Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo

lunes, 29 de junio de 2020

COIDANDO DAS COLECCIÓNS PATRIMONIAIS DURANTE A COVID-19. RESUMO

Este é un resumo das dezaoito preguntas e respostas en relación ao coidado das coleccións patrimonias durante a pandemia da COVID-19 que viñemos achegando nestes meses, encontraredelas todas no noso blog coa etiqueta COVID E PATRIMONIO.

Estas preguntas e respostas foron traducidas pola área de restauración do Museo Etnolóxico da conferencia en liña de Irene Karsten do Ontario Museum Association e aplicadas á nosa institución cultural e patrimonial, o Museo Etnolóxico, e a súa casuística.
 
O vídeo completo da conferencia en liña de Irene Karsten podedes velo AQUÍ.



Os puntos chave que temos que recordar namentres nos enfrontamos coa Covid-19 son:

1. Protexer á persoa.
Seguir o consello das autoridades de saúde pública, incluíndo a práctica do distanciamento físico. Se non se está preparado, considerar seriamente pechar a institución, aínda que non sexa requirido. Cando se reabra, seguir o consello das autoridades sanitarias para establecer que actividades son apropiadas e cómo protexer ao cadro de persoal e visitantes, particularmente cando o rebrote sexa unha posibilidade.


Zona de recepción de visitantes



2. Usar o illamento para previr ou facerlle fronte á contaminación dos espazos da colección e os obxectos sempre que sexa posible. O virus desactivarase de forma natural entre seis e nove días. Debemos ter en conta, as solucións desinfectantes danarán moitos materiais patrimoniais.

 
Exposición temporal preparada para illamento


3. Usar métodos que permitan as aplicacións controladas de solucións de limpeza e desinfección para superficies non patrimoniais, se isto fose requirido. Non esquecer que os desinfectantes escollidos deben estar aprobados polas autoridades sanitarias públicas.


Limpeza na área de reserva



4. Se a institución necesita pechar indefinidamente, debe facelo de maneira que proporcione unha adecuada seguridade, protección contra o lume, xestión de pragas e control ambiental, implementando as inspeccións regulares do exterior e do interior se é posible, incluíndo os espazos da colección e considerando por adiantado a resposta se se produciran outros tipos de emerxencias como lume ou filtracións de auga.


O cadro de persoal de seguridade fai percorridos de control polas instalacións do Museo.

lunes, 22 de junio de 2020

COIDANDO DAS COLECCIÓNS PATRIMONIAIS DURANTE A COVID-19. 18ª PARTE

Seguimos coas preguntas e respostas da conferencia en liña de Irene Karsten do Ontario Museum Association aplicadas á nosa institución cultural e patrimonial, o Museo Etnolóxico e a súa casuística.
O vídeo completo da conferencia en liña de Irene Karsten podedes velo AQUÍ.

Todas as preguntas e respostas en relación o coidado das coleccións patrimonias durante a pandemia da COVID-19 encontraredelas no noso blog coa etiqueta COVID E PATRIMONIO.


Décimo oitava pregunta:


Cando teña lugar a apertura, deberiamos cambiar a forma en cómo tratamos os obxectos e documentos da colección que son manexados a miúdo por investigadores/as e polo persoal?

Durante unha pandemia, a transmisión da infección dentro dunha institución patrimonial podería estar relacionada co uso da biblioteca, dos arquivos e dos estudos das coleccións didácticas. Moitos deses usos foron probablemente suspendidos, pero o risco de rebrote pode aparecer cuando as institucións reabran para un normal funcionamento. Pode ser prudente modificar os protocolos para incorporar un período de illamento entre cada uso dun ítem da colección como unha medida temporal. Como fun-cionaría isto? 

-Despois de cada uso, illar cada ítem por un período de tempo apropiado nunha zona designada e cunha notificación de corentena. 

                                        Museo Etnolóxico: espazo para a corentena. 

No exterior do armario compacto, o persoal anota o obxecto, a localización e o período de corentena.


-Cando o espazo para a corentena non esté dispoñible poderíanse retornar os obxectos á súa localización no depósito permanente, pero hai que considerar embolsalos se o material vai estar en contacto directo con outros obxectos, como nunha biblioteca ou nun arquivo. 



Dentro da sala de reserva da Biblioteca do Museo Etnolóxico, os libros de uso frecuente por unha mesma persoa son gardados en bolsas ata que a consulta remata. 

-Cando sexa posible, identificar os obxectos illados nas bases de datos e indicar o período de illamento.

-Crear andeis no depósito para os bens illados que incluirán como mínimo, o identificador único de cada obxecto (nº de inventario), a declaración de cuarentena, asi como o inicio e o final das datas de illamento; os andeis deberían estar destaca-dos e visibles para todo o persoal. 

-Limpar e desinfectar os carriños cada vez que se usan para transportar material potencialmente contaminado. 

-Seguir concienciados protocolos de hixiene de mans. 

-Usar gráficos de limpeza e desinfectar o espazo da corentena antes de usalo para outros propósitos.

-Incorporar novos ou actualizados procedimentos no manexo das coleccións e plans de emerxencia. 

-A dixitalización pode conseguir un acceso seguro a certos tipos de obxectos e información durante a pandemia. A experiencia da Covid-19 podería documentar estratexias de dixitalización para ter máis materiais accesibles namentres se minimizan os riscos da saúde do persoal e das visitas. 

Aplicación informática Domus, onde están exportados o 80% dos fondos museográficos da institución. 


Páxina web do Ministerio de Cultura do goberno de España, onde se poden consultar algúns fondos do Museo Etnolóxico: Red Digital de Colecciones de Museos.

miércoles, 17 de junio de 2020

COIDANDO DAS COLECCIÓNS PATRIMONIAIS DURANTE A COVID-19. 17ª PARTE

Seguimos coas preguntas e respostas da conferencia en liña de Irene Karsten do Ontario Museum Association aplicadas á nosa institución cultural e patrimonial, o Museo Etnolóxico e a súa casuística.
O vídeo completo da conferencia en liña de Irene Karsten podedes velo AQUÍ.

Todas as preguntas e respostas en relación o coidado das coleccións patrimonias durante a pandemia da COVID-19 encontraredelas no noso blog coa etiqueta COVID E PATRIMONIO.


Décimo sétima pregunta:


Cal é o protocolo apropiado para recibir os fondos que entran cando se reabre?

Durante o peche institucional, o retraso na volta de fondos e a extensión nos préstamos minimizará o risco nos artefactos e nas persoas por igual.

Incluso despois da reapertura, o illamento dos materiais que entran, como libros da biblioteca, obxectos prestados, especímenes de historia natural ou novas adquisicións, é unha medida de protección prudente para darlle tempo a que calquera posible contaminación viral se degrade de forma natural. A aplicación de calquera químico desinfectante nos obxectos da colección NON é recomendable porque como foi anteriormente mencionado, o illamento dunha semana a nove días nunha habitación a temperatura ambiente é a suxestión conservadora para as pezas.

Manexar os materiais que entran require unha habitación temporal de illamento ou polo menos, unha sección separada, dependendo da cantidade de espazo que se teña dispoñible.





Obxectos preparados para illamento, identificando a súa localización. Os contedores de plástico deben ser desinfectados antes da súa reutilización.

Hai que recibir os materiais entrantes levando equipos de protección persoal, polo menos luvas, e desenvolver un método de seguimento cando as pezas vaian ser illadas e cando estén listas para moverse.

Dependendo das limitacións do espazo e dos requirimentos dos materiais, as pezas poden ser desembaladas antes ou quedarse como veñen, tendo en conta que menos desembalaxe e polo tanto, menos manipulación, minimiza a exposición do persoal tanto para desfacerse de maneira segura do material indesexado como para gardar os materiais de embalaxe baixo illamento antes de reusalos.

As superficies duras dos contedores de plástico poden ser limpadas e desinfectadas.

Debe coidarse a saúde humana en cada etapa anterior.

#aculturagalegasegue  #CovidEPatrimonio  #aculturagalegasegue

martes, 9 de junio de 2020

Os arquivos persoais no Museo Etnolóxico

DÍA INTERNACIONAL DOS ARQUIVOS, 9 de xuño
Lema de 2020: Empoderar sociedades do coñecemento.
O Consello Internacional de Arquivos (ICA), estableceu na súa asemblea xeral en 2007, o 9 de xuño como o Día Internacional dos Arquivos.
"Todos gardamos arquivos nun entorno persoal ou profesional. A través desta celebración internacional, queremos democratizar a profesión arquivística e mellorar a percepción pública dos arquivos". David A. Leitch, Secretario Xeral do ICA.

Todos os Museos teñen arquivos, alomenos o que documenta a colección, tamén arquivos documentais que son coleccións en si mesmas:
Fondo oral
Fondo audiovisual
Fondo fotográfico
Arquivos persoais.
Os arquivos persoais son fontes insubstituíbles para o coñecemento da intrahistoria e a etnohistoria nun Museo Etnolóxico.




"Os arquivos custodian decisións, actuacións e memoria. Os arquivos conservan un patrimonio único e irremplazable que se transmite de xeración en xeración. Os documentos son xestionados nos arquivos desde a súa orixe para preservar o seu valor e o seu significado".
Declaración Universal sobre os Arquivos, aprobada na Asemblea Xeral do Consello Internacional de Arquivos, Oslo, setembro de 2010.


#aculturasegue

jueves, 4 de junio de 2020

Placas conmemorativas na vila de Ribadavia: parte I

Nas rúas atopamos en ocasións referencias á memoria pública, referencias a persoas e/ou feitos que a sociedade quere manter no seu recordo, no presente e para as xeracións vindeiras. No caso de Ribadavia son varios os persoeiros que teñen a súa placa na casa onde naceron ou viviron, ou nas proximidades, por iniciativa popular, institucional, ou promovidos por organizacións ou asociacións; en casos a lembranza refírese a fitos relacionados coa arquitectura, a enxeñería, etc.

Fondo Fotográfico Museo Etnolóxico

Na mesma Praza Maior de Ribadavia temos o primeiro exemplo, nunha das casas luce desde o 9 de setembro de 1833, unha placa en mármore adicada a Tomás de Lemos (Ribadavia 1545-Roma 1629), importante frade dominico e teólogo galego que intervén de forma directa e activa nas disputas teolóxicas da súa época. A súa obra escrita está formada por un total de 29 libros, sendo o mais importante e publicado post mortem (1676) “Panoplia gratia seu de rationalis creaturae”. O seu nome levouno durante un tempo o C.E.I.P. Plurilingüe Ribadavia.


Na fachada do edificio que actualmente ocupan a Oficina Municipal de Turismo e o Centro de Interpretación da Cultura Xudía, o antigo pazo dos Condes de Ribadavia, está colocada unha placa aludindo ao xuízo pola Inquisición a veciños desta vila. A documentación fai posible constatar no século XV a presenza dunha comunidade xudía en Ribadavia; instalada en torno a chamada rúa da Judeiria. A acción do Santo Oficio da Inquisición tivo momentos de especial actividade en Galicia; precisamente nun deses períodos, o que vai de 1604 a 1611, tivo lugar en Ribadavia un proceso iniciado en 1606 e que levou ante o tribunal a 40 persoas das 200 denunciadas por Jerónimo Bautista de Mena, personaxe complicada que non dubidou en incluír na denuncia ata a súa propia nai xa defunta. Para saber máis, por exemplo, pódese consultar o traballo seguinte de Mª Gloria de Antonio Rubio AQUÍ.



Na rúa Xuíz Viñas, concretamente no número 2 e a carón da Casa do Concello, está a casa onde viviron as irmás Touza: Julia, Amparo e Lola; coñecidas polo seu papel solidario e benfeitor coas persoas máis necesitadas, sempre de xeito desinteresado e altruísta. O 7 de setembro do 2008, o Concello de Ribadavia procede á colocación dunha placa dourada en homenaxe as tres irmás nunha das xambas da porta do seu domicilio, nela líase: «Ás tres irmás, Lola, Amparo e Julia Touza. Loitadoras pola Liberdade». Neste 2020 a placa sinalada foi substituída por outra de metacrilato coincidindo có Día Internacional da Muller e realizándose posteriormente unha visita teatralizada centrada na figura das tres irmás.
Placa colocada en 2020
Placa colocada en 2008 agora sustituída pola de 2020

*No catálogo de Museos de España CERES, pódese encontrar a ficha de catalogación da fotografía antiga que mostra a vista da praza Maior dende a rúa García Penedo:
 

martes, 2 de junio de 2020

En xuño festexamos...

Nesta etapa da desescalada que aínda non podemos celebrar festas de forma presencial, este texto escrito por Pilar Vilaboi, consegue que viaxemos coa emoción a distintas tradicións festeiras do mes de xuño en Galicia. 
Moitas festas de Galicia teñen unha mistura de tradición pagá e relixiosa, neste mes de xuño encontrámola na festa da coca de Redondela que se celebra o día de Corpus Christi, cóntanolo Pilar neste texto, xunto a outras tradicións relacionadas co san Xoán, san Bernabeu, Diana, Rute, Santo Antón de Lisboa ... sabíades que no refraneiro galego san Pedro está moi amentado? 

Aquí colocamos un pequeno extracto do texto, mais convidámosvos a ler o artigo completo, podedes descargalo ou consultalo premendo nos enlaces:




Descarga preme AQUÍ

Consulta preme AQUÍ





                                                    EN XUÑO FESTEXAMOS...
                                                        Pilar Vilaboi Freire


O mes de xuño coñecémolo tamén como o mes de San Xoán, por ser unha festividade de gran tradición en Galicia. O nome do mes tamén aparece na flor do salgueiro chamada Flor de San Xoán e a planta coa flor en forma de dedil (Digitalis purpurea) denomínase San Xoán dedaleira ademais doutros nomes como abrula, abeluria, estralote, croque, xoana, seoane etc. Existe unha variedade pequena de pera moi saborosa, que madura neste mes, chamada Perillote de San Xoán.

Foto Ana Guerra Cañizo @Ana_Guerra

Neste mes hai varias festas sonadas que van unidas ao xoves do Corpus Christi, data que varía cada ano en función de cando cadra o Domingo de Resurrección: este ano é o 11 de xuño, por iso van incluídas nese día.
...
O día do Corpus Christi ten lugar tamén en Redondela unha celebración pagá, a festa da Coca. A orixe desta celebración reside na lenda da Coca, un ser da mitoloxía galega que vive nas augas do mar ou dos ríos. A razón da celebración é a derrota deste animal mitolóxico a mans dos mozos de Redondela. Para conmemorar esta vitoria realízanse representacións sobre o animal e a batalla na que foi derrotada. Esta exhibición coñécese como danza das Espadas e evoca os rapaces que comezaron a danzar coas súas armas arredor do animal morto despois de derrotalo. 
Consta de vinte e cinco bailaríns, vestidos con camisa e pantalón brancos, unha faixa vermella, verde ou azul arredor da cintura, unhas castañolas e uns instrumentos de madeira que simulan as espadas. Estes paos están unidos entre si por unha corda branca de xeito que todos os danzantes permanecen unidos entre si. Simultaneamente, represéntase o baile das Penlas, que escenifica a celebración das doncelas liberadas da boca do dragón. As Penlas son unhas nenas cun vestido branco con encaixes e ás de anxo, que van subidas aos ombreiros dunhas mulleres chamadas burras, que bailan ao ritmo da mesma melodía dos rapaces da danza das espadas. As burras, normalmente representadas por mulleres do gremio das panadeiras e forneiras, simbolizan a danza como expresión de alegría pola morte do dragón, erguendo as súas fillas nas costas como mostra da súa liberación. Malia seren características desta celebración, as Penlas están documentadas xa desde o século IX.

Foto Concello de Redondela

...
E remato cuns versos de Manuel María titulado Xunio:
        [...]Un ár fino deixa os seus namoros
        entre a sombra mollada da follaxe.
        O ceio é borrallento.
        avanzan as nubes como barcos.
        Escóitase a calandria. [...]

AGRADECEMENTO
A Xurxo Martínez González, Técnico de normalización lingüística do Concello de Redondela polas fotos das Penlas e da Danza das Espadas.

A composición da portada está realizada a partir de catro fotografías de Xosé A. F. Salgado.

lunes, 1 de junio de 2020

COIDANDO DAS COLECCIÓNS PATRIMONIAIS DURANTE A COVID-19. 16ª PARTE

Décimo sexta pegunta:

Necesitamos limpar e desinfectar o edificio cando se produza a apertura?

Dada a preocupación pública e a posible reaparición do virus, establecer un bo protocolo de limpeza e desinfección é prudente na reapertura, aínda que a persistencia do virus no edificio é improbable debido ao peche.

Débense seguir as guías de saúde pública para limpar espazos comúns; os procedementos de limpezas normais combinadas con desinfeccións de superficies frecuentemente tocadas [NON superficies con bens patrimoniais] deberían ser suficientes debido ao baixo tráfico nos espazos expositivos.

Se o edificio estivo pechado durante algún tempo sen inspeccións internas hai que contar cun tempo extra antes de abrir ao público para facer as inspeccións e a limpeza ademais dalgunha reparación necesaria e tratar pragas e fungos se as infestacións están presentes.





Espazo expositivo no Museo Etnolóxico, non precisa de desinfección, pero sí de limpeza diaria.




Acceso ao espazo de uso común e de investigación da Biblioteca do Museo. A baranda é unha superficie moi tocada, polo que cómpre ser desinfectada con regularidade.


Seguimos coas preguntas e respostas da conferencia en liña de Irene Karsten do Ontario Museum Association aplicadas á nosa institución cultural e patrimonial, o Museo Etnolóxico e a súa casuística.
O vídeo completo da conferencia en liña de Irene Karsten podedes velo AQUÍ.

Todas as preguntas e respostas en relación o coidado das coleccións patrimonias durante a pandemia da COVID-19 encontraredelas no noso blog coa etiqueta COVID E PATRIMONIO.