Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo

miércoles, 20 de diciembre de 2017

Presentación do libro: "La escuela activa y el entorno. Una aproximación a través de los paseos, visitas y excursiones durante la Segunda República"

Mércores 27 de decembro ás 20.00 h no salón de actos do Museo Etnolóxico presentación do libro: La escuela activa y el entorno. Una aproximación a través de los paseos, visitas y excursiones durante la Segunda República, obra escrita polo profesor Ángel Serafín Porto Ucha e a profesora Raquel Vázquez Ramil e editado por Andavira.


Pódese consultar o sumario e algunhas páxinas do libro neste enlace AQUÍ


No libro analízase a renovación pedagóxica que se levou a cabo durante a Segunda República, co estudo da política escolar dos diferentes gobernos e das principais reformas educativas. Tras este marco xeral, trátase a colaboración duns mestres, José Benito González Álvarez, e un inspector de primeira ensinanza, José Muntada Bach, nunha zona rural da provincia de Pontevedra, A Cañiza, entre 1934 e 1935, co pulo dos Centros de Colaboración Pedagógica, la Semana y la Misión Pedagógica de 1934, o xornal freinetiano Faro Infantil que o mestre José Benito González creou na escola de nenos da Cañiza, e a análise dunha obra conxunta, Paseos, visitas y excursiones de la escuela activa, publicada en Ribadavia en 1934 na imprenta El Ribadaviense.

Ángel Serafín Porto Ucha naceu en Guláns-Ponteareas (Pontevedra) é Doctor en Filosofía e Ciencias da Educación cunha longa carreira como docente, autor de numerosos traballos sobre a Institución Libre de Enseñanza, a depuración  do maxisterio e os procesos de formación docente. Na actualidade é profesor Ad Honorem da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, onde continúa co seu labor investigador.

Raquel Vázquez Ramil naceu na Coruña, Doutora en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela. Ten centrada a súas investigacións sobre a educación da muller na España contemporánea. Traduciu numerosos libros do inglés ao español. Actualmente é titora no Centro Asociado da UNED na Coruña e profesora axudante doutora de Didáctica de las Ciencias Sociales en la Facultad de Educación de Soria, Universidad de Valladolid.

(Datos escolmados e traducidos ó galego da cuberta e gardas do libro)

lunes, 30 de octubre de 2017

Cine de Outono. Miradas Etnográficas 5


Neste novembro de 2017 a 5ª edición do Cine de Outono. Miradas Etnográficas está adicado ás migracións, a través da mirada de directoras e directores de distintos países: Francia, España dúas delas galegas, Kosovo e Alemaña.
As proxeccións serán de balde ás 20.00 h. no Museo Etnolóxico o venres 3, sábado 4, venres 10 e venres 17 de novembro, en versión orixinal subtitulada, coa colaboración do Cineclube Padre Feijoo de Ourense e a Federación de Cineclubes de Galicia.
Rematamos este ciclo o venres 17 de novembro con dúas proxeccións especiais do director galego José Gil: "Miss Ledya" de 1916 e "Galicia y Buenos Aires" de 1931 que serán musicadas ao vivo por Severiano Casalderrey. Agradecemos ao IES O Ribeiro que nos cedan para a ocasión o piano que utilizará Severiano.


Venres 3 de novembro, 20.00 h.
La cour de Babel
Julie Bertuccelli (Francia, 2014) 89

Acaban de chegar a Francia; veñen de Irlanda, Serbia, Brasil, Tunez, Chinesa ou Senegal. Durante un ano, Julie Bertuccelli gravou as relacións, os conflitos e as alegrias deste grupo de nenos e adolescentes de entre 11 e 15 anos, reunidos nunha mesma clase de acolleita para aprender o francés.
Inédita en España, coa colaboración do Institut Français


Sábado 4 de novembro, 20.00 h.
 O tren da memoria
Marta Arribas e Ana Pérez (España, 2005) 85'

España. Anos sesenta: Dous millóns de españois saen do país empuxados pola necesidade. O seu destino: Alemania, Francia, Suiza e os Países Baixos. A metade son clandestinos e viaxan sen contratos de traballo. O oitenta por cento son analfabetos. Ante eles levántase o muro do idioma e os costumes diferentes. España. Na actualidade: Outros necesitados chaman á porta dun país próspero. Case ninguén se acorda da outra historia. Josefina si. Ela recorda a súa viaxe no tren da memoria. Destino: Núremberg, Alemaña.


Venres 10 de novembro, 20.00 h.
Babai
Visar Morina (Kosovo, Alemaña, 2015) 104'

Nori, un neno de 10 anos, e o seu pai Gezim, son vendedores ambulantes no Kosovo dos anos 90, durante o réxime de Milosevic. O pai quere atopar a forma de emigrar ilegalmente a Alemaña e o seu fillo fai todo o posible para poder estar con el. Atrapados entre o desexo de vivir xuntos e a necesidade de facer fronte á dureza da realidade, a relación pai-fillo chega a un punto en que nada entre eles é como antes. 
Inédita en España, coa colaboración do Goethe Institut.
Premios:
2015: Festival Internacional Karlovy Vary: Mellor director.
2015: Festival de Cine de Múnich: Novos Talentos: Mellor director, guión e actor.

Venres 17 de novembro, 20.00 h.



                       


  
José Gil (España, 1916) 20'  + José Gil (España, 1931) 28'

(Acompañada ao piano por Severiano Casalderrey, que ademais introducirá o documental "Galicia y Buenos Aires" con imaxes da emigración de Galicia á Arxentina nos anos trinta do século XX. Coa colaboración do CGAI).
Miss Ledyia Katson e o seu tío millonario chegan desde os Estados Unidos ata Pontevedra, visitando a Illa da Toxa. Alí coinciden cos reis de Suavia, que se atopan de incógnito e están ameazados pola chegada dun anarquista que pretende realizar un atentado. Curta cunha breve participación de Alfonso R. Castelao.

Folleto coa sinopse dos filmes:

 

jueves, 5 de octubre de 2017

Cinema: "Entrar aos Vilares" de Cibrán Tenreiro




Sábado 7 de outubro ás 20.30 h no salón de actos do Museo Etnolóxico proxectarase o filme "Entrar aos Vilares" contaremos coa presenza do director Cibrán Tenreiro e membros da equipa de realización que manterán un coloquio co público asistente.



O filme foi producido pola Asociación da Terra Chá, Lareira de soños arredor da parroquia do poeta Xosé María Díaz Castro, finalista da XII Mostra Internacional de Cinema Etnográfico MICE de Compostela en tres categorías (mellor filme, mellor producción galega e prémio do público). 



 

SINOPSE:


Tres mozos entran a unha parroquia de Guitiriz que descoñecen co encargo de realizar un documental sobre ela. Entón:

1) Preguntan aos veciños tentando comprender a identidade do lugar seguindo unha cita de Charles Seignobos que leron na universidade: “Lamento non ter podido tratar máis que dunha maneira moi incompleta os feitos da vida cotiá, alimentación, vestido, habitación, usos de familia, dereito privado, diversións, relacións de sociedade, que constituíron o principal interese da vida para a enorme maioría de individuos”.

2) Tentan vincular o que aprenden á súa propia identidade e ás súas propias experiencias, sendo da primeira xeración das súas familias que non naceu na aldea. E cuestionan o resultado: non queren dar outra visión nostálxica do rural pero non teñen claro se o conseguen.

3) Pasean por leiras e casas abandonadas, xogan, distraense mirando aos animais e desvíanse das súas propias intencións como se estiveran facendo un vídeo doméstico.

miércoles, 27 de septiembre de 2017

Día Internacional da Música


En 1975 a UNESCO estableceu o 1 de outubro como o Día Internacional da Música co obxectivo de exaltar a diversidade de manifestacións musicais de todo o mundo.

No Museo Etnolóxico festexamos este día o sábado 30 de setembro ás 20.30 h  coa música do dúo:
Ad Heyra Liti formado por Erea Carbajales ao violón e Aser Rodríguez a guitarra de estilo neo folk con influencias de músicas islandesas, australianas e celtas.

Unha mostra da música de Ad Heyra Liti:




Máis información na súa páxina de facebook
e no seu canal de youtube

viernes, 22 de septiembre de 2017

Outono Fotográfico 2017 no Museo Etnolóxico

Comeza o outono e unha das citas importantes todos os anos en Ribadavia e tamén no Museo Etnolóxico é a participación no Outono Fotográfico.

O luns 25 de setembro ás 20.00 h  no local social da Igrexa da Madalena, para inaugurar o Outono Fotográfico, temos tres actos:

*inauguración da exposición "Efémeros" con fotografías de Juan Antonio Gómez de arte de rúa "arte do spray" como el mesmo a nomea; exposicion organizada polo Museo Etnolóxico e incluída dentro da programación do Outono Fotográfico 2017.

*lembranza dos 50 anos da fundación da Agrupación Fotográfica de Ribadavia (AFR), da que Juan Antonio Gómez foi un dos fundadores e secretario da primeira directiva,

*música con Pardedous dúo formado por Alexandre Cabanelas ao saxo e Ángel Alfonso Gulías ao piano.

A exposición "Efémeros" de Juan Antonio Gómez, poderase visitar no local social da Igrexa da Madalena ata o 20 de outubro.


Horario: Martes a venres: 12 a 14 h. e 17 a 19 h.
                                                  Sábados e domingos: 12 h. a 14 h. 
                                                  Festivos: pechado



Foto Juan Antonio Gómez
Eses muros, ás veces doentes, ás veces con retranca, sempre singulares, que nos saen ao encontro en calquera parte da cidade nacen coa espiña do efémero. Batallando coas opacidades do ceo tivo o fotógrafo que soportar esperas para atopar o momento pertinente de luz. Ata tivo que agardar estacións propicias cando pretendeu captar matices no inverno ou na primavera.
Para esta mostra podería ter presentado a máis ampla colección de vistas onde locen habilidades tantos artistas do efémero. Contribuiría así a dar permanencia a obras condenadas ao esquecemento. 
Considérase en débeda o autor con tantos artistas do spray que sacaron do anonimato, dándolles categoría de arte, recunchos das nosas cidades. Darase por ben pago se contribuíu para demostrar que, aínda no efémero, caben outras virtudes, e moito máis, se cooperou a perpetuar obras antes de que as sacuda o vento.

Juan Antonio Gómez consolida a súa vocación en Madrid onde vai estudar Económicas no Real Centro Universitario María Cristina (UCM), ingresando na Escola Oficial de Cinematografía. En 1967 funda a Agrupación Fotográfica de Ribadavia xunto con Víctor López, Hipólito Fernández, Luis Olivares, Enrique Rodríguez e Antonio Pérez. Entre outros, obtivo o premio especial A.F.O., o I e o II Trofeo Galicia, o premio do Nacional de Fotografía Turística, o I Concurso da Delegación de Información e Turismo, etc.

Fundador (1977), xunto con Hipólito Fernández e Enrique Banet, do Grupo 77; que se presentou no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense con prólogo de Xesús Ferro Couselo no programa.

Anos despois, salvo a etapa con Luis Olivares co selo Foto-Asociación, crea ARGOFOT traballando en solitario para editoriais, administracións e empresas, entre estas Franco Maria Ricci con obra en FMR e en ART FMR.

Folleto completo da exposición AQUÍ

Aproveitamos esta exposición dun dos fundadores da Agrupación Fotográfica de Ribadavia para facerlle unha lembranza a esta Agrupación ribadaviense, con motivo dos 50 anos da súa fundación, o 29 de abril de 1967, cun folleto informativo no que se reflicte a finalidade e os obxectivos desta agrupación, así como quen formou parte da súa primeira directiva e persoas que formaron parte dela ao longo da súa existencia.

 

lunes, 14 de agosto de 2017

Exposición: «A olería de Niñodaguia. Achegamento ás formas tradicionais»


xoves 10 de agosto de 2017 ás 20.00 h no Museo Etnolóxico
inauguración da exposición: 
«A olería de Niñodaguia. Achegamento ás formas tradicionais»

Mostra itinerante da Colección de Agustín Vázquez Ferreiro na que se expoñen 32 pezas do centro oleiro de Niñodaguia e que ten sido comisariada por Sara Costa Muñoz e Xoel Rodríguez Martínez.


Un val de barro
Ao pé do monte Medo atópase a parroquia de Santa María de Niñodaguia (Xunqueira de Espadañedo, Ourense). Os máis entregos aínda a chaman Nodaiga e é o último centro oleiro dos varios que un día houbo na comarca.
As primeiras evidencias escritas sobre a olería na zona son do século XVIII. A tradición de seguro vén de máis antigo debido a que o diluvial val do Medo conta cos dous elementos fundamentais para o desenvolvemento da actividade: arxila e leña para a cocción.
O coñecido coma barro de lei é de cor negra e o preferido pola súa excelente finura e calidade plástica. O proceso de fabricación mantívose artesán ata mediados do século pasado, dende a extracción da arxila nas barreiras e o modelado coa roda de pé, ata a cocción en fornos comunais. Trala cocción, o cacharro sae do forno coa prezada e característica tonalidade amarela, resaltada acotío con un vidrado a base de minio (óxido de chumbo). 


Foto Museo Etnolóxico


Dunha economía de subsistencia á figura do «señorito»
Os cacharros son a expresión dun oficio e o reflexo dunha cultura. Nun primeiro momento, as formas adáptanse ás necesidades da agricultura e gandería.
As pezas que vemos aquí estaban destinadas exclusivamente á contención de líquidos e alimentos debido a que a baixa resistencia deste barro ao choque térmico non as facía aptas para a súa exposición ao lume. O vidrado realizouse inicialmente polo interior por razóns hixiénicas pero despois pasou tamén ao exterior para resaltar o brillo da obra.
Pouco a pouco os cacharros comezan a ser demandados dende outros lugares e as formas diversifícanse para dar resposta a novas necesidades. A actividade pasa a ser a tempo completo e a figura do cacharreiro gaña prestixio na zona, algo que en moitos casos fai que sexa alcumado como «señorito». A muller de Niñodaguia asume máis responsabilidade e ocúpase tanto das tarefas do fogar como da venda das pezas. 

Foto Museo Etnolóxico


O ámbito doméstico e a incorporación do barro roxo
Os cacharros resultaban imprescindibles na alimentación e na hixiene persoal do día a día das familias. Co paso do tempo irá aumentando a variedade de pezas e o seu número ata chegaren á práctica totalidade dos membros da unidade familiar. De igual maneira, as novas costumes obrigarán a producir pezas máis sofisticadas.
Na década dos anos 30 do século XX tivo lugar un grande avance: a incorporación á mestura do barro roxo. Tradicionalmente utilizado na fabricación de tella, achégalle ás pezas unha maior resistencia ao lume facéndoas aptas para a cociña. É a partir deste momento cando se comezan a facer potas, tarteiras ou testos de bica.
Dende esta data irán aparecendo novas formas por influencia da olería leonesa. O falsete, por exemplo, xa non responde a unha necesidade utilitaria senón que é un obxecto de brincadeira. 

Foto Museo Etnolóxico

O salto dos anos 60: da artesanía á industria
A crise da agricultura tradicional traduciuse nunha transformación da olería. A chegada do plástico e a aparición dunha louza industrial accesible a tódolos estratos da sociedade irán facendo que paseniño os cacharros queden relegados a un uso eminentemente decorativo.
O taller do cacharreiro mecanízase e electrifícase e sae definitivamente das casas, física e simbolicamente. A fabricación de tella, ladrillo e tubaxes é, en moitos casos, unha saída a esta crise.
Hoxe en día, o Museo Taller de Olería de Niñodaguia recorda o que chegou a significar este traballo na rexión. 

Foto Museo Etnolóxico

viernes, 11 de agosto de 2017

Conversa no Museo con Salomon Kroonenberg: «Pena Corneira, Carlos Casares e un xeólogo holandés que fala galego»

                                                
                                      Venres 18 de agosto de 2017 ás 20.00 h no Museo Etnolóxico
                                                Conversa co xeológo holandés Salomon Kroonengerg:
                                                 

                 «Pena Corneira, Carlos Casares e un xeólogo holandés que fala galego»

O xeólogo holandés Salomon Kroonenberg, realizou a súa tese de máster (1971) sobre a xénese das formas graníticas no noroeste de España, o que lle permtiu coñecer Galicia e a súa cultura. 
Doutor pola Universidade de Amsterdam, ten sido profesor na Universidade Agrícola de Wageningen (1982) e da Universidade Técnica de Delft (1996), continuando en esta como profesor emérito trala súa xubilación (2009). 
Entre outros premios e recoñecementos é Membro Estranxeiro da Academia Rusa de Ciencias Naturais, Premio Eureka ao mellor libro de ciencias naturais e profesor honorario da Universidade Estatal de Moscú. Dende o ano 2011 é Oficial da Orden Oranje-Nassau.