido polo Museo Etnolóxico. #DIM2021

 Conmemoramos o Día Internacional dos Museos cun Percorrido polo Museo Etnolóxico.

Como fío condutor do vídeo a montaxe dunha exposición co obxectivo de mostrar a diversidade de traballos e persoal técnico que intervén no proceso e de difundir a función de conservación do patrimonio cultural que ten un museo. 

O vídeo foi producido por A&B Comunicación.

#DIM2021 #DíaInternacionalDosMuseos #DíaInternacionalDeLosMuseos

 

                 

miércoles, 12 de mayo de 2021

CONCERTO DE PEDRAZA: O Músico que une tradición e innovación no noroeste peninsular.

 



   

Buscando plans para esta fin de semana? Achegádevos a gozar coa música de Luis Antonio Pedraza e Carlos Beceiro e o seu proxecto Fierro. Unha viaxe a despoboación

Luis Antonio Pedraza dende moi novo comezou a mirar o pasado musical achegando o seu grau de area á materia prima rescatada da tradición. Crea unha atmósfera musical propia, baseada na frescura dos sons do pasado. Trátase dunha música resistente, unha posta en valor do patrimonio musical legado polos nosos maiores.

Frautas, gaitas, voz e todo tipo de percusións latexan enérxicos nas melodías de incesante pulso vital no seu proxecto actual Fierro. Unha viaxe musical da despoboación. Nel recolle os sons metálicos xunto con Carlos Beceiro, nunha homenaxe aos poboados fortificados da Idade do ferro e a ese material ancestral. 

Luis Antonio Pedraza (Voz, flautas y gaita sanabresa, tamboril, pequeña percusió) e Carlos Beceiro(Mandola, Guitarra, Zanfoña).

Pódese escoitar un pouquiño do disco AQUÍ

O concerto terá lugar o sábado 15 de maio as 20.00h no Auditorio Manuel María na Casa da Cultura de Ribadavia do Concello de Ribadavia. Entrada libre ata completar capacidade. Observaranse as medidas de prevención establecidas na lexislación vixente ante a crise sanitaria ocasionada pola Covid-19.

Conversa "10 anos do 15M" con Alfredo Iglesias Diéguez




O 15 de maio de 2011 desenvólvense en Madrid e noutras cidades españolas unha serie de actos: acampadas, manifestacións, asembleas... que tiveron repercusión política e social a través da prensa e as redes sociais. Unha protesta para a cal as elites sociais e políticas non tiñan resposta.

Mesmo os equilibrios mantidos dende a Transición do 78 parecían en perigo; apuntando a o fin do «bipartidismo imperfecto». «O chaman democracia e non o é», «somos o 99 %». «non nos representan», son algúns dos eslóganes de entón, que perecían anunciar un discurso novo no que a poboación acadaría o protagonismo político á marxe das estruturas tradicionais.
 
Unha serie de agrupacións políticas tentaron encauzar este movemento; pero, como o movemento mesmo, a heteroxeneidade prima sobre a transversalidade.
 
O que para algúns parecía o inicio dunha revolución, dez anos despois parece ter sido metamorfoseado nunha máis das estruturas ás que, supostamente, aspiraba a superar.
Dez anos proporcionan una perspectiva suficiente para debater sobre que é/era o 15-M e que presencia ten hoxe.
 
O conferenciante é historiador, profesor de Ciencias Sociais de Ensino Secundario. Entre outras obras, coordinou o libro 15-M: o pobo indignado. Unha mirada calidoscópica dende Galiza. Laiovento. 2011, participou na obra colectiva A praza é nosa: quen constrúe a democracia, coordinada por Marcos Pérez Pena, 2.0 Editorial. 2011, co traballo "A democracia en crise" incluído no libro A praza é nosa, no ano 2014 recibiu o Premio Maruxa Mallo.
 
A conversa terá lugar o venres 14 de maio no Museo Etnolóxico as 20.00h. Entrada libre ata completar capacidade. Observaranse as medidas de prevención establecidas na lexislación vixente ante a crise sanitaria ocasionada pola Covid-19.

miércoles, 5 de mayo de 2021

Homenaxe a Fr. Samuel Eiján O.F.M. no 100 [+1] anos da publicación de "Historia de Ribadavia y sus alrededores"

 


Programa do evento:

> 12:00 h: lg rexa de San Fra ncisco (praza de Samuel Eijá n) en Ribadavia .

- Presentación  do  acto. César Lla na. Director do M useo Etnolóxico. 

- Samuel Eiján  poeta e  historiador do Ribeiro. Frutos Fernán dez Gonzá lez. Prof esor e investigad or. 

- Fr. Samuel Eiján  Ribadavia. Lolín Lira Pousa. Secretaria AM ECH I R. 

- Fr. Samuel Eiján en  Santiago de Compostela. Fr.  Juan Manuel Bujá n García. Ministro Provincial O.F.M.

- Intervención de AMECHI R. lsolina Rioneg ro. Presidenta AM ECH I R.  

> 13:00 h: Visita á Biblioteca do Convento de San Fra ncisco (Praza de Samuel Eijá n) .

> 13:30 h: Ofren da flora l na Praza de Samuel Eijá n.

> 14:00 h: I na ug u ración da mostra bi bliográfica: "Fr.SamueL Eiján Lorenzo ''Fraysel: literato, historiador, ensaista, divulgador do seu tempo" no Museo Etnolóxico.

 

Fr. Samuel Eiján Lorenzo naceu o 10 de maio de 1876 en San Clodio (Leiro, Ourense), tomou o hábito na orde franciscana en 1890, a súa ordenación sacerdotal foi en Lugo en 1899.

Fraysel xogo de palabras “fray” e das primeiras letras do seu nome completo foi o pseudónimo co que asinou varias das súas obras. Foi un prolífico escritor de comenzos do S. XX, tempos das Irmandades da Fala e do galeguismo cristián.

Fr. Samuel Eiján cultivou a narrativa, o ensaio, o teatro e a poesía en castelán e en galego, foi un gran difusor da cultura con numerosos artigos en xornais e revistas, así como tradutor de obras italianas e francesas. Exerceu de bibliotecario provincial en Santiago. Director da revista da Provincia Seráfica de Santiago El Eco Franciscano.

 En 1915 foi nomeado membro correspondente da Real Academia Galega e en 1941 numerario, en 1915 ingresou no Instituto Histórico do Minho en Portugal, en 1926 entrou a formar parte do Seminario de Estudos Galegos co discurso titulado “Franciscanismo literario en Galicia”.

  

Na súa estancia en Ribadavia escribiu a única obra que, a día de hoxe, sintetiza a historia do Ribeiro: Historia de Ribadavia y sus alrededores, libro impreso en 1920 en Madrid no Establecimiento Tipográfico de San Bernardo 92. En 1981 a Editorial Alvarellos realiza unha edición facsimilar, engadíndolle varias fotografías, que non aparecen na edición orixinal e en 2005 a Editorial Maxtor de Valladolid, especializada en edicións facsimilares, sacou outra edición da obra de Eiján, tendo como base a edición de Alvarellos.

 

Está concebida coma unha obra de consulta e de referencia, na que destaca a preocupación e miticulosidade na elaboración dos diferentes índices: de autores, obras, arquivos, nomes de poboacións, nomes de persoas e un índice de materias.

Unha obra documental e de investigación con continuas referencias ás fontes documentais e bibliográficas utilizadas, repartidas no texto e nas abundantes notas a pé de páxina; complementadas todas elas cun apéndice documental, no que se transcriben documentos fundamentais da historia de Ribadavia e a súa comarca.

Esforzo por documentar e por favorecer a consulta que debe ser especialmente valorado nunha época na que se carecía dos auxilios técnicos hoxe ao alcance de calquera.

 

A edición de 1920 pódese consultar a texto completo en Galiciana Biblioteca Dixital de Galicia AQUÍ


miércoles, 28 de abril de 2021

Colección de arte ABRENTE (III)


 


Colección de Arte ABRENTE (III)

    A terceira parte da exposición Colección de Arte ABRENTE, chega ao Museo Etnolóxico. Con esta mostra composta por un total de 25 obras de autores coma Xosé Conde Corbal, Félix Cuadrado, José Manuel Vidal Souto, José Luis González Loureiro, Alberto Datas Panero, Mercedes Ruibal Argibay ou Isaac Díaz Pardo; a comisaria Sabela Fraga completa o conxunto de exposicións que visibiliza e homenaxea o labor do Grupo Abrente.

    A exposición permite achegarse ao resultado do traballo da agrupación que, centrada na colaboración entre artistas, escritores e intelectuais; materializouse nunha colección plástica quen de reflectir as novas inquietudes artísticas da década dos 70 en Galicia.

    A inauguración terá lugar o vindeiro venres 30 de abril ás 18.30 horas no Museo (prégase confirmación de asistencia: 988-788-720 // mu.etnoloxico.ribadavia@xunta.gal)

    Ademais, ás 19:00 h proxectarase o documental "Dorothé na Vila" no Auditorio Manuel María da Casada Cultura do Concello de Ribadavia (Rúa Redondela, 2), ata completar a capacidade (70 persoas).
Para saber máis sobre o documental podedes visitar o seu canal de youtube neste enlace AQUÍ


    Nos actos observaranse as medidas de prevención establecidas na lexislación vixente ante a crise sanitaria ocasionada pola covid-19.

    Tralo venres, podedes achegarvos ao museo a disfrutar da exposición de Martes a Sábado das 10:00h as 20:00h (festivos pechado), onde tamén está a venta o catálago que recolle o traballo de investigación vinculado as tres exposicións da Colección de Arte do Grupo ABRENTE. 

Agardámoste!


viernes, 23 de abril de 2021

Día do Libro 2021

Para celebrar o Día Internacional do Libro (23 de abril) 50 bibliotecas de museos e centros de arte e cultura de toda España únense nunha liberación virtual conxunta "bookcrossing", organizada pola Biblioteca-Centro de Documentación do ARTIUM de Vitoria.

Considerando que este ano polas condicións sanitarias da pandemia non é favorable que se liberen e intercambien libros na rúa e en diferentes espazos públicos, a proposta, como o ano pasado, é compartir en liña algunha publicación editada polas institucións participantes.

 Neste 2021 a publicación que liberará na internet a Biblioteca do Museo Etnolóxico é: A olería en Galicia. Unha mirada a patir dos fondos do Museo Etnolóxico. Ribadavia, catálogo da exposición temporal que se pode visitar nestes momentos no Museo.

 

                                                                 Libro dixital AQUÍ
 

 


A Biblioteca do Centro-Museo Vasco de Arte Contemporáneo ARTIUM, que organiza esta actividade, preparou un vídeo con todas as lecturas recomendadas: 
 
                    

                      

 

A Biblioteca do Museo Etnolóxico participa nesta liberación de libros conxunta desde o ano 2012, ata 2020, ano da pandemia da Covid_19, era unha liberación de libros pertencentes a duplicados de temas variados: fotografía, etnografía, catálogos de exposicións, literatura infantil, novela...  e de libros publicados polo Museo Etnolóxico. A liberación facíase en distintos espazos públicos de Ribadavia, O Ribeiro, Ourense provincia, puntos do resto de Galicia e Portugal. Os libros liberados eran rexistrados na páxina oficial de bookcrossing e levaban autocolantes identificativos co símbolo internacional do bookcrossing.

No 2020 debido ao confinamento pola pandemia da Covid-19 a Biblioteca do ARTIUM propuxo que cada centro participante nesta liberación conxunta compartira en liña un libro da súa colección ou do seu catálogo de publicacións, para consultar ou descargar. Desde a Biblioteca do Museo Etnolóxico liberamos o libro: Museo aberto = museo abierto = open museum: saltando valados = saltando muros = jumping hurdle. Edición trilingüe galego, castelán e inglés do proxecto do mesmo nome.

#DíadoLibro2021

#DíadelLibro2021

#Bookcrossing2021

#BibliotecasdeMuseos