Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo

jueves, 27 de noviembre de 2014

EXPOSICIÓN: ARQUIVO DO IRMÁN MANUEL RODRÍGUEZ. MARISTA



NOVAS ADQUISICIÓNS DO MUSEO ETNOLÓXICO. 2014
ARQUIVO DO IRMÁN MANUEL RODRÍGUEZ. MARISTA
DEPÓSITO DO CENTRO DE ESTUDIOS MEDIEVAIS DE RIBADAVIA

En xuño de 2011 don José Luis Chao Rey, en nome e representación do Centro de Estudios Medievais de Ribadavia ofertou ao Museo Etnolóxico o arquivo fotográfico do Irmán Manuel Rodríguez, que o Centro de Estudios Medievais recibira en doazón da familia Touza Rodríguez. En febreiro de 2014 a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación UNiversitaria formalizaba o depósito do Arquivo do Irmán Manuel Rodríguez, integrado por 1.272 imaxes, e ordeaba o seu depósito no Museo Etnolóxico.

O arquivo é na súa meirande parte o resultado do traballo de documentación realizado sobre elementos patrimoniais do Ribeiro, destacando os bens da arquitectura, tanto relixiosa como civil, así como pedras de armas. Fotografías feitas nos arredores do ano 1960 ou pouco despois, xa que parte das mesmas foron expostas na Casa do Concello de Ribadavia o ano 1962.



 Precisamente unha mostra desa exposición, titulada «EXPOSICION DE HERÁLDICA DE RIBADAVIA», é a mostra que se expón agora no Museo Etnolóxico.


O autor, Manuel Rodríguez Rodríguez (Carballeda de Avia 1898, Santiago de Compostela 1975), irmán Marista, licenciado en Filosofía e Letras, Mestre Nacional e diplomado en Estudios Hispánicos; ten sido sido docente e director de centros en Italia, Brasil, Argentina e España e foi secretario xeral do Consejo Superior de Misiones do Ministerio de Asuntos Exteriores.


Algunhas das fotos orixinais de Manuel Rodríguez Rodríguez, que ainda conservan as cartelas antigas no lado esquerdo na parte baixa: "Leiro. Linaje de los Hermida", "Sampayo. Vista sobre el Miño", "Moldes. Castro Cavadoso"
 

jueves, 13 de noviembre de 2014

Libro: "Cruceiros do Concello de Ribadavia"

Presentamos o acceso á consulta e descarga de balde do libro: Cruceiros do Concello de Ribadavia escrito por Rubén Pino Pérez e María Jesús García Janeiro. Rubén Pino que tamén é o editor do libro cedeu ao Museo Etnolóxico a copia dixital deste libro para a súa difusión entre todas as persoas interesadas no patrimonio, pódese consultar no taboleiro que o Museo Etnolóxico ten na plataforma issuu AQUÍ.

@s autor@s fíxeron unha recensión sobre o seu traballo no blogue da Biblioteca do Museo que podedes consultar AQUÍ , onde apuntan que este libro é "un estudo dos 26 cruceiros que se conservan nas súas sete parroquias, Santo André de Campo Redondo (10), Santiago de Esposende (2), Santa María Madanela de Francelos (4), San Domingos de Fóra de Ribadavia (5), San Cristovo de Regodeigón (1), San Pedro de Sanín (2) e San Paio de Ventosela (2)".

Acceso directo á consulta e descarga de balde do libro: Cruceiros do Concello de Ribadavia

Agradecemos enormemente a confianza d@s autor@s no Museo Etnolóxico para a difusión do seu traballo,e por suposto darlles os parabéns polo traballo de estudo e catalogación dunha parte do patrimonio do Concello de Ribadavia, primeiro paso para a súa conservación.