viernes, 31 de octubre de 2014

Outono Fotográfico 2014 no Museo Etnolóxico

Eduardo Teixeria no local social da Igrexa da Madalena

Como cada ano o Museo Etnolóxico colabora co Outono Fotográfico na coordinación en Ribadaiva dalgunha exposición fotográfica, este ano 2014 por inciativa da Fundación Vicente Risco e a Associção para a crição do Museu Eduardo Teixeira Pinto, pódese visitar no Local Social da Igrexa da Madalena de Ribadavia á exposición do fotógrafo portugués Eduardo Teixeira Pinto co título:"Aos ollos de Eduardo" desde o 18 de outubro até o 30 de novembro




HORARIO:
Martes a venres : 12:00 a 14:00 h.
17:00 a 19:00 h.
Sábados e domingos: 11:30 a 14:00 h.




Eduardo Teixeria no local social da Igrexa da Madalena



Na exposición móstranse fotografías en branco e negro nas que con exquisita sensibilidade se reflite a vida cotiá das xentes veciñas do fotográfo portugés, o que constitúe unha interesante achega antropolóxica a unha sociedade e a un tempo.





O fotografo Eduardo da Costa Teixeira Pinto (Amarante, 1933-2009), comenzou a súa carreira como fotógrafo en 1950, na empresa «Foto Arte», propiedade do seu pai e irmáns, e na que se mantivo sempre. Membro de sociedades fotográficas de Porto, Coimbra e Évora, obtivo, entre outros recoñecementos, o Premio Camões no ano 1960. Unha mostra do seu importante arquivo fotográfico está exposta no Museu Municipal Amadeo de Souza-Cardoso, na cidade de Amarante.








 Folleto da exposición "Aos ollos de Eduardo" do fotógrafo Eduardo Teixeira Pinto


lunes, 6 de octubre de 2014

Congreso de patrimonio etnográfico

 Entre o 9 e o 13 de outubro de 2014 terá lugar en Ourense o V Congreso de Patrimonio etnográfico, II Interncacional organizado por varias institucións e asociacións: Faculdade de Ciencias da Educación do Campus de Ourense-Universidade de Vigo, Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo , Asociación Ben-Cho-Shey, Nova Escola Galega e a Sociedade Iberoamericana de Pedagogía Social, este ano co título: O afiado e outras técnicas artesanais de comunidades rurais.

 O Congreso preséntase como un foro de debate e participación con conferencias, mesas redondas, saídas de estudo, relatos de experiencias, proxeccións documentais, onde se poidan extraer conclusións para a posta en práctica de novos xeitos de coñecer, recuperar, valorar e transmitir o patrimonio común. Podedes consultar o programa completo neste enlace AQUÍ.


 O venres 10 de outubro ás 9.30 h. o director do Museo Etnolóxico, Xosé Carlos Sierra, participará na Mesa de debate: A memoria do oficio facendo unha disertación co título: Representacións e discursos patrimoniais dos oficios, deixámosvos aquí uns breves apuntamentos do que serán as súas reflexións sobre o fenómeno dos oficios e das prácticas artesanais:


"Achegármonos ao mundo dos oficios artesanais implica viaxar polo tempo e facelo dende unha dobre perspectiva: a do observador que constrúe as súas propias imaxes daquelo que lle resulta alleo e a do protagonista da realidade observada, que tamén interpreta a súa maneira a actividade que practica e as vivencias a ela asociadas. Observador e observado constrúen un mundo e o significan de maneira tan lexítima como parcial, porque todos, dunha forma ou doutra, contribúen a fixar unha idea do artesanal alonxada da historia e á marxe da mirada que sobre este fenómeno pode proxectar a etnoloxía.

Os oficios son o produto da diferenciación de unidades de produción e procesos de traballo destinados á elaboración de bens ou servizos. Non todas as tarefas configuran oficios nidiamente diferenciados e elo depende, en boa medida, do desenvolvemento técnico e das condicións sociais baixo as que se exerce cada actividade. Un oficio pode agrupar varias tarefas e unha tarefa concreta pode crear un oficio especializado para a súa execución.

Asistimos hoxe a un proceso caracterizado pola disolución dun complexo agrario, que transitaba da aldea á vila e desta á cidade. Un marco territorial integrado polas relacións de dependencia, interacción e subsidiariedade tecidas entre o espazo rural e o espazo urbano. O que separaba e aínda separa, nos planos social e simbólico, o campo e a cidade era (e é) precisamente o que lles confería (e confiere) a súa unidade estrutural.
Pero non podemos nin debemos asimilar esta situación a modelos do Antigo réxime, xa que a aldea, dende a Restauración finisecular do XIX, está subordinada ao Estado e ás estruturas e marcos territoriais sobre os que o Estado e o Mercado proxectan a súa hexemonía.
A aldea conxuga, como as crónicas etnográficas clásicas nos relatan, condicións de existencia, produción económica e relacións sociais “pecapitalistas” e “preindustriais” coas novas condicións industriais e capitalistas.

As relacións de produción capitalista penetraron en todo o corpo social do territorio e delas son subsidiarias tanto as formas “tradicionais” da existencia material e inmaterial como as que desenvolveron experiencias de industrialización".