Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo

lunes, 21 de octubre de 2019

Concerto do dúo Ethnos Atramo



En 1975 a UNESCO estableceu o 1 de outubro como o Día Internacional da Música co obxectivo de exaltar a diversidade de manifestacións musicais de todo o mundo.
No Museo Etnolóxico neste 2019 festexamos esta conmemoración co concerto co dúo Ethnos Atramo. 

EthnosAtramo está formado por Pepa G. Lillo e Gabriel Navalón, músicos experimentados e innovadores que propoñen un espazo sonoro de encontro imaxinario entre culturas tan distantes como diferentes irmandando tradición e vangarda cá finalidade de espertar sentimentos para que o público os identifique como propios a pesares da distancia temporal e xeográfica.
Presentan un espectáculo de folk electro acústico con unha coidada selección de emotivas cancións de diversa procedencia: cantares balcánicos, música hebrea (sefardí, ashkenazi e xudeoienemita), baladas centroeuropeas, música andalusí, aires populares casteláns e cancioneiro xitano.

Neste concerto no Museo Etnolóxico convídannos a gozar da innegable orixinalidade da súa proposta sonora ofrecendo un ecléctico repertorio no que se misturan timbres antigos e ritmos procedentes do acervo popular universal con sons de síntese e secuencias electrónicas.

 
PROGRAMA DO CONCERTO:

1.-INTROVADORIAS ( trad. andalusí)
2.-LAS PROMESAS DE JANO (trad. ashkenazi)
3.-LA GACELA Y EL PASTOR (trad. andalusí)
4.-LAMENTO ( trad. xudeoiemenita)
5.-TRAS LA VENTANA (trad. zíngaro)
6.-RAMA DE OLIVO (trad. xudeoiemenita)
7.-TROVADOR DE MELODÍAS (trad. andalusí)
8.-LA ROSA (trad. sefardí)
9.-ARRULLO MAGIAR (trad. húngaro)
10.-SUEGRAS DE AHORA (trad. sefardí)
11.-CIGÜEÑA Y CULEBRA (trad. castellano)

Todos os temas son adaptacións da música antiga e tradicional. Arranxos musicais e composición orixinal por Gabriel Navalón.
Dúo formado por: Pepa G. Lillo: voz e percusións (pandeireta, daf, pandeiro con sonajas, darbuka, bodhrán e crótalos).
Gabriel Navalón: teclado, programacións e ambientación.

miércoles, 16 de octubre de 2019

Festexamos o Día da Biblioteca no Museo Etnolóxico


No día 24 de outubro de 1992 durante o conflito dos Balcáns, a Biblioteca de Saraievo, coñecida como Vijecnica, foi incendiada por un profesor usuario da Biblioteca, desde 1997 celébrase o Día da Biblioteca para resaltar a importancia das bibliotecas como centros de encontro, conservación e difusión da diversidade cultural.


Para celebrar esta data neste 2019 desde unha Biblioteca Especializada como é a Biblioteca do Museo Etnolóxico, queremos mostrar a todo o público o interesante patrimonio conservado nestas bibliotecas tan pouco coñecidas: difundiremos como reflectimos na nosa tradición oral e escrita a relación co medo e coa morte (lendas, contos, ditos, feitos ...), esculcaremos no particular fondo documental e bibliográfico da Biblioteca documentos singulares conservados case por casualidade e descubriremos distintas Bibliotecas Especializadas de Galicia e España a través das intervencións de profesionais que alí traballan. 

Ademais das actividades para os clubes de lectura de bibliotecas escolares, destacamos as actividades para todos os públicos:
 
xoves 24 de outubro 20.00 h  e o sábado 26 de outubro 12.00 h
 
-Visita guiada á Biblioteca do Museo: “Descubrindo documentos singulares” desde almanaques, a álbums de cromos, mini contos, comedias soltas do S. XVIII, catálogos de tendas, revistas de moda do S. XIX, folletos... que información nos achegan?

Se tedes interese nesta actividade e así coñecer os tesouros conservados na Biblioteca do Museo Etnolóxico, pregamos que chamedes o 988788720 ou enviedes un correo electrónico mu.etnoloxico.ribadavia@xunta.gal, para inscribirse pois as visitas son de grupos reducidos,

 
venres 25 de outubro 18.00 h

-En lembranza da nosa compañeira e coautora Araceli Corbo, presentación do libro: “Xornada sobre bibliotecas especializadas (actas 2010, 2013 e 2016)”.

No libro recóllense as experiencias de profesionais de bibliotecas especializadas de toda España, co obxectivo de visibilizar os fondos documentais e bibliográficos conservados neste tipo de bibliotecas.

Remataremos cunha visita ao Museo do Viño de Galicia.

jueves, 10 de octubre de 2019

Nova peza da colección téxtil en exposición: Mantón de Manila


Imaxe reproducida na vitrina: retrato de Áurea Dolores Estévez Estévez. Bos Aires, Arxentina; ca. 1930


Que é un mantón de Manila?
É un lenzo cadrado de seda decorado en cores vivas con flores, paxaros ou fantasías e rematado en todo o seu perímetro por flocos. Os mantóns de Manila toman o seu nome da capital filipina, onde os barcos facían a primeira escala na súa viaxe dende China ata España.

En España, na Fábrica de Tabacos de Sevilla as cigarreiras aproveitaban os panos bordados, nos que chegaban as follas de tabaco, como rebozos para protexerse da humidade cando cruzaban o Guadalquivir. Estes panos foron transformándose en mantóns decorados con motivos florais: uns con catro grandes rosas nas esquinas e outros con rosas de menor tamaño ocupando toda a superficie, coma neste mantón. Algunhas fontes denominan este tipo como mantón de cigarreira.

O mantón de Manila está vinculado ao exquisito non só pola minuciosidade do seu traballo artesanal e virtuosismo senon por estar ligado de forma directa á utilización dun dos materiais téxtiles máis valiosos, a seda.