Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo

martes, 2 de junio de 2020

En xuño festexamos...

Nesta etapa da desescalada que aínda non podemos celebrar festas de forma presencial, este texto escrito por Pilar Vilaboi, consegue que viaxemos coa emoción a distintas tradicións festeiras do mes de xuño en Galicia. 
Moitas festas de Galicia teñen unha mistura de tradición pagá e relixiosa, neste mes de xuño encontrámola na festa da coca de Redondela que se celebra o día de Corpus Christi, cóntanolo Pilar neste texto, xunto a outras tradicións relacionadas co san Xoán, san Bernabeu, Diana, Rute, Santo Antón de Lisboa ... sabíades que no refraneiro galego san Pedro está moi amentado? 

Aquí colocamos un pequeno extracto do texto, mais convidámosvos a ler o artigo completo, podedes descargalo ou consultalo premendo nos enlaces:




Descarga preme AQUÍ

Consulta preme AQUÍ





                                                    EN XUÑO FESTEXAMOS...
                                                        Pilar Vilaboi Freire


O mes de xuño coñecémolo tamén como o mes de San Xoán, por ser unha festividade de gran tradición en Galicia. O nome do mes tamén aparece na flor do salgueiro chamada Flor de San Xoán e a planta coa flor en forma de dedil (Digitalis purpurea) denomínase San Xoán dedaleira ademais doutros nomes como abrula, abeluria, estralote, croque, xoana, seoane etc. Existe unha variedade pequena de pera moi saborosa, que madura neste mes, chamada Perillote de San Xoán.

Foto Ana Guerra Cañizo @Ana_Guerra

Neste mes hai varias festas sonadas que van unidas ao xoves do Corpus Christi, data que varía cada ano en función de cando cadra o Domingo de Resurrección: este ano é o 11 de xuño, por iso van incluídas nese día.
...
O día do Corpus Christi ten lugar tamén en Redondela unha celebración pagá, a festa da Coca. A orixe desta celebración reside na lenda da Coca, un ser da mitoloxía galega que vive nas augas do mar ou dos ríos. A razón da celebración é a derrota deste animal mitolóxico a mans dos mozos de Redondela. Para conmemorar esta vitoria realízanse representacións sobre o animal e a batalla na que foi derrotada. Esta exhibición coñécese como danza das Espadas e evoca os rapaces que comezaron a danzar coas súas armas arredor do animal morto despois de derrotalo. 
Consta de vinte e cinco bailaríns, vestidos con camisa e pantalón brancos, unha faixa vermella, verde ou azul arredor da cintura, unhas castañolas e uns instrumentos de madeira que simulan as espadas. Estes paos están unidos entre si por unha corda branca de xeito que todos os danzantes permanecen unidos entre si. Simultaneamente, represéntase o baile das Penlas, que escenifica a celebración das doncelas liberadas da boca do dragón. As Penlas son unhas nenas cun vestido branco con encaixes e ás de anxo, que van subidas aos ombreiros dunhas mulleres chamadas burras, que bailan ao ritmo da mesma melodía dos rapaces da danza das espadas. As burras, normalmente representadas por mulleres do gremio das panadeiras e forneiras, simbolizan a danza como expresión de alegría pola morte do dragón, erguendo as súas fillas nas costas como mostra da súa liberación. Malia seren características desta celebración, as Penlas están documentadas xa desde o século IX.

Foto Concello de Redondela

...
E remato cuns versos de Manuel María titulado Xunio:
        [...]Un ár fino deixa os seus namoros
        entre a sombra mollada da follaxe.
        O ceio é borrallento.
        avanzan as nubes como barcos.
        Escóitase a calandria. [...]

AGRADECEMENTO
A Xurxo Martínez González, Técnico de normalización lingüística do Concello de Redondela polas fotos das Penlas e da Danza das Espadas.

A composición da portada está realizada a partir de catro fotografías de Xosé A. F. Salgado.

No hay comentarios:

Publicar un comentario