Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo

martes, 21 de julio de 2015

Exposición: Detrás da cámara: imaxes do outro. Fotografía de Pedro A. López Suárez nos 60



Pedro Alejandro López Suárez. A súa afección á fotografía iníciase ao tempo que remata os estudos e comenza a traballar nunha institución bancaria. Membro da Sociedade Fotográfica da Coruña, o ano 1963, con dezaoito anos, acada o 1º e o 3º premio no Salón de Noveles de dita Sociedade, dando inicio a un elenco de galardóns entre os que destacamos os obtidos no II Salón Rexional Circulante, Foto do Mes da Sociedade Fotográfica da Coruña, Salón de Primaveira do Banco Hispano Americano e a Real Sociedad Fotográfica de Madrid, I Salón Ibérico e III Nacional da Agrupación Fotográfica de Compostela, III Concurso de Diapositivas Concello da Coruña, VII Concurso de Diapositivas Concello da Coruña...

A espontaneidade da súas fotografías de rúa fan hoxe do seu fondo unha fonte documental para achegarse á sociedade dos anos sesenta a través dunha lectura dende a Historia ou dende a Antropoloxía.

Foto: Pedro A. López Suárez
 A exposición invítanos a un percorrido que nos fala do espazo urbano en crecemento, grazas á incorporación á cidade da poboación sobrante no agro que se integra  paseniñamente na nova coxuntura económica e social. Pedro A. López Suárez achéganos ao «milagre económico español» tralo que se agocha unha sociedade marcada polos desequilibrios sociais e o desarraigo dalgúns dos protagonistas do éxodo rural.

                                                    Un mundo vello nun novo escenario

Foto: Pedro A. López Suárez


A primeira mirada céntrase precisamente na percepción polo fotógrafo dos «outros» ligados ao agro e presentes na cidade, territorio no que asoman (de fondo) os signos físicos da modernización urbana.

Foto: Pedro A. López Suárez

Neste espazo as mudanzas sociais comezan a patentizarse. A soidade da vella préstase a varias interpretacións indicativas do novo significado da vellez propia dun contexto de desarticulación da familia extensa, observable nos retratos familiares deses anos.

Foto: Pedro A. López Suárez
 
Os outros fotografados son dunha clase diferente, mesmo marxinal. O fotógrafo míraos rexistrando as desigualdades sociais, a miseria das clases populares e a dureza para algúns do espazo urbano.

Foto: Pedro A. López Suárez

                                                                    A loita polo futuro
 
Foto: Pedro A. López Suárez


A cidade ofrece tamén posibilidades e oportunidades. As estratexias de supervivencia e de mellora para moitos van canalizando o seu acceso á sociedade de consumo, conformando novas formas de sociabilidade e un futuro ollado con certo optimismo.

Foto: Pedro A. López Suárez
                                                  
                                                   Un mundo vello en descomposición

O campesiño aparece como representante xenuíno dunha sociedade que esmorece e a mirada urbana do fotógrafo reflicte con imaxes as contradicións do que acontece: o xogo de cambios e permanencias retratados detrás da cámara.

Foto: Pedro A. López Suárez

FOLLETO DA EXPOSICIÓN: AQUÍ