jueves, 31 de marzo de 2016

Exposición: Galicia máxica. Reportaxe dun mundo desaparecido

Na exposición do folklorista e antropólogo danés Gustav Henningsen : "Galicia máxica. Reportaxe dun mundo desaparecido" podemos ver fotografías etnográficas de Galicia entre 1965 e 1968.
A exposición está organizada polo Museo do Pobo e a montaxe en Ribadavia foi realizada polo Museo Etnolóxico.
Horario do Local Social da Madalena:
Martes a venres de 12:00 a 14:00 h. / 16:30 a 19:00 h.
Sábados e domingos de 12:00 a 14:00 h.
Pechado: xoves e venres santo

Gustav Henningsen é un folklorista e antropólogo danés que , entre os anos 1965 e 1968, achegouse ás terras de Ordes coa finalidade de estudar as prácticas utilizadas polo campesiñado galego para conxurar e combater conflitos e andazos que aqueixan a vida das persoas, do seu gando e das colleitas. Os remedios que as xentes do rural galego usaban ata hai ben poucos anos para resolver os seus males e os da súa facenda contrastaban cos aplicados pola medicina e a veterinaria oficiais (científica e urbanas).
Gustav Heningsen procuraba coñecer a dimensión máxica de "expertos" e curandeiras, inserindo esta exploración no universo vital dos veciños, que utilizou como informantes e dos lugares que visitou no seu traballo de campo.
O repertorio de imaxes que realizou constitúe un relato visual rico e variado da vida cotiá das xentes da parroquia de Ardemil (Concello de Orede, provincia de A Coruña).
A mostra de fotografías exposta nesta exposición distribúe o relato en distintos apartados:
-os camiños, casas e interiores
-as tarefas domésticas
-a labranza e outros traballos
-as feiras, a diversión e outros pasatempos
-as festas anuais
-o ciclo da vida
Rematando cun percorrido, mediante fotogramas encadeados, polas diferentes prácticas manexadas polas curandeiras da zona, apoiadas en remedios e crenzas máxico-relixiosas.
Folleto da exposición AQUÍ.



A exposición complétase cun catálogo no que se achega un artigo de Gustav Henningsen sobre os seus anos de investigación en España, e outros de distintos especialistas: Marcial Gondar analiza a comovisión tradicional galega e revisita a obra do propio Henningsen, Sandra Vázquez e Xulio Sousa falan do tesouro de documentos sonoros aportados por Henningsen o Instituto da Lingua Galega (ILG) e o que foi director do Museo Etnolóxico, Xosé Carlos Sierra fai unha análise das fotografías do folklorista danés desde un punto de vista etnográfico e a súa aportación a antropoloxía visual de Galicia.





lunes, 14 de marzo de 2016

Semana Santa detectivesca en Ribadavia


 A Asociación de Amigos do Museo Etnolóxico promove para esta Semana Santa, obradoiros para xente miúda con vocación detectivesca, aprender xogando co noso patrimonio e coa Condesa Endiañada, onde andará a Condesa? sería raptada? para quen a atope o seu fillo terá unha recompensa.



As actividades serán para a rapazada de 6 a 11 a anos e terán lugar os días 21, 22 e 23 de marzo de 10.00 a 13.30 h., a recepción e recollida de participantes será fronte á Oficina de Turismo de Ribadavia. Os obradoiros serán impartidos polas educadoras do patrimonio: Begoña Garrido e Noemí Álvarez.




 Para poder participar neste xogo é preciso facer unha inscrición previa no Museo Etnolóxico ben de forma presencial, por teléfono 988471843 ou por correo electrónico: mu.etnoloxico.ribadavia@xunta.es, á inscrición hai que adxuntar unha fotocopia do DNI e a tarxeta da Seguridade Social de cada participante, xunto co custe da actividade 15 €, así como cubrir a autorización por parte da nai, pai o titora/o.
Para máis información ou precisións pódese chamar a educadora que impartirá o obradoiro Begoña Garrido: 650 057 011 ou o Museo Etnolóxico: 988 471 843

Pódese descargar o tríptico completo da actividade coa ficha de inscrición e coa autorización neste enlace AQUÍ .

Imprime e recorta a autorización

Imprime e recorta esta ficha de inscrición




martes, 8 de marzo de 2016

"A memoria feminina: mulleres na historia, historia de mulleres". Exposición en liña




Como cada 8 de marzo, coincidindo co Día Internacional da Muller, o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte a través da coordinación da Subdirección General de Museos Estatales, da Dirección General de Bellas Artes y Bienes Culturales y de Archivos y Bibliotecas presenta o catálogo e a exposición en liña "Patrimonio en feminino" este ano 2016 co título: "A memoria feminina: mulleres na historia, historia demulleres", nesta edición coa colaboración do programa Ibermuseos coa participación de oito países do ámbito iberoamericano.


A través de 125 bens culturais de 81 museos asistimos a un percorrido polas aportacións das mulleres na historia e na construción das súas comunidades, a súa loita pola igualdade ou ao coñecemento dos símbolos e mitos que se foron tecendo ao redor da identidade feminina.


Foto Chao 1947. Museo Etnolóxico. Ribadavia

 O Museo Etnolóxico participa, na sección: "Muller: identidade, comunidade e interculturalidade", con esta fotografía do Fondo de Foto Chao feita en Avión en 1947.  

A fotografía amosa un dos característicos retratos feitos para enviar ao/aos parente/s emigrado/s, coa finalidade de mostrarlles que os recursos achegados polo/os ausente/s están contribuíndo a mellorar as duras condicións dos anos corenta. 
 Unha imaxe característica do impacto deixado na terra de orixe polos que partiron, neste caso moi probablemente a América, en busca de mellores condicións económicas.
 
Mulleres que, ante a ausencia da súa parella, asumen, como «viúvas de vivos», a plena responsabilidade do grupo familiar, funcionalmente convertido polas circunstancias en monoparental.




A exposición compleméntase cunha publicación electrónica con artículos sobre as políticas institucionais en materia de xénero desenvolvidas nalgúns dos países así como outros artigos de interese.


Tamén se poden consultar en liña as edicións anteriores do proxecto "Patrimonio en feminino" AQUÍ 
nas que participou o Museo Etnolóxico.

viernes, 4 de marzo de 2016

Restauración dun chaleco de nena de finais do S. XIX

Con motivo da saída para a exposición temporal: "Con-fío en Galicia", que se poderá visitar a partir do día 11 de marzo de 2016 no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura até o 11 de setembro, na sección de conservación e restauración do Museo Etnolóxico realizáronse os correspondentes informes de estado das pezas que serían expostas en dita exposición.

xustillo nena finais S.XIX, exterior algodón e liño no forro


Dentro destas pezas encóntrase esta especie de sustillo ou chaleco de nena feito de algodón listado en cores rosa e azul no exterior e pano de liño no forro. Ten as costas moi entalladas e escote que se axusta por diante cun cordón, hoxe perdido. Púñase por riba da camisa e non usando corpiño facíase con certo coidado, xa que se podía ollar, como é o caso.

Este xustillo está confeccionado no último tercio de século XIX. A confección manual é moi coidada e moi interesante para informarnos de cómo se aplican as nesgas para que éste se adapte ás formas do corpo.






mapa de localización de resto de papeis
Atopáronse uns bultiños á altura dos peitos e na espalda, perto das escápulas. Ao tacto semellaría algún tipo de semente posto que é granulado, cunha certa dureza e se move cos dedos. Están colocados entre o forro de liño e o tecido exterior asegurados con puntadas para evitar que se moveran. Na zona da espalda non foi necesario, posto que están entre costuras.




Retirando restos de papel apelmazado nun descosido entre dúas nesgas

Ante a posibilidade de atoparnos con algún tipo de talismán ou amuleto, procedeuse ao descosido dunha zona próxima a estes elementos, comprobando que se trata de restos de papel que sufriron sucesivos lavados, polo que quedaron apelmazados e inservibles. Nos anacos atopados consérvanse restos de tinta impresa, algunhas letras e restos de trazos.



Anacos de papel nun portaobxectos para a súa observación microscópica

Poderíanse intepretar estas notiñas como algún tipo de detente protector da dona do xustillo, debido á clara intención de mantelos dentro da prenda. O detente é un talismán valedor. Pode ser unha saquetiña de liño ou pano de lamanisco en cuxo interior se agochan retallos de textos bíblicos, cruces, medallas... Confeccionados por unha meiga ou por unha muller boa, os detentes préndense na roupa interior das crianzas para polas a salvo do arbitrio do demo. Os seus poderes esvaecen se escudriñarmos o seu secreto contido. (Solla, Calros: Actas da VII xornada de literatura de tradición oral: Amuletos e reliquias. Usos ecrenzas. pp.118-119. Ed. AELG, 2005).

Pódese consultar o informe completo de conservación e restauración AQUÍ